DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 141 Luns, 22 de xullo de 2024 Páx. 43839

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

ANUNCIO do 26 de xuño de 2024, da Dirección Xeral de Comercio e Consumo, polo que se somete a información pública o procedemento ACA 2/2023, relativo á concesión da autorización comercial autonómica para a implantación dun establecemento comercial colectivo en Santiago de Compostela, promovido por Puente de la Rocha Performance, S.L.

De conformidade co disposto no artigo 83 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e no artigo 15.2 do Decreto 211/2012, do 25 de outubro, polo que se regula o procedemento para a obtención da autorización comercial autonómica, iníciase o trámite de información pública, como parte integrante do procedemento para a obtención da autorización comercial autonómica para a implantación dun establecemento comercial colectivo en Santiago de Compostela, promovido por Puente de la Rocha Performance, S.L.

Para estes efectos, cumprindo a información que debe outorgarse ao público sobre os aspectos relevantes relacionados co procedemento de autorización do proxecto de referencia, infórmase do seguinte:

a) Puente de la Rocha Performance, S.L. solicitou a concesión da autorización comercial autonómica para a implantación dun establecemento comercial colectivo en Santiago de Compostela.

b) O órgano competente para resolver a solicitude de concesión da autorización comercial autonómica é a persoa titular da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración en virtude do establecido no artigo 32.1 da Lei do comercio interior de Galicia e no Decreto 147/2024, do 20 de maio, polo que se establece a súa estrutura orgánica.

c) O órgano do que pode obterse información ao respecto é o Servizo de Normativa, Innovación e Ordenación Comercial da Dirección Xeral de Comercio e Consumo.

d) A solicitude e o proxecto están dispoñibles ao público, para a súa consulta, na seguinte ligazón:

https://economia.xunta.gal/transparencia/autorizacions-grandes-superficies-comerciais/a-rocha

e) A participación do público poderá realizarse durante o prazo de 15 días hábiles contados a partir do día seguinte ao de publicación deste anuncio.

Así mesmo, poderán formular as alegacións, observacións e suxestións que xulguen oportunas, que deberán dirixirse á Dirección Xeral de Comercio e Consumo e presentarse por calquera dos medios que recolle o artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administración públicas, no prazo de 20 días hábiles a partir da data de publicación do presente anuncio.

Santiago de Compostela, 26 de xuño de 2024

Gabriel Alén Castro
Director xeral de Comercio e Consumo