DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 132 Martes, 9 de xullo de 2024 Páx. 41404

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 4 de xullo de 2024, do tribunal designado para cualificar o proceso selectivo extraordinario de estabilización derivado da Lei 20/2021, do 28 de decembro, para o ingreso, pola quenda de acceso libre e mediante o sistema de concurso, no corpo administrativo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, no corpo de axudantes de carácter facultativo de administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C1, e no corpo de técnicos de carácter facultativo de administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, grupo B, pola que se se fai pública a baremación provisional da fase de concurso de determinados corpos, escalas e especialidades.

Mediante a Resolución do 22 de decembro de 2022 convócase o proceso selectivo extraordinario de estabilización derivado da Lei 20/2021, do 28 de decembro, pola quenda de acceso libre e mediante o sistema de concurso, para o ingreso no corpo administrativo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, no corpo de axudantes de carácter facultativo de administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C1, e no corpo de técnicos de carácter facultativo de administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, grupo B (DOG núm. 244, do 26 de decembro). Esta resolución foi modificada pola Resolución do 20 de xaneiro de 2023 (DOG núm. 15, do 23 de xaneiro) e pola Resolución do 6 de febreiro de 2023 (DOG núm. 26, do 7 de febreiro) (corrección de erros DOG núm. 64, do 31 de marzo).

A base III.2 da Resolución do 22 de decembro de 2022 dispón que os méritos enumerados na súa base III.1 deberán referirse á data de publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia, que foi o 26 de decembro de 2022. Estes méritos deberán acreditarse de conformidade co procedemento que se estableza por resolución da persoa titular da consellería competente en materia de función pública, que será publicada no Diario Oficial de Galicia.

No Diario Oficial de Galicia núm. 32, do 14 de febreiro de 2024, publicouse a Resolución do 8 de febreiro de 2024 pola que se fai público o procedemento para a acreditación dos méritos do proceso selectivo extraordinario de estabilización derivado da Lei 20/2021, do 28 de decembro, para o ingreso, pola quenda de acceso libre e mediante o sistema de concurso, no corpo administrativo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, no corpo de axudantes de carácter facultativo de administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C1, e no corpo de técnicos de carácter facultativo de administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, grupo B. O prazo para a acreditación dos méritos estableceuse en dez días e rematou o 28 de febreiro de 2024.

A base III.3 da Resolución do 22 de decembro de 2022 establece que, unha vez rematado o prazo de acreditación de méritos, o tribunal procederá á baremación do concurso coa colaboración técnica que precise do persoal da dirección xeral competente en materia de función pública, así como que, despois de finalizada a fase de baremación, o tribunal publicará o baremo provisional con indicación das puntuacións obtidas polas persoas aspirantes que foron avaliadas de acordo coas previsións contidas na propia base.

De conformidade co exposto, na sesión que tivo lugar o 4 de xullo de 2024, o tribunal nomeado pola Resolución do 29 de maio de 2024 (DOG núm. 108, do 5 de xuño) para cualificar o proceso selectivo extraordinario de estabilización derivado da Lei 20/2021, do 28 de decembro, para o ingreso, pola quenda de acceso libre e mediante o sistema de concurso, no corpo administrativo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, no corpo de axudantes de carácter facultativo de administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C1, e no corpo de técnicos de carácter facultativo de administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, grupo B,

RESOLVE:

Primeiro. Facer pública a baremación provisional do concurso de méritos dos corpos, escalas e especialidades do grupo B e subgrupo C1 que se relacionan no anexo desta resolución, con indicación da puntuación obtida polas persoas aspirantes que foron baremadas de acordo coas regras contidas na base III.3 da convocatoria.

A puntuación provisional obtida polas persoas baremadas figura reflectida no portal web corporativo da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal: https://www.xunta.gal/funcion-publica/procesos-selectivos/consulta

Segundo. De acordo co establecido na base III.3 da convocatoria, as persoas baremadas poderán formular reclamación contra as puntuacións provisionais ante o tribunal no prazo de 10 días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

As reclamacións presentaranse a través de Fides na epígrafe de inscrición en procesos selectivos. Para isto, a persoa aspirante accederá ao proceso de estabilización a que se refire esta resolución no cal desexe formular reclamación, na epígrafe «Que podo facer?», presentación de alegacións ao baremo.

Terceiro. Sen prexuízo do cumprimento do disposto no punto sexto da Resolución do 8 de febreiro de 2024 (DOG núm. 32, do 14 de febreiro), as persoas aspirantes baremadas deberán ter en conta que a forma documental de acreditar os méritos neste proceso é a que figura contida no anexo III da Resolución do 5 de decembro de 2023 (DOG núm. 237, do 15 de decembro).

Para efectos informativos, no portal web corporativo da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal https://www.xunta.gal/funcion-publica/procesos-selectivos/consulta publícase un modelo de certificación de servizos prestados que se axusta ao contido da aliña c) do anexo III da devandita Resolución do 5 de decembro de 2023.

Santiago de Compostela, 4 de xullo de 2024

Concepción Moares Domínguez
Presidenta do tribunal

ANEXO

Corpos, escalas e especialidades de persoal funcionario do grupo B e subgrupo C1 en que se publica o baremo provisional

Corpo administrativo

Corpo administrativo da Administración xeral

Escala de axentes de inspección. Especialidade de consumo

Escala de axentes de inspección. Especialidade de mobilidade

Escala de axentes de inspección. Especialidade de vixilancia de estradas

Corpo de axudantes de carácter facultativo

Escala operativa do Servizo de Gardacostas de Galicia. Especialidade de patrón

Escala operativa do Servizo de Gardacostas de Galicia. Especialidade de mecánico

Escala de axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia

Escala técnica de mantemento de servizos

Escala técnica de recursos naturais e forestais. Especialidade de capataz

Escala técnica de recursos naturais e forestais. Especialidade de mecánico naval

Escala técnica de recursos naturais e forestais. Especialidade de patrón de embarcación

Escala técnica de recursos naturais e forestais. Especialidade de guía intérprete de patrimonio natural

Escala técnica de cociña

Escala técnica de condución

Escala técnica de análise de laboratorio

Escala técnica en reprodución cartográfica

Escala técnica de gobernantes/as. Especialidade de gobernante/a

Corpo de técnicos de carácter facultativo

Escala técnica de delineantes

Escala de axentes técnicos en xestión ambiental

Escala técnica do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais. Especialidade de bombeiro/a forestal xefe de brigada.

Escala de axentes técnicos facultativos. Especialidade de educación infantil

Escala de axentes técnicos facultativos. Especialidade de animación sociocultural