DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 158 Luns, 19 de agosto de 2024 Páx. 47085

VI. Anuncios

c) Outros anuncios

Fundación Galicia Europa

RESOLUCIÓN do 7 de agosto de 2024 pola que se convocan, en réxime de concorrencia competitiva, 20 prazas de formación para o desenvolvemento, no ano 2024 en Bruxelas, das actividades formativas de especialización en financiamento comunitario, programa TecEuropa, vixésimo primeira edición (código de procedemento PR816A).

De acordo co previsto na disposición adicional décimo sexta da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, as fundacións do sector público unicamente poderán conceder subvencións cando así se lle autorice á correspondente fundación de forma expresa mediante acordo do ministerio de adscrición ou órgano equivalente da Administración ao cal a fundación estea adscrita. Así mesmo, conforme establece a citada disposición, a aprobación das bases reguladoras será exercida polos órganos da Administración que financien en maior proporción a subvención correspondente.

Ao abeiro do establecido na disposición adicional segunda da Lei 10/2021, do 9 de marzo, reguladora da acción exterior e da cooperación para o desenvolvemento de Galicia, a Fundación Galicia Europa (en diante FGE, ou a Fundación) é unha entidade sen ánimo de lucro e entidade instrumental do sector público autonómico. De acordo co establecido na citada norma, a Fundación estará adscrita e sometida á tutela funcional do órgano de dirección da Administración autonómica en que se encadren as competencias fundamentais de relacións coa Unión Europea e de acción exterior da Administración autonómica.

A Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, a través da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE ten, entre outras funcións, a execución da actividade europea e da actividade exterior da Xunta de Galicia, sen prexuízo das competencias sectoriais que lle correspondan a cada departamento, así como a coordinación e seguimento técnico e da xestión da Fundación Galicia Europa, segundo o Decreto 136/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.

Con base no establecido no artigo 18.c) dos estatutos da Fundación Galicia Europa, elevados a públicos o 26 de febreiro de 2024, correspóndelle ao presidente da FGE aprobar as bases das convocatorias públicas de axudas, subvencións e bolsas formativas da Fundación. Ao abeiro do artigo 13 dos anteriormente citados estatutos da Fundación Galicia Europa, a Presidencia do Padroado da Fundación Galicia Europa corresponde á persoa titular da consellería de que dependa o centro directivo con competencias en materia de relacións coa Unión Europea.

O 7 de agosto de 2024 publicouse no Diario Oficial de Galicia (DOG núm. 152) a Orde do 30 de xullo de 2024 pola que se autoriza a Fundación Galicia Europa a realizar actividades formativas dentro do programa de especialización en financiamento comunitario TecEuropa e se aproban as bases reguladoras para a súa convocatoria (código de procedemento PR816A). No anexo I da citada orde recóllense as bases reguladoras para a concesión das prazas de formación (en diante, bases reguladoras).

Á vista do anteriormente exposto,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta convocatoria regula as condicións polas que se rexerá a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de 20 prazas para o desenvolvemento de actividades formativas dentro do programa de especialización en financiamento comunitario TecEuropa, 21ª edición.

2. Ás prazas de formación convocadas por esta resolución seranlles de aplicación as bases reguladoras recollidas como anexo I da Orde do 30 de xullo de 2024 publicadas no DOG núm. 152 (en diante, bases reguladoras).

Artigo 2. Condicións xerais e obxectivos das actividades formativas

1. As prazas para o desenvolvemento de actividades formativas da 21ª edición reguladas nesta resolución concederanse en réxime de concorrencia competitiva e baixo os principios de publicidade, obxectividade, transparencia, igualdade, non discriminación, eficacia e eficiencia.

2. As actividades desenvolveranse en Bruxelas, co obxectivo de coñecer de primeira man as institucións comunitarias e as políticas impulsadas pola UE, especialmente a política de cohesión.

3. Estas actividades terán por obxectivo:

a) Familiarizar os participantes coas distintas fontes de financiamento comunitario existentes e coas políticas comunitarias en que se encadran.

b) Dar a coñecer a política de cohesión da UE: obxectivos, fondos e instrumentos, xestión e comunicación.

c) Poñer en contacto xestores de fondos europeos en Galicia para facilitar o intercambio de coñecementos e experiencias, e fomentar o desenvolvemento de proxectos conxuntos.

4. Durante o desenvolvemento das actividades formativas levarase a cabo un control de asistencia en cada unha das sesións a través da sinatura das persoas participantes.

Artigo 3. Duración e lugar de realización das actividades formativas

A edición desenvolverase entre os días 11 e 14 de novembro en Bruxelas.

Artigo 4. Contía e financiamento das axudas

1. O importe destinado ás axudas aos participantes da actividade formativa ascende a un total de catorce mil euros (14.000,00 €).

2. O financiamento desta actividade pola FGE enmárcase na epígrafe de gastos por axudas e outros, axudas monetarias, con cargo á conta 65001, axudas monetarias individuais, do orzamento de gastos da FGE para o exercicio 2024, que ten crédito adecuado e suficiente para o seu financiamento.

3. A FGE aboará un máximo de 700 € a cada persoa beneficiaria en compensación polos gastos realizados polo desprazamento e estadía en Bruxelas.

Artigo 5. Requisitos das persoas beneficiarias

Poderán optar a participar no programa TecEuropa as persoas que reúnan os seguintes requisitos, que deberán posuír no momento de rematar o prazo de presentación de solicitudes:

a) Pertencer a algunha das seguintes categorías de entidades:

1. Persoal con relación laboral, estatutaria ou funcionarial nalgunha das entidades membros do padroado da FGE: Xunta de Galicia (Administración xeral da Comunidade Autónoma ou entidades instrumentais do sector público autonómico), Abanca, Consorcio Zona Franca de Vigo, Deputación Provincial da Coruña e Deputación Provincial de Lugo ou outras entidades que poidan formar parte do padroado no futuro.

2. Persoal con relación laboral, estatutaria ou funcionarial nalgunha das entidades locais galegas (concellos e deputacións).

3. Persoal con relación laboral, estatutaria ou funcionarial en entidades públicas e privadas con ou sen ánimo de lucro que deben ter o seu domicilio social e realizar as súas actividades maioritariamente en Galicia.

b) Non estar incursas en ningún dos supostos de prohibición para obter subvencións do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 6. Forma e lugar de presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado, anexo II, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que foi realizada a emenda.

Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave 365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Debido á formación académica exixida ás persoas beneficiarias desta axuda, considérase que teñen acceso e dispoñibilidade suficiente dos medios electrónicos necesarios para realizar todos os trámites electronicamente neste procedemento, de acordo co establecido no artigo 14.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 10.2 e 10.3 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia.

2. Se a solicitude non reúne os requisitos establecidos nas bases reguladoras e nesta resolución de convocatoria, o órgano competente requirirá a persoa interesada para que a emende no prazo máximo improrrogable de dez (10) días, e indicaralle que, se así non o fixer, se considerará que desistida da súa solicitude, logo da resolución ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. Na solicitude, anexo II, inclúense as seguintes declaracións responsables:

a) Declaración de que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se presentan son certos.

b) Declaración de non percibir ningunha compensación económica doutras entidades polos conceptos acreditados ante a Fundación Galicia Europa.

c) Declaración responsable de non estar a persoa incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

d) Declaración de non estar a persoa incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

e) Estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia.

f) Estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, de conformidade co artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 7. Documentación complementaria

1. Xunto coa solicitude a persoa interesada debe achegar a documentación complementaria que se indica a seguir:

a) Anexo III, que figurará na correspondente resolución de convocatoria e que incluirá a seguinte documentación:

I. Memoria explicativa da motivación e interese da acción formativa para a entidade para a que traballa.

II. Breve exposición dos fondos estruturais en que cuxa xestión participa a persoa candidata (Feder e FSE/Outros).

III. Breve exposición da experiencia da entidade en proxectos europeos e ideas de proxectos en que estea a traballar.

b) Autorización para a participación e certificación das alíneas II e III anteriores por parte do representante da entidade.

c) Documentos acreditativos das horas de formación en asuntos, proxectos ou fondos europeos e nas linguas inglesa ou francesa.

2. Sen prexuízo dos puntos anteriores, poderá requirirse a persoa solicitante para que achegue cantos datos, documentos e aclaracións resulten procedentes para a tramitación do procedemento.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 8. Prazo de presentación de solicitudes

1. O prazo de presentación de solicitudes e da documentación complementaria e méritos, de acordo cos anexos que se achegan coa correspondente resolución de convocatoria, será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último do mes.

Artigo 9. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 10. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 11. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia - Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e polas entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpran a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 12. Instrución do procedemento, tramitación e resolución

1. A competencia para resolver as solicitudes de concesión corresponderalle ao director da Fundación Galicia Europa.

2. O órgano instrutor do procedemento será a Subdirección Xeral de Relacións coa Unión Europea.

3. A instrución e tramitación do procedemento establécese no artigo 9 das bases reguladoras.

4. O prazo máximo para a tramitación e resolución da concesión das axudas será de catro (4) meses, contados desde a data de publicación desta resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Se transcorre o prazo máximo para resolver sen que se dite resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

5. A resolución do director da FGE non pon fin á vía administrativa e contra ela poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación.

Artigo 13. Comisión de Valoración

1. Dentro dos quince días naturais seguintes ao da publicación desta resolución de convocatoria, o director da FGE designará unha Comisión de Valoración. Esta comisión será o órgano colexiado encargado de avaliar as solicitudes, de acordo cos criterios de avaliación e selección de solicitudes sinalados no artigo 11 da orde de bases, así como de elevar ao órgano instrutor o informe en que se concrete o resultado da avaliación efectuada e a puntuación total obtida por cada unha das persoas candidatas.

O seu funcionamento rexerase polo disposto na sección 3ª do capítulo I do título I da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, ou normativa que a modifique.

2. A composición da Comisión de Valoración será a seguinte:

a) Presidencia: a directora da oficina da FGE en Bruxelas ou persoa en quen delegue.

b) Secretaría: a persoa titular da Subdirección Xeral de Relacións coa Unión Europea da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea ou a persoa en quen delegue.

c) Vogais: ata un máximo de tres vogais, que serán designados entre o persoal da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE e da FGE.

A composición da Comisión de Valoración farase pública na páxina web da FGE (http://www.fundaciongaliciaeuropa.eu/).

3. A comisión poderá estar asesorada polo persoal técnico que considere necesario, que asistirá ás sesións con voz pero sen voto.

Artigo 14. Criterios de adxudicación

1. De existiren máis persoas candidatas que prazas, aplicarase o seguinte sistema de adxudicación:

a) En primeiro lugar, terán preferencia as persoas que traballen en entidades con experiencia na participación en proxectos europeos ou que estean a preparar algunha candidatura específica para un proxecto europeo. Estes criterios valoraranse a través da breve exposición do anexo III.

b) En segundo lugar, terán preferencia as persoas candidatas que acrediten máis horas de formación en fondos estruturais, proxectos ou asuntos europeos.

c) Finalmente, valorarase o nivel de coñecemento das linguas inglesa e/ou francesa.

2. Co fin de asegurar unha representación equilibrada do persoal das distintas entidades, establecese unha reserva mínima de prazas para cada unha das categorías do artigo 4.1 das bases reguladoras:

a) Dez (10) prazas para persoal con relación laboral, estatutaria ou funcionarial nalgunha das entidades membros do padroado da FGE: Xunta de Galicia (Administración xeral da Comunidade Autónoma ou entidades instrumentais do sector público autonómico), ABANCA, Consorcio Zona Franca de Vigo, Deputación da Coruña e Deputación de Lugo ou outras entidades que poidan formar parte do padroado no futuro.

b) Cinco (5) prazas para persoal con relación laboral, estatutaria ou funcionarial nalgunha das entidades locais galegas (concellos e deputacións).

c) Cinco (5) prazas para persoal con relación laboral, estatutaria ou funcionarial en entidades públicas e privadas con ou sen ánimo de lucro que deben ter o seu domicilio social e realizar as súas actividades maioritariamente en Galicia.

3. Co fin de asegurar unha representación equilibrada do persoal das distintas entidades, establecese unha limitación de dúas (2) persoas beneficiarias dunha mesma entidade, salvo no caso de vacantes na categoría. As entidades do artigo 4.1.a) das bases reguladoras quedan exceptuadas do anterior.

Artigo 15. Xustificación e pagamento das axudas

1. Para ter dereito ao pagamento das axudas, as persoas beneficiarias deberán presentar a seguinte documentación, axustada aos modelos que figuran na páxina web da FGE.

1º. Unha declaración responsable de que non se obtiveron outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades formativas e de que se está ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma (modelo 1).

2º. Unha relación dos gastos realizados e pagados polo desprazamento e estadía en Bruxelas dentro do período de realización dos gastos (modelo 2).

Esta relación estará acompañada da documentación acreditativa dos gastos, que consistirá en facturas ou documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa, e da documentación acreditativa da realización dos pagamentos. En concreto:

– Orixinais das tarxetas de embarque e factura orixinal do aboamento do billete de avión.

– Factura orixinal do aboamento do aloxamento.

– Xustificantes orixinais dos gastos de desprazamento.

– Facturas ou xustificantes orixinais dos gastos de manutención.

O período de realización dos gastos comprenderá desde o día seguinte ao da publicación na web da FGE da resolución de adxudicación e ata cinco días seguintes á realización da actividade de formación en Bruxelas.

2. A xustificación debe presentarse no prazo máximo de 15 días desde a finalización da actividade formativa.

3. O pagamento da asignación efectuarase tras a presentación da xustificación, unha vez verificada a asistencia as actividades formativas a través do control efectuado en cada unha das sesións.

Artigo 16. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 17. Información ás persoas interesadas

1. Sobre este procedemento administrativo (PR816A) poderase obter información adicional a través dos seguintes medios:

a) Na sede electrónica da Xunta de Galicia: https://sede.xunta.gal

b) Na páxina web da Fundación Galicia Europa: http://www.fundaciongaliciaeuropa.eu/

c) Nos enderezos electrónicos:

santiago@fundaciongaliciaeuropa.eu ou bruselas@fundaciongaliciaeuropa.eu

d) Nos teléfonos: 981 54 10 12 ou +32 (0) 27 35 54 40.

e) Persoalmente, nos enderezos da Fundación Galicia Europa:

– En Santiago de Compostela: rúa do Hórreo, 61.

– En Bruxelas: rue de la Loi / Wetstraat, 38, 2°, bte. 2.

2. Para dúbidas relacionadas con dificultades técnicas ou de carácter xeral, poderán facer as súas consultas no teléfono de información da Xunta de Galicia 012 ou ao correo electrónico 012@xunta.es

Artigo 18. Publicación

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitiranse á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 19. Réxime de recursos

Contra esta resolución cabe interpoñer de xeito potestativo recurso de reposición, ante o mesmo órgano que a ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Así mesmo, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 7 de agosto de 2024

Jesús Mª Gamallo Aller
Director da Fundación Galicia Europa

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file