DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 145 Luns, 29 de xullo de 2024 Páx. 44500

III. Outras disposicións

Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

ORDE do 17 de xullo de 2024 pola que se modifica a autorización do centro privado Chíos Formación, da Coruña.

A titularidade do centro privado (CPR) Chíos Formación, da Coruña, solicita a supresión do ciclo formativo de grao superior (CS) Integración social e do CS Promoción de igualdade de xénero; así mesmo, solicita a autorización para impartir na modalidade semipresencial e/ou a distancia o ciclo formativo de grao medio (CM) Coidados auxiliares de enfermaría, o CS Educación infantil e o CS Márketing e publicidade.

O centro está autorizado para impartir na modalidade presencial as ensinanzas que solicita impartir na modalidade semipresencial e/ou a distancia en virtude da Orde do 19 de xullo de 2019 (DOG do 5 de agosto).

Logo da tramitación do expediente de acordo co establecido no Real decreto 659/2023, do 18 de xullo, que desenvolve a ordenación do Sistema de formación profesional, co Decreto 133/1995, do 10 de maio, de autorización de centros docentes privados para impartir ensinanzas de réxime xeral non universitarias, e coa Orde do 20 de setembro de 1995 que o desenvolve, por proposta da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos,

DISPOÑO:

Artigo 1. Modificación da autorización

Modificar a autorización e suprimir o CS Integración social e o CS Promoción de igualdade de xénero, e autorizar na modalidade semipresencial e/ou a distancia o CM Coidados auxiliares de enfermaría, o CS Educación infantil e o CS Márketing e publicidade. O centro queda configurado como se sinala a seguir:

Denominación xenérica: centro privado (CPR).

Denominación específica: Chíos Formación.

Código do centro: 15032893.

Domicilio: avenida do Exército, nº 2.

Localidade: A Coruña.

Código postal: 15006.

Concello: A Coruña.

Provincia: A Coruña.

Titular: Chíos Formación, S.L.

Composición resultante:

a) Modalidade presencial:

• 2 CM Coidados auxiliares de enfermaría (2 unidades para 30 alumnos/as cada unha).

• 1 CS Desenvolvemento de aplicacións multiplataforma (2 unidades para 20 alumnos/as cada unha).

• 1 CS Desenvolvemento de aplicacións web (2 unidades para 20 alumnos/as cada unha).

• 1 CS Educación infantil (2 unidades para 20 alumnos/as cada unha).

• 1 CS Márketing e publicidade (2 unidades para 20 alumnos/as cada unha).

b) Modalidade semipresencial e/ou a distancia.

• CM Coidados auxiliares de enfermaría.

• CS Desenvolvemento de aplicacións web.

• CS Desenvolvemento de aplicacións multiplataforma.

• CS Educación Infantil.

• CS Márketing e publicidade.

Artigo 2. Ordenación académica

1. Ás ensinanzas autorizadas no artigo 1 desta orde aplicaráselles, en canto sexa axeitado á súa natureza, o previsto na Orde do 5 de novembro de 2010 pola que se establece, con carácter experimental, a ordenación da formación profesional inicial polo réxime para as persoas adultas nas modalidades a distancia e semipresencial.

2. O desenvolvemento dos módulos profesionais organizarase sobre a base da titoría individual e colectiva, que serán atendidas directamente polo profesorado de cada módulo. A titoría individual realizarase preferentemente de xeito telemático; a titoría colectiva terá carácter presencial coa intervención directa do profesorado, nas instalacións do centro docente.

A asistencia ás titorías presenciais nas instalacións do centro educativo terá carácter voluntario para o alumnado.

3. Ao longo do período lectivo correspondente, o profesorado de cada módulo profesional realizará un seguimento do desenvolvemento do proceso de ensino e aprendizaxe, utilizando para iso os instrumentos e os procedementos de recollida de información previamente establecidos na programación dos módulos, que deberán ser coñecidos polo alumnado.

A avaliación da aprendizaxe do alumnado será continua a través das actividades que se programen e harmonizarase con probas presenciais teórico-prácticas para cada avaliación parcial, de carácter obrigatorio para o alumnado, e axustadas aos resultados de aprendizaxe e aos criterios de avaliación dos currículos dos módulos profesionais. Ao finalizar o desenvolvemento de cada módulo, realizarase unha proba presencial final de carácter global. Esta proba terá que realizala o alumnado que non superase o módulo mediante as probas presenciais parciais que se realicen ao longo do curso.

4. O profesorado que imparta nas modalidades de distancia e semipresencial disporá das competencias necesarias para o manexo da plataforma de formación a distancia e para realizar o seguimento do proceso de ensino-aprendizaxe do alumnado.

Artigo 3. Inicio da actividade

Para a posta en funcionamento das ensinanzas que se autorizan, a Dirección Territorial da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Coruña, logo do informe do Servizo Territorial de Inspección Educativa, aprobará expresamente a relación do profesorado que impartirá docencia nos ditos ciclos, así como o equipamento.

Artigo 4. Inscrición no Rexistro de Centros

Esta orde dará lugar á correspondente inscrición no Rexistro de Centros da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 5. Revisión da autorización

O centro queda obrigado ao cumprimento da normativa vixente e a solicitar a oportuna revisión cando teña que modificarse calquera dos datos que se sinalan nesta orde.

Disposición derradeira primeira. Recursos

Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán formular recurso potestativo de reposición, ante esta consellería, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses desde a mesma data, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de xullo de 2024

Román Rodríguez González
Conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional