DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 117 Martes, 18 de xuño de 2024 Páx. 37369

IV. Oposicións e concursos

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 10 de xuño de 2024, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se publican a relación definitiva de admitidos/as e excluídos/as e os resultados definitivos de baremación no proceso de actualización das listas de selección temporal para a formalización de nomeamentos estatutarios temporais de diversas categorías/especialidades de persoal licenciado sanitario de atención hospitalaria.

O vixente Pacto sobre selección de persoal estatutario temporal licenciado sanitario de atención hospitalaria do Sistema público de saúde de Galicia, publicado pola Resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do 11 de decembro de 2018 (Diario Oficial de Galicia núm. 240, do 18 de decembro), regula na súa base 2.1 a elaboración de listas de aspirantes para a formalización de nomeamentos temporais, indicando que se actualizarán con carácter periódico.

Na base 4 do referido pacto indícase que na selección temporal do persoal estatutario licenciado sanitario do nivel de atención hospitalaria se aplicarán con carácter xeral as normas establecidas no vixente pacto sobre a selección de persoal estatutario temporal do Sistema público de saúde de Galicia (Diario Oficial de Galicia núm. 123, do 30 de xuño de 2016), indicando como data de referencia para a elaboración das sucesivas listas o 30 de xuño de cada ano.

Mediante a Resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do 26 de febreiro de 2024 (Diario Oficial de Galicia núm. 47, do 6 de marzo) publicáronse a relación provisional de admitidos/as e excluídos/as e os resultados provisionais de baremación dos/das aspirantes admitidos/as nas diversas categorías/especialidades de persoal licenciado sanitario de atención hospitalaria do Sistema público de saúde de Galicia.

Finalizado o prazo de impugnación contra a citada resolución e analizadas as reclamacións presentadas, este centro directivo, de conformidade co anexo I, base novena, da Resolución do 12 de setembro de 2013 (Diario Oficial de Galicia núm. 181, do 23 de setembro),

RESOLVE:

Primeiro. Aprobar a orde de prelación e a puntuación definitiva obtidas polas persoas admitidas no proceso de actualización das listas para a formalización de nomeamentos estatutarios temporais de diversas categorías/especialidades de persoal licenciado sanitario de atención hospitalaria do Sistema público de saúde de Galicia, reguladas polo vixente Pacto sobre selección de persoal estatutario temporal licenciado sanitario de atención hospitalaria do Sistema público de saúde de Galicia (Diario Oficial de Galicia núm. 240, do 18 de decembro de 2018).

Segundo. As listas co número de orde e a puntuación definitiva obtidas polas persoas aspirantes admitidas están publicadas, á disposición das persoas interesadas, na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es).

Ademais, o estado de cada solicitude pode ser consultado polo/a aspirante no seu expediente electrónico persoal en Fides/expedient-e/sección de procesos.

Terceiro. Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso contencioso-administrativo de conformidade co establecido nos artigos 8, 14 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Potestativamente, e con carácter previo, poderase interpoñer recurso de reposición, ante este mesmo órgano, nos termos dos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Cuarto. De modo excepcional para estas categorías/especialidades, dada a proximidade da data de publicación destas listas coa data final de dispoñibilidade da inscrición editable no programa Fides/expedient-e (30 de xuño), as persoas aspirantes que desexen facer algunha modificación na súa inscrición de cara ao próximo proceso de actualización de listas, que terá lugar no ano 2025, poderán realizala ata o 31 de xullo de 2024.

Quinto. As listas entrarán en vigor con efectos do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de xuño de 2024

María del Mar Pousa Cobas
Directora xeral de Recursos Humanos