DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 130 Venres, 5 de xullo de 2024 Páx. 40721

III. Outras disposicións

Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia

RESOLUCIÓN do 24 de xuño de 2024, conxunta da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes e da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, pola que se declaran actuacións administrativas automatizadas no ámbito do Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

O Decreto 136/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, recoñece a súa configuración como órgano de apoio e asistencia á Presidencia, e é o departamento da Xunta de Galicia ao cal lle corresponden a elaboración, a proposta e a execución da política do Goberno galego en materia de xustiza, Administración local, relacións institucionais e parlamentarias, emerxencias e interior, relacións exteriores e coa Unión Europea, deportes e mobilidade, que exercerá no nivel de desenvolvemento que se indica no dito decreto para cada un dos órganos que integran este departamento.

O capítulo II do título II do dito decreto establece que a Secretaría Xeral Técnica exerce as competencias e funcións establecidas polo ordenamento xurídico vixente en relación coas diferentes unidades e servizos en que se estrutura a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes. Para o exercicio das súas funcións conta con diferentes órganos, entre eles, a Subdirección Xeral de Réxime Xurídico, á cal lle corresponde a cualificación de legalidade dos estatutos dos colexios profesionais e dos consellos galegos de colexios profesionais, a tramitación da súa aprobación definitiva e a xestión e custodia dos seus respectivos rexistros, así como a realización dos informes, estudos e propostas de anteproxectos de disposicións xerais en materia de asociacións, fundacións de interese galego, colexios profesionais e consellos galegos de colexios profesionais e academias de Galicia.

A Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, na súa disposición adicional terceira, autoriza a creación da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, actualmente adscrita á Consellería de Facenda e Administración Pública, que ten como obxectivos básicos a definición, o desenvolvemento e a execución dos instrumentos da política da Xunta de Galicia no ámbito das tecnoloxías da información e da comunicación, e a innovación e o desenvolvemento tecnolóxico.

Mediante o Decreto 252/2011, do 15 de decembro, desenvolveuse a devandita autorización, creando a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia. Esta norma modificouse polos decretos 149/2014, do 20 de novembro, polo que se modifica o Decreto 252/2011, do 15 de decembro, polo que se crea a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e se aproban os seus estatutos, e polo Decreto 9/2021, do 21 de xaneiro, polo que se suprime o Centro Informático para a Xestión Tributaria, Económico-Financeira e Contable (Cixtec) e se modifica o Decreto 252/2011, do 15 de decembro, polo que se crea a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e se aproban os seus estatutos.

A Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público (en diante só Lei 40/2015), integra as materias que demandaban unha regulación unitaria das relacións ad intra de cada Administración e das relacións entre elas, como a sinatura e as sedes electrónicas, o intercambio electrónico de datos en contornos pechados de comunicación e a actuación administrativa automatizada.

O artigo 41.1 da Lei 40/2015 define actuación administrativa automatizada como calquera acto ou actuación realizada integramente a través de medios electrónicos por unha Administración pública no marco dun procedemento administrativo e na cal non interviñese de forma directa un empregado público.

O artigo 41.2 da devandita lei determina que «en caso de actuación administrativa automatizada, deberase establecer previamente o órgano ou órganos competentes, segundo os casos, para a definición das especificacións, programación, mantemento, supervisión e control de calidade e, se for o caso, auditoría do sistema de información e do seu código fonte. Así mesmo, indicarase o órgano que debe ser considerado responsable para os efectos de impugnación».

A Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, establece no artigo 76.4 que as actuacións administrativas automatizadas deberán declararse mediante unha resolución conxunta do órgano competente para a definición das especificacións, programación, mantemento, supervisión e control de calidade e, de ser o caso, auditoría do sistema de información e do seu código fonte, así como do órgano responsable para efectos de impugnación.

Nesta resolución especificaranse a identificación de tales órganos e os sistemas de sinatura utilizados, de ser o caso, para a actuación administrativa automatizada. Así mesmo, o artigo 76.5 indica que se publicará na sede electrónica da Xunta de Galicia e no Diario Oficial de Galicia o texto íntegro das resolucións indicadas no punto anterior.

Por todo o exposto,

RESOLVO:

Primeiro. Declarar as seguintes actuacións administrativas automatizadas a través de sistemas de información no ámbito do Rexistro de Fundacións de Interese Galego:

a) Emisión das dilixencias de inscrición daquelas entidades rexistradas no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

b) Emisión de certificación de datos do Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Segundo. Os órganos responsables en relación coas actuacións administrativas automatizadas relacionadas no punto anterior serán:

a) A Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, como órgano responsable da definición das especificacións destas actuacións administrativas automatizadas.

b) A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, como órgano responsable da programación, mantemento, supervisión e control de calidade e, de ser o caso, auditoría do sistema de información e do seu código fonte.

c) A Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, como órgano responsable para os efectos de impugnación.

Terceiro. Autorizar a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia para utilizar o selo electrónico denominado «CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, XUSTIZA E DEPORTES» para asinar as actuacións administrativas automatizadas declaradas nesta resolución e para realizar as tarefas técnicas precisas para a súa implantación efectiva nos sistemas automatizados que dan soporte ás actuacións e procedementos mencionados.

Cuarto. Autorizar a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia para a renovación do selo electrónico «CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, XUSTIZA E DEPORTES» sempre e cando continúen vixentes as actuacións administrativas automatizadas declaradas nesta resolución.

Quinto. A presente resolución producirá efectos desde o día da súa sinatura e publicarase na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de xuño de 2024

Francisco Javier Abad Pardo
Secretario xeral técnico da Consellería
de Presidencia, Xustiza e Deportes

Julián Cerviño Iglesia
Director da Axencia de Modernización
Tecnolóxica de Galicia