DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 122 Martes, 25 de xuño de 2024 Páx. 38985

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

EXTRACTO da Orde do 10 de xuño de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas dos Bonos Talento empresa para a realización de proxectos formativos de curta duración que se desenvolvan por parte das entidades beneficiarias, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027, e se procede á súa convocatoria para as anualidades 2024-2025 (código de procedemento TR302D).

BDNS (Identif.): 769686.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

1. Poderán solicitar as subvencións previstas nesta orde as microempresas, pequenas e medianas empresas (pemes) e grandes empresas, segundo as definicións do artigo 3 da presente orde, validamente constituídas e con actividade ininterrrompida, cando menos, desde tres anos antes da data de publicación da presente convocatoria, con centro de traballo en Galicia, onde deberán desenvolver a actividade para a cal solicitan a subvención, que posúan capacidade técnica e financeira suficiente para a execución das accións subvencionadas e non incorran nas circunstancias establecidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

As entidades solicitantes deberán acreditar a categoría da empresa de que se trate, pequena, mediana ou grande, no momento de presentación da solicitude de axuda.

Non poderán ser beneficiarias dos Bonos Talento empresa as empresas en crise segundo as definicións do artigo 3 da presente orde, nin aquelas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión Europea que teña declarada unha axuda ilegal e incompatible co Mercado Común.

2. Tamén poderán ser beneficiarias as persoas traballadoras autónomas que teñan contratadas ao seu cargo persoas traballadoras por conta allea, validamente inscritas no réxime especial de traballadores autónomos ou no réxime especial de traballadores do mar por conta propia, con centro de traballo en Galicia e cunha antigüidade como cotizante igual ou superior a tres anos ininterrompidos inmediatamente anteriores á data de publicación da presente convocatoria.

Non poderán ser beneficiarias as persoas traballadoras autónomas en situación de autoemprego societarias, en calquera das súas formas. Así mesmo, quedan excluídas desta orde as persoas traballadoras autónomas colaboradoras e familiares que, de maneira habitual, realizan traballos para persoas traballadoras autónomas ou mutualistas de colexio profesional e que non teñan a condición de persoas traballadoras por conta allea conforme o establecido no artigo 1.3.e) do Estatuto dos traballadores, aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro.

3. Non poderán ser entidades beneficiarias destas axudas as administracións públicas, as sociedades públicas, as entidades vinculadas ou dependentes de calquera delas, os centros especiais de emprego, as entidades de formación, así como as entidades sen ánimo de lucro. Así mesmo, non poderán ser beneficiarias as persoas socias de sociedades mercantís ou sociedades laborais.

Segundo. Obxecto e finalidade

1. Esta orde ten por obxecto fixar as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión dos Bonos Talento empresa, destinados á formación non formal mediante a realización de proxectos formativos de curta duración que teñan como obxectivo mellorar as capacidades das empresas e contribuír ao desenvolvemento profesional dos seus cadros de persoal.

2. Así mesmo, por medio desta orde convócanse estas axudas para o período 2024-2025, en réxime de concorrencia non competitiva, axustándose as axudas concedidas no marco da presente orde ao establecido no Regulamento (UE) nº 651/2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado.

Terceiro. Bases reguladoras e convocatoria

Orde do 10 de xuño de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas dos Bonos Talento empresa para a realización de proxectos formativos de curta duración que se desenvolvan por parte das entidades beneficiarias, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027, e se procede á súa convocatoria para as anualidades 2024-2025 (código de procedemento TR302D).

Cuarto. Actuacións subvencionables

1. As actuacións subvencionables son accións formativas de carácter non formal de curta duración, destinadas a contribuír ao desenvolvemento profesional das persoas traballadoras ocupadas por conta allea do cadro de persoal da entidade beneficiaria e a mellorar a competitividade das súas empresas.

2. As accións formativas estarán orientadas á adquisición de competencias comprendidas entre os ámbitos de capacitación prioritarios detectados nas mesas de traballo con empresas e axentes sociais realizadas no marco da Axenda Galega de Capacidades para o Emprego.

3. As accións formativas solicitadas non deben atoparse incluídas na oferta de formación, formal e non formal, recollida no Catálogo de especialidades formativas do Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE). Para facilitar a comprobación da oferta formativa actual do catálogo ponse ao dispor nas seguintes ligazóns:

• https://emprego.xunta.gal/portal/gl/bono-talento

• https://sede.sepe.gob.es/foet_catalogo_eeff_sede/flows/buscarMisPropuestas?execution=e1s1

4. A entidade solicitante só poderá solicitar un proxecto formativo que, como máximo, poderá conter ata tres accións formativas; cada unha das accións formativas poderá ter unha duración mínima de 16 horas e máxima de 100.

Quinto. Financiamento

1. Para a concesión destas subvencións destinarase un crédito total de dous millóns de euros (2.000.000 de €) distribuído en dúas anualidades, con cargo á aplicación orzamentaria 44.03.323B.470.0, código de proxecto 2023 00105.

Aplicación orzamentaria

Anualidade 2024

Anualidade 2025

Total

44.03.323B.470.0

400.000 €

1.600.000 €

2.000.000 €

2. Estas axudas están cofinanciadas nun 60 % polo Fondo Social Europeo Plus (FSE+) no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027, dentro do obxectivo político 4: unha Europa máis social e inclusiva mediante a aplicación do piar europeo de dereitos sociais; prioridade 1. Emprego, adaptabilidade, emprendemento e economía social; obxectivo específico ESO4.4 Promover a adaptación dos traballadores, as empresas e os emprendedores ao cambio, o envellecemento activo e saudable e un contorno de traballo saudable e ben adaptado que aborde os riscos para a saúde, e a medida 1.D.01. Axenda Galega de Capacidades para o Emprego. Formación de persoas traballadoras.

Sexto. Período de realización das accións formativas

O período de realización das accións formativas subvencionables comprenderá:

• Para aquelas accións formativas que se desenvolvan exclusivamente no ano 2024: desde o día seguinte ao da publicación da presente orde ata o 15 de novembro de 2024, ambos incluídos.

• Para aquelas accións formativas que se desenvolvan entre 2024 e 2025 ou exclusivamente no ano 2025: desde o 16 de novembro de 2024 ata o 30 de setembro de 2025, ambos incluídos.

Non serán subvencionables as accións formativas que se realicen antes da presentación da solicitude de axuda.

Sétimo. Forma e lugar de presentación das solicitudes

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

Oitavo. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será desde o día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia ata o 16 de setembro de 2024, ou ata que se produza o esgotamento do crédito asignado a esta convocatoria. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

Santiago de Compostela, 10 de xuño de 2024

José González Vázquez
Conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración