DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 141 Luns, 22 de xullo de 2024 Páx. 43473

III. Outras disposicións

Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

ORDE do 11 de xullo de 2024 pola que se revoga a autorización para impartir determinadas titulacións universitarias oficiais do Sistema universitario de Galicia, para o curso académico 2024/25.

No ámbito estatal, a extinción de titulacións recóllese ao longo do articulado do Real decreto 822/2021, do 28 de setembro, polo que se establece a organización das ensinanzas universitarias e do procedemento de aseguramento da calidade.

No ámbito autonómico, esta materia está regulada pola Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia, e pola Orde do 20 de marzo de 2012 pola que se desenvolve o Decreto 222/2011, do 2 de decembro, polo que se regulan as ensinanzas universitarias oficiais no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

De acordo co recollido no artigo 18 da Orde do 20 de marzo, son causas de revogación da autorización de implantación dunha ensinanza oficial o incumprimento dos requisitos e compromisos adquiridos ao solicitar a autorización de implantación, a non impartición da titulación oficial autorizada, a extinción do plan de estudos ou a supresión da ensinanza oficial.

Nestes casos e na salvagarda dos dereitos do estudantado, as universidades adoptarán as medidas necesarias para garantir os dereitos académicos dos estudantes que se encontren cursando os estudos que inician o proceso de revogación.

O Pleno do Consello Galego de Universidades, na súa sesión do 14 de xuño de 2024, no exercicio das competencias previstas no artigo 3.2.h) do Decreto 98/2014, do 17 de xullo, polo que se aproba o Regulamento do Consello Galego de Universidades, acordou emitir informe favorable sobre a revogación da autorización ás universidades do Sistema universitario de Galicia para impartir as ensinanzas universitarias oficiais dos títulos que se relacionan a seguir.

Por todo iso,

DISPOÑO:

Artigo 1

Que se revogue a autorización á Universidade de Santiago de Compostela para impartir a ensinanza universitaria oficial de:

• Programa de Doutoramento en Xestión Sustentable da Terra e do Territorio pola Universidade de Santiago de Compostela. Autorizado pola Orde do 5 de decembro de 2013 (DOG do 20 de decembro), e que figura inscrito no RUCT co código 5600523.

Artigo 2

Que se revogue a autorización á Universidade de Vigo para impartir a ensinanza universitaria oficial de:

• Máster Universitario en Xestión do Desenvolvemento Sostible pola Universidade de Vigo. Autorizado polo Decreto 53/2008, do 13 de marzo (DOG do 28 de marzo de 2008), e que figura inscrito no RUCT co código 4310386.

Artigo 3. Garantías académicas

As universidades adoptarán as medidas necesarias para garantir os dereitos académicos dos estudantes que se encontren cursando os estudos que inician o proceso de revogación, de acordo co establecido no artigo 16 do Decreto 222/2011, do 2 de decembro.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de xullo de 2024

Román Rodríguez González
Conselleiro de Educación, Ciencia,
Universidades e Formación Profesional