DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 148 Xoves, 1 de agosto de 2024 Páx. 45138

IV. Oposicións e concursos

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 23 de xullo de 2024, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se declaran con carácter definitivo as persoas aspirantes admitidas e excluídas nas convocatorias excepcionais do proceso selectivo de estabilización, polo sistema de concurso de méritos, e se publican as puntuacións provisionais para o ingreso en diversas categorías de persoal estatutario.

Mediante as resolucións desta dirección xeral do 26, 27 e 28 de decembro de 2022 (DOG núm. 4, do 5 de xaneiro de 2023) realizouse a convocatoria excepcional do proceso selectivo de estabilización, polo sistema de concurso de méritos, para o ingreso en diversas categorías de persoal estatutario.

Mediante a resolución deste mesmo centro directivo, do 11 de abril de 2023 (DOG núm. 77, do 21 de abril), publicouse a relación provisional de admitidos/as e excluídos/as na convocatoria excepcional do proceso selectivo de estabilización, polo sistema de concurso de méritos, para o ingreso en diversas categorías de persoal estatutario. E xa finalizou o prazo de emenda previsto na base sexta das resolucións de convocatoria.

A base oitava das resolucións da Dirección Xeral de Recursos Humanos do 26, 27 e 28 de decembro de 2022 de convocatoria do proceso dispón que, realizada polo respectivo tribunal a baremación dos méritos achegados polos/as aspirantes, a Dirección Xeral de Recursos Humanos publicará no Diario Oficial de Galicia o anuncio da súa exposición con indicación da puntuación provisional obtida por cada aspirante nas distintas epígrafes, a correspondente á acreditación do coñecemento da lingua galega, de ser o caso, así como a valoración total do concurso de méritos.

De conformidade coa antedita base, esta dirección xeral, como órgano convocante do proceso,

RESOLVE:

Primeiro. Declarar, con carácter definitivo, as persoas aspirantes admitidas e excluídas no proceso selectivo de estabilización, polo sistema de concurso de méritos, e publicar as puntuacións provisionais obtidas polos/as aspirantes admitidos/as no proceso selectivo para o ingreso nas seguintes categorías de persoal estatutario:

– Grupo administrativo da función administrativa.

– Grupo de xestión da función administrativa.

– Grupo técnico da función administrativa.

– Persoal técnico de grao medio en prevención de riscos laborais.

– Persoal técnico superior.

– Persoal técnico superior en prevención de riscos laborais.

– Técnico/a especialista de sistemas e tecnoloxías da información.

– Técnico/a de grao medio.

– Traballador/a social.

Segundo. As puntuacións provisionais, así como as listas coa relación definitiva de admitidos/as e excluídos/as, con indicación do motivo de exclusión, nas categorías relacionadas na epígrafe anterior, poderanse examinar na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es).

Cada aspirante poderá consultar o estado da solicitude, ademais do detalle da puntuación obtida nas distintas epígrafes do baremo, no seu expediente electrónico persoal no Fides/expedient-e/sección de procesos/concurso de méritos.

Coa finalidade de dotar de transparencia o proceso, ao existiren aspirantes empatados, publicarase na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es) a información que permitirá verificar a aplicación correcta do criterio de desempate establecido na base 8.1.6 da correspondente resolución de convocatoria dos distintos procesos.

Terceiro. Contra as listas definitivas de admitidos/as e excluídos/as, as persoas excluídas poderán interpor recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución, nos termos da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Potestativamente, e con carácter previo, poderán interpor recurso de reposición, ante a Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao desta publicación.

Cuarto. De conformidade coa base oitava das resolucións da Dirección Xeral de Recursos Humanos do 26, 27 e 28 de decembro de 2022, de convocatoria do proceso, os/as aspirantes admitidos/as poderán presentar reclamación ante o propio tribunal no prazo de dez (10) días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, para formularen reclamación contra os resultados da baremación provisional. Tales reclamacións serán rexeitadas ou admitidas na resolución definitiva, que aprobará esta dirección xeral e que se publicará no Diario Oficial de Galicia, logo da análise das reclamacións por parte do tribunal que efectuará, de ser o caso, as oportunas correccións e aprobará as puntuacións definitivas de méritos do concurso elevándoas á autoridade convocante.

Santiago de Compostela, 23 de xullo de 2024

María del Mar Pousa Cobas
Directora xeral de Recursos Humanos