DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 156 Martes, 13 de agosto de 2024 Páx. 46459

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

ORDE do 30 de xullo de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións do Programa de comercio circular e se convocan para o ano 2024 (código de procedemento CO300D).

A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración é o órgano encargado de exercer as competencias que, en materia de comercio interior, o artigo 30.I.4 do Estatuto de autonomía de Galicia lle atribúe á nosa comunidade autónoma, segundo o Decreto 42/2024, do 14 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e o Decreto 49/2024, de 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia.

O Decreto 147/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración establece que lle corresponde á Dirección Xeral de Comercio e Consumo a planificación, a coordinación e o control das competencias da consellería en materia de comercio interior. Dentro destas cabe sinalar, especificamente, a promoción, o fomento, a modernización e o desenvolvemento do comercio e a programación e a xestión de axudas destinadas a estes fins, así como a reforma, a coordinación e a mellora das estruturas comerciais.

Na actualidade, o comercio tradicional está sometido a un profundo proceso de cambio que exixe realizar un esforzo de renovación e adaptación continuo, co obxecto de que se volva situar na posición que tradicionalmente veu desempeñando no desenvolvemento económico e social das nosas vilas e cidades.

A Xunta de Galicia e, en particular, a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración participa como promotora de proxectos e iniciativas no eido da transformación sostible do sector comercial, procurando a través desta orde de axudas o pulo do comercio circular cara a acadar a transformación dun modelo de negocio máis responsable que incorpore en todos os seus produtos, servizos e procesos a sostibilidade como unha vantaxe competitiva.

En concreto, esta orde de axudas articúlase en torno a tres piares que dan fundamento ao comercio circular:

– O fomento das estratexias de reciclaxe e tratamento de residuos por parte do sector comercial.

– O pulo e apoio aos procesos de venda que xiren ao redor da Estratexia de economía circular de Galicia.

– A concienciación do sector comercial da importancia da sustentabilidade nos seus proxectos empresariais.

A teor do exposto, en virtude das competencias que ten atribuídas a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración en materia de comercio interior, e en exercicio das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e réxime das subvencións

1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases polas que se rexerá a concesión de subvencións da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración para a execución de proxectos do programa de comercio circular (código de procedemento CO300D).

Así mesmo, por medio desta orde convócanse as devanditas subvencións para o ano 2024.

2. A xestión destas subvencións realizarase polo procedemento de concorrencia non competitiva ata o esgotamento do crédito, de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non-discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración outorgante.

c) Eficiencia na asignación de efectivos e na utilización de recursos públicos.

3. Para a concesión destas subvencións destinarase un crédito de 1.200.000,00 €, financiado con cargo ás aplicacións orzamentarias 44.06.751A.770.8 e 44.06.751A.781.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024, que se imputará da seguinte forma:

Liña

Aplicación

44.06.751A.770.8

Aplicación

44.06.751A.781.1

Total orzamento

Liña 1. Programa Eco-pack

800.000,00 €

200.000,00 €

1.000.000,00 €

Liña 2. Programa Avanza téxtil

100.000,00 €

0,00 €

100.000,00 €

Liña 3. Programa Re-circular

100.000,00 €

0,00 €

100.000,00 €

4. Esta cantidade poderase incrementar en función das solicitudes presentadas e de acordo coa dispoñibilidade de crédito cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito ou da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

O incremento de crédito quedará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

Nestes casos publicarase a ampliación de crédito polos mesmos medios que esta convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura do prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo de prazo para resolver.

5. De existir remanente nunha aplicación orzamentaria, poderase reasignar a contía sobrante na outra aplicación. A reasignación levarase a cabo, logo da modificación orzamentaria pertinente, sen necesidade de facer unha nova publicación do importe dos créditos.

Artigo 2. Solicitudes

Para poder ser persoa beneficiaria da subvención deberá presentarse unha solicitude dirixida á Consellería de Emprego, Comercio e Emigración axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo IV desta orde, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 6 das bases reguladoras.

Artigo 3. Lugar e prazo de presentación

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos, a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

3. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

4. O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao da publicación, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Artigo 4. Prazo de duración do procedemento de concesión

Unha vez recibidas as solicitudes, estas serán tramitadas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras, que non poderá ter unha duración superior a catro meses, contados a partir do día seguinte ao do remate do prazo de presentación de solicitudes. Transcorrido o dito prazo para resolver sen que se dite resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo, de conformidade co artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

As solicitudes presentaranse en prazo e cos requisitos establecidos nas bases reguladoras e nesta orde de convocatoria e resolveranse atendendo á súa prelación temporal ata o esgotamento do crédito, do cal se dará a correspondente publicidade.

Para os efectos da determinación da prelación temporal, a data que se deberá ter en conta será a data e hora de presentación da solicitude. No caso de presentación de achegas ou de que a solicitude requira emenda, terase en conta a data e hora en que a persoa solicitante presente correctamente toda a documentación e a información requirida.

No caso de que máis dunha solicitude teña a mesma data de presentación, prevalecerá a solicitude cuxa data e hora de presentación sexa anterior, segundo conste no Rexistro Electrónico Xeral e, en último caso, prevalecerá aquela á cal o sistema lle asigne automaticamente o número de entrada máis baixo.

As subvencións serán concedidas ata o esgotamento do crédito orzamentario, de acordo co establecido no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A proposta de concesión formularaa o órgano instrutor, que unicamente deberá comprobar a concorrencia dos requisitos para conceder a subvención. Xustifícase a excepcionalidade porque nestes casos non é necesaria a comparación das solicitudes entre si, polo interese excepcional en promover actuacións que contribúan á implantación dun modelo de comercio sostible nas cidades e vilas galegas a través de fórmulas ecoinnovadoras que fomenten o consumo responsable e a economía circular.

Artigo 5. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas realizaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse realizadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e, rexeitadas cando transcorran dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 6. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrarlle á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que estean vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 7. Información ás persoas interesadas

Sobre este procedemento administrativo, que ten o código CO300D, poderase obter información a través dos seguintes medios:

1. Na Guía de procedementos e servizos da Xunta de Galicia, no enderezo https://sede.xunta.gal

2. Na páxina web oficial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.

3. Nos teléfonos 981 54 55 54, 981 54 55 99 e 981 54 55 48 da Dirección Xeral de Comercio e Consumo.

4. No enderezo electrónico dxc.axudas.comercio@xunta.gal

Así mesmo, para cuestións xerais sobre este ou outro procedemento, poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia 012 (desde o resto do Estado: 902 12 00 12).

De acordo co establecido no artigo 14.1, letra ñ), da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas beneficiarias quedan informadas cos datos consignados no modelo normalizado de solicitude dos aspectos básicos previstos no Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento dos seus datos persoais e á libre circulación destes datos (RXPD), e na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

Artigo 8. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Recursos

Contra a presente orde, que pon fin á vía administrativa, poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

1. Recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

2. Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición adicional única. Base de datos nacional de subvencións

De conformidade co establecido no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo serán comunicados á Base de Datos nacional de subvencións.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Comercio e Consumo para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento e a aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de xullo de 2024

José González Vázquez
Conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración

ANEXO I

Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia
non competitiva, de subvencións do Programa de comercio circular
e se convocan para o ano 2024 (código de procedemento CO300D)

Artigo 1. Obxecto e réxime das subvencións

1. As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto a concesión de subvencións para a transformación sostible do sector comercial galego a través do pulo de actuacións de comercio sostible e circular.

2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva e quedará suxeito ao réxime de axudas de minimis, polo que non poderán exceder os límites cuantitativos (300.000 € nun período de tres anos) establecidos no Regulamento (UE) nº 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de Funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 15.12.2023, serie L).

De conformidade coa antedita normativa, a axuda total de minimis concedida a unha única empresa non excederá os 300.000 € durante calquera período de tres anos. O concepto de única empresa inclúe todas as empresas que teñan, polo menos, un dos seguintes vínculos entre si:

a) Unha empresa posúe a maioría dos dereitos de voto de accionistas ou socios doutra empresa.

b) Unha empresa ten dereito a nomear ou remover a maioría dos membros da administración, dirección ou control doutra empresa.

c) Unha empresa ten dereito a exercer unha influencia dominante sobre outra, en virtude dun contrato subscrito con ela ou cláusula estatutaria da segunda empresa.

d) Unha empresa, accionista ou asociada a outra, controla en solitario, en virtude dun acordo subscrito con outros accionistas ou socios destes últimos, a maioría dos dereitos de voto dos seus accionistas.

As empresas que manteñan algunha das relacións previstas nas letras a) a d) a través doutra ou doutras empresas tamén terán a consideración de empresa única.

3. Con carácter xeral e de acordo co establecido no artigo 29.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, consideraranse subvencionables os gastos e investimentos que, de xeito indubidable, respondan á natureza da actuación subvencionada.

En concreto, consideraranse subvencionables as actuacións previstas nos artigos 4 e 5 destas bases reguladoras sempre que sexan realizadas e efectivamente pagadas desde o 1 de xaneiro de 2024 ata a data límite de xustificación establecida no artigo 18 destas bases reguladoras.

Artigo 2. Financiamento e concorrencia

1. Para a concesión destas subvencións destinarase un crédito de 1.200.000,00 € financiado con cargo ás aplicacións orzamentarias 44.06.751A.770.8 e 44.06.751A.781.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024, que se imputará da seguinte forma:

Liña

Aplicación

44.06.751A.770.8

Aplicación

44.06.751A.781.1

Total orzamento

Liña 1. Programa Eco-pack

800.000,00 €

200.000,00 €

1.000.000,00 €

Liña 2. Programa Avanza téxtil

100.000,00 €

0,00 €

100.000,00 €

Liña 3. Programa Re-circular

100.000,00 €

0,00 €

100.000,00 €

2. De existir remanente nunha aplicación orzamentaria, poderase reasignar a contía sobrante na outra aplicación. A reasignación levarase a cabo, logo da modificación orzamentaria pertinente, sen necesidade de facer unha nova publicación do importe dos créditos.

3. A concesión das subvencións queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.

4. O importe das subvencións reguladas nesta orde en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras axudas e subvencións das distintas administracións ou calquera dos seus entes públicos e privados, nacionais ou internacionais, supere o custo total do investimento subvencionable.

5. As subvencións previstas nesta orde serán incompatibles con calquera outra da mesma ou distinta consellería e entes dependentes para os mesmos conceptos subvencionables e a mesma persoa beneficiaria.

No caso de se percibiren outras axudas, deberase acreditar documentalmente a súa natureza e contía, así como calquera circunstancia que poida afectar substancialmente a execución das actuacións. A comunicación deberá efectuarse tan axiña como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

Artigo 3. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reuniren os demais requisitos establecidos nestas bases e sempre que nas persoas solicitantes non concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:

1.1. Programa Eco-pack.

1.1.1. Comerciantes retallistas con tenda física:

As persoas físicas ou xurídicas, comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado sen personalidade xurídica, legalmente constituídas, que cumpran os seguintes requisitos:

a) Que desenvolvan a súa actividade comercial en Galicia, que o domicilio social radique na comunidade autónoma e que cumpran os requisitos establecidos legalmente para exercer a actividade.

b) Que teñan a condición de peme de ata 50 persoas traballadoras conforme o establecido no Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (DOUE núm. 187, do 26 de xuño), incluídas as persoas en situación de autoemprego.

