DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 139 Xoves, 18 de xullo de 2024 Páx. 43074

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 27 de xuño de 2024, da Comisión Provincial de Vivenda da Coruña, de inicio do proceso de selección de persoas adxudicatarias para vivendas de protección oficial de promoción pública correspondentes ao expediente C-2005/010, en segundas ou posteriores adxudicacións, no concello da Coruña.

De conformidade co establecido nos artigos 22 e 30 do Decreto 1/2010, do 8 de xaneiro, polo que se regula o Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Comunidade Autónoma de Galicia e a adxudicación das vivendas protexidas, así como as acollidas a programas de acceso á vivenda con axudas públicas, e no Decreto 253/2007, do 13 de decembro, de réxime xurídico do solo e das edificacións promovidas polo Instituto Galego da Vivenda e Solo, a Comisión Provincial de Vivenda da Coruña, en sesión realizada o 27 de xuño de 2024,

ACORDA:

Iniciar o proceso de selección de persoas candidatas a ser adxudicatarias de vivendas de protección oficial de promoción pública (vivendas en aluguer para persoas menores de 35 anos) vacantes correspondentes ao expediente C-2005/010, en segundas ou posteriores adxudicacións no concello da Coruña, que se desenvolverá de conformidade coas seguintes bases:

Primeira. Obxecto do procedemento

1. O procedemento ten por obxecto adxudicar as vivendas de protección oficial de promoción pública (vivendas en aluguer para persoas menores de 35 anos) vacantes correspondentes ao expediente C-2005/010, en segundas ou posteriores adxudicacións, no concello da Coruña que, logo dos seus correspondentes procesos de selección de adxudicatarios, estean de novo á disposición do IGVS, incluídas as que acaden tal situación ao longo do período de vixencia destas bases, de acordo co establecido na base oitava.

2. Para realizar as adxudicacións, elaborarase unha lista integrada por 20 persoas inscritas ou anotadas no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Comunidade Autónoma de Galicia como demandantes de vivenda en réxime de aluguer para o concello da Coruña como concello preferente, elixidas polo procedemento previsto nestas bases.

3. Características: vivendas de un, dous, tres e catro dormitorios, para unidades familiares de 1, 2, 3 e 4 ou máis membros.

Segunda. Requisitos dos beneficiarios/as

1. Poderán resultar adxudicatarias das vivendas as persoas, nacionais ou estranxeiras, maiores de idade ou menores emancipadas, con plena capacidade de obrar que reúnan os seguintes requisitos na data desta resolución de inicio:

a) Estar inscritas ou anotadas na Sección Primeira do Rexistro Único de Demandantes como demandantes de vivenda en réxime de aluger para o concello da Coruña como concello preferente.

b) Acreditar ingresos ponderados por unidade familiar ou convivencial, no último exercicio fiscal vencido, entre 0,7 e 2,5 veces o indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM).

c) Residir ou traballar no concello da Coruña, agás no caso de emigrantes que desexen retornar e que acrediten residir fóra de Galicia por un tempo non inferior a cinco anos.

d) Carecer, calquera membro da unidade familiar ou convivencial, de vivenda en calidade de propietario, agás que se dea algunha das seguintes circunstancias:

– Acreditar que a vivenda que se dispón sexa inhabitable, insuficiente ou inadecuada nos termos especificados na Resolución do 14 de setembro de 2012, do Instituto Galego da Vivenda e Solo. Neste suposto, quedarán obrigados a ofertar ao IGVS a dita vivenda para os efectos do disposto no artigo 10.V do Decreto 253/2007, do 13 de decembro, de réxime xurídico do solo e das edificacións promovidas polo Instituto Galego da Vivenda e Solo.

– Habitar unha vivenda suxeita a expediente de expropiación ou desafiuzamento xudicial ou administrativo non imputable ao interesado, ou ben ocupar aloxamentos provisionais como consecuencia de situacións de emerxencia ou remodelación que impliquen a perda da vivenda.

e) Pertencer a algún dos colectivos aos cales están destinadas estas vivendas: menores de 35 anos.

f) Non encontrarse en ningunha destas circunstancias, referidas a calquera membro da unidade familiar ou convivencial:

– Que xa fosen titulares de vivendas de protección oficial de promoción pública e a perdesen como consecuencia dun procedemento de desafiuzamento, resolución de contrato tramitado polo IGVS ou a alleasen por calquera causa, coa excepción de cambio de residencia por motivos laborais, ou outros xustificados a xuízo da Comisión Provincial.

– Que sexan titulares de bens inmobles de natureza rústica ou urbana suxeitos ao imposto sobre bens inmobles que teñan un valor catastral superior a 30.000 euros.

2. Sen prexuízo do establecido no parágrafo anterior, será requisito para a adxudicación da vivenda manter a vixencia da inscrición no Rexistro Único de Demandantes ao longo de todo o proceso de selección, de xeito que a baixa no citado rexistro, en calquera momento anterior ao acordo da Comisión que aprobe a lista definitiva de persoas adxudicatarias, determinará a perda do dereito ao acceso á vivenda.

Terceira. Cualificación das vivendas

As vivendas foron cualificadas definitivamente mediante a Resolución do xefe territorial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, do 15 de decembro de 2011, como vivendas de protección oficial de promoción pública en réxime de aluger para persoas menores de 35 anos.

Cuarta. Réxime de adxudicación

1. As vivendas adxudicaranse en réxime de aluguer para satisfacer as necesidades do colectivo especificado.

2. O réxime de adxudicación manterase durante toda a vixencia do réxime legal de protección, sen que sexa posible o cambio de réxime de aluguer a compravenda.

Quinta. Condicións xerais de carácter económico

1. O contrato de arrendamento terá unha vixencia de sete (7) anos prorrogables por períodos anuais segundo a normativa vixente e estará prohibida, en todo caso, a cesión ou o subarrendamento, total ou parcial. A contravención desta prohibición dará lugar á resolución do contrato de arrendamento, con independencia das sancións que procedan.

2. A renda inicial anual será a que resulte de lle aplicar o 3 % ao que sería o prezo de venda da vivenda e anexos, determinado de acordo co establecido no Decreto 253/2007, do 13 de decembro, de réxime xurídico do solo e das edificacións promovidas polo Instituto Galego da Vivenda e Solo.

3. A eficacia da adxudicación estará condicionada á sinatura do correspondente contrato de arrendamento, logo do pagamento por parte da persoa adxudicataria da fianza correspondente.

Sexta. Procedemento de selección

1. O procedemento de selección tramitarase consonte o establecido nos artigos 22 a 30 do Decreto 1/2010, do 8 de xaneiro, polo que se regula o Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Comunidade Autónoma de Galicia e a adxudicación das vivendas protexidas, así como as acollidas a programas de acceso á vivenda con axudas públicas.

2. As 20 persoas demandantes integrantes da lista quedarán seleccionadas na orde que resulte do sorteo, que se realizará ante notario o día 12 de setembro, agás indispoñibilidade do fedatario autorizante, que a situación sanitaria non o permita ou calquera outra causa de forza maior apreciada pola Comisión, casos en que se publicará a data definitiva do sorteo na páxina web do IGVS, cunha antelación mínima de tres días naturais.

No sorteo participarán todas as persoas inscritas ou anotadas, na data desta resolución de inicio, na Sección Primeira do Rexistro Único de Demandantes para o concello da Coruña como concello preferente, que cumpran os requisitos establecidos na base segunda 1.

3. Unha vez rematado o sorteo, procederase á publicación da relación de persoas que integran a lista de persoas candidatas a ser adxudicatarias. Realizados os trámites previstos nos artigos 24 e 25 do Decreto 1/2010, do 8 de xaneiro, a Comisión Provincial de Vivenda ditará resolución aprobatoria da lista definitiva e, se é o caso, realizará as inclusións e exclusións que procedan a medida que se vaian engadindo vivendas vacantes ao proceso.

Sétima. Publicidade, reclamacións e recursos

1. A resolución de inicio do procedemento de adxudicación publicarase no DOG e nela indicarase o medio onde se efectuarán as sucesivas publicacións, entendendo por sucesivas publicacións as das listas provisional e definitiva de persoas que as integran.

A publicación das listas provisional e definitiva de persoas candidatas a ser adxudicatarias realizarase nos taboleiros de anuncios do concello, no da área provincial do Instituto Galego da Vivenda e Solo e na páxina web do organismo.

A publicación substituirá as notificacións persoais de conformidade co previsto no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. Logo da publicación da lista provisional na forma indicada, as persoas solicitantes que se consideren prexudicadas no seu dereito disporán dun prazo de dez días para presentar reclamacións, ante a Comisión Provincial de Vivenda, que deberá adoptar a resolución que proceda no prazo máximo de tres meses.

3. Contra a aprobación da lista definitiva, logo da súa publicación nos termos sinalados no número 1, poderase interpor recurso de reposición de conformidade co establecido no artigo 123 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Oitava. Vixencia das listas definitivas

As listas definitivas deste proceso de selección manterán a súa vixencia ata que se produza algunha das seguintes circunstancias:

a) A aprobación pola Comisión Provincial de Vivenda de novas listas definitivas.

b) O esgotamento das listas debido a que non queden persoas integrantes ás cales ofertar as vivendas.

A Coruña, 27 de xuño de 2024

Begoña Freire Vázquez
Presidenta da Comisión Provincial de Vivenda da Coruña