DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 141 Luns, 22 de xullo de 2024 Páx. 43470

II. Autoridades e persoal

b) Nomeamentos

Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas

ORDE do 12 de xullo de 2024 pola que se nomean vogais do Consello Reitor da Axencia Galega de Infraestruturas.

O Decreto 173/2011, do 4 de agosto, polo que se aproba o Estatuto da Axencia Galega de Infraestruturas (DOG núm. 163, do 26 de agosto), establece no seu artigo 10 que o Consello Reitor é o órgano colexiado de goberno da Axencia Galega de Infraestruturas e está integrado pola Presidencia, a Vicepresidencia e catro vogais, xunto cunha Secretaría.

O dito artigo 10 do estatuto dispón que os/as vogais do Consello Reitor son nomeados/as e separados/as pola persoa titular da consellería competente en materia de infraestruturas, do seguinte xeito: unha persoa en representación da consellería con competencias en materia de administracións públicas, designada pola persoa titular daquela consellería de entre os/as titulares dos seus órganos superiores ou de dirección; unha persoa en representación da consellería competente en materia de facenda, designada pola persoa titular daquela consellería de entre os/as titulares dos seus órganos superiores ou de dirección, e dúas persoas en representación da consellería con competencias en materia de infraestruturas, designadas pola persoa titular da consellería de entre os/as titulares dos seus órganos superiores ou de dirección. En caso de ausencia ou de enfermidade e, en xeral, cando concorra algunha causa xustificada, os/as vogais serán substituídos/as polos seus respectivos suplentes, propostos pola mesma persoa ou entidade que designou as persoas titulares.

Os cambios producidos na estrutura orgánica da Xunta de Galicia e das súas consellerías logo da aprobación do Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta (DOG núm. 81, do 24 de abril), e do Decreto 142/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas (DOG núm. 101, do 27 de maio), fan necesaria a nova designación de vogais no Consello Reitor da Axencia Galega de Infraestruturas.

Con base nas anteriores circunstancias, unha vez feitas as ditas designacións por parte das respectivas persoas titulares das consellerías correspondentes, cómpre facer o seu nomeamento, que, para xeral coñecemento, se publicará no Diario Oficial de Galicia.

Por todo isto, consonte as atribucións que me confiren a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e o artigo 10 do Decreto 173/2011, do 4 de agosto, polo que se aproba o Estatuto da Axencia Galega de Infraestruturas,

DISPOÑO:

Primeiro. Deixar sen efecto os nomeamentos como vogais titulares e suplentes do Consello Reitor da Axencia Galega de Infraestruturas efectuados pola Orde do 19 de xaneiro de 2016 (DOG núm. 20, do 1 de febreiro).

Segundo. Nomear vogais titulares e suplentes do Consello Reitor da Axencia Galega de Infraestruturas as seguintes persoas:

a) En representación da consellería con competencias en materia de administracións públicas:

1. Como vogal titular, a persoa titular da dirección xeral con competencias en materia de patrimonio.

2. Como vogal suplente, a persoa titular da subdirección xeral competente en materia de xestión económico-patrimonial das entidades instrumentais do sector público autonómico.

b) En representación da consellería con competencias en materia de facenda:

1. Como vogal titular, a persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Facenda e Administración Publica.

2. Como vogal suplente, a persoa titular da Vicesecretaría Xeral da consellería con competencias en materia de facenda.

c) En representación da consellería con competencias en materia de infraestruturas:

1. Como vogais titulares, a persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da consellería con competencias en materia de infraestruturas e a persoa titular da Secretaría Xeral de Vivenda e Urbanismo da mesma consellería.

2. Como vogais suplentes, a persoa titular da Vicesecretaría Xeral da Secretaría Xeral Técnica da consellería con competencias en materia de infraestruturas e a persoa titular da Subdirección Xeral de Coordinación e Planificación da mesma consellería.

Terceiro. Esta orde producirá efectos desde o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de xullo de 2024

María Martínez Allegue
Conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas