DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 145 Luns, 29 de xullo de 2024 Páx. 44496

III. Outras disposicións

Presidencia da Xunta de Galicia

RESOLUCIÓN do 18 de xullo de 2024, da Asesoría Xurídica Xeral, sobre delegación de competencias na Dirección Xeral de Asuntos Constitucionais e Desenvolvemento Lexislativo.

O Decreto 42/2024, do 14 de abril, estableceu a estrutura orgánica da Xunta de Galicia. Pola súa parte, o Decreto 48/2024, do 22 de abril, determinou os órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia.

En aplicación do disposto no artigo 27 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, o Decreto 135/2024, do 20 de maio, estableceu a estrutura orgánica dos órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, entre os cales se atopa a Asesoría Xurídica Xeral, con rango de secretaría xeral, a que se adscribe a Dirección Xeral de Asuntos Constitucionais e Desenvolvemento Lexislativo.

O Regulamento orgánico da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia, de acordo coa redacción dada polo Decreto 135/2024, do 20 de maio, atribúelle á persoa titular da Dirección Xeral de Asuntos Constitucionais e Desenvolvemento Lexislativo as seguintes funcións: dirixir e coordinar as funcións de asuntos constitucionais e desenvolvemento lexislativo atribuídas a Asesoría Xurídica Xeral. Para estes efectos, quedan adscritos a esta dirección xeral o Gabinete de Asuntos Constitucionais e o Gabinete de Desenvolvemento Lexislativo previstos nos artigos 9.bis e 11; representar a Asesoría Xurídica Xeral na Comisión Bilateral de Cooperación Administración xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia; coordinar o asesoramento e o seguimento da normativa do Estado ou doutras comunidades autónomas para os efectos do cumprimento do bloque de constitucionalidade e, en especial, da distribución de competencias derivada del; coordinar os informes en dereito e, de ser o caso, a elaboración dos anteproxectos e proxectos de disposición cando afecten ou poidan afectar a Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia, a súa organización, funcionamento e réxime de actuacións; organizar actividades que teñan por obxecto a formación e perfeccionamento do persoal letrado da Xunta de Galicia; levar os asuntos administrativos, de organización, de persoal e de réxime interior e apoiar a persoa titular da Asesoría Xurídica Xeral no exercicio das súas funcións, así como levar, dirixir, supervisar ou coordinar aqueles ámbitos da prestación de asistencia xurídica e contenciosa ou asuntos concretos que lle sexan encomendados.

A nova organización da Asesoría Xurídica Xeral, así como as funcións atribuídas á Dirección Xeral de Asuntos Constitucionais e Desenvolvemento Lexislativo, perseguen facer máis áxil e eficaz a xestión administrativa, o que, tendo en conta os principios de eficacia, suficiencia e racionalización que deben inspirar a actuación e a organización da Administración, require efectuar unha delegación de competencias que ordene a actuación administrativa.

En consecuencia, de conformidade co establecido no artigo 6 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e no artigo 9 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público,

RESOLVO:

Primeiro. Delegación de competencias

Delégase na persoa titular da Dirección Xeral de Asuntos Constitucionais e Desenvolvemento Lexislativo o exercicio das seguintes competencias:

a) A administración dos créditos para gastos dos orzamentos da Asesoría Xurídica Xeral. A aprobación e o compromiso dos gastos que non sexan da competencia do Consello da Xunta, o recoñecemento das obrigas económicas e a proposta do seu pagamento, así como as demais competencias atribuídas ás persoas titulares das consellerías en materia orzamentaria, agás o capítulo I.

b) Todas as facultades que a normativa vixente na materia lles atribúe aos órganos de contratación, así como a formalización de convenios no seu respectivo ámbito competencial.

c) A resolución dos procedementos de revisión de oficio dos actos administrativos nulos, a declaración da lesividade dos actos anulables e a revogación dos actos de gravame ou desfavorables, así como a resolución das reclamacións de responsabilidade patrimonial.

d) A designación de comisións de servizos con dereito a indemnización, prevista no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, de todo o persoal da respectiva secretaría xeral.

e) As competencias que a normativa vixente atribúe á persoa titular da Secretaría Xeral da Asesoría Xurídica en materia do exercicio e disposición de accións xudiciais en nome da Administración xeral da Comunidade Autónoma e dos entes asistidos.

f) A emisión do informe previo necesario para que se poida acordar a representación e defensa en xuízo por un avogado ou procurador en exercicio, nos termos previstos na na normativa de aplicación.

g) A totalidade das competencias que a normativa vixente atribúe á persoa titular da Secretaría Xeral da Asesoría Xurídica en relación coas autorizacións aos letrados/as da Xunta de Galicia para:

1º. Asumir a representación e defensa en procedementos arbitrais e outras reclamacións extraxudiciais de carácter nacional ou internacional conforme a lexislación aplicable.

2º. Non interpoñer os recursos ordinarios procedentes contra as sentenzas e autos que sexan adversos á Administración autonómica.

h) A totalidade das competencias que a normativa vixente atribúe á persoa titular da Secretaría Xeral da Asesoría Xurídica en relación coa concesión, denegación, revogación e suspensión do prazo para resolver as autorizacións aos letrados/as da Xunta de Galicia para asumir a asistencia, defensa ou representación de persoas funcionarias, autoridades ou persoal ao servizo da Administración xeral da Comunidade Autónoma ou entes asistidos.

i) A resolución dos recursos de alzada fronte aos actos dos letrados/as da Xunta de Galicia que declaren a invalidez, a insuficiencia dos documentos presentados para acreditar a personalidade ou a representación dunha persoa por outra ou que, en definitiva, desestimen a solicitude de verificación de documentos.

j) As competencias que a normativa vixente atribúe á persoa titular da Secretaría Xeral da Asesoría Xurídica en materia de habilitación temporal de funcionarios de carreira da Comunidade Autónoma con título de licenciado ou graduado en Dereito e pertencentes ao subgrupo A1 en postos de traballo correspondentes á escala de letrados e de habilitación de persoal funcionario licenciado ou graduado en Dereito que preste os seus servizos en postos de traballo dos órganos asistidos.

k) A proposta á consellería competente para a súa aprobación da convocatoria da oposición para o ingreso na escala de letrados da Xunta de Galicia, así como da designación das persoas que ocupen a presidencia e a secretaría do tribunal da referida oposición.

Segundo. Criterios complementarios na aplicación das delegacións

Na aplicación das delegacións de competencias contidas nesta orde teranse en conta os seguintes criterios:

a) O exercicio das competencias que se delegan nesta orde axustarase ao disposto no artigo 6 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e no artigo 9 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

b) En calquera momento, a persoa titular da Secretaría Xeral da Asesoría Xurídica Xeral poderá avocar o exercicio das competencias que se delegan nesta orde.

Terceiro. Resolucións ditadas por delegación

As resolucións administrativas que se adopten facendo uso das delegacións contidas nesta orde farán constar expresamente esta circunstancia e consideraranse ditadas polo órgano delegante.

Cuarto. Eficacia da delegación

Esta resolución producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de xullo de 2024

Manuel Pillado Quintáns
Secretario xeral da Asesoría Xurídica Xeral