DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 142 Martes, 23 de xullo de 2024 Páx. 43995

III. Outras disposicións

Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia

EXTRACTO da Resolución do 12 de xullo de 2024 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, correspondentes á liña de actuación 3 de reforzo da conectividade en polígonos industriais e centros loxísticos, no marco do investimento C15.I2 do compoñente 15 do Plan de recuperación, transformación e resiliencia-financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria para o período 2024 (código de procedemento AP400F).

BDNS (Identif.): 775727.

De conformidade co previsto nos artigos 18.2 e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Beneficiarias

As persoas físicas que realicen actividade económica ou persoas xurídicas, titulares ou arrendatarias de bens inmobles situados en polígonos industriais, centros loxísticos ou noutras áreas de alta concentración empresarial como parques empresariais, viveiros de empresas e parques tecnolóxicos ou científicos, situados na Comunidade Autónoma de Galicia. Estas axudas están unicamente destinadas a microempresas, pequenas e medianas empresas (pemes), segundo se definen na Recomendación da Comisión Europea do 6 de maio de 2003.

Segundo. Obxecto

1. Aprobación das bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, correspondente á liña de actuación 3 de reforzo da conectividade en polígonos industriais e centros loxísticos (programa Unico-Industria e empresas), previstas no Real decreto 988/2021, do 16 de novembro (BOE núm. 275, do 17 de novembro).

2. Convocar as citadas subvencións para o período 2024.

As subvencións reguladas nestas bases enmárcanse no investimento C15.I2 do compoñente 15 do Plan de recuperación, transformación e resiliencia-financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 12 de xullo de 2024 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, correspondentes á liña de actuación 3 de reforzo da conectividade en polígonos industriais e centros loxísticos, no marco do investimento C15.I2 do compoñente 15 do Plan de recuperación, transformación e resiliencia-financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria para o período 2024 (código de procedemento AP400F).

Cuarto. Importe

Para o financiamento desta convocatoria está prevista unha dotación orzamentaria máxima de 4.570.853,14 € que se financiarán con cargo á aplicación orzamentaria 07.A1.571A.770.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024.

Este orzamento execútase dentro do código de proxecto 2022 00003 da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.

Este crédito financiarase con fondos europeos procedentes do Plan de recuperación, transformación e resiliencia-financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU.

A intensidade máxima destas subvencións será do oitenta por cento (80 %) do custo elixible do proxecto.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para a presentación das solicitudes iniciarase o día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia, e durará ata o 16 de setembro de 2024, incluído.

Santiago de Compostela, 12 de xullo de 2024

Julián Cerviño Iglesia
Director da Axencia para a Modernización
Tecnolóxica de Galicia