DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 146 Martes, 30 de xullo de 2024 Páx. 44844

III. Outras disposicións

Axencia Instituto Enerxético de Galicia

RESOLUCIÓN do 18 de xullo de 2024 pola que se amplía o prazo de presentación de solicitudes recollido na Resolución do 26 de xullo de 2021 pola que se aproba a convocatoria do procedemento de concesión de axudas correspondentes ao Programa de incentivos á mobilidade eléctrica (programa Moves III) no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU (códigos de procedemento IN421Q e IN421R).

Os programas de incentivos ligados á mobilidade eléctrica (Moves III) no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia europeo están regulados polo Real decreto 266/2021, do 13 de abril, e foron convocados en Galicia mediante a Resolución do Inega do 26 de xullo de 2021, publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) núm. 149, do 5 de agosto.

A Resolución do Inega, do 26 de xullo de 2021, pola que se convoca o Programa estatal de incentivos á mobilidade eléctrica (Moves III) foi modificada pola Resolución do 21 de outubro de 2021 (DOG núm. 207, do 27 de outubro); pola Resolución do 23 de decembro de 2021 (DOG núm. 8, do 13 de xaneiro); pola Resolución do 13 de outubro de 2022 (DOG núm. 201, do 21 de outubro); pola Resolución do 12 de xuño de 2023 (DOG núm. 116, do 20 de xuño); pola Resolución do 15 de decembro de 2023 (DOG núm. 243, do 26 de decembro) e pola Resolución do 6 de xuño de 2024 (DOG núm. 115, do 14 de xuño). Ademais, actualmente estase tramitando unha redistribución do crédito asignado aos programas. Conforme a Resolución do 15 de decembro de 2023 o prazo de presentación de solicitudes ampliouse ata o 31 de xullo de 2024.

O 27 de xuño de 2024 publícase no Boletín Oficial del Estado (BOE) o Real decreto lei 4/2024, do 26 de xuño, polo que se prorrogan determinadas medidas para afrontar as consecuencias económicas e sociais derivadas dos conflitos en Ucraína e Oriente Próximo e adóptanse medidas urxentes en materia fiscal, enerxética e social, entre as cales, no artigo 27, amplíase a vixencia do Real decreto 266/2021 ata o 31 de decembro de 2024.

En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 28 do Estatuto de autonomía, das facultades conferidas pola Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e de acordo co sinalado no Decreto 142/2016, do 22 de setembro, polo que se modifican as normas reguladoras do Instituto Enerxético de Galicia e se aproban os estatutos da Axencia Instituto Enerxético de Galicia.

RESOLVO:

Primeiro. Modificar a Resolución do 26 de xullo de 2021 pola que se aproba a convocatoria do procedemento de concesión de axudas correspondentes ao Programa de incentivos á mobilidade eléctrica (programa Moves III), no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea, NextGenerationEU (códigos de procedemento IN421Q e IN421R) nos seguintes termos:

Un. O punto 3 do artigo 6 queda redactado como segue:

«3. Prazo para presentar as solicitudes.

O prazo de presentación de solicitudes de adhesión das entidades colaboradoras comezará o día hábil seguinte ao da publicación no DOG da presente convocatoria e finalizará cando remate a vixencia do programa Moves III en Galicia, o cal sucederá, segundo o recollido no artigo 4 do Real decreto 266/2021, o 31 de decembro de 2024.

Para solicitar a súa adhesión terán que cubrir e presentar o formulario de adhesión (anexo I)».

Dous. O punto 2 do artigo 7 queda redactado como segue:

«2. O prazo de presentación de solicitudes comezará as 9.00 horas do día 13 de setembro de 2021 e rematará o 31 de decembro de 2024».

Segundo. Esta modificación entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de xullo de 2024

Pablo Fernández Vila
Director da Axencia Instituto Enerxético de Galicia