DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 135 Venres, 12 de xullo de 2024 Páx. 42040

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

RESOLUCIÓN do 4 de xullo de 2024, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, pola que se declara de interese galego e se ordena a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Florencio Delgado Gurriarán.

Examinado o expediente de declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Florencio Delgado Gurriarán, aprécianse os seguintes feitos e fundamentos de dereito:

Feitos:

1. O 21 de decembro de 2023, Débora Álvarez Moldes, secretaria do padroado da Fundación, presentou unha solicitude de clasificación, declaración de interese galego e a súa correspondente inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Florencio Delgado Gurriarán constituírona Emilio Vega Rodríguez, María Ildara Gillmore e Celia Martha Carmen Delgado Teijeiro, mediante unha escritura pública outorgada o 4 de decembro de 2023, ante a notaria do Barco de Valdeorras (Ourense) Gabriela Marqués Mosquera, co número de protocolo 1.830.

Tras o requirimento do 1 de marzo de 2024, a Fundación achega unha escritura outorgada o 4 de abril de 2024, no mesmo lugar e ante a mesma notaria, co número de protocolo 324, que inclúe unha nova composición do padroado (coa substitución da secretaria indicada no número 1) e un texto completo dos seus estatutos.

3. A Fundación, consonte o artigo 6 dos seus estatutos, ten como fins:

«Promover o estudo e a difusión da obra e vida do escritor galego Florencio Delgado Gurriarán; apoiar e fomentar a lingua galega como idioma vehicular das actividades culturais, contribuíndo ao proceso de normalización lingüística de Galicia; asistir ao progreso da comarca de Valdeorras e ao enriquecemento, gozo, coñecemento, difusión e prestixio das manifestacións culturais e artísticas máis relevantes da súa historia e actualidade, dentro e fóra do seu ámbito territorial».

4. Na escritura de constitución da Fundación constan os aspectos relativos á identidade dos fundadores; a súa capacidade para constituíla; a súa vontade de facelo como de interese galego conforme os preceptos da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego; a dotación; os estatutos e a composición do padroado inicial.

5. Nos estatutos da Fundación consta a súa denominación; o seu enderezo; o seu obxecto e finalidade; as regras para a aplicación das rendas aos fins fundacionais e para a determinación dos/das beneficiarios/as; a composición e as normas de funcionamento do padroado; e as causas de disolución e o destino dos bens e dereitos resultantes da súa liquidación.

6. O padroado inicial da Fundación está formado por María Ildara Gillmore, como presidenta; Emilio Vega Rodríguez, como vicepresidente; María Elva Delgado Vázquez, como secretaria, e Celia Martha Carmen Delgado Teijeiro, Miguel Bautista Carballo, Lucio Santalla Quiroga, Ángel Fernández Fernández, Camilo Fernández González, Ángel López Baranga e Aurelio Blanco Trincado, como vogais.

7. A Comisión integrada polos secretarios xerais técnicos de todas as consellerías elevou ao conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, proposta de clasificación como de interese cultural da Fundación Florencio Delgado Gurriarán, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e segundo establecen o artigo 47.2 da citada lei, o 51 do Regulamento de fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, e o 7 do Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, aprobado polo Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, o protectorado será exercido polo departamento da Xunta de Galicia que teña atribuídas as competencias correspondentes aos fins fundacionais.

8. De conformidade coa citada proposta, mediante a Orde da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes do 19 de xuño de 2024 (Diario Oficial de Galicia núm. 129, do 4 de xullo) clasificouse de interese cultural a Fundación Florencio Delgado Gurriarán e adscribiuse á Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para os efectos do exercicio das funcións de protectorado.

Fundamentos de dereito:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 7.2 do Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, en relación co Decreto 146/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude (DOG núm. 101, do 27 de maio), corresponde a esta consellería a declaración de interese galego mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Florencio Delgado Gurriarán, así como o exercicio das funcións de protectorado e as demais que correspondan á Xunta de Galicia de conformidade co indicado no dito regulamento.

Á vista do que antecede e tendo en consideración o establecido na normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, e nas demais normas de xeral e pertinente aplicación; en uso das competencias atribuídas polo Decreto 146/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude,

RESOLVO:

Primeiro. Declarar de interese galego a Fundación Florencio Delgado Gurriarán.

Segundo. Ordenar a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, Sección da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.

Terceiro. Esta fundación queda sometida ao disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, no Regulamento de fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, no Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, aprobado polo Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, e na demais normativa de aplicación e especialmente ás obrigas de dar publicidade suficiente dos seus obxectivos e actividades, da ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos, así como á de presentación anual da documentación contable e do plan de actuación ante o protectorado.

Contra esta resolución, que non lle pon fin á vía administrativa, poderá interpoñerse recurso de alzada ante o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa notificación, de acordo co sinalado nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 4 de xullo de 2024

Elvira María Casal García
Secretaria xeral técnica da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude