DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 138 Mércores, 17 de xullo de 2024 Páx. 42728

IV. Oposicións e concursos

Servizo Galego de Saúde

ANUNCIO do 1 de xullo de 2024, da Xerencia da Área Sanitaria de Ferrol, polo que se dá publicidade á resolución da mesma data pola que se convoca procedemento de mobilidade interna voluntaria do persoal fixo das categorías de diplomado sanitario, sanitario de formación profesional e de xestión e servizos.

Conforme os criterios reitores das bases de mobilidade interna voluntaria do persoal estatutario fixo, correspondentes ás categorías de persoal sanitario diplomado e de formación profesional e de persoal de xestión e servizos das institucións sanitarias de atención especializada do Servizo Galego de Saúde, aprobadas pola Mesa Sectorial o 23 de decembro de 2009, a Xerencia da Área Sanitaria de Ferrol, tras un proceso de negociación coa representación legal dos traballadores deste centro sanitario, e con base nas competencias atribuídas polo Decreto 145/24, do 20 de maio (DOG núm. 101, do 27 de maio), polo que se establece a estrutura orgánica do Sergas, e polo Decreto 134/2019, do 10 de outubro, polo que se regulan as áreas sanitarias e os distritos sanitarios do Sistema público de saúde de Galicia (DOG núm. 204, do 25 de outubro), a xerente da Área Sanitaria de Ferrol

RESOLVE:

Primeiro. Anunciar a convocatoria de prazas de mobilidade interna voluntaria do persoal fixo das categorías de diplomado sanitario, sanitario de formación profesional e de xestión e servizos, así como as bases que rexerán a convocatoria. O prazo de presentación de instancias será desde o día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia ata o 20 de setembro.

A formalización das solicitudes de participación, así como o rexistro dos méritos para a súa posterior valoración, efectuarana as persoas concursantes a través do currículo do profesional habilitado (Fides expedient-e), ao cal se accederá na forma que se indica no anexo III da convocatoria.

Segundo. Ordenar a súa publicación nos taboleiros de anuncios da Dirección de Recursos Humanos da Área Sanitaria de Ferrol, na intranet da Área e no punto de atención ao traballador.

Contra esta resolución se poderá interpoñer recurso de alzada, perante a Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación nos termos da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Ferrol, 1 de xullo de 2024

Fernanda López Crecente
Xerente da Área Sanitaria de Ferrol