DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 137 Martes, 16 de xullo de 2024 Páx. 42500

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

ORDE do 15 de xullo de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para o acceso ás prazas de residencia e de comedor nos centros residenciais desta consellería e se convoca a oferta de prazas para o curso académico 2024/25 (código de procedemento PE606A).

O Real decreto 4189/1982, do 29 de decembro, ao abeiro das normas constitucionais, estatutarias e legais correspondentes, traspasa á Comunidade Autónoma de Galicia as funcións e os servizos da Administración do Estado en materia de ensinanzas profesionais náutico-pesqueiras.

O Decreto 143/2013, do 12 de setembro, polo que se fixan os prezos públicos polos servizos de residencia e comedor prestados nos centros de formación da familia marítimo-pesqueira, así como os prezos de matrícula na Aula de Seguridade e Salvamento, dependentes desta consellería, recolle os prezos públicos polo uso destes servizos.

O Decreto 428/1993, do 17 de decembro, polo que se regula e refunde a normativa en materia de formación náutico-pesqueira, fai referencia no seu artigo 9.2.b) á prestación de servizos complementarios polos centros e no artigo 24 ao sistema de acceso aos centros de formación propios. Neste sentido, a Consellería do Mar dispón de catro centros de ensino náutico, marítimo-pesqueiro e de acuicultura, entre os cales os centros de Vigo e Ferrol ofrecen os servizos complementarios de residencia e comedor ao alumnado que se matriculan neles.

O Decreto 50/2021, do 11 de marzo, polo que se aproba a estrutura orgánica da Consellería do Mar, modificado polo Decreto 210/2022, do 1 de decembro, e polo Decreto 149/2024, do 20 de maio, atribúe á Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro a ordenación, dirección e coordinación das atribucións que ten asumidas a Consellería en materia de ensino e titulacións náutico-pesqueiras e de lecer.

Co obxecto de fomentar e potenciar a formación da poboación mariñeira que permita a remuda xeracional entre as persoas tituladas da frota pesqueira galega, é necesario artellar as accións que faciliten o acceso á formación continua e aos ciclos formativos de grao medio e superior da familia marítimo-pesqueira.

Polo exposto, facendo uso das competencias que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras para o acceso ás prazas de residencia e de comedor nos centros residenciais da Consellería do Mar, así como proceder á convocatoria das prazas residenciais para o curso escolar 2024/25 (código de procedemento PE606A).

Artigo 2. Persoas beneficiarias

Poderán ser persoas beneficiarias das prazas de residencia ou de comedor todo o alumnado que, durante o curso escolar, estea matriculado nos centros de formación dependentes da Consellería do Mar e realice os seguintes estudos náuticos e marítimo-pesqueiros:

a) Ciclos formativos de grao medio e superior da familia profesional marítimo-pesqueira.

b) Cursos de capitán/capitá de pesca, patrón/patroa costeiro/a polivalente, ampliación de atribucións para patrón/patroa costeiro/a polivalente, patrón/patroa local de pesca, aumento de atribucións para mecánico/a naval, aumento de atribucións par mecánico/a maior naval, revalidación dos títulos profesionais náutico-pesqueiros e mariñeiro/a pescador/a.

Artigo 3. Clases de prazas

As prazas poderán adxudicarse nas seguintes modalidades:

a) Servizo de residencia en pensión completa: cuarto, almorzo, xantar e cea.

b) Servizo de xantar diario por bono semanal de cinco (5) días, de luns a venres.

c) Servizo de xantar diario, non regular.

A oferta de prazas para o curso 2024/25 será a seguinte:

Centro residencial

Nº de prazas

Pensión completa

Xantar diario

Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo

70

10

Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol

45

10

Artigo 4. Prazas en réxime de residencia en pensión completa

1. A modalidade de residencia en pensión completa supón a utilización dos servizos residenciais do centro.

2. As persoas que teñan asignada unha praza na residencia poderán facer uso dela no horario que abrangue desde os domingos ou festivos, véspera de días lectivos, ás 20.00 horas, ata o venres ou véspera de días festivos, ás 21.00 horas. No caso de existir dispoñibilidade de persoal e orzamentaria, podería ampliarse o uso da residencia aos sábados, domingos e festivos, mais non haberá servizo de comedor.

Artigo 5. Prazas en réxime de xantar diario por bono semanal de cinco días ou non regular

1. Estas prazas dan dereito a xantar na sala de comedor do centro.

2. Poderán solicitar praza de xantar diario por bono de cinco (5) días ou non regular aquelas persoas que estean matriculadas no centro de acordo co establecido no artigo 2 desta orde e ademais teñan o seu domicilio habitual a unha distancia superior a 15 km do centro ou, sendo unha distancia menor, se acreditan a imposibilidade de chegar coa puntualidade requirida ás clases.

Artigo 6. Requisitos xerais para ser persoa adxudicataria das prazas

Para accederen ás prazas reguladas nesta orde, as persoas interesadas deberán reunir os seguintes requisitos:

1. Ser cidadáns de calquera país da Unión Europea ou persoas estranxeiras que acrediten a residencia ou estean dentro dun programa de cooperación internacional.

2. Ter feito 16 anos de idade no ano da convocatoria.

3. Estar matriculados/as no centro durante o curso escolar.

Artigo 7. Prezos públicos

1. As persoas adxudicatarias das prazas recollidas no artigo 3 están suxeitas aos prezos públicos e ás bonificacións e exencións previstas no Decreto 143/2013, do 12 de setembro, polo que se fixan os prezos públicos polos servizos de residencia e comedor (DOG núm. 176, do 16 de setembro), e á súa actualización.

2. Para as prazas de residencia en réxime de pensión completa correspondentes ao curso escolar completo, o pagamento poderá realizarse nun pagamento único ou fraccionado en tres prazos trimestrais. Se se realiza nun pagamento único, este deberá aboarse dentro dos dez (10) días anteriores ao do inicio do curso. No caso de realizarse fraccionado, o pagamento deberá realizarse dentro dos dez (10) días anteriores ao do inicio de cada un dos trimestres.

3. Para as prazas de residencia en réxime de pensión completa correspondentes ao curso escolar completo, no caso de que, debido a unha causa sobrevida debidamente xustificada, non se utilicen os servizos de residencia, o alumnado poderá quedar exento do pagamento do período que lle quede por aboar, logo de renuncia expresa e tras a valoración positiva efectuada por parte da Dirección do centro.

4. O alumnado con praza de residencia en réxime de pensión completa que se incorpore á formación en centros de traballo (FCT) poderá seguir usando a residencia ata o remate da formación na dita empresa. Non obstante, no caso de que o/a alumno/a non empregue os servizos de residencia durante un período continuado igual ou superior a unha semana como consecuencia da realización da formación fóra do centro, poderá quedar exento/a do pagamento do servizo polo tempo que dure a formación. Para beneficiarse da dita exención, o alumnado deberá comunicar esta circunstancia en canto teña coñecemento do feito e obter o informe favorable por parte da Dirección do centro.

5. Para as prazas de residencia en réxime de pensión completa nos cursos de duración inferior a un curso escolar completo, os pagamentos trimestrais realizaranse dentro dos dez (10) días anteriores ao do inicio do curso. No caso de acollerse ao pagamento por días, o importe calcularase empregando os prezos/persoa/día. Non se permitirá o pagamento de días alternos e deberá realizarse o pagamento pola duración completa do curso. O pagamento realizarase dentro dos dez (10) días anteriores ao do inicio do curso.

6. Para as prazas de xantar diario, o alumnado fará efectivo o pagamento antes do inicio do servizo.

Artigo 8. Presentación de solicitudes, lugar e prazo

1. As solicitudes presentaranse preferiblemente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I do procedemento PE606A) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

2. Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e dos rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. Tamén se poderán presentar directamente nas secretarías dos centros residenciais correspondentes.

3. Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

4. O prazo de presentación de solicitudes de residencia e comedor para o alumnado dos ciclos formativos recollidos no artigo 2.a) será:

– Ordinario: quince (15) días hábiles, contados desde o seguinte ao da publicación desta orde.

– Extraordinario: do 2 ao 9 de setembro de 2024, no caso de existiren prazas vacantes.

5. No caso do alumnado dos cursos recollidos no artigo 2.b), o prazo para a presentación de solicitudes finalizará o mesmo día en que rematen os prazos de matrícula de cada modalidade de curso, e sempre que haxa prazas vacantes unha vez adxudicadas as prazas do alumnado dos ciclos formativos.

6. As persoas que cursen un ciclo formativo e no curso académico anterior obtivesen unha praza de residencia, conservarán esta para o seguinte curso, logo de presentación da correspondente solicitude en período ordinario. Os/as repetidores/as deberán presentar a solicitude en período ordinario e someterse ao procedemento de adxudicación de prazas de residencia mediante baremo.

Artigo 9. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

a) Anexo II. Comprobación dos datos doutras persoas que compoñen a unidade familiar, se é o caso.

b) Certificado de convivencia das persoas que compoñen a unidade familiar, se é o caso. A data da súa expedición será posterior á publicación desta convocatoria.

c) Copia da certificación académica en que figuren as notas correspondentes ao curso escolar inmediatamente anterior a esta convocatoria para aqueles/as solicitantes que procedan doutro centro formativo. Estará exento de presentar esta certificación o alumnado dos cursos especificados no artigo 2.b).

d) Documentación acreditativa da condición de orfandade, se é o caso.

e) Documentación acreditativa de familia monoparental, se é o caso.

f) Documentación acreditativa de ser vítima de terrorismo, se é o caso.

g) Documentación acreditativa de ser vítima de violencia de xénero, se é o caso.

h) Documentación acreditativa dos estudos de bacharelato, formación profesional específica ou universitaria que estean cursando os irmáns ou as irmás das persoas solicitantes fóra do domicilio habitual, se é o caso.

i) Contrato de alugamento ou matrícula nunha residencia de estudantes ou establecemento de similares características dos irmáns ou das irmás das persoas solicitantes que procedan doutro centro formativo, se é o caso.

j) Título de familia numerosa, cando sexa expedido por outra comunidade autónoma, se é o caso.

k) Documentación acreditativa do grao de discapacidade igual ou superior ao 33 % de calquera das persoas que compoñen a unidade familiar, cando sexa expedido por outra comunidade autónoma, se é o caso.

l) Documentación acreditativa de figurar como demandante de emprego desde, polo menos, seis (6) meses antes da data de autorización de uso dos servizos de residencia ou de xantar, ou da convocatoria dos cursos en que soliciten a súa participación, e que non estean a percibir prestación ou subsidio por desemprego, só no caso de solicitar a bonificación por esta circunstancia.

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada que os achegue.

3. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e dos rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. Tamén se poderán presentar directamente nas secretarías dos centros residenciais correspondentes.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

Artigo 10. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante, se é o caso.

c) DNI ou NIE do resto das persoas da unidade familiar, se é o caso.

d) Certificado de renda (IRPF) tanto da persoa solicitante como dos demais membros que compoñen a unidade familiar obrigados a declarar (anexo I no caso do solicitante e anexo II para os demais membros que compoñen a unidade familiar).

Consultaranse, ademais, os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:

a) Título de familia numerosa expedido pola Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Certificado de discapacidade da persoa solicitante e de calquera das persoas que compoñen a unidade familiar, cando sexa expedido pola Xunta de Galicia.

c) Títulos universitarios e/ou non universitarios das persoas que compoñen a unidade familiar.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 11. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse preferentemente por medios electrónicos. As persoas interesadas poderán decidir e comunicar, en calquera momento, que as notificacións sucesivas se efectúen ou deixen de efectuar por medios electrónicos, mediante os modelos normalizados dispoñibles.

2. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel) no formulario.

3. No caso de optar pola notificación en papel, efectuarase segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

4. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

5. As notificacións por medios electrónicos entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez (10) días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

6. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 12 Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permítelles ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, as persoas interesadas tamén poderán realizar os ditos trámites presencialmente en calquera dos lugares e dos rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. Tamén se poderán presentar directamente nas secretarías dos centros residenciais correspondentes.

Artigo 13. Concorrencia con outras axudas

O desfrute do dereito a ocupar as prazas convocadas nesta orde é incompatible code calquera outra axuda, para a mesma finalidade, e dentro do mesmo período temporal, procedentes de calquera outra Administración ou ente público ou privado.

Artigo 14. Criterios de adxudicación de prazas

1. Cando o número de persoas solicitantes de praza en réxime de pensión completa ou xantar diario sexa inferior ao número de prazas ofertadas, estas seranlles adxudicadas a todas as persoas solicitantes que cumpran os requisitos establecidos nesta orde.

2. No caso contrario, procederase á adxudicación de prazas segundo os seguintes criterios:

a) Rendemento académico. Nota media durante o último curso:

– Sobresaliente: 4 puntos.

– Notable: 3 puntos.

– Ben: 2 puntos.

– Suficiente: 1 punto.

b) Renda familiar per cápita:

– Ata 8.000,00 euros: 7 puntos.

– De 8.000,01 ata 12.000,00 euros: 5 puntos.

– De 12.000,01 ata 16.000,00 euros: 3 puntos.

– De 16.000,01 ata 20.000,00 euros: 1 puntos.

– A partir de 20.000,01 euros: 0 puntos.

A renda familiar per cápita acreditarase mediante a declaración do IRPF e será o coeficiente de dividir a renda da unidade familiar correspondente ao primeiro ano dispoñible anterior ao inicio do curso entre todos os membros da unidade.

Considéranse membros computables da unidade familiar: o pai, a nai, os irmáns e as irmás solteiros/as menores de vinte e cinco anos que convivan no domicilio familiar, os irmáns e as irmás de maior idade, cando se trate de persoas con discapacidade, así como os ascendentes dos pais que xustifiquen a súa residencia no mesmo domicilio familiar a través do certificado de convivencia das persoas que compoñen a unidade familiar.

No caso de solicitantes que constitúan unidades familiares independentes, tamén se consideran membros computables o/a cónxuxe ou, de ser o caso, a persoa a que estea unida por análoga relación de convivencia afectiva, así como os descendentes que convivan no mesmo domicilio.

No caso de divorcio ou separación legal dos pais, non se considerará membro computable quen non conviva coa persoa solicitante.

Nos casos en que a persoa solicitante alegue a súa emancipación ou independencia familiar e económica, calquera que sexa o seu estado civil, deberá acreditar que conta cos medios económicos propios suficientes que permitan a dita independencia, así como a titularidade ou o alugamento da vivenda que constitúe o seu domicilio habitual. No caso contrario, entenderase non probada a independencia, polo que, para o cálculo de renda e patrimonio familiar, computarán os ingresos correspondentes aos membros computables da familia a que se refiren os parágrafos anteriores.

c) Circunstancias familiares:

– A persoa solicitante ten irmás ou irmáns cursando estudos de bacharelato, formación profesional específica ou universitarios fóra da súa residencia habitual: 2 puntos polo primeiro e 1 punto máis por cada un dos seguintes.

– A persoa solicitante é orfa: 2 puntos.

– A persoa solicitante é membro dunha familia monoparental: 2 puntos.

– A persoa solicitante é membro dunha familia numerosa de categoría especial: 2 puntos.

– A persoa solicitante é membro dunha familia numerosa de categoría xeral: 1 punto.

– A persoal solicitante ten algún membro da unidade familiar con discapacidade igual ou superior ao 33 %: 2 puntos.

– A persoa solicitante ten a condición de vítima de terrorismo: 2 puntos.

– A persoa solicitante ten a condición de vítima de violencia de xénero: 2 puntos.

Todas as situacións referentes ás circunstancias familiares se deberán xustificar documentalmente.

3. A puntuación resultante de sumar as anteriores alíneas será a que determine a orde de adxudicación.

4. A falta de presentación en prazo da documentación requirida impedirá ter por acreditados os requisitos ou criterios a que se refire e, en consecuencia, impedirá valoralos para os efectos de determinar a puntuación.

