DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 158 Luns, 19 de agosto de 2024 Páx. 47102

VI. Anuncios

c) Outros anuncios

Fundación Galicia Europa

EXTRACTO da Resolución do 7 de agosto de 2024 pola que se convocan, en réxime de concorrencia competitiva, 20 prazas de formación para o desenvolvemento, no ano 2024 en Bruxelas, das actividades formativas de especialización en financiamento comunitario, programa TecEuropa, vixésimo primeira edición (código de procedemento PR816A).

BDNS (Identif.): 780096.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (BDNS) (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

As persoas beneficiarias das prazas de formación serán o persoal con relación laboral, estatutaria ou funcionarial nalgunha das entidades membros do padroado da FGE: Xunta de Galicia (Administración xeral da Comunidade Autónoma ou entidades instrumentais do sector público autonómico), Abanca, Consorcio Zona Franca de Vigo, Deputación Provincial da Coruña e Deputación Provincial de Lugo ou outras entidades que poidan formar parte do padroado no futuro; persoal con relación laboral, estatutaria ou funcionarial nalgunha das entidades locais galegas (concellos e deputacións), e o persoal con relación laboral, estatutaria ou funcionarial en entidades públicas e privadas, con ou sen ánimo de lucro, que deben ter o seu domicilio social e realizar as súas actividades maioritariamente en Galicia.

Segundo. Obxecto

Esta resolución ten por obxecto convocar 20 prazas para o desenvolvemento de actividades formativas dentro do programa de especialización en financiamento comunitario TecEuropa, 21ª edición.

A edición desenvolverase entre os días 11 e 14 de novembro en Bruxelas.

As axudas para as actividades formativas da 21ª edición reguladas nesta resolución concederanse en réxime de concorrencia competitiva e baixo os principios de publicidade, obxectividade, transparencia, igualdade, non discriminación, eficacia e eficiencia.

Terceiro. Bases reguladoras

As bases reguladoras do procedemento están recollidas no anexo I da Orde do 30 de xullo de 2024 pola que se autoriza a Fundación Galicia Europa a realizar actividades formativas dentro do programa de especialización en financiamento comunitario TecEuropa e se aproban as bases reguladoras para a súa convocatoria (código de procedemento PR816A).

Cuarto. Importe

O importe destinado ás axudas aos participantes da actividade formativa ascende a un total de catorce mil euros (14.000,00 €). A FGE aboará un máximo de 700 € a cada persoa beneficiaria en compensación polos gastos realizados polo desprazamento e estadía en Bruxelas. Estes gastos deberán ser debidamente pagados e xustificados, unha vez que finalice a estadía en Bruxelas e se acredite a participación en todas as actividades. O prazo de xustificación será dun máximo de quince (15) días desde a finalización da actividade formativa.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes e da documentación complementaria e méritos, de acordo cos anexos que acompañarán a resolución de convocatoria, será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de agosto de 2024

Jesús Mª Gamallo Aller
Director da Fundación Galicia Europa