DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 123 Mércores, 26 de xuño de 2024 Páx. 39242

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

ORDE do 19 de xuño de 2024 pola que se modifica a Orde do 17 de xaneiro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria para os anos 2024 e 2025 das axudas para estudos e investimentos vinculados á conservación, recuperación e rehabilitación do patrimonio natural e cultural e á sensibilización ecolóxica na Rede Natura 2000 de Galicia, cofinanciado co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan estratéxico da PAC 2023-2027 en Galicia, en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento MT814A).

O día 26 de xaneiro de 2024 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 17 de xaneiro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria para os anos 2024 e 2025 das axudas para estudos e investimentos vinculados á conservación, recuperación e rehabilitación do patrimonio natural e cultural e á sensibilización ecolóxica na Rede Natura 2000 de Galicia, cofinanciado co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan estratéxico da PAC 2023-2027 en Galicia, en réxime de concorrencia competitiva.

No seu artigo 1 disponse que esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras do réxime de axudas dirixidas a promover a conservación e valorización do patrimonio natural e cultural dos espazos da Rede Natura 2000 de Galicia ou de zonas limítrofes fóra desta pero localizadas en parroquias incluídas parcialmente na dita rede.

A finalidade desta orde é a de contribuír a deter e inverter a perda de biodiversidade, potenciar os servizos ecosistémicos e conservar os hábitats e as paisaxes, contribuíndo á consecución dos obxectivos recollidos na Intervención 6871. Investimentos non produtivos en servizos básicos no medio natural - subintervención 68710_01 RN 2000, incluída no PEPAC 2023-2027.

Ao abeiro desta convocatoria de axudas téñense presentado unha gran variedade de proxectos e actuacións, de complicada análise e valoración, o que implica un gran esforzo administrativo e técnico para as direccións territoriais. Na tramitación dos expedientes tivéronse que outorgar prazos para a emenda tanto de documentación como de erros e, ademais, nas actuacións que supoñían un investimento, foi necesaria a realización de inspeccións previas en campo para efectuar as comprobacións oportunas de axuste ao solicitado.

Todo o anterior xerou unha demora na resolución da convocatoria, diminuíndo o tempo efectivo dispoñible polas persoas e entidades beneficiarias para a execución e a xustificación correspondente dos gastos obxecto de subvención. A orde inicial establecía, no seu artigo 20.1.a), o 16 de setembro de 2024 como data límite para que as persoas e entidades beneficiarias executasen e presentasen xustificación dos gastos correspondentes á anualidade 2024.

En virtude das dificultades expostas, e no uso das facultades que teño conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do artigo 20 da Orde do 17 de xaneiro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria para os anos 2024 e 2025 das axudas para estudos e investimentos vinculados á conservación, recuperación e rehabilitación do patrimonio natural e cultural e á sensibilización ecolóxica na Rede Natura 2000 de Galicia, cofinanciado co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan estratéxico da PAC 2023-2027 en Galicia, en réxime de concorrencia competitiva, nos seguintes termos:

1. Modifícase o artigo 20.1.a), que queda redactado como segue:

«a) Anualidade 2024:

1º. No caso de non solicitar anticipo, a persoa beneficiaria deberá solicitar o pagamento da anualidade correspondente ao ano 2024 (anexo V), unha vez executada e xustificada a actividade correspondente.

2º. Para a anualidade de 2024 só se admitirán aqueles gastos efectivamente realizados e pagados entre a data de emisión da acta de non inicio recollida no artigo 6 ou, se é o caso, da presentación da declaración responsable recollida nese mesmo artigo, e o 4 de novembro de 2024.

3º. No caso das persoas beneficiadas que solicitasen o anticipo, todas as actuacións deberán estar executadas e pagadas con data límite do 4 de novembro de 2024, aínda que poderán presentar a documentación xustificativa do importe anticipado na data establecida para a anualidade 2025, xunto coa xustificación final».

Disposición derradeira única

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de xuño de 2024

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático