DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 119 Xoves, 20 de xuño de 2024 Páx. 37816

III. Outras disposicións

Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

ORDE do 23 de maio de 2024 pola que se convocan prazas de residencia nos centros residenciais docentes da Coruña, Ourense e Vigo para realizar estudos postobrigatorios non universitarios no curso 2024/25 (código de procedemento ED306A).

As residencias escolares prestan un servizo complementario que contribúe eficazmente ao desenvolvemento educativo, pois facilitan o acceso ao ensino postobrigatorio ao alumnado que debe escolarizarse en localidades distintas ás do seu domicilio habitual, así como a aquel que, por circunstancias excepcionais, deba utilizar o servizo de residencia como medida para asegurar unha adecuada resposta educativa que non pode recibir nun centro docente da súa residencia habitual.

A disposición derradeira primeira do Decreto 43/1989, do 2 de marzo, que establece a transformación dos centros de ensinanzas integradas da Coruña, Ourense e Vigo en institutos de educación secundaria e profesional e centros residencias docentes, faculta a esta consellería para o seu desenvolvemento e execución.

Na súa virtude, por proposta da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I

Condicións xerais e requisitos

Sección 1ª. Condicións xerais

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

1. A presente orde ten por obxecto regular o procedemento (código ED306A) para adxudicar as prazas de residencia existentes nos centros residenciais docentes da Coruña, Ourense e Vigo, ao alumnado que no curso académico 2024/25 inicie ou continúe estudos postobrigatorios non universitarios en centros docentes públicos ou privados concertados situados nos termos municipais da Coruña, Culleredo, Ourense e Vigo.

2. No caso de centros docentes privados concertados, deberá tratarse de ensinanzas e niveis incluídos no ámbito do concerto educativo.

Artigo 2. Condición de solicitante

Para os efectos desta orde, terá a condición de solicitante a alumna ou o alumno. No caso de que sexan menores de idade, actuarán asistidos polos seus representantes legais.

Artigo 3. Residentes con reserva de praza

1. As persoas residentes terán reserva de praza ata que completen os cursos dun concreto nivel educativo ou ciclo formativo que dean lugar á obtención dun título académico, sempre que non repitan curso e non variasen as demais circunstancias que se tiveron en conta para a adxudicación inicial.

2. Se queda algunha praza sen ocupar, deberá acumularse ás vacantes ofertadas polo centro ou, de ser caso, ofertarse ao alumnado que figure na listaxe de suplentes, respectando a orde de prelación. Así mesmo, o centro residencial deberá comunicar esta circunstancia e número de prazas afectadas á Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos.

Artigo 4. Residentes sen reserva de praza

As persoas residentes que rematen un concreto nivel educativo ou ciclo formativo, obtendo ou reunindo as condicións necesarias para obter o título académico correspondente, non teñen reserva de praza, polo tanto, para continuar estudos deberán presentar nova solicitude.

Artigo 5. Prazas de residencia reservadas e prazas vacantes

Os centros residenciais docentes, no prazo de tres (3) días contados a partir do seguinte ao da publicación da presente convocatoria no Diario Oficial de Galicia:

1. Elaborarán e remitirán á Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos unha estimación nominativa das persoas residentes que, á vista da información dispoñible nesa data, poidan ter reserva de praza para o curso 2024/25.

2. Publicarán o número de prazas vacantes ofertadas na súa páxina web e/ou no seu taboleiro de anuncios.

Artigo 6. Incompatibilidades

1. As persoas que estean en posesión ou reúnan os requisitos necesarios para obter o título académico correspondente a un determinado nivel e modalidade educativa ou a un determinado ciclo formativo non poderán obter praza de residencia para realizar estudos do mesmo nivel ou dun nivel equivalente. Non se aplicará esta causa de incompatibilidade cando, unha vez adxudicadas as prazas ás persoas admitidas, seguisen existindo prazas vacantes.

2. A condición de persoa adxudicataria de praza de residencia gratuíta é compatible coas axudas da convocatoria xeral de bolsas e axudas ao estudo, agás aquelas que teñan como compoñente o pagamento de gastos de comedor e/ou residencia escolar.

3. A obtención de praza de residencia non gratuíta é compatible coas indicadas axudas, sempre que o importe da axuda destinado a gastos de comedor e/ou residencia escolar non supere a cantidade que ten que aboar.

Sección 2ª. Requisitos académicos, persoais,
de lugar de residencia e económicos

Artigo 7. Requisitos académicos e persoais

A persoa solicitante deberá reunir os seguintes requisitos:

1. Estar matriculada en estudos postobrigatorios non universitarios nalgún dos centros docentes indicados no artigo 1 desta orde no curso 2024/25.

2. Non repetir curso nin ter abandonado o curso iniciado. Non obstante, o alumnado que non progresou ao curso seguinte ou abandonou o curso iniciado poderá presentar solicitude de praza de residencia unha única vez máis para cursar un estudo distinto.

Excepcionalmente, por causas debidamente xustificadas, a Comisión de Valoración poderá eximir de forma motivada do cumprimento destes requisitos, á vista da proposta que efectúe o centro residencial e do informe da inspección educativa, para que poida continuar no centro residencial malia repetir o mesmo curso ou retomar o abandonado.

3. Non ter sido expulsada no curso anterior dun centro residencial nin estar sometida a un procedemento disciplinario en trámite, por algunha das condutas gravemente prexudiciais para a convivencia descritas no artigo 15 da Lei 4/2011, do 30 de xuño, de convivencia e participación da comunidade educativa, e no capítulo II do Decreto 8/2015, do 8 de xaneiro, que a desenvolve.

Artigo 8. Lugar de residencia da unidade familiar e accesibilidade aos estudos

1. A persoa solicitante deberá estar matriculada nunha concreta modalidade dun nivel educativo ou nunha familia profesional ou especialidade dun ciclo formativo que:

a) Non se imparta en ningún centro sostido con fondos públicos da localidade galega de residencia habitual da unidade familiar a que pertenza.

b) E tampouco se imparta nunha localidade que, pola súa proximidade á de residencia habitual ou polos medios de comunicación dispoñibles, permita o desprazamento diario con facilidade.

2. Excepcionalmente, por circunstancias persoais ou familiares moi graves debidamente xustificadas, a Comisión de Valoración poderá eximir, de forma motivada, do cumprimento destes requisitos, á vista da proposta que efectúe o centro residencial e dos informes que se consideren oportunos.

Artigo 9. Membros computables da unidade familiar

1. Para os efectos desta orde, terán a consideración de membros computables da unidade familiar:

a) O alumnado solicitante.

b) As persoas proxenitoras non separadas legalmente nin divorciadas ou, de ser o caso, as persoas titoras.

c) A persoa que, por novo matrimonio ou por convivencia en situación de unión de feito ou análoga, viva no domicilio familiar coa persoa proxenitora.

d) As irmás e irmáns solteiros menores de 25 anos que dependan das persoas proxenitoras, sempre que convivan no domicilio familiar.

e) As irmás e irmáns maiores de 18 anos con discapacidade, sempre que convivan no domicilio familiar.

2. Cando a persoa solicitante alegue que vive de forma independente respecto da súa unidade familiar deberá acreditar: a dispoñibilidade da vivenda (en propiedade, en alugamento...); que vive de forma efectiva nela (recibos de luz, auga...); e que dispón de medios económicos suficientes para facer fronte aos seus gastos. Se non xustifica os aspectos indicados, non se considerará probado, para os efectos desta orde, a circunstancia de vida independente.

3. Non terán a consideración de membros computables da unidade familiar:

a) A persoa proxenitora separada legalmente ou divorciada que non conviva habitualmente co/ca fillo/a solicitante, agás se as persoas proxenitoras teñan (o tivesen) a custodia compartida.

b) O agresor nos casos de violencia de xénero.

Artigo 10. Determinación da renda da unidade familiar

1. A renda da unidade familiar que se terá en conta é a do exercicio fiscal 2022 e obterase pola suma das rendas de cada un dos membros computables da familia que obteñan ingresos de calquera natureza, calculados segundo indican os puntos seguintes e de conformidade coa normativa reguladora do imposto sobre a renda das persoas físicas.

2. Cando o membro computable presente declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas, sumarase a base impoñible xeral (recadro 435) e a base impoñible do aforro (recadro 460); cando non a presente, teranse en conta os ingresos de acordo cos datos tributarios facilitados pola Axencia Tributaria.

3. Os ingresos obtidos polo novo cónxuxe ou parella de feito da persoa proxenitora coa que conviva habitualmente a persoa solicitante, compútanse para calcular a renda da unidade familiar.

4. Nos casos de separación legal ou divorcio, se as persoas proxenitoras teñen (ou tiveron) a custodia compartida da persoa solicitante, computaranse os ingresos de ambos.

5. Nos casos de violencia de xénero, quedan excluídos do cómputo os ingresos do agresor.

Sección 3ª. Alumnado en situación de tutela ou garda da Xunta de Galicia

Artigo 11. Alumnado en situación de tutela ou garda

No caso do alumnado en situación de tutela ou garda da Xunta de Galicia, tanto se está en centro de menores como se está acollido por unha familia, aplícanse as seguintes especialidades:

1. En canto á accesibilidade (artigo 8), considerarase desde a localidade do centro de menores ou a de residencia da familia de acollida.

2. En canto á renda (artigo 10), non se ten en conta nin a renda da súa unidade familiar nin a da familia de acollida.

3. Así mesmo, sempre que cumpran os requisitos académicos e persoais (artigo 7), terán preferencia para obter praza.

CAPÍTULO II

Modalidades de adxudicación praza: gratuíta e bonificada

Artigo 12. Adxudicación de praza gratuíta

A adxudicación de praza de residencia será gratuíta:

1. Cando a renda da unidade familiar sexa igual ou inferior ao limiar 2 fixado polo Real decreto 201/2024, do 27 de febreiro, do Ministerio de Presidencia, Xustiza e Relacións coas Cortes, polo que se establecen os limiares de renda e patrimonio familiar e as contías das bolsas e axudas ao estudo para o curso 2024/25, recollido no seguinte cadro:

Número de membros da familia

Limiar (euros)

Familias de un membro

13.898,00

Familias de dous membros

23.724,00

Familias de tres membros

32.201,00

Familias de catro membros

38.242,00

Familias de cinco membros

42.743,00

Familias de seis membros

46.142,00

Familias de sete membros

49.503,00

Familias de oito membros

52.850,00

Cada membro adicional ao 8º

3.340,00

2. Cando se trate de alumnado en situación de tutela ou garda da Xunta de Galicia.

Artigo 13. Adxudicación de praza bonificada

1. Cando a renda da unidade familiar sexa superior ao limiar 2, a persoa adxudicataria deberá aboar, anualmente, as seguintes cantidades:

a) Ata un 10 %: 682,85 €.

b) Máis do 10 % e ata un 20 %: 1.047,11 €.

c) Máis do 20 % e ata un 30 %: 1.680,89 €.

d) Máis do 30 %: 2.493,98 €.

2. O pagamento da cota anual deberá facerse efectivo ao inicio do curso, concretamente, ata o día 4 de outubro de 2024 (este incluído).

En caso de fraccionamento, como máximo en 3 prazos trimestrais, cada unha das cotas deberá facerse efectiva ao inicio do respectivo trimestre, concretamente: a primeira cota, ata o día 4 de outubro de 2024 (este incluído); a segunda cota, ata o 10 de xaneiro de 2025 (este incluído); e a terceira cota, ata o 4 de abril de 2025 (este incluído).

CAPÍTULO III

Criterios de baremo

Artigo 14. Criterios de baremo

1. As solicitudes valoraranse conforme criterios socioeconómicos e de rendemento académico.

2. Os criterios socioeconómicos abranguen: composición da unidade familiar, orfandade ou calquera outra situación familiar especial; número de habitantes do lugar de residencia da unidade familiar e renda da unidade familiar.

Artigo 15. Puntuación pola composición da unidade familiar

1. Por irmán ou irmá, asignaranse as seguintes puntuacións:

a) Irmán ou irmá solteiro/a menor de 25 anos non independizado que conviva no domicilio familiar, incluída a persoa solicitante: 1 punto por cada un.

b) Irmán ou irmá residente no mesmo centro: 0,50 puntos por cada un.

2. En atención á condición de orfo, asignaranse as seguintes puntuacións:

a) Orfo/a de pai ou de nai: 9 puntos.

b) Orfo/a absoluto/a: 13 puntos.

3. Ás situacións familiares especiais enumeradas a seguir asignaráselle a puntuación indicada en cada caso (máximo de 6 puntos):

a) Violencia de xénero: 4 puntos.

b) Residencia habitual dos pais ou titores no estranxeiro: 2 puntos.

c) Discapacidade dalgún membro computable da unidade familiar igual ou superior ao 33 %: 1 punto por cada un; e se é igual ou superior ao 65 %: 4 puntos por cada un.

d) Desemprego dalgunha das persoas proxenitoras, ou de ambas, sempre que esgotasen o dereito a percibir a prestación ou o subsidio por desemprego e que continúen inscritos como demandantes de emprego: 2 puntos por cada un.

Artigo 16. Número de habitantes da entidade singular de poboación de residencia da unidade familiar

En atención ao número de habitantes da entidade singular de poboación onde resida a unidade familiar, atribuirase a seguinte puntuación:

1. Menos de 1.000 habitantes: 5 puntos.

2. Entre 1.001 e 2.000 habitantes: 4 puntos.

3. Entre 2.001 e 5.000 habitantes: 3 puntos.

4. Entre 5.001 e 10.000 habitantes: 2 puntos.

5. Entre 10.001 e 20.000 habitantes: 1 punto.

6. Máis de 20.000 habitantes: 0 puntos.

Artigo 17. Renda da unidade familiar

Atendendo á renda da unidade familiar, atribuirase a seguinte puntuación:

1. Ata 4.265,00 €: 10 puntos.

2. De 4.265,01 a 4.840,00 €: 8 puntos.

3. De 4.840,01 a 5.420,00 €: 7 puntos.

4. De 5.420,01 a 5.992,00 €: 6 puntos.

5. De 5.992,01 a 6.620,00 €: 5 puntos.

6. De 6.620,01 a 7.145,00 €: 4 puntos.

7. De 7.145,01 a 7.726,00 €: 3 puntos.

8. De 7.726,01 a 8.300,00 €: 2 puntos.

9. De 8.300,01 a 8.878,00 €: 1 punto.

10. Máis de 8.878,00 €: 0 puntos.

Artigo 18. Rendemento académico

1. Terase en conta a nota media obtida no curso escolar inmediatamente anterior, isto é 2023/24, na realización de estudos que dean lugar á obtención dun título académico oficial, acreditada mediante o certificado oficial de notas. Cando non cursase estudios no curso 2023/24, terase en conta a nota media do último curso que realizase.

2. A nota media será a media aritmética das cualificacións numéricas finais obtidas no curso na escala 0 a 10. As materias non presentadas valoraranse con 2,50 puntos.

A nota media arredondarase á centésima máis próxima e, en caso de equidistancia, á superior, e expresarase con dúas cifras decimais.

3. Unicamente cando non existan cualificacións numéricas, aplicarase a seguinte táboa:

a) Matrícula de honra = 10,00 puntos.

b) Sobresaliente = 9,00 puntos.

c) Notable = 7,50 puntos.

d) Ben = 6,50 puntos.

e) Aprobado = 5,50 puntos.

f) Suspenso, non presentado ou non apto: 2,50 puntos.

Artigo 19. Supostos excepcionais

1. As circunstancias persoais, familiares, sociais e económicas das cales derive unha problemática específica, así como o feito de residir en zonas con grandes dificultades de escolarización, poderán ser consideradas como supostos excepcionais e poderá outorgarse unha puntuación adicional de ata 10 puntos.

2. Para tal efecto, á vista da solicitude e demais documentación que achegue a persoa interesada, tendo en conta a proposta que efectúe o centro residencial e o informe da inspección educativa, a Comisión de Valoración resolverá de forma motivada.

CAPÍTULO IV

Procedemento de adxudicación de praza en período ordinario

Artigo 20. Competencias

1. Na tramitación do procedemento de adxudicación de prazas de residencia, a instrución corresponderá ao respectivo centro residencial docente, e a valoración dos criterios de baremo e a elaboración de propostas, á Comisión de Valoración prevista no artigo 31.

2. A Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos adoptará as resolucións e acordará a súa publicación nos termos previstos nesta orde.

3. O presente procedemento tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, a través da comparación das solicitudes presentadas, co fin de establecer unha prelación entre elas de acordo cos criterios de valoración previamente fixados nas bases da convocatoria e adxudicar as prazas e as bonificacións das cotas ás persoas que obtivesen maior valoración en aplicación dos citados criterios (artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia).

Así mesmo, de acordo co artigo 23.4 e 5 da dita lei, o prazo máximo para tramitar o procedemento será de cinco (5) meses contados a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia; transcorrido este, a solicitude poderá entenderse denegada por silencio administrativo negativo.

Sección 1ª. Presentación de solicitudes e documentación

Artigo 21. Presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Opcionalmente, poderanse presentarse as solicitudes presencialmente no centro residencial docente e en calquera dos lugares e dos rexistros establecidos na norma reguladora do procedemento administrativo común.

Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. O formulario normalizado de solicitude (anexo I) e o de comprobación de datos dos membros computables da unidade familiar (anexo II), ademais estarán dispoñibles:

a) No portal educativo, enderezo http://www.edu.xunta.gal

b) Nas dependencias dos centros residenciais docentes.

3. A solicitude deberá estar asinada pola persoa solicitante ou polo seu representante legal, e a súa presentación implicará que acepta as bases da convocatoria, que cumpre os requisitos exixidos nela e que todos os datos contidos na solicitude e na documentación achegada son certos; así mesmo, que reúne os requisitos necesarios para obter o título académico que indica.

Artigo 22. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes en período ordinario será:

1. Para o alumnado matriculado en bacharelato, entre o día seguinte ao da publicación desta convocatoria e o 19 de xullo de 2024 (este incluído).

2. Para o alumnado matriculado en ciclos formativos, entre o día seguinte ao da publicación desta convocatoria e o 2 de agosto de 2024 (este incluído).

Artigo 23. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar, coa solicitude, a seguinte documentación.

Alumnado que solicita praza por primeira vez ou alumnado residente sen reserva de praza:

a) O anexo II (comprobación de datos dos membros computables da unidade familiar), de ser o caso.

b) Xustificante da matrícula para o curso académico 2024/25.

c) Copia do libro de familia ou documento equivalente onde figuren todos os membros computables. Se non ten libro de familia ou este non reflicte a situación, poderá acreditar o número de membros da familia utilizando, entre outros, algún dos seguintes medios:

1º. Sentenza xudicial de separación ou divorcio e/ou convenio regulador onde conste a custodia do alumnado.

2º. Informe dos servizos sociais ou do órgano equivalente do concello onde resida a familia.

d) Certificado de convivencia da persoa solicitante e os demais membros computables da familia no mesmo domicilio.

e) Certificado oficial das notas do curso escolar 2023/24, e se non cursou estudos neste, o do último curso que realizase.

f) Certificado de discapacidade da persoa solicitante ou de calquera membro da familia non expedido pola Administración autonómica.

g) Documentación xustificativa da exención do requisito de non repetir curso nin ter abandonado o curso iniciado.

h) Documentación acreditativa da concorrencia de circunstancias persoais ou familiares moi graves para eximir do requisito de accesibilidade aos estudos desde o lugar de residencia.

i) Documentación xustificativa da situación de violencia de xénero. Poderá acreditarse en calquera das formas que enumera o artigo 5 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.

j) Resolución xudicial xustificativa do acollemento familiar.

k) Para acreditar vida independente respecto da unidade familiar: escritura de compra, contrato de alugamento ou título que lexitima a ocupación da vivenda, e recibos acreditativos do pagamento de subministracións (auga, luz...).

l) Documentación xustificativa de que é solicitante de programa Erasmus ou outro programa de intercambio.

m) Calquera outro documento que consideren conveniente.

2. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente no centro residencial ou en calquera dos lugares e dos rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse sede electrónica da Xunta de Galicia.

5. Os documentos achegados deberán ser válidos e eficaces no momento da súa presentación e reflectir a situación persoal e familiar na data de publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia, agás a renda da unidade familiar, que será a correspondente ao exercicio fiscal 2022. No caso de violencia de xénero, observarase ao disposto na lexislación específica.

Artigo 24. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante o do seu representante, cando fose menor de idade e do resto dos membros computables da unidade familiar.

b) Declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas ou, na súa falta, certificado tributario de imputacións do exercicio 2022, da persoa solicitante e do resto dos membros computables da unidade familiar.

Consultaranse, ademais, os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:

c) Certificado de discapacidade da persoa solicitante ou de calquera membro da familia expedido pola Administración autonómica.

d) Percepción de pensión por incapacidade permanente total, absoluta ou gran invalidez ou de pensión de clases pasivas por xubilación ou retiro por incapacidade permanente para o servizo ou inutilidade (equivalente a unha discapacidade igual ao 33 %), por parte da persoa solicitante ou o resto dos membros computables da unidade familiar.

e) Consulta dos datos de defunción da persoa proxenitora do alumnado solicitante.

f) Estar inscrita a persoa proxenitora do alumnado solicitante como demandante de emprego e ter esgotado a prestación e/ou o subsidio por desemprego.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarse o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 25. Declaración responsable do alumnado residente

1. O alumnado residente con reserva de praza deberá indicalo na solicitude marcando o correspondente recadro do modelo normalizado (anexo I).

2. A sinatura da solicitude implicará a seguinte declaración: que os estudos que vai realizar no curso 2024/25 son necesarios para completar un nivel educativo ou ciclo formativo que dea lugar á obtención de título académico; que se manteñen as circunstancias familiares, de lugar de residencia e económicas que deron lugar á adxudicación inicial, e que non repite curso.

3. En calquera momento, a dirección do centro residencial docente poderá requirirlle a documentación acreditativa de reunir os requisitos indicados.

Artigo 26. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, as persoas interesadas tamén poderán realizar os ditos trámites presencialmente no centro residencial ou en calquera dos lugares e dos rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 27. Falta de xustificación de requisitos e/ou de criterios de baremo

1. En todo caso, a dirección do centro residencial e a Comisión de Valoración poderán requirir a documentación complementaria que xulguen necesaria, para constatar a concorrencia ou, de ser o caso, o mantemento dos requisitos e dos criterios de baremo.

2. A falta ou insuficiente xustificación dun requisito impedirá obter ou conservar a praza de residencia. Cando a omisión ou deficiente xustificación afecte un criterio de baremo, atribuiráselle neste 0 puntos.

Artigo 28. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos. As persoas interesadas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos mediante os modelos normalizados dispoñibles.

2. A persoa interesada deberá manifestar, expresamente, a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel) no formulario.

3. No caso de optar pola notificación en papel, practicarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

4. De conformidade do artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo electrónico e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

5. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

6. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarse a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 29. Publicación dos actos

Logo da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, publicaranse na páxina web da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e/ou no taboleiro de anuncios do respectivo centro residencial docente as listaxes provisionais e definitivas previstas nesta orde coas indicacións necesarias para xestionar o procedemento.

Artigo 30. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 30.bis. Comunicación á Base de datos nacional de subvencións

De conformidade co previsto nos artigos 20.8.a) e 17.3.b) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, comunicarase á Base de datos nacional de subvencións o texto da convocatoria e a información requirida pola base.

Sección 2ª. Comisión de Valoración

Artigo 31. Composición e funcións da Comisión de Valoración

1. A Comisión de Valoración estará composta por:

a) Presidente/a: a persoa titular da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos ou aquela en quen delegue.

b) Vogais: un/unha representante de cada un dos centros residenciais docentes.

c) Tres persoas funcionarias da consellería competente en materia de educación, unha delas con función de secretaria, que designará a persoa titular da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos.

2. Á Comisión corresponderalle valorar os criterios de baremo asignando as puntuacións e as demais funcións atribuídas nesta orde.

Sección 3ª. Listaxes provisionais, definitivas, adxudicación de prazas
e listaxe de suplentes

Artigo 32. Publicación da puntuación provisional das persoas admitidas e da listaxe das excluídas

1. O día 22 de agosto de 2024 publicaranse a través da páxina web da Consellería e do taboleiro de anuncios ou da páxina web do respectivo centro residencial:

a) A listaxe provisional de persoas admitidas, que indicará a puntuación total por orde descendente e a correspondente a criterios socioeconómicos e ao rendemento académico.

b) A listaxe provisional de persoas excluídas, que indicará a causa da exclusión.

2. As persoas solicitantes poderán formular reclamación ante a Comisión de Valoración no prazo de cinco (5) días hábiles contados a partir do día seguinte ao da súa publicación.

3. As reclamacións formuladas entenderanse estimadas ou desestimadas mediante a publicación das listaxes definitivas.

Artigo 33. Publicación da puntuación definitiva das persoas admitidas, da relación definitiva de excluídas, adxudicatarias de praza e suplentes

1. O día 30 de agosto de 2024 publicaranse conxuntamente a través da páxina web da Consellería e do taboleiro de anuncios ou da páxina web do respectivo centro residencial:

a) A listaxe definitiva de todas as persoas admitidas indicando a puntuación total por orde descendente, e a correspondente a criterios socioeconómicos e ao rendemento académico.

b) A listaxe definitiva de persoas excluídas, que indicará a causa da exclusión.

c) A listaxe de persoas adxudicatarias, que indicará o nome e apelidos e o centro en que estean matriculadas.

d) A listaxe de suplentes, coas persoas admitidas que, estando matriculadas, no obteñan praza, seguindo a orde de prelación que resulte da súa puntuación definitiva.

2. Na adxudicación de prazas de residencia en período ordinario terán preferencia as persoas matriculadas en cursos completos e as que estean matriculadas, polo menos, na metade dos módulos que compoñan o ciclo formativo, seguindo, en ambos os dous casos, a orde de prelación que resulte da puntuación definitiva.

3. Se feita esta adxudicación seguen existindo prazas vacantes, adxudicaranse ao alumnado matriculado no número de materias ou de módulos que lle falte para finalizar os estudos; ao alumnado con matrícula parcial, que teña un mínimo de catro (4) materias; ou ao alumnado matriculado nun número de módulos que teñan unha duración horaria igual ou superior a 500 horas, seguindo a orde de prelación que resulte da puntuación definitiva.

4. Cando dúas ou máis persoas solicitantes empaten na puntuación total, terá preferencia a que teña maior puntuación no rendemento académico; se existe empate na puntuación por rendemento académico, resolverase por sorteo entre as persoas afectadas por este.

5. Fronte á resolución da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos que aproba e ordena a publicación das ditas listaxes, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional no prazo dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación na páxina web da Consellería, de acordo cos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

CAPÍTULO V

Procedemento de adxudicación de praza en período extraordinario

Artigo 34. Presentación de solicitudes en período extraordinario

Cando, feita a adxudicación de prazas en período ordinario, sigan existindo prazas vacantes, o centro residencial abrirá un prazo de presentación de solicitudes en período extraordinario entre o 2 e o 6 de setembro de 2024, ambos incluídos.

Artigo 35. Tramitación

A tramitación destas solicitudes axustarase ao establecido nos artigos anteriores, agás no relativo ás datas e aos prazos, que serán os seguintes:

a) Publicación da listaxe provisional: o 13 de setembro de 2024.

b) Prazo para formular reclamación: ata o 20 de setembro de 2024 (este incluído).

c) Publicación da listaxe definitiva e da adxudicación de praza: o 27 de setembro de 2024.

CAPÍTULO VI

Obrigas das persoas residentes e causas de perda da praza

Artigo 36. Obrigas das persoas residentes

1. As persoas beneficiarias de praza deberán incorporarse á residencia na data de inicio do curso escolar e respectar o réxime interno, as normas de convivencia e os horarios que permitan o normal desenvolvemento da vida residencial e docente.

Así mesmo, deberán asistir ás clases nos respectivos centros docentes en que estean matriculadas e presentar na secretaría do centro residencial o boletín oficial ou documento acreditativo das cualificacións obtidas nas avaliacións parciais que se efectúan durante o curso.

2. Os centros residenciais docentes permanecerán pechados as fins de semana (desde o venres pola tarde ata o domingo pola noite) tal e como establezan as normas de réxime interno do centro.

Artigo 37. Causas de perda da praza

1. As persoas residentes poderán perder a praza:

a) Por non incorporarse ao centro residencial na data de inicio do curso escolar ou non residir nel os días lectivos, agás causa de forza maior debidamente xustificada.

b) Por deixar de residir no centro residencial por participar nun programa Erasmus ou outro programa de intercambio ou por estar realizando estudos nun centro docente distinto ao indicado na solicitude.

c) Por non aboar a cota anual ou trimestral nos prazos indicados no artigo 13.2 desta orde.

d) Por non entregar na secretaría do centro residencial o documento acreditativo da súa asistencia ás clases das materias en que estean matriculadas, no prazo máximo de cinco (5) días seguintes a ser requiridas.

e) Por non entregar na secretaría do centro residencial o boletín oficial ou documento acreditativo das cualificacións obtidas nas avaliacións parciais que se efectúan durante o curso, no prazo máximo de cinco (5) días seguintes á súa entrega por parte do centro docente.

f) Por baixo rendemento académico consistente en non superar en cada avaliación parcial, como mínimo, o 65 % das materias en que estean matriculadas.

g) Por perda da condición de alumna ou alumno do centro docente.

h) Por inexactitude ou falsidade nos datos ou na información achegada, cando afecte a concorrencia dos requisitos exixidos na convocatoria.

i) Por inexactitude ou falsidade dos datos ou da información achegada cando, afectando a criterios de baremo, a puntuación outorgada nese criterio sexa determinante da adxudicación da praza.

j) Por incumprimento das normas de réxime interno do centro residencial, cando se trate de condutas gravemente prexudiciais para a convivencia ou condutas leves contrarias á convivencia, descritas respectivamente nos artigos 15 e 16 da Lei 4/2011, do 30 de xuño, de convivencia e participación da comunidade educativa.

Artigo 38. Procedemento

1. A dirección do centro residencial notificará o feito constitutivo do incumprimento das indicadas obrigas á persoa residente e concederalle un prazo de cinco (5) días hábiles para que presente alegacións, documentos ou xustificacións que considere convenientes.

2. Á vista destas, ou transcorrido o prazo concedido, e logo do informe do consello da residencia, a persoa titular da dirección do centro resolverá o procedente no prazo de cinco (5) días hábiles.

3. Esta resolución notificaráselle á persoa interesada ou, de ser o caso, ao seu representante legal, indicando a posibilidade de interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional no prazo dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación.

Disposición adicional primeira. Estudos de formación profesional básica e programas de estudo ou intercambios

Se, rematado o procedemento ordinario e, de ser o caso, o extraordinario, de adxudicación de prazas ao alumnado matriculado en estudos postobrigatorios non universitarios no curso académico 2024/25 seguen existindo prazas vacantes, poderán adxudicarse, por esta orde:

1. En primeiro lugar, ao alumnado matriculado en formación profesional básica que reúna os demais requisitos previstos nesta orde.

2. A continuación, ao alumnado que non vai asistir de forma continuada ao longo do curso escolar ás clases no centro docente en que está matriculado por seguir programas de estudo ou intercambios noutros centros.

Disposición adicional segunda. Cobertura de prazas de residencia con alumnado universitario

1. Se, rematado o procedemento ordinario e, de ser o caso, o extraordinario, de adxudicación de prazas ao alumnado matriculado en estudos postobrigatorios non universitarios no curso académico 2024/25, incluído o alumnado da disposición adicional primeira, seguen existindo prazas vacantes, estas poderán ser cubertas con alumnado universitario.

2. Esta circunstancia deberá anunciarse no taboleiro de anuncios do centro residencial, abrindo prazo para presentar solicitudes e documentación. A adxudicación destas prazas axustarase aos criterios de baremo establecidos nesta orde.

3. As persoas beneficiarias deberán aboar a cantidade de 3.649,19 €; o pagamento pode fraccionarse nun máximo de tres (3) prazos trimestrais, e deberá facerse efectivo nos prazos indicados no artigo 13.2 da orde.

Disposición adicional terceira. Alumnado que vai seguir programas de estudo ou intercambios en centros docentes públicos de Galicia

1. O alumnado que vai seguir programas de estudo ou intercambios en centros docentes públicos de Galicia, e así o acredite, poderá residir no centro residencial durante a súa estadía, se hai prazas libres.

2. Este alumnado deberá aboar a parte proporcional que lle corresponda, en función da duración da estadía, da cota anual de 2.493,98 €. A cota íntegra deberá facela efectiva ao inicio da estadía no centro.

3. No caso de intercambio entre alumnos/as con dereito a praza de residencia, aplicarase o principio de reciprocidade.

4. En todo caso, este alumnado está suxeito ás obrigas desta convocatoria, así como ás normas de réxime interno e de convivencia do centro.

Disposición adicional cuarta. Acceso a servizos do centro residencial por parte de estudantes non residentes

1. As persoas estudantes incluídas na relación de suplentes e, na falta destas, as que reúnan os requisitos académicos previstos nesta orde para poder obter unha praza de residencia poderán beneficiarse dalgún ou dalgúns servizos da residencia, sempre que exista a dispoñibilidade, logo de aboamento do seu importe.

2. Para determinar este importe teranse en conta as cantidades fixadas para as persoas residentes no artigo 13 desta orde.

3. En todo caso, a utilización de calquera servizo da residencia implica a obriga de cumprir todas as normas de réxime interno e de convivencia do centro.

Disposición adicional quinta. Período de funcionamento dos centros residenciais docentes

O período de funcionamento dos centros residenciais docentes coincidirá co calendario escolar que esta consellería aprobe e publique no Diario Oficial de Galicia para o curso 2024/25. En todo caso, o centro residencial permanecerá pechado a partir do 30 de xuño de 2025.

Disposición adicional sexta. Deber de confidencialidade

O persoal que preste servizos nos centros residenciais docentes que, con motivo do desenvolvemento das súas funcións, acceda a datos persoais e económicos do alumnado e das familias, quedará suxeito ao deber de confidencialidade e á lexislación sobre protección de datos.

Disposición adicional sétima. Persoas solicitantes que non perciben ingresos en España

As persoas solicitantes que acrediten non percibir ningún ingreso en España, mediante o correspondente certificado tributario de imputacións, deberán xustificar os ingresos que obteña a unidade familiar a que pertenza no país estranxeiro onde resida.

Se é maior de idade e pretende ter vida independente, deberá acreditalo na forma prevista no artigo 9.2 desta orde.

Disposición adicional oitava. Dereito supletorio

En todo o non previsto pola presente orde serán de aplicación as normas vixentes en materia de bolsas e axudas ao estudo.

Disposición derradeira primeira. Recurso

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer o recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia (artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas) ou recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados desde a mesma data (artigos 8, 10 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa).

Disposición derradeira segunda. Medidas de desenvolvemento

A Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, en virtude desta orde, está facultada para adoptar as medidas necesarias para o seu cumprimento.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de maio de 2024

Román Rodríguez González
Conselleiro de Educación, Ciencia,
Universidades e Formación Profesional

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file