DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 120 Venres, 21 de xuño de 2024 Páx. 38196

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 14 de xuño de 2024, do tribunal designado para cualificar o proceso selectivo extraordinario de estabilización derivado da Lei 20/2021, do 28 de decembro, pola quenda de acceso libre e mediante o sistema de concurso-oposición, para o ingreso no corpo facultativo de grao medio de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2, escala de técnicos facultativos, especialidade de fisioterapia, pola que se dá publicidade de diversos acordos.

Este tribunal, nomeado pola Resolución do 28 de novembro de 2023 para cualificar o proceso selectivo extraordinario de estabilización derivado da Lei 20/2021, do 28 de decembro, pola quenda de acceso libre e mediante o sistema de concurso-oposición, para o ingreso no corpo facultativo de grao medio de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2, escala de técnicos facultativos, especialidade de fisioterapia (DOG número 230, do 4 de decembro), na sesión que tivo lugar o 7 de xuño de 2024,

ACORDOU:

Primeiro. De conformidade co disposto na base III.1.1.2 da convocatoria, cualificar o segundo exercicio da fase de oposición, eliminatorio e obrigatorio, de 0 a 30 puntos, e é necesario para superalo obter un mínimo de 15 puntos. Correspóndelle ao tribunal determinar o nivel de coñecementos exixido para acadar esta puntuación mínima.

Para estes efectos, de acordo co disposto na base III.1.2.10 da convocatoria, este tribunal estableceu, o 11 de marzo de 2024, os criterios de corrección, valoración e superación deste segundo exercicio de acordo coas bases do proceso selectivo.

Neste acordo determinouse que o tribunal cualificará este exercicio valorando, entre outros, os coñecementos, a claridade, a orde de ideas e a calidade da expresión escrita. Terá en conta que a exposición se faga cunha redacción rigorosa, completa e equilibrada no seu contido. Non se valorarán os coñecementos que constitúan divagacións ou non se cingan ás epígrafes do tema.

En canto á expresión escrita, o tribunal terá en conta a claridade, a orde de ideas e a ortografía. O tribunal obviará as oracións con palabras inintelixibles, cunha sintaxe deficiente ou que se fagan incomprensibles por outras causas.

Segundo. Cada membro do tribunal cualificou o exercicio de cada persoa aspirante cunha puntuación segundo os criterios expostos. Esta cualificación veu determinada, logo do intercambio de opinións e valoracións por parte das persoas integrantes do tribunal, polo cálculo das notas que correspondan a cada exercicio en función das cualificacións outorgadas por cada un dos membros daquel, coa exclusión da nota máis alta e da máis baixa, e a nota final da persoa aspirante foi a media aritmética das notas válidas non excluídas.

Unha vez realizada a puntualización dos exames na sesión do 5 de xuño de 2024, de acordo coas normas e criterios anteriores, acadou a puntuación mínima de 15 puntos un total de 4 persoas aspirantes.

Terceiro. De acordo coa base III.1.2.8 da convocatoria, publicar no portal web corporativo da Xunta de Galicia funcionpublica.xunta.gal as puntuacións obtidas polas persoas aspirantes no segundo exercicio da fase de oposición, eliminatorio e obrigatorio, do proceso selectivo.

De acordo con esta base, as persoas aspirantes poderán presentar as alegacións que consideren oportunas en relación coas puntuacións no prazo de dez (10) días hábiles, contados desde o seguinte ao de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Cuarto. Conforme o recollido na base V.13 da orde de convocatoria, contra este acordo poderase interpor recurso de alzada ante o conselleiro de Facenda e Administración Pública nos termos previstos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 14 de xuño de 2024

María Conde Abalo
Presidenta do tribunal