DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 121 Luns, 24 de xuño de 2024 Páx. 38688

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 11 de xuño de 2024, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 10 de xuño de 2024, relativa á solicitude de deslindamento formulada polos representantes dos montes veciñais en man común Xestosa e Acevedo, Porriño, Conchada, Bidueiros e Feal, no concello de Toén.

Examinada a solicitude de deslindamento formulada polos representantes do monte veciñal en man común (MVMC) Xestosa, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC) de Trellerma, e o de Acevedo, Porriño, A Conchada, Bidueiros e Feal, pertencente á CMVMC da parroquia de Moreiras e Trelle, no concello de Toén, resultan os seguintes:

Feitos:

Primeiro. O 13.6.2023, a CMVMC da parroquia de Xestosa presentou un escrito (Rexel 2023/1749905) en que solicitan a aprobación dun deslindamento coa CMVMC de Moreiras e Trelle.

Coa solicitude achegou a seguinte documentación:

– Acta de deslindamento.

– Certificacións de aprobación das respectivas asembleas xerais.

– Planos do deslindamento.

– Acta de conciliación levantada no Xulgado de Paz de Toén.

Segundo. O informe do Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense, do 3 de xullo de 2023, fai constar que a documentación achegada corresponde ao deslindamento parcial do perímetro estremeiro entre o MVMC Xestosa, pertencente á CMVMC da parroquia de Xestosa, e o MVMC Acevedo, Porriño, A Conchada, Bidueiros e Feal, pertencente á CMVMC de Moreiras e Trelle, desde o vértice 1 (o situado máis ao N) ata o vértice 12 (o situado máis ao S).

Logo de analizar os vértices e a súa localización obsérvase que:

• O punto inicial da liña (vértice 1, Penedo do Piñeiral) coincide co punto inicial da liña de deslindamento parroquia de Toén-parroquia de Xestosa (vértice 1) e mais co punto final da liña parroquia de Toén-Trellerma (vértice 5); estas últimas recoñecen e validan implicitamente a confluencia das catro citadas comunidades (Xestosa-Moreiras e Trelle-Toén-Trellerma) no punto en cuestión.

• Entre os vértices 2 e 3, 7 e 8, e entre o 10 e o 11, o deslindamento non vén definido pola liña recta que une os vértices, senón que se axusta a infraestruturas de carácter lineal citadas na propia acta do deslindamento, en concreto:

1. Á marxe E dunha devasa, entre os vértices 2 e 3.

2. Á marxe O dunha pista-devasa, entre os vértices 7 e 8.

3. Á marxe E da anterior pista-devasa, entre os vértices 10 e 11.

Consideracións legais e técnicas:

Primeiro. A presente resolución dítase ao abeiro do artigo 53 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Segundo. O artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, recolle o procedemento que se debe seguir no deslindamento entre montes veciñais en man común e establece que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común, logo do exame da documentación presentada, ditará resolución, que será publicada no Diario Oficial de Galicia e notificada ás comunidades interesadas.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 3 de xullo de 2023, o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común acordou, por unanimidade, o día 14 de maio de 2024:

Aprobar o acto de conciliación acadado polas xuntas reitoras dos MVMC Xestosa, pertencente á CMVMC da parroquia de Xestosa, e o MVMC Acevedo, Porriño, A Conchada, Bidueiros e Feal, pertencente á CMVMC de Moreiras e Trelle, no concello de Toén.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Ourense, 11 de xuño de 2024

José Antonio Armada Pérez
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense