DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 141 Luns, 22 de xullo de 2024 Páx. 43842

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 5 de xullo de 2024, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 3 de xullo de 2024, relativa á solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do monte veciñal en man común De Seoane, Das Lamas e Do Mesón, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Seoane, no concello do Carballiño.

Examinada a solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do MVMC De Seoane, Das Lamas e Do Mesón, pertencente á CMVMC de Seoane, no concello do Carballiño, resultan os seguintes

Feitos:

Primeiro. O 28.8.2023, a CMVMC de Seoane presentou unha solicitude (Rexel núm. 2023/2362269) de revisión de esbozo dos montes da súa pertenza, situados no concello do Carballiño.

Coa solicitude achegaron a seguinte documentación:

– Certificación do acordo da Asemblea Xeral do 28.6.2023.

– Memoria e planos.

– Arquivos xeográficos en formato vectorial.

– Informes de validación gráfica alternativos.

Segundo. O Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense emitiu un informe favorable o día 2 de outubro de 2023 en relación coa citada solicitude. Nel indícase se indica que o perímetro obxecto de revisión inclúe a totalidade dos perímetros dos montes da súa pertenza, os cales non presentan lindeiros con outras comunidades de montes.

Dentro destes lindeiros, unha parte substancial deles corresponde a terreos expropiados á propia comunidade con posterioridade aos acordos de clasificación; terreos que pasaron á titularidade do Instituto Galego da Vivenda e Solo co obxecto de implantar neles parte do parque empresarial do Carballiño. Esta afección, malia estar recoñecida para os tres montes de Seoane, finalmente só se materializou nos terreos do MVMC De Seoane.

Porén, na proposta de revisión inclúense outras dúas afeccións por expropiación das cales non hai constancia no Rexistro de MVMC pero que, á vista da ortoimaxe recente, son evidentes; por un lado, trátase da traza da vía do AVE Ourense-Santiago (R.C. 32020A00209012), que afectaría o propio MVMC De Seoane; e, por outro lado, da traza da estrada autonómica OU-504, Ribadavia-Cea (R.C. 32020A00209001), que afectaría o MVMC Das Lamas.

A maiores, e aínda que non veña así sinalado na memoria da revisión, na cartografía proposta para o MVMC Do Mesón obsérvase tamén a exclusión dunha franxa de terreo correspondente coa traza da estrada autonómica OU-206, O Carballiño-Cea.

Respecto desta infraestrutura, ao igual que as indicadas no parágrafo anterior, non consta no Rexistro de MVMC ningún acto de disposición relacionado, ben que parece evidente que as ditas infraestruturas deben ter a condición de dominio público de estradas e de ferrocarrís, respectivamente.

As superficies dos MVMC De Seoane, Das Lamas e Do Mesón, unha vez modificados os esbozos, serían de 11,28 ha, 5,71 ha e 0,94 ha fronte ás 21,47 ha, 8,4515 ha e 1,3172 ha dos respectivos acordos de clasificación.

Tendo en conta o anterior, emítese informe favorable sobre a revisión do esbozo dos MVMC De Seoane, Das Lamas e Do Mesón.

Terceiro. A citada CMVMC presentou posteriormente un escrito de modificación ou mellora voluntaria (Rexel 2023/3061264, do 16.11.2023) da súa solicitude inicial, co cal acompaña unha memoria e arquivos xeográficos vectoriais modificados.

De acordo co informe do Servizo de Montes do día 23 de novembro de 2023, as modificacións propostas afectan exclusivamente o MVMC De Seoane, que quedaría cunha superficie de 11,35 ha fronte ás 11,28 ha da proposta inicial.

Consideracións legais e técnicas:

Único. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.

De acordo con ela, os esbozos de montes veciñais integrados nun expediente que, pola súa antigüidade, non reúnan as características de fiabilidade e precisión que exixen as novas técnicas topográficas poderán ser obxecto de revisión axustándoos e completándoos con aqueles datos e documentos que se consideren necesarios, en particular os requiridos para a súa inmatriculación no Rexistro da Propiedade.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta os informes favorables do Servizo de Montes dos días 2 de outubro de 2023 e 23 de novembro de 2023, o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade o día 24 de xuño de 2024:

Aprobar a proposta de revisión de esbozo dos MVMC De Seoane, Das Lamas e Do Mesón, pertencente á CMVMC de Seoane, no concello do Carballiño.

Contra esta resolución, que pon fin a vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto no artigo 12 da citada Lei 13/1989, nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Ourense, 5 de xullo de 2024

José Antonio Armada Pérez
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense