DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 117 Martes, 18 de xuño de 2024 Páx. 37430

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 27 de maio de 2024, da Dirección Territorial da Coruña, pola que se concede a autorización administrativa previa e de construción dunha instalación de distribución eléctrica no concello de Ortigueira (expediente IN407A 2023/236-1).

Expediente: IN407A 2023/236-1.

Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Denominación do proxecto: recuamento LMT lugar Igrexario, s/n.

Concello: Ortigueira.

Feitos:

1. O día 28.4.2023, a empresa promotora solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción do proxecto de execución da instalación de distribución eléctrica mencionada, que ten como finalidade o recuamento da liña por instancia da Deputación Provincial de A Coruña.

Ao abeiro do artigo 123 do Real decreto 1955/2000, achegan o proxecto de execución denominado Recuamento LMT lugar Igrexario, s/n, asinado o día 8.3.2023 por Raúl Guillermo Naveira Dueñas, enxeñeiro técnico industrial co número de colexiado 1.905.

2. O proxecto non se someteu ao trámite de información pública, segundo o artigo 50 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro).

3. Consonte o artigo 127 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, solicitouse o informe preceptivo ás distintas entidades afectadas: Patrimonio Cultural, Deputación da Coruña, Adif e Concello de Ortigueira. A empresa promotora manifestou a súa conformidade cos informes presentados no prazo outorgado para ese efecto.

No día desta resolución, non consta no expediente resposta do Patrimonio Cultural nin do Concello de Ortigueira á solicitude de informe.

4. O día 16.5.2024 emitiuse o informe técnico.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. O director territorial é competente para resolver este expediente segundo o Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia; o artigo 41 do Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (DOG núm. 126, do 4 de xullo), modificado polo Decreto 49/2023, do 19 de maio (DOG núm. 98, do 25 de maio) consonte coa disposición adicional décimo segunda e a disposición transitoria primeira do Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia (DOG núm. 81, do 24 de abril).

Segunda. Lexislación de aplicación:

– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

– Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión.

– Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro).

Terceira. Características técnicas:

As instalacións de alta tensión obxecto deste expediente están situadas no lugar Igrexario, no concello de Ortigueira e as súas características técnicas son as seguintes:

Recuamento da LMTA MEA-809 de 20 kV por instancia da Deputación Provincial da Coruña para ampliar un vieiro. Actuacións previstas:

Desmantelamento de 3 apoios de formigón. Instalación de 3 apoios de celosía de tipo C-3000/14, C-2000/14 e C-200/16. Tendido dun novo van en condutor LA-56 de 39 m e retensado de 3 vans que chegan aos novos apoios.

Instalación de 90 metros de condutor subterráneo RHZ1-2OL 12/20 kV 3(1x240) mm2 Al entre os dous PAS que se van instalar en novos apoios, para soterrar a liña principal no ámbito do vieiro que se vai ampliar. Para realizar a derivada subterránea ao CT 15CV76 Igrexario, proxéctanse 24 metros de condutor subterráneo RHZ1-2OL 12/20 kV 3(1x95) mm2 Al, proxectándose unha canalización total de 68 m de lonxitude.

Cuarta. No expediente consta un informe favorable dos servizos técnicos desta dirección territorial.

De acordo con todo o exposto,

RESOLVO:

1. Conceder a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción da dita instalación de distribución eléctrica.

2. A instalación executarase no prazo dun ano, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

3. Para a posta en explotación da instalación autorizada, deberá achegar ante esta dirección territorial unha solicitude coa cal xuntará a seguinte documentación:

• As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento, e as certificacións ou homologacións, se procede.

• Un certificado do/da director/a da montaxe en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e das prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas oportunas na montaxe da instalación e posta a punto.

• Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.

4. Esta aprobación outórgase sen prexuízo doutras que sexan de aplicación segundo a lexislación vixente, en especial, no relativo á ordenación do territorio e ao ambiente.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada perante a conselleira de Economía e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que consideren pertinente.

Mediante este documento notifícaselles aos interesados esta resolución, segundo o exixido no artigo 40.1 da dita Lei 39/2015.

A Coruña, 27 de maio de 2024

Isidoro Martínez Arca
Director territorial da Coruña