5. No caso de que dúas ou máis persoas solicitantes obteñan unha mesma puntuación, aplicarase como criterio de desempate e por esta orde:

a) As mulleres fronte aos homes (segundo criterios de infrarrepresentación).

b) Unha menor renda familiar per cápita.

c) O alumnado que non repita curso.

d) O alumnado con mellor nota media.

Artigo 15. Comisión de Valoración

1. Corresponderá á Comisión de Valoración constituída para o efecto en cada centro a valoración dos criterios de adxudicación presentados polas persoas solicitantes, para os efectos de atribuírlles a puntuación correspondente.

2. A Comisión de Valoración estará formada polos seguintes membros:

a) Presidencia: o/a director/a territorial da Consellería do Mar que corresponda ou persoa en quen delegue.

b) Secretario/a: a persoa que ocupe a Secretaría do centro de formación respectivo ou persoa que designe o/a director/a do centro.

c) Vogais:

– O/a director/a do centro de formación.

– Unha persoa do cadro de persoal da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, designada polo Servizo de Ensino e Titulacións Náutico-Pesqueiras.

3. Esta Comisión de Valoración terá a condición de órgano colexiado e o seu funcionamento rexerase segundo o recollido no título I, capítulo I, sección terceira da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

4. A Comisión de Valoración poderá requirir a documentación complementaria que xulgue necesaria para constatar a concorrencia dos requisitos e dos criterios de valoración alegados. Neste caso, concederá un prazo de cinco (5) días hábiles para a súa presentación.

Artigo 16. Proposta de adxudicación provisional

1. A Comisión de Valoración elaborará e remitiralle á Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro unha relación provisional de admitidos/as, suplentes e excluídos/as das prazas de residencia e comedor, segundo a puntuación obtida polos/as solicitantes.

2. A resolución provisional de admitidos/as, suplentes e excluídos/as publicarase na páxina web da Consellería do Mar (https://mar.xunta.gal/gl/formacion/centros-de-ensino) e no taboleiro de anuncios do centro correspondente. Contra esta resolución, as persoas interesadas poderán formular reclamación, ante a propia Comisión, no prazo de dez (10) días hábiles contados a partir do día seguinte ao da súa publicación. As reclamacións dirixiranse ao/á presidente/a da Comisión.

3. As reclamacións formuladas entenderanse estimadas ou desestimadas mediante a publicación da adxudicación definitiva.

Artigo 17. Adxudicación definitiva

1. A Comisión de Valoración elaborará e remitiralle á Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro a proposta de adxudicación definitiva, suplentes e excluídos/as de prazas de residencia e comedor.

2. A Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro resolverá a adxudicación definitiva de prazas de residencia e comedor.

3. A resolución de adxudicación definitiva, suplentes e excluídos/as publicarase na páxina web da Consellería do Mar (https://mar.xunta.gal/gl/formacion/centros-de-ensino) e no taboleiro de anuncios do centro correspondente.

No caso de non producirse resolución expresa no prazo de tres (3) meses desde a presentación das solicitudes, estas entenderanse desestimadas.

4. Para a cobertura das prazas que queden vacantes durante o curso, a Dirección do respectivo centro residencial poderá acudir á lista de suplentes, seguindo a orde de puntuación.

Artigo 18. Adxudicación de prazas en supostos especiais

1. A tramitación das solicitudes de praza presentadas no prazo extraordinario de setembro axustarase ao establecido nesta orde, agás no relativo ás datas e aos prazos, que se terán que axustar ás exixencias derivadas do inicio do curso escolar nos respectivos centros residenciais. Sempre que as solicitudes non superen o número de prazas ofertadas na convocatoria e se cumpran os requisitos establecidos nesta orde, a Dirección do centro poderá permitir que o alumnado con adxudicación provisional poida facer uso dos servizos ofertados nela.

2. Para a cobertura de prazas nos cursos de duración inferior a un curso escolar completo, as direccións dos centros residenciais resolverán a adxudicación destas.

Artigo 19. Incorporación do alumnado ás residencias

1. Os centros residenciais elaborarán unhas normas de funcionamento que publicarán, antes do inicio do curso académico, no seu taboleiro de anuncios para o coñecemento do alumnado residente.

2. Os/as residentes, no momento da súa incorporación ao centro, deberán presentar un certificado médico oficial do seu estado de saúde que permita o normal desenvolvemento da vida residencial. Tamén deberán comunicar as alerxias ou intolerancias alimentarias, de ser o caso.

3. Os/as residentes están suxeitos ao réxime interno do centro e deberán respectar as normas de convivencia e os horarios que permitan o normal desenvolvemento da vida residencial e docente.

4. Os/as residentes, no momento da súa incorporación, deberán ter efectuado o pagamento do servizo de residencia.

Artigo 20. Renuncia e perda do dereito á praza de residencia

1. O alumnado residente poderá perder a praza polas seguintes causas:

a) Non incorporarse ao centro residencial na data do inicio do curso escolar indicada polo centro docente, agás nos casos de forza maior debidamente acreditados, logo da súa valoración pola Dirección do centro.

b) Perda da condición de alumno/a no centro docente en que debía cursar os estudos para os cales lle foi concedida a praza.

c) Faltas de asistencia sen xustificar, cando se supere o número de tres (3) días de ausencia continuados ou cinco días alternos ás clases lectivas, dentro do período dun (1) mes.

d) Incumprimento do réxime interno do centro residencial que altere o normal desenvolvemento da convivencia e que dea lugar a sanción disciplinaria.

e) Non aboar os prezos públicos nos períodos sinalados nesta orde.

2. A Dirección do centro elaborará un informe, tendo en conta o recollido no punto 1 deste artigo, e concederalle ao alumnado un prazo de cinco (5) días hábiles para que presente alegacións, documentos ou xustificacións que xulgue convenientes.

3. Á vista das alegacións efectuadas ou transcorrido o prazo concedido para presentalas, e unha vez consultado o equipo educativo da residencia, a Dirección do centro resolverá o procedente no prazo de cinco (5) días hábiles.

4. No caso de perda da praza de residencia, poderá cubrirse a vacante conforme a lista de suplentes nos termos do artigo 17.4.

5. En caso de que algún/algunha residente decida renunciar á súa praza, debe comunicalo á Dirección do centro por escrito. A praza vacante poderá cubrirse conforme a lista de suplentes nos termos do artigo 17.4.

Artigo 21. Réxime de recursos

1. As resolucións ditadas ao abeiro desta orde non porán fin á vía administrativa e contra elas poderase interpor recurso de alzada, ante o conselleiro do Mar, no prazo dun (1) mes desde o día seguinte ao da súa notificación, se o acto for expreso, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo coa súa normativa específica, se produzan os efectos do silencio administrativo, se o acto non for expreso, de conformidade co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. Contra estas bases reguladoras, cuxa aprobación pon fin á vía administrativa, poderase interpor recurso potestativo de reposición, ante a persoa titular da Consellería do Mar, no prazo dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. Así mesmo, tamén se poderá interpor directamente recurso contencioso-administrativo, ante o órgano competente desta xurisdición, no prazo de dous (2) meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición adicional primeira. Prazas de residencia e comedor para outros cursos que se organicen no Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo e na Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol e non recollidos no artigo 2 desta orde

Sempre que exista crédito adecuado e suficiente, poderanse solicitar as prazas de residencia dispoñibles durante o curso escolar 2024/25 para os cursos relacionados coa actividade pesqueira e marisqueira que se impartan no Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo e na Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol, segundo a programación aprobada pola Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro.

Disposición adicional segunda. Transferencia de prazas do réxime de pensión completa ao réxime de xantar diario

Excepcionalmente, ao criterio da Dirección dos centros de ensino e no caso de non cubrirse a totalidade de prazas ofertadas en réxime de pensión completa, as vacantes que se produzan poderanse acumular ás prazas en réxime de xantar diario.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Queda derrogada a Orde do 23 de xuño de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para o acceso ás prazas de residencia e de comedor nos centros residenciais da Consellería do Mar e se convoca a oferta de prazas para o curso académico 2023/24.

Disposición derradeira única. Publicación e entrada en vigor

Esta orde producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de xullo de 2024

Alfonso Villares Bermúdez
Conselleiro do Mar

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file