Para a consideración de pequena e mediana empresa observarase o disposto na Recomendación 2003/361/CE da Comisión, do 6 de maio, sobre a definición de microempresa e pequenas empresas (DOUE núm. L 124/36, do 20 de maio), para estes efectos establécese:

Categoría de empresa

Persoal: unidades de traballo anual

Volume de negocio
anual (€)

Balance xeral
anual (€)

Micro

<10

≤ 2 millóns

≤ 2 millóns

Pequena

<50

≤ 10 millóns

≤ 10 millóns

Mediana

<250

≤ 50 millóns

≤ 43 millóns

c) Que estean dados de alta nalgunha das epígrafes do IAE que se relacionan no anexo II e que esta constitúa a actividade para a cal vai dirixida a subvención.

No suposto de que nun mesmo establecemento comercial se realicen actividades comerciais subvencionables con outras non subvencionables, a persoa solicitante deberá acreditar mediante declaración responsable que a actividade comercial subvencionable é a principal.

1.1.2. Obradoiros artesáns:

Que estean inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia.

1.1.3. Asociacións de comerciantes:

Que reúnan os requisitos para ter a condición de centro comercial aberto, de acordo co previsto na Orde do 8 de maio de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións ás asociacións de comerciantes sen ánimo de lucro para a dinamización dos centros comerciais abertos de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento CO300A) (DOG núm. 100, do 24 de maio).

En todo caso, as asociacións de comerciantes deberán ter unha antigüidade mínima de tres anos na data de publicación desta orde e estar ao día na obriga de aprobación das contas anuais pola xunta directiva nos dous últimos exercicios previos a esta orde de convocatoria.

1.2. Programa Avanza téxtil.

Pemes e persoas autónomas do sector téxtil (deseño, produción e venda de pezas de vestir, calzado e complementos).

As persoas físicas ou xurídicas, comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado sen personalidade xurídica, legalmente constituídas, que cumpran os seguintes requisitos:

a) Que desenvolvan a súa actividade comercial en Galicia, que o domicilio social radique na comunidade autónoma e que cumpran os requisitos establecidos legalmente para exercer a actividade.

b) Que teñan a condición de peme de ata 10 persoas traballadoras, nos termos previstos no número 1.1.1.b) deste artigo, incluídas as persoas en situación de autoemprego.

c) Que estean dados de alta nalgunhas das epígrafes do IAE que se relacionan no anexo III e que esta constitúa a actividade para a cal vai dirixida a subvención.

1.3. Programa Re-circular.

Pemes e persoas autónomas do sector téxtil (deseño, produción e venda de pezas de vestir, calzado e complementos).

As persoas físicas ou xurídicas, comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado sen personalidade xurídica, legalmente constituídas, que cumpran os seguintes requisitos:

a) Que desenvolvan a súa actividade comercial en Galicia, que o domicilio social radique na comunidade autónoma e que cumpran os requisitos establecidos legalmente para exercer a actividade.

b) Que teñan a condición de peme de ata 20 persoas traballadoras, nos termos previstos no número 1.1.1.b) deste artigo, incluídas as persoas en situación de autoemprego.

c) Que estean dados de alta nalgunha das epígrafes do IAE que se relacionan no anexo III e que esta constitúa a actividade para a cal vai dirixida a subvención.

2. Non poderán ser beneficiarias destas axudas as empresas en crise, conforme a definición prevista no artigo 2, número 18, do Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do tratado (DOUE do 26 de xuño, L 187/1). Tampouco poderán ser beneficiarias as persoas que fosen obxecto dun expediente de reintegro total das axudas concedidas pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración en materia de comercio nos últimos dous anos.

Artigo 4. Actuacións subvencionables

1. Consideraranse actuacións subvencionables:

1.1. Programa Eco-pack.

Este programa está orientado á redución das cantidades de embalaxe mediante a adaptación do seu tamaño e forma ás dimensións e formato dos produtos, priorizando o uso de materiais reciclados e reutilizables.

En concreto, consideraranse subvencionables:

a) Comerciantes retallistas e obradoiros artesáns:

– Caixas de cartón 100 % reciclado.

– Sobres de cartón ou papel 100 % reciclado.

– Papel vexetal.

– Recheos para embalaxe (recheos vexetais e proteccións acolchadas de papel 100 % reciclado).

– Bolsas de tea de algodón 100 %.

– Bolsas de tea de liño 100 %.

– Bolsas de tea de cánabo 100 %

b) Asociacións de comerciantes:

– Bolsas de tea de algodón 100 %.

– Bolsas de tea de liño 100 %.

– Bolsas de tea de cánabo 100 %.

1.2. Programa Avanza téxtil.

Este programa está orientado ao impulso dos pequenos produtores do sector téxtil con marca comercial propia.

a) Participación en cursos de formación ou obradoiros de confección téxtil impartidos por escolas públicas ou privadas. En concreto, consideraranse gastos subvencionables: a matrícula e as mensualidades.

b) Adquisición de maquinaria de destrución de téxtil para a súa posterior reutilización.

c) Adquisición de maquinaria e ferramentas de corte e confección.

d) Organización e participación en tendas efémeras pop-ups e showrooms. En concreto, considéranse gastos subvencionables:

– O alugueiro do local ou do espazo expositivo (máximo dúas mensualidades).

– Os seguros e servizos de carácter básico e obrigatorio para a organización do evento.

– O acondicionamento da superficie de exposición e venda.

– A adquisición ou alugamento de moblaxe ou equipamento especializado para a exposición do produto.

– O transporte de mercadoría.

– A publicidade e promoción da tenda efémera.

1.3. Programa Re-circular.

Este programa está orientado a promover o uso de materias primas e tecidos sostibles na producción téxtil co fin de reducir os residuos xerados polo sector téxtil e favorecer a súa reutilización e a reciclaxe.

a) Adquisición de materias primas e/ou tecidos téxtiles sostibles. En concreto, considéranse subvencionables os seguintes:

– Fibra 100 % de orixe vexetal: algodón orgánico, liño, cánabo e ramio.

– Fibras 100 % de orixe animal: alpaca, seda, la e penuxe.

– Fibras recicladas: poliéster reciclado, nailon reciclado e la reciclada que conten cun mínimo de 60 % de fibra de orixe reciclada.

– Fibras semisintéticas: liocel, viscosa sostible e raión cuproamoniacal.

b) Adquisición de accesorios ou fornituras de orixe 100 % reciclado ou 100 % de composición orgánica (cremalleiras, botóns, reberetes, cordas, lazos ou similares).

2. Non se considerarán gastos subvencionables:

a) O imposto sobre o valor engadido (IVE).

b) Os gastos dedicados a actividades que non constitúan a actividade principal subvencionable da persoa solicitante.

c) Os custos de adquisición de investimentos ou os gastos subvencionables superiores ao valor de mercado.

d) Os traballos realizados pola propia persoa solicitante da subvención nin aquelas actuacións cando o/a vendedor/a dos activos ou o/a prestador/a da actividade sexa da propia empresa ou asociación solicitante ou se dea un suposto análogo do cal poida derivar autofacturación.

e) Os proxectos cuxo investimento non se axuste ao volume de negocio anual e ás necesidades da persoa solicitante.

f) No programa Eco-pack:

– As bolsas comerciais e demais elementos de plástico ou derivados do plástico.

– As actuacións desenvolvidas en establecementos de hostalaría.

g) No programa de Avanza téxtil:

– As actuacións desenvolvidas por pemes ou persoas autónomas que desenvolvan unha actividade de venda de produtos téxtiles fabricados por terceiros.

– As actuacións de pemes do sector téxtil dedicadas a produción de téxtil doméstico.

– Maquinaria e ferramentas que non sexan de primeira adquisición.

– Custos de axudas de custo, desprazamentos, aloxamento.

– Os cursos de formación dirixidos á obtención dunha titulación académica.

h) No programa Re-circular:

– As actuacións desenvolvidas por pemes ou persoas autónomas que desenvolvan unha actividade de venda de produtos téxtiles fabricados por terceiros.

– A adquisición de compra de materia prima para a súa venda directa sen transformación.

– A adquisición de fibras con orixe e produción de países fora da Unión Europea, agás Turquía e países do norte de África, co obxectivo de reducir a pegada de carbono nos procesos produtivos.

– A adquisición de tecidos con composición de fibras sintéticas como poliéster e acrílicos.

i) As actuacións que inclúan publicidade, imaxes ou calquera outro contido sexista ou discriminatorio ou que non respecten a normativa vixente sobre o uso correcto do idioma.

Artigo 5. Investimentos máximos subvencionables

1. Programa Eco-pack

1.1. Establécense os seguintes investimentos máximos subvencionables:

a) Comerciantes retallistas e obradoiros artesáns:

Persoas beneficiarias

Investimento máximo

subvencionable

Persoas autónomas e pemes de 0 a 10 persoas traballadoras

3.000,00 €

Persoas autónomas e pemes de 11 a 50 persoas traballadoras

4.500,00 €

b) Asociacións de comerciantes:

Número de comercios asociados

Investimento máximo

subvencionable

50 - 69

7.700,00 €

70 - 99

10.000,00 €

>= 100

13.300,00 €

1.2. Investimento mínimo subvencionable:

O investimento mínimo que se vai realizar para que o programa se considere subvencionable ascende a 1.000,00 €.

1.3. Intensidade da axuda:

Establécense as seguintes porcentaxes da subvención sobre os investimentos máximos subvencionables establecidos neste artigo:

a) Comerciantes retallistas e obradoiros artesáns: 80 % do investimento máximo subvencionable.

b) Asociacións de comerciantes: 90 % do investimento máximo subvencionable.

2. Programa Avanza Téxtil.

2.1. Establécense os seguintes investimentos máximos subvencionables:

Actuación subvencionable

Investimento máximo

subvencionable

Participación en cursos ou obradoiros de formación

1.200,00 € curso/empregado

Organización de pop-ups ou showrooms

6.000,00 €

Adquisición de maquinaria de destrución de téxtil e plásticos para a súa posterior reutilización e adquisición de maquinaria e ferramentas de corte e confección.

5.000,00 €

2.2. Intensidade da axuda:

A porcentaxe da subvención acadará o 80 % dos investimentos máximos subvencionables.

3. Programa Re-circular.

3.1. O investimento máximo subvencionable é de 10.000,00 euros.

3.2. A porcentaxe da subvención acadará o 80 % dos investimentos máximos subvencionables.

4. En ningún caso o custo dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

Artigo 6. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude, anexo IV, a seguinte documentación:

1.1. Comerciantes retallistas:

a) Acta, escritura ou documento de constitución, estatutos e, se é o caso, modificación deles, debidamente legalizados, de ser o caso. A referida documentación deberá acreditar que o seu obxecto social abrangue a actividade para a cal se solicita a subvención.

b) Documento acreditativo de poder bastante para actuar ante a Administración da persoa representante legal da persoa solicitante, ou poderá achegar, debidamente cuberto e asinado, ou modelo de representación para procedementos ante a Xunta de Galicia que figura na sede electrónica.

c) Informe emitido pola Seguridade Social de todos os códigos de conta de cotización da persoa solicitante en que figure o número de persoas traballadoras con posterioridade á data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia ou acreditación de non estar inscrita como empresario/a, se é o caso.

d) Declaración responsable para acreditar que a actividade comercial subvencionable é a principal, no suposto de que nun mesmo establecemento comercial se realicen actividades comerciais subvencionables con outras non subvencionables.

1.2. Asociacións de comerciantes:

a) Acta, escritura ou documento de constitución, estatutos e, se é o caso, modificación deles, e acreditación da súa inscrición no rexistro correspondente. A referida documentación deberá acreditar que entre os seus fins abrangue a promoción e, defensa do sector comercial, e que o seu ámbito non é superior o termo municipal onde estea situado o centro comercial aberto; na súa falta, acreditará ter iniciado os trámites para realizar as correspondentes modificacións.

b) Documento acreditativo de poder cumprido para actuar ante a Administración da persoa representante legal da entidade solicitante.

c) Composición actualizada da xunta directiva da entidade asociativa onde figure a data de nomeamento dos distintos membros.

d) Orzamento do exercicio corrente da entidade asociativa aprobado polo órgano competente (anexo VIII).

e) Certificado de estaren aprobadas as contas anuais pola xunta directiva da entidade asociativa nos exercicios 2021 e 2022 (anexo IX). Deberase presentar un certificado por cada ano.

f) Copia da acta da sesión en que sexan informadas as persoas comerciantes asociadas do proxecto para o cal se solicita a subvención.

g) Relación do número total de membros asociados e do número de comercios retallistas asociados que se obterá da plataforma Redic, conforme o indicado no artigo 4 da Orde do 8 de maio de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións ás asociacións de comerciantes sen ánimo de lucro para a dinamización dos centros comerciais abertos de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (DOG núm. 100, do 24 de maio).

h) Formalización do anexo VII relativo á unidade xerencial, acompañado da documentación que nel se sinala:

– Copia do contrato ou contratos da persoa xerente.

– Copia do curriculum vitae da persoa xerente.

i) Declaración de non vinculación da persoa xerente nos termos establecidos no artigo 17 destas bases reguladoras.

j) Plano coa delimitación do centro comercial aberto, coa indicación das rúas e prazas que conforman os principais eixes comerciais e coa concreción das rúas, prazas ou avenidas que conforman o seu perímetro.

1.3. Pemes e persoas autónomas do sector téxtil:

a) Acta, escritura ou documento de constitución, estatutos e, se é o caso, modificación deles, debidamente legalizados, de ser o caso. A referida documentación deberá acreditar que o seu obxecto social abrangue a actividade para a cal se solicita a subvención.

b) Documento acreditativo de poder cumprido para actuar ante a Administración da persoa representante legal da persoa solicitante, ou poderá achegar, debidamente cuberto e asinado, o modelo de representación para procedementos ante a Xunta de Galicia que figura na sede electrónica.

c) Informe emitido pola Seguridade Social de todos os códigos de conta de cotización da persoa solicitante no que figure o número de persoas traballadoras con posterioridade á data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, ou acreditación de non estar inscrita como empresario/a, se é o caso.

d) Declaración responsable para acreditar que a actividade comercial subvencionable é a principal, no suposto de ter distintas actividades subvencionables con outras non subvencionables.

1.4. Documentación común para todas as persoas solicitantes:

a) Memoria, que deberá incluír unha descrición detallada de cada unha das actuacións concretas para as cales se solicita a subvención (anexo VI).

No caso do programa Avanza téxtil e do programa Re-circular, a memoria deberá incluír a descrición da actividade da empresa, a denominación da marca comercial propia e dos parámetros de sostibilidade aplicados nos seus procesos de produción e produtos.

b) Facturas ou, na súa falta, facturas pro forma ou orzamento detallado de gastos previstos para realizar cada unha das actividades ou adquisicións para as cales se solicita subvención.

No caso do programa Eco-pack e do programa Re-circular, as facturas, facturas pro forma ou orzamentos deberán indicar expresamente a composición e as características do material empregado de cada un dos investimentos solicitados, coa descrición técnica en que se recollan as características do material (porcentaxe de reciclado, condicións de sustentabilidade, orixe orgánico, etc.), que deberá estar garantido por unha certificación ou etiqueta verificable.

No caso dos cursos de formación ou obradoiros do programa Avanza téxtil, a matrícula, inscrición ou preinscrición ou, de ser o caso, unha descrición detallada do curso ou obradoiro para o cal se solicita a subvención.

As facturas, facturas pro forma ou orzamentos deberán estar emitidas por provedores que presten os referidos servizos como actividade principal.

Non terán a consideración de orzamentos as estimacións de gastos realizadas pola persoa solicitante e que carezan do soporte da oferta do provedor ou tarifa oficial do gasto, nin se admitirán aqueles orzamentos que non presenten a suficiente desagregación para determinar o carácter subvencionable dos conceptos relacionados nel.

Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, para o contrato menor, a persoa beneficiaria deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de persoas ou entidades que as realicen, presten ou subministren, ou agás que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.

A elección entre as ofertas presentadas realizarase de conformidade con criterios de eficiencia economía, e deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección dos provedores cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

Non serán admisibles as ofertas emitidas por provedores cuxo obxecto social non se corresponda coa actividade subvencionable ou que non teñan a capacidade para a subministración do ben ou servizo ou que semellen de compracencia (contido e formato idénticos ou extremadamente similares entre ofertas, erros idénticos ou aparencia non habitual, entre outros).

c) No caso das agrupacións de persoas físicas e xurídicas, comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado sen personalidade xurídica: deberán constar expresamente (anexo V) os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación e o importe da subvención que se aplicará por cada un, que terán igualmente a consideración de persoas beneficiarias. Deberá nomearse unha persoa representante única da agrupación, con poderes suficientes para cumprir as obrigas que corresponden á agrupación.

A Dirección Xeral de Comercio e Consumo poderá solicitar os documentos preceptivos co obxecto de efectuar as comprobacións oportunas. De non cumprir co asinado na declaración responsable, iniciarase o expediente de reintegro da subvención concedida, de acordo co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada a súa achega.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

4. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

6. No caso de que algún dos documentos que hai que presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 7. Comprobación de datos

1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) NIF da entidade solicitante.

c) DNI ou NIE da persoa representante.

d) NIF da entidade representante.

e) Certificación expedida pola Axencia Tributaria na cal se indiquen as epígrafes do imposto de actividades económicas en que figura dada de alta a entidade solicitante.

f) Certificación expedida pola Axencia Tributaria da declaración do imposto da renda das persoas físicas.

g) Certificación de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

h) Certificación de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

i) Certificación de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Administración Pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

j) Consulta de concesións de subvencións e axudas.

k) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

l) Consulta de concesións pola regra de minimis.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 8. Órganos competentes

A Dirección Xeral de Comercio e Consumo será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención, así como para realizar a proposta de resolución, e, corresponderalle á persoa titular da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración ditar a resolución que corresponda, sen prexuízo da delegación noutros órganos.

Artigo 9. Instrución dos procedementos

1. As axudas concederanse baixo o réxime de concorrencia non competitiva xa que polo seu obxecto non é preciso realizar unha comparación e determinar unha orde de prelación entre as persoas solicitantes. De acordo co establecido nos artigos 19.2 e 31.4 da Lei 9/2007, o órgano competente para a tramitar o procedemento instruirá os expedientes seguindo rigorosamente a orde de presentación das solicitudes e concederá a subvención en actos sucesivos ata o esgotamento do crédito a todas aquelas persoas beneficiarias que cumpran cos requisitos.

2. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria, requirirase a persoa interesada para que, no prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se terá por desistida da súa solicitude, logo da correspondente resolución ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Este requirimento de emenda tamén se fará se das certificacións obtidas de conformidade co artigo 8.1 destas bases reguladoras resulta que a persoa solicitante non está ao día no pagamento das súas obrigas tributarias co Estado, coa Comunidade Autónoma ou coa Seguridade Social, ou no suposto de que sexa necesario achegar calquera outra documentación, logo de aplicarse o disposto na letra d) do artigo 53.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. Sen prexuízo do disposto nos parágrafos anteriores, o órgano instrutor poderá realizar de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución, e poderá requirir a persoa solicitante, que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para tramitar e resolver o procedemento.

4. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases reguladoras ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na cal se indicarán as causas desta.

En todo caso, non se admitirán a trámite e, ditarase a resolución de inadmisión e arquivaranse as solicitudes que se presenten fóra do prazo establecido no artigo 3 da orde de convocatoria.

Artigo 10. Audiencia

1. Instruído o procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, poráselles de manifesto ás persoas interesadas para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e as xustificacións que consideren pertinentes.

2. Porén, poderase prescindir do trámite a que se refire o punto anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polas persoas interesadas.

Artigo 11. Resolución e notificación

1. Unha vez concluído o trámite de audiencia, o órgano instrutor formulará a proposta de resolución, que será elevada á persoa titular da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.

2. A persoa titular da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, á vista da proposta, ditará a correspondente resolución, que deberá estar debidamente motivada e expresará, cando menos, a actuación que se subvenciona e o seu custo, así como a subvención concedida e a súa contía ou, se é o caso, a causa de denegación.

A dita resolución será publicada na web da consellería e notificada individualmente ás persoas beneficiarias de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Non obstante, e de conformidade co establecido no artigo 45 da mesma lei, poderase substituír a notificación individual pola publicación no Diario Oficial de Galicia.

En ningún caso o importe das subvencións concedidas poderá superar o custo da actividade que desenvolverá a persoa beneficiaria ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable legalmente establecida.

3. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución ás persoas interesadas será de catro meses, contados a partir do día seguinte ao do remate do prazo de presentación de solicitudes. Se transcorre o prazo máximo para resolver sen que se dite resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo, de conformidade co artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Nas notificacións comunicarase o importe previsto da axuda, expresado en equivalente bruto de subvención, e o seu carácter de axuda de minimis, en aplicación do Regulamento (UE) nº 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 15 de decembro, Serie L).

5. As resolucións de inadmisión ou desestimación de solicitudes notificaranse individualmente, con indicación das súas causas. Non obstante, poderase substituír a dita notificación individual pola publicación no Diario Oficial de Galicia, coa indicación de que as persoas non beneficiarias consulten a información detallada da súa resolución nun taboleiro da citada web.

Artigo 12. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro da correspondente orde de convocatoria porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta é expresa. Se a resolución non é expresa, a persoa solicitante e outras posibles persoas interesadas poderán interpor recurso de reposición en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que a resolución debería ser ditada.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta é expresa, ou de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 13. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderán dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. O órgano competente para a concesión da subvención poderá acordar a modificación da resolución por instancia da persoa beneficiaria, e cumpriranse, en todo caso, os seguintes requisitos:

1º. Que a actividade, conduta ou modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade das normas ou bases reguladoras.

2º. Que se acredite a inexistencia de prexuízos a terceiros.

3º. Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de concorren na concesión inicial, non supoñan a denegación da axuda ou subvención.

3. A persoa beneficiaria deberá solicitar a modificación mediante instancia dirixida á persoa titular da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración acompañada da documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos sinalados no punto anterior, cun límite dun mes antes da data de finalización do prazo de xustificación do investimento subvencionado, sen prexuízo do disposto no artigo 59 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. O acto polo cal se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado polo órgano concedente despois da instrución do correspondente expediente, en que se lles dará audiencia ás persoas interesadas na forma prevista no artigo 11 destas bases.

Artigo 14. Renuncia

A renuncia á subvención, debidamente motivada, poderase facer por calquera medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

A persoa titular da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración ditará a correspondente resolución, nos termos do artigo 21.1 da mesma lei.

Artigo 15. Obrigas das persoas beneficiarias

Son obrigas da persoa beneficiaria:

1º. Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

2º. Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o desfrute da subvención.

3º. Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará o órgano concedente, ou a calquera outra actuación de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos coma estatais ou comunitarios, para o cal se achegará canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

4º. Comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, con especificación daquelas axudas de minimis obtidas, para os efectos de poder comprobar o cumprimento do límite cuantitativo ao que fai referencia o artigo 1.2 destas bases. Así mesmo, comunicar a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención.

5º. Acreditar con anterioridade a que se dite a proposta de resolución de concesión que está ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte a Seguridade Social, e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, nos termos previstos no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

6º. Manter os investimentos subvencionados coa axuda outorgada e a aplicación dos fondos recibidos, durante un período de dous anos desde a súa concesión.

7º. Dispor dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados, nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á persoa beneficiaria en cada caso.

8º. Reintegrar os fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da devandita lei.

9º. Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

Artigo 16. Obrigas específicas de publicidade

As persoas beneficiarias deberán dar a adecuada publicidade do carácter público do financiamento en todas as actuacións que deriven da execución do proxecto, coa lenda «proxecto de comercio circular cofinanciado pola Xunta de Galicia», empregando os soportes máis adecuados á natureza dos investimentos, en cumprimento do artigo 15.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

No caso dos obradoiros artesáns, deberanse cumprir as obrigas establecidas na Orde do 26 de outubro de 2018 pola que se regula a concesión, uso e control da marca de Artesanía de Galicia, propiedade da Xunta de Galicia.

Artigo 17. Subcontratación

Enténdese que unha persoa beneficiaria subcontrata cando concerta con terceiros a execución total ou parcial da actividade que constitúa o obxecto da subvención. Queda fóra deste concepto a contratación daqueles gastos en que teña que incorrer a persoa beneficiaria para a realización por si mesma da actividade subvencionada.

Será de aplicación o disposto nos artigos 27 da Lei 9/2007 e 43 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007.

Faise especial indicación de que as persoas ou entidades subcontratadas non poderán estar vinculadas coa entidade solicitante, salvo que concorran as circunstancias seguientes:

1ª. Que a contratación se realice de acordo coas condicións normais de mercado.

2ª. Que se solicite e se conceda a súa autorización previa (a solicitude de autorización e a súa xustificación presentaranse xunto coa solicitude de subvención).

Artigo 18. Xustificación da subvención

1. O pagamento da subvención quedará condicionada á presentación, nos lugares sinalados no artigo 8 da convocatoria e ata o 8 de novembro de 2024, dunha copia da seguinte documentación:

a) Xustificantes dos investimentos: facturas dos provedores e demais documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico-mercantil e con eficacia administrativa, nos termos que se establezan regulamentariamente (importe sen IVE e importe total), en relación cos gastos subvencionables, emitidas dentro do período comprendido entre o 1 de xaneiro de 2024 e a data límite de xustificación.

No caso do programa Eco-pack e programa Re-circular, as facturas, facturas pro forma ou orzamentos deberán indicar expresamente a composición e características do material empregado de cada un dos investimentos solicitados, coa descrición técnica en que se recollan as características do material (porcentaxe de reciclado, condicións de sustentabilidade, orixe orgánico, etc.), que deberá estar garantido por unha certificación ou etiqueta verificable.

Xuntarase relación nominativa dos investimentos segundo o anexo XI, e farase constar a actuación, o número de factura, a data de expedición, a data de pagamento, o expedidor e o importe do investimento.

Os gastos xustificaranse con facturas e demais documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico-mercantil ou con eficacia administrativa pagados, en orixinal ou copia.

Cando a persoa beneficiaria non dispoña de facturas electrónicas para a xustificación da subvención, deberá achegar unha copia dos documentos orixinais en papel, de acordo cos procedementos que establece a normativa vixente.

b) Xustificación dos pagamentos: acreditarase a través de transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto de pagamento comprendido entre o 1 de xaneiro de 2024 e a data límite da xustificación. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento, así como o número de factura obxecto do pagamento e a data deste. Non se admitirán os pagamentos en efectivo.

Así mesmo, non se admitirán como xustificantes os obtidos a través da internet se non están validados pola entidade bancaria ou non dispoñen de códigos para a súa verificación por terceiros na sede electrónica da devandita entidade bancaria.

c) Anexo X, declaración doutras axudas, debidamente asinado.

d) Memoria detallada de todas e cada unha das actuacións realizadas. Identificación de facturas, provedores e pagamentos realizados para cada unha delas.

e) Material fotográfico que acredite a realización das actuacións obxecto da subvención, así como do cumprimento da obriga específica de publicidade do financiamento establecida no artigo 17 destas bases reguladoras.

f) No caso de que as persoas se opoñan expresamente á consulta dos datos, certificacións expedidas polos organismos competentes acreditativas de estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social, e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

Se o certificado dispón de código electrónico de verificación coa Administración pública correspondente, poderá presentarse o dito documento sen copia auténtica.

2. Os órganos competentes da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración poderán solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación do investimento que consideren convenientes.

Artigo 19. Pagamento

Recibida a documentación xustificativa da subvención, os órganos competentes da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, antes de realizar o seu pagamento, poderán realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da actividade subvencionada.

O libramento da subvención aboarase nun único pagamento mediante transferencia bancaria ao número de conta designado pola entidade beneficiaria.

As subvencións minoraranse proporcionalmente se o investimento xustificado é inferior ao orzamento que serviu de base para a resolución da concesión, sempre que estea garantida a consecución do obxecto. En caso de concorrencia con outras subvencións ou axudas, observarase o establecido no artigo 2 destas bases reguladoras.

Artigo 20. Incumprimento, reintegros e sancións

1. Nos supostos de falta de xustificación, de concorrencia dalgunha das causas previstas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ou de incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de mora correspondente, desde o momento do pagamento da subvención, incluíndo a data en que se acorde a procedencia do reintegro.

2. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito ao cobramento da subvención e para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior será o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Incumprimento parcial: sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomados en conta na concesión das axudas, a Dirección Xeral de Comercio e Consumo poderá apreciar un incumprimento parcial e deberá resolver sobre o seu alcance, aplicar a mesma ponderación que teña a condición incumprida na resolución de concesión e, se é o caso, establecerá a obriga de reintegro.

Cando se trate de condicións referentes á contía ou conceptos da base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente ao gasto deixado de efectuar ou aplicado a conceptos distintos dos considerados subvencionables e, se é o caso, deberán reintegrarse as cantidades percibidas na dita proporción.

Para os efectos do disposto no parágrafo anterior, deberá reintegrarse o total da cantidade percibida cando o cumprimento non acade o 60 % do investimento subvencionado.

4. Ás persoas beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases reguladoras seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no título VI do seu regulamento.

Artigo 21. Control

A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento da subvención.

Ademais do anterior, a subvención estará sometida á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como, se é o caso, aos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.

Artigo 22. Publicidade

No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da concesión, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas, con indicación da norma reguladora, persoa beneficiaria, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

Non obstante o anterior, cando o importe das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexa de contía inferior a 3.000,00 €, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.

Artigo 23. Remisión normativa

Para todo o non previsto nestas bases reguladoras, aplicarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Regulamento desta lei, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro; na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia vixente na anualidade; no Regulamento (UE) nº 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 15 de decembro, serie L), e no resto de normativa que resulte de aplicación.

ANEXO II

Epígrafes do IAE subvencionables

641. Comercio polo miúdo de froitas, verduras, hortalizas e tubérculos.

642. Comercio polo miúdo de carnes e refugos; de produtos derivados cárnicos elaborados: de ovos, aves, coellos de granxa, caza, e de produtos derivados deles.

643. Comercio polo miúdo de peixes e doutros produtos da pesca e da acuicultura e caracois.

644. Comercio polo miúdo de pan, pastelaría, confeitaría e similares, e de leite e produtos lácteos.

645. Comercio polo miúdo de viños e bebidas de todas as clases.

647. Comercio polo miúdo de produtos alimenticios e bebidas en xeral (agás 647.4 e 647.5).

651. Comercio polo miúdo de produtos téxtiles, confección, calzado, peles e artigos de coiro.

652. Comercio polo miúdo de medicamentos, artigos de drogaría e limpeza, perfumaría e cosméticos (agás 652.1).

653. Comercio polo miúdo de artigos para o equipamento do fogar e a construción (agás 653.4).

656. Comercio polo miúdo de bens usados, tales como mobles, roupa e enxoval ordinario de uso doméstico.

657. Comercio polo miúdo de instrumentos musicais en xeral, así como dos seus accesorios.

659. Outro comercio polo miudo.

665. Actividades empresariais de comercio realizadas fóra do establecemento permanente: «comercio retallista por correo o catálogo». No caso de comercio en liña, non será subvencionable a comercialización en liña de produtos non comprendidos no anexo II nin produtos ou servizos non comprendidos no ámbito de aplicación da Lei 13/2010, do 17 de decembro, do comercio interior de Galicia.

ANEXO III

431.1. Preparación das fibras de algodón (descarozado, cardado, peiteado).

431.2. Fiado retorcido do algodón e as súas mesturas.

431.3. Fiado do algodón e as súas mesturas.

432.1. Preparación das fibras de la (clasificación, lavado, cardado, peiteado).

432.2. Fiado e retorcido de la e as súas mesturas.

432.3. Tecido da la e as súas mesturas.

433.1. Produtos da industria da seda natural e as súas mesturas.

433.2. Preparación, fiado e tecido das fibras artificiais e sintéticas.

434.1. Fibras duras preparadas para o fiado.

434.2. Subprodutos e produtos residuais da preparación as fibras duras.

434.3. Fiados e retorcidos de fibras duras e as súas mesturas.

434.4. Tecidos de fibras duras e as súas mesturas.

435.1. Fabricación de xéneros de punto en peza.

435.2. Fabricación de calcetaría.

435.3. Fabricación de pezas interiores e roupa de durmir de punto.

435.4. Fabricación de pezas exteriores de punto.

436.1. Téxtiles branqueados.

436.2. Téxtiles tinguidos.

436.3. Téxtiles estampados.

436.9. Téxtiles aprestados, mercerizados o acabados doutra forma.

439.1. Cordelaría.

439.2. Fabricación de feltros, tules, encaixes, pasamanería, etc.

439.3. Fabricación de téxtiles con fibras de recuperación.

451.1. Produtos intermedios para a fabricación de calzado e servizos de acabado.

451.2. Calzado de rúa fabricado en serie.

451.3. Zapatillas de casa, calzados especiais, polainas e similares, fabricados en serie.

452.1. Calzado de artesanía e a medida.

453. Confección en serie de toda clase de pezas de vestir e os seus complementos. A execución de traballos de deseño de modelos e patróns, cosido a máquina, de vainicas, plisados y outras actividades anexas á industria do vestido non especificadas noutras epígrafes.

454.1. Confección de pezas de vestir feitas a medida.

454.2. Confección de sombreiros e accesorios para o vestido.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file