DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 139 Xoves, 18 de xullo de 2024 Páx. 43064

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 3 de xullo de 2024, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 1 de xullo de 2024, relativa á solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do monte veciñal en man común de Castro Puxando e Tardeles, no concello de Xunqueira de Espadanedo.

Examinada a solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do MVMC Castro Puxando e Tardeles, pertencente á CMVMC de Pardeconde, no concello de Xunqueira de Espadanedo, resultan os seguintes

Feitos:

Primeiro. O 3.7.2022, a CMVMC de Pardeconde presentou unha solicitude, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (2022/1733472), de proposta de revisión de esbozo da planimetría do seu MVMC Castro Puxando e Tardeles, do concello de Xunqueira de Espadanedo.

Coa solicitude achegou a seguinte documentación:

– Certificación do acordo da asemblea xeral do día 10.6.2022.

– Memoria e planos.

– Arquivos xeográficos en formato vectorial.

Segundo. O Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense emitiu un informe favorable, o día 10 de agosto de 2023, en relación coa citada solicitude. Cos datos existentes no Rexistro de Montes Veciñais en Man Común e este expediente de revisión de esbozo, a cartografía e descrición do perímetro do MVMC Castro Puxando e Tardeles queda parcialmente actualizada na parcela de maior superficie, Castro Puxando, con relación á documentación da súa clasificación. Faltaría por revisar a estrema polo norte cos montes veciñais en man común Chaos de Ramiscas e Ribeira de Cerreda, de Nogueira de Ramuín, e Cabeza de Meda, de Parada de Sil, e a estrema co MVMC Montes de Cacharrequille polo leste. Polo sur, con esta revisión de esbozo, esta parcela queda lindando en todo o seu perímetro con predios particulares.

O resto do monte clasificado: dúas pequenas parcelas situadas ao suroeste do lugar de Pardeconde e unha prolongación cara ao sur, despois da estrada Pardeconde-Xunqueira de Espadanedo, da parcela Castro Puxando quedou integrado no polígono 502 da concentración parcelaria da zona de Xunqueira de Espadanedo.

Consideracións legais e técnicas:

Única. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na súa disposición transitoria décimo terceira establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.

De acordo con ela, os esbozos de montes veciñais integrados nun expediente que, pola súa antigüidade non reúnan as características de fiabilidade e precisión que exixen as novas técnicas topográficas poderán ser obxecto de revisión axustándose e completándose con aqueles datos e documentos que se consideren necesarios, en particular os requiridos para a súa inmatriculación no Rexistro da Propiedade.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 10 de agosto de 2023, o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común acordou, por unanimidade, o día 24 de xuño de 2024:

Aprobar a proposta de revisión de esbozo do MVMC Castro Puxando e Tardeles, pertencente á CMVMC de Pardeconde, no concello de Xunqueira de Espadanedo.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto no artigo 12 da citada Lei 13/1989, nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Ourense, 3 de xullo de 2024

José Antonio Armada Pérez
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense