DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 128 Mércores, 3 de xullo de 2024 Páx. 40537

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 27 de xuño de 2024 pola que se regula o período de prácticas das persoas aspirantes que superaron a fase de oposición do proceso selectivo para o ingreso, polas quendas de acceso libre e promoción interna, no corpo de xestión da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2, escala técnica de finanzas, convocado pola Resolución do 30 de marzo de 2022.

Dando cumprimento ao ordenado na base II.3 da Resolución do 30 de marzo de 2022 pola que se convoca o proceso selectivo para o ingreso, polas quendas de acceso libre e promoción interna, no corpo de xestión da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2, escala técnica de finanzas (DOG núm. 65, do 4 de abril), esta consellería

RESOLVE:

Primeiro. Obxecto e finalidade

O período de prácticas no proceso selectivo para o ingreso, polas quendas de acceso libre e promoción interna, no corpo de xestión da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2, escala técnica de finanzas, convocado pola Resolución do 30 de marzo de 2022 (DOG núm. 65, do 4 de abril), consistirá na aplicación á realidade cotiá do traballo administrativo e ao funcionamento da organización dos coñecementos previamente adquiridos polo persoal aspirante.

As prácticas terán como finalidade a súa preparación para o exercicio das funcións específicas tanto da especialidade de inspección e xestión financeira e tributaria como da especialidade de contabilidade e intervención.

Segundo. Organización e dirección

Encoméndaselle á Secretaría Xeral Técnica e do Tesouro da Consellería de Facenda e Administración Pública a organización e dirección do período de prácticas.

Terceiro. Destinos en prácticas

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, por proposta da Secretaría Xeral Técnica e do Tesouro da Consellería de Facenda e Administración Pública, disporá as unidades administrativas en que o persoal funcionario en prácticas deberá realizar esta fase do proceso selectivo.

Deste xeito, os destinos en prácticas serán os obtidos no acto de elección de destino convocado pola Resolución do 27 de xuño de 2024 pola que se convocan para a elección de destino en prácticas e se procede ao nomeamento como persoal funcionario en prácticas das persoas aspirantes que superaron a fase de oposición do proceso selectivo para o ingreso, polas quendas de acceso libre e promoción interna, no corpo de xestión da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2, escala técnica de finanzas, convocado pola Resolución do 30 de marzo de 2022 (DOG núm. 65, do 4 de abril).

A realización de prácticas non comporta en ningún caso o desempeño dun posto de traballo.

O persoal funcionario en prácticas estará baixo a dependencia da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, da Dirección Xeral de Orzamentos e Financiamento Autonómico da Consellería de Facenda e Administración Pública e da Axencia Tributaria de Galicia (Atriga).

Cuarto. Duración e xornada de traballo

Segundo o disposto na base II.3 da convocatoria do proceso selectivo da escala técnica de finanzas, o período de prácticas terá unha duración de dous (2) meses, que comezará o día 15 de xullo de 2024 e rematará o 14 de setembro de 2024, ambos incluídos.

Desenvolverase de luns a venres, co horario laboral xeral para o persoal da Administración da Xunta de Galicia (seis horas continuadas, comprendidas entre as 8.00 e as 15.00 horas).

Quinto. Sistema de cualificación

Unha vez rematado o período de prácticas, o persoal funcionario nomeado coordinador das prácticas pola persoa titular da dirección xeral baixo cuxa dependencia prestaron servizo remitiralle á Secretaría Xeral Técnica e do Tesouro un informe en que manifeste expresamente se o persoal funcionario en prácticas cumpriu ou non satisfactoriamente coas tarefas encomendadas.

A declaración definitiva de apto/a ou non apto/a competerá ao tribunal cualificador do proceso selectivo, logo do informe proposta da Secretaría Xeral Técnica e do Tesouro.

Para a avaliación do persoal funcionario en prácticas é preciso que este preste servizo polo menos o 90 % da duración total das prácticas. No caso de non ser posible por causa de forza maior debidamente xustificada, quedará dispensado de facelo, logo de solicitude do/da interesado/a, mediante resolución da Secretaría Xeral Técnica e do Tesouro. Quedará obrigado a realizar o período de prácticas coa promoción inmediatamente posterior ao momento de desaparición da causa impeditiva, coa prelación que lle corresponda atendendo á puntuación obtida na fase de oposición.

Sexto. Non superación do período de prácticas

O persoal aspirante que non supere o período de prácticas perderá todos os seus dereitos para o nomeamento como persoal funcionario de carreira, mediante resolución motivada da Consellería de Facenda e Administración Pública, por proposta da Secretaría Xeral Técnica e do Tesouro da Consellería de Facenda e Administración Pública e logo do informe favorable da Comisión de Persoal.

Sétimo. Situación durante o período de prácticas

Durante o período de prácticas o persoal aspirante será nomeado persoal funcionario en prácticas coa situación xurídica prevista nos artigos 16 e 17 do Decreto 95/1991, do 20 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia e demais disposicións de aplicación.

Oitavo. Réxime disciplinario

O persoal funcionario en prácticas estará sometido ao disposto no Regulamento de réxime disciplinario dos funcionarios da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, aprobado polo Decreto 94/1991, do 20 de marzo, nos termos establecidos no seu artigo 1.1.

Noveno

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderase recorrer potestativamente en reposición, ante este mesmo órgano, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG, ou poderase impugnala directamente, ante a orde xurisdicional contencioso-administrativa, de conformidade co disposto no artigo 123 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 27 de xuño de 2024

O conselleiro de Facenda e Administración Pública
P.D. (Orde do 8.1. 2020; DOG núm. 16, do 24 de xaneiro)
Nuria Aguilar Vázquez
Directora xeral de Emprego Público e Administración de Persoal