DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 142 Martes, 23 de xullo de 2024 Páx. 43875

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 22 de xullo de 2024 pola que se establecen os criterios de distribución do fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local destinado á realización de investimentos en infraestruturas municipais de carácter estratéxico, previsto na letra i) do artigo 59.catro da Lei de orzamentos xerais para 2024 (código de procedemento PR486E).

Consonte o acordo acadado na Subcomisión Permanente do Réxime Económico e Financeiro da Comisión Galega de Cooperación Local, o fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local previsto na letra i) do artigo 59.catro da Lei 9/2023, do 28 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2024, recolle unha importante dotación para o financiamento de investimentos en infraestruturas municipais que supoñan un desenvolvemento estratéxico desde o punto de vista económico, social ou territorial do concello.

Na devandita lei indícase que a distribución do importe destinado aos investimentos estratéxicos municipais se realizará en función dos criterios que estableza a consellería competente en materia de Administración local.

Conforme o artigo 1 do Decreto 136/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes (DOG núm. 101, do 27 de maio) é este o departamento da Xunta de Galicia ao cal lle corresponden a elaboración, a proposta e a execución da política do Goberno galego en materia de Administración local.

Baixo a superior dirección da persoa titular da consellería, a Dirección Xeral de Administración Local é o órgano encargado da xestión das competencias nesta materia. No seu exercicio, correspóndenlle as relacións coas entidades locais e coas demais institucións relacionadas co ámbito do poder local e, en particular, a proposición das directrices en relación cos programas de cooperación e financiamento local e, en especial, co Fondo de Cooperación Local.

Seguindo a regulación prevista na propia Lei de orzamentos, cómpre establecer e precisar as condicións de distribución do fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local previsto na letra i) do artigo 59.catro da citada Lei de orzamentos xerais para 2024, considerando como criterio determinante a realización de investimentos en infraestruturas municipais que supoñan un desenvolvemento estratéxico desde o punto de vista económico, social ou territorial do concello.

Con base en todo o anterior, de conformidade co establecido na Lei 9/2024, do 28 de decembro, ao abeiro das competencias atribuídas polo Decreto 136/2024, do 20 de maio, resolvo aprobar os criterios de distribución do fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local recollido na letra i) do artigo 59.catro da citada Lei de orzamentos xerais para 2024.

Artigo 1. Obxecto

O obxecto desta orde é establecer os criterios para a distribución da dotación do fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local prevista na letra i) do artigo 59.catro da Lei 9/2023, do 28 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2024 e abrir un prazo para presentar as solicitudes de financiamento para proxectos estratéxicos (código de procedemento PR486E).

Artigo 2. Destinatarios

1. A dotación do fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local a que fai referencia a letra i) do artigo 59.catro da Lei de orzamentos ten como destinatarios os concellos que realicen investimentos en infraestruturas municipais que supoñan un desenvolvemento estratéxico desde o punto de vista económico, social ou territorial do concello.

2. Os concellos poderán presentar proxectos de forma individual ou proxectos conxuntos, a través de asociacións ou agrupacións reguladas por convenio ou mediante mancomunidades.

3. Para poder acceder ás achegas do fondo adicional, as entidades solicitantes deben acreditar a remisión da conta xeral do exercicio que corresponda ao Consello de Contas de Galicia.

Artigo 3. Dotación do fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local

1. A dotación do fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local previsto na letra i) do artigo 59.catro da Lei de orzamentos xerais para 2024 ascende a un total de 8.483.000,00 €, para a que existe crédito adecuado e suficiente na sección 21 (transferencias a corporacións locais) dos orzamentos para 2024.

2. As operacións necesarias para a xestión orzamentaria e contable desta achega realizaraas a Dirección Xeral de Orzamentos e Financiamento Autonómico por proposta da Dirección Xeral de Administración Local, que ditará os actos administrativos que precisen de soporte contable.

Artigo 4. Actuacións financiables

1. A dotación do fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local a que fai referencia esta orde está destinada a realizar de investimentos de carácter estratéxico para a respectiva entidade local.

2. Para os efectos deste fondo e sempre que se xustifique debidamente na memoria xustificativa e no proxecto que se presente, considéranse proxectos estratéxicos:

a. Os proxectos para a realizar investimentos nas infraestruturas locais que sexan fundamentais ou decisivos para a mellora dos servizos, para o desenvolvemento social ou para o equilibrio territorial e que teñan repercusión no ámbito supramunicipal ou comarcal.

b. Os proxectos de investimentos en infraestruturas locais con transcendencia económica ou industrial en sectores estratéxicos de ámbito local ou comarcal, que incentiven o desenvolvemento empresarial ou que promovan o tecido comercial da zona.

c. Os proxectos que desenvolvan investimentos en infraestruturas municipais previstos nun plan estratéxico aprobado pola entidade local.

3. Sen prexuízo de que o proxecto reúna as características sinaladas nas letras a), b) ou c) da alínea anterior, que quedarán debidamente xustificadas no expediente, para a súa consideración como estratéxico o proxecto deberá ter un orzamento mínimo de 500.000,00 €.

Artigo 5. Importes máximos das asignacións

O importe das asignacións deste fondo adicional non superarán o importe equivalente ao 50 % do orzamento ou, de ser o caso, do seu custo final, co límite de 700.000,00 € por cada proxecto estratéxico.

Artigo 6. Prazo e forma de presentación de proxectos estratéxicos

1. Para poder recibir a asignación regulada nesta orde, as entidades deberán presentar unha solicitude na sede electrónica da Xunta de Galicia, dirixida á Dirección Xeral de Administración Local, segundo o modelo que figura como anexo I a esta orde.

2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

3. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

4. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

5. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao da publicación, entenderase que o prazo finaliza o último día do mes.

Artigo 7. Documentación complementaria

1. Os concellos interesados deberán achegar co anexo I da solicitude, debidamente cuberta, a seguinte documentación:

a. Proxecto para o cal se solicita a asignación do fondo adicional.

b. Memoria xustificativa do carácter estratéxico do investimento.

c. Memoria económica do proxecto.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas achega a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

3. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia dun documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderán requirir a exhibición do documento en cuestión ou da información orixinal.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 8. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Instrución e resolución

1. A Dirección Xeral de Administración Local será o órgano competente para a instrución do procedemento e poderá solicitar calquera documentación que considere necesaria para a correcta verificación da solicitude.

2. O defecto nas solicitudes notificaráselles ás entidades e daráselles un prazo de dez días para emendaren os erros ou omisións, con indicación de que, de non o faceren así, se terán por desistidas da súa petición, logo da resolución, que se deberá ditar nos termos do artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. Unha vez rematado o prazo para a presentación das solicitudes, revisadas estas e a súa documentación e feitas as emendas necesarias, aqueles expedientes que reúnan todos os requisitos e conteñan a documentación preceptiva serán trasladados a unha comisión, designada e presidida pola persoa titular da Dirección Xeral de Administración Local, para que os examine e elabore unha proposta motivada de asignación de acordo cos criterios de valoración detallados no artigo 10, da cal quedará constancia en acta motivada.

En ningún caso a proposta total da comisión poderá superar o importe fixado na letra i) do artigo 59.catro da Lei de orzamentos xerais para 2024.

4. A Dirección Xeral de Administración Local elevaralle a proposta de asignación das asignacións á persoa titular da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, quen resolverá.

5. Contra esta resolución as entidades interesadas poderán interpor recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da notificación, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante o xulgado do contencioso-administrativo que corresponda.

6. O prazo para resolver e notificar os procedementos iniciados en virtude desta orde será de tres meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. O vencemento deste prazo máximo sen que sexa notificada a resolución lexitima os interesados para entenderen desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

Artigo 10. Criterios de valoración

1. Na valoración das solicitudes presentadas a comisión ponderará os seguintes aspectos, ata un máximo de 100 puntos:

a. A xustificación do carácter estratéxico do proxecto recollido na memoria xustificativa ou no propio documento técnico valorarase ata un máximo de 20 puntos, en función dos aspectos que se sinalan a seguir:

a) Se o carácter estratéxico do proxecto non está razoado nin motivado, asignaranse 0 puntos.

b) A xustificación básica, suficiente e adecuada do carácter estratéxico do proxecto valorarase con 10 puntos.

c) A xustificación detallada, exhaustiva e documentada do carácter estratéxico do proxecto valorarase con 20 puntos.

b. A identificación da repercusión económica ou social do proxecto e da transcendencia económica ou industrial puntuarase ata un máximo de 30 puntos, co seguinte detalle:

a) Se non se achega xustificación da repercusión económica ou social do proxecto, asignaranse 0 puntos.

b) Unha suficiente e adecuada xustificación da repercusión económica ou social do proxecto valorarase con 10 puntos.

c) Unha detallada, exhaustiva e documentada repercusión económica ou social do proxecto valorarase con 20 puntos.

d) Os investimentos en infraestruturas previstos, desenvolvidos ou financiados ao abeiro doutros instrumentos de planificación estratéxica valoraranse con 30 puntos.

c. Á repercusión territorial do proxecto sobre o ámbito supramunicipal ou comarcal asignaráselle un máximo de 20 puntos, coa seguinte desagregación:

a) Non se achega xustificación da repercusión territorial do proxecto estratéxico, polo que se asignarán 0 puntos.

b) Á suficiente xustificación da repercusión territorial do proxecto sobre o ámbito supramunicipal ou comarcal asignaránselle 10 puntos.

c) A xustificación detallada, razoada, concretamente identificada e documentada da repercusión territorial do proxecto sobre o ámbito supramunicipal ou comarcal valorarase con 20 puntos.

d. O carácter conxunto do proxecto valorarase con base no número de entidades locais que participan, coa seguinte gradación:

a) Os proxectos promovidos por un único concello valoraranse con 5 puntos.

b) Os proxectos promovidos por unha agrupación de 2 concellos valoraranse con 10 puntos.

c) Os proxectos promovidos por unha agrupación de 3 concellos valoraranse con 20 puntos.

d) Os proxectos promovidos por unha agrupación de 3 ou máis concellos ou por unha mancomunidade de concellos valoraranse con 30 puntos.

2. En caso de coincidir a puntuación de varias solicitudes, priorizaranse os proxectos que obteñan maior puntuación nas letras a), b), c) ou d) da alínea anterior. Estes criterios de desempate aplicaranse sucesivamente, de ser o caso, ata resolver a situación.

Artigo 11. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico poderán crear de oficio o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpran a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, efectuarase polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 12. Libramento dos fondos

1. Unha vez notificada a cada entidade beneficiaria a asignación do fondo e o seu importe, libraráselle a cantidade correspondente á achega asignada para a execución do investimento.

2. Con carácter xeral, o aboamento da achega efectuarase directamente á entidade local na mesma conta en que se ingresan as achegas mensuais do Fondo de Cooperación Local; ben que, por razóns xustificadas, poderán librarse noutra conta indicada pola entidade para o efecto.

Artigo 13. Obrigas das entidade locais

As entidades locais perceptoras deste fondo adicional asumen as seguintes obrigas:

1. Executar e xustificar o proxecto estratéxico que constitúe o obxecto da achega, nos prazos e na forma que se establecen nesta orde.

2. Destinar os fondos que se perciban á execución do proxecto estratéxico para o cal se asigna a achega do fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local, executar as actuacións que constitúen o seu obxecto e cumprir todas as condicións e obrigas recollidas nesta orde.

3. Tramitar o procedemento de contratación conforme a normativa de aplicación no ámbito local e, especificamente, a que rexe as contratacións das administracións públicas; será a entidade local contratante a responsable directa das consecuencias que poidan derivar dos incumprimentos.

4. Xustificar ante o órgano tramitador a execución do proxecto estratéxico e o seu custo real, no prazo e na forma establecidos nesta orde e na demais normativa de aplicación.

5. Reintegrar as cantidades percibidas, se as houber, xunto cos xuros de demora correspondentes, nos seguintes supostos:

a. Incumprimento das condicións establecidas para a execución e xustificación do proxecto estratéxico nesta orde e na restante normativa de aplicación.

b. Incumprimento da obriga de achegar a documentación acreditativa da aplicación dada aos fondos librados para a execución do proxecto estratéxico, nos prazos e na forma establecidas nesta orde.

c. Procederá o reintegro proporcional se o custo final debidamente xustificado do proxecto estratéxico resulta inferior ao orzado. O eventual exceso de financiamento público calcularase tomando como referencia a proporción que a achega debe acadar respecto do custo total, nos termos do artigo 5 desta orde.

d. No suposto de que se produza exceso de financiamento pola acumulación con subvencións ou axudas percibidas doutras entidades públicas ou privadas, reintegrarase a cantidade que supere o custo do proxecto estratéxico.

e. O incumprimento da obriga de colocar unha placa publicitaria do financiamento do fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local no lugar visible da execución do proxecto estratéxico, suporá o reintegro dunha cantidade equivalente ao 5 % do importe da achega asignada.

6. Comunicarlle ao órgano tramitador a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien o proxecto estratéxico. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

7. Subministrarlle á Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes toda a información que se lle requira en materia de transparencia, de acordo co establecido no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

8. Colaborar e facilitar canta documentación lle sexa requirida, no exercicio das funcións de control que lle corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ao Consello de Contas e ao Tribunal de Contas.

Artigo 14. Comprobación da aplicación dos fondos

1. Cada unha das entidades locais destinatarias deberá acreditar a aplicación dos fondos librados e a execución do proxecto estratéxico mediante a presentación da seguinte documentación:

a. Acta de recepción definitiva do investimento.

b. Certificado da intervención municipal da toma de razón na contabilidade do gasto correspondente ao investimento realizado.

c. Certificado da persoa secretaria para facer constar o acordo do órgano competente en que se declare o cumprimento da finalidade para a que se asignaron os fondos.

d. Fotografías do cartel informativo colocado no lugar das actuacións.

2. A Dirección Xeral de Administración Local poderá requirir as entidades beneficiarias para achegaren cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a correcta verificación da xustificación presentada e a comprobación da execución do investimento.

3. O prazo para a realización dos investimentos, do acto de recepción definitiva da obra e da presentación da documentación xustificativa da aplicación dada aos fondos remata o 15 de novembro de 2025.

4. O transcurso do prazo establecido sen ter presentado a correspondente xustificación dará lugar ao inicio do procedemento de reintegro dos fondos percibidos.

Artigo 15. Incumprimento de obrigas e compromisos

1. O incumprimento das obrigas ou compromisos asumidos ao abeiro desta orde causará a perda do dereito á percepción ou ao cobramento da achega ou, no caso dos libramentos anticipados, a entidade local perceptora deberá proceder ao seu reintegro ou devolución.

2. Sen prexuízo doutros supostos, considérase incumprimento das obrigas ou compromisos adquiridos:

a) Non executar o proxecto estratéxico dentro do prazo fixado nesta orde ou introducir modificacións que o desvirtúen e constitúan un incumprimento das condicións ou requisitos para a súa consideración de proxecto estratéxico.

b) Non acreditar a execución do proxecto estratéxico antes da finalización do prazo de xustificación e/ou non presentar toda a documentación acreditativa da súa execución no tempo e na forma exixibles.

c) Incumprir as normas sobre contratación pública nos procedementos para a execución do proxecto estratéxico.

d) Incumprimento das obrigas de publicidade establecidas no artigo 16.

3. Nos casos en que proceda, a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes poderá exixir o reintegro total ou parcial das cantidades achegadas.

Artigo 16. Publicidade do financiamento

1. As entidades locais deberán dar publicidade do financiamento do proxecto estratéxico pola Xunta de Galicia, de acordo coa imaxe corporativa oficial. As medidas de publicidade consistirán na colocación dun cartel publicitario que estará instalado nun soporte lexible e indeleble durante a execución do proxecto nun lugar visible e público, no modelo que se incorpora no anexo a esta orde, no cal consten expresamente o financiamento da Xunta de Galicia e a referencia ao fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local.

2. Se o proxecto comprende varias actuacións, a obriga de publicidade entenderase referida a cada unha delas.

Artigo 17. Compatibilidade con subvencións ou axudas

1. A achega económica do fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local será compatible con outro financiamento destinado ao mesmo proxecto estratéxico que proveña de subvencións, axudas, ingresos ou recursos, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea e/ou organismos internacionais.

2. Porén, o importe da achega en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outro financiamento que proceda de subvencións, axudas, ingresos ou recursos, supere o orzamento do investimento, o importe de adxudicación ou, de ser o caso, o seu custo final.

Disposición derradeira primeira

Delégase na persoa titular da Dirección Xeral de Administración Local a competencia para resolver os procedementos que se inicien en virtude desta orde, de conformidade co previsto na Orde do 12 de xuño de 2024 sobre delegación de competencias na Secretaría Xeral Técnica e noutros órganos desta consellería (DOG núm. 117, do 18 de xuño).

Disposición derradeira segunda

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Administración Local para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde, en particular para determinar a composición da Comisión de Valoración dos proxectos estratéxicos prevista no artigo 9 desta orde, de ser o caso.

Disposición derradeira terceira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de xullo de 2024

Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes

missing image file
missing image file
missing image file