DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 120 Venres, 21 de xuño de 2024 Páx. 38226

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 11 de xuño de 2024, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 30 de maio de 2024, relativa á solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do monte veciñal en man común de Vilanova, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Vilanova, no concello da Veiga.

Examinada a solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do MVMC de Vilanova, pertencente á CMVMC de Vilanova, no concello da Veiga, resultan os seguintes:

Feitos:

Primeiro. O 27.9.2022, a CMVMC de Vilanova presentou unha solicitude (Rexel núm. 2022/2364051) de revisión parcial de esbozo do MVMC de Vilanova, no concello da Veiga.

Coa solicitude achegaron a seguinte documentación:

– Certificación do acordo da Asemblea Xeral do día 10.8.2022.

– Memoria e planos.

– Arquivos xeográficos en formato vectorial.

Segundo. O Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense emitiu un informe favorable o día 5 de xullo de 2023 en relación coa citada solicitude. Nel indícase que o perímetro obxecto de revisión inclúe o perímetro estremeiro con particulares. Non se modifican os límites cos montes veciñais estremeiros.

A superficie do MVMC de Vilanova, unha vez revisado o esbozo, resulta de 2.257,35 ha fronte ás 1.319 ha clasificadas, o que supón un aumento de superficie dun 71 %. O importante solapamento co MVMC Serra de Calva e Follo, e mais o deslindamento co MVMC Candaira provocan unhas diferenzas de superficie que non son provocadas pola presente revisión de esbozo e con respecto ao esbozo orixinal presente na carpeta ficha. O erro vén arrastrado desde a clasificación do monte.

Tendo en conta o anterior, emítese informe favorable sobre a revisión do esbozo do MVMC de Vilanova.

Consideración legal e técnica:

Única. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.

De acordo con ela, os esbozos de montes veciñais integrados nun expediente que, pola súa antigüidade, non reúnan as características de fiabilidade e precisión que exixen as novas técnicas topográficas poderán ser obxecto de revisión axustándose e completándose con aqueles datos e documentos que se consideren necesarios, en particular os requiridos para a súa inmatriculación no Rexistro da Propiedade.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 5 de xullo de 2023, o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común acordou, por unanimidade, o día 14 de maio de 2024:

Aprobar a proposta de revisión de esbozo do MVMC de Vilanova, pertencente á CMVMC de Vilanova, no concello da Veiga.

Ourense, 11 de xuño de 2024

José Antonio Armada Pérez
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense