DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 144 Venres, 26 de xullo de 2024 Páx. 44408

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 12 de xullo de 2024, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 11 de xullo de 2024, relativa á solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do monte veciñal en man común Chancela, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Muradás, no concello de Beariz.

Examinada a solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do MVMC Chancela, pertencente á CMVMC de Muradás, no concello de Beariz, resultan os seguintes

Feitos:

Primeiro. O 29.9.2022 a CMVMC de Muradás presentou unha solicitude (Rexel núm. 2022/2399620) de revisión de esbozo do MVMC Chancela, no concello de Beariz.

Coa solicitude achegaron a seguinte documentación:

– Certificación do acordo da Asemblea Xeral do día 15.7.2023.

– Memoria e planos.

– Arquivos xeográficos en formato vectorial.

Segundo. O Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense emitiu un informe favorable o día 17 de outubro de 2023 en relación coa citada solicitude. A liña de revisión de esbozo presentada linda con 4 montes veciñais: MVMC Foral de Ventelas, das Ventelas; MVMC As Santas, das Antas, MVMC Pena Marela, Marcofán, Costa do Muíño e Piñeiros, de Magros, e o MVMC Marcofán, de Igrexario. Polo que se lle requiriu o 27.9.2023 para que xustificase os acordos con estas comunidades de montes.

O 5.10.2023, o solicitante contesta o requirimento e xustifica os lindes cos montes veciñais, resultando que:

– MVMC Foral de Ventelas, das Ventelas. Apróbase o deslindamento con data do 28.11.2002, referente á demanda feita pola comunidade de montes de Muradas. Neste caso acéptase este tramo da revisión de esbozo pois se dixitaliza a sentenza.

– MVMC As Santas, das Antas. O esbozo de Muradas non invade o perímetro do monte das Antas e respéctanse as parcelas catastrais a nome da comunidade de Muradás, tal e como se indicaron nas pautas de revisión de esbozo realizadas pola Consellería do Medio Rural. Neste caso acéptase o tramo que segue a sentenza mencionada pero elimínase do esbozo o outro tramo coincidente co esbozo existente anterior, que separaba o MVMC Foral de Ventelas co MVMC As Santas.

– MVMC Pena Marela, Marcofán, Costa do Muíño e Piñeiros, de Magros. Preséntase a acta de asemblea de Magros que coincide co esbozo co monte de Chancela ademais que con este monte divide polo río Chancela, tal como se indica no esbozo. Neste caso acéptase este tramo completo da revisión de esbozo, ao existir outra revisión de esbozo da comunidade de Magros tramitada paralelamente e coa súa aceptación en asemblea.

– MVMC Marcofán, de Igrexario. Había unha zona que invadía o esbozo do monte de Igrexario. Modificouse o esbozo, polo tanto, non invade a carpeta ficha de Igrexario nin a súa parcela catastral. Neste caso acéptanse os tramos non coincidentes co esbozo existente, pero non se acepta o resto, ao ser exactamente igual á anterior dixitalización da carpeta ficha.

A superficie do MVMC Chancela, unha vez revisado o esbozo, resulta de 353,48 ha fronte ás 341 ha tras a sentenza que modifica a clasificación, o que supón un aumento de superficie dun 3,7 %.

Tendo en conta o anterior, emítese informe favorable sobre a revisión do esbozo do MVMC Chancela.

Consideracións legais e técnicas:

Único. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.

De acordo con ela, os esbozos de montes veciñais integrados nun expediente que, pola súa antigüidade non reúnan as características de fiabilidade e precisión que exixen as novas técnicas topográficas poderán ser obxecto de revisión axustándoos e completándoos con aqueles datos e documentos que se consideren necesarios, en particular os requiridos para a súa inmatriculación no Rexistro da Propiedade.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 17 de outubro de 2023, o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade o día 24 de xuño de 2024:

Aprobar a proposta de revisión de esbozo do MVMC Chancela, pertencente á CMVMC de Muradás, no concello de Beariz.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto no artigo 12 da citada Lei 13/1989, nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Ourense, 12 de xullo de 2024

José Antonio Armada Pérez
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense