DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 116 Luns, 17 de xuño de 2024 Páx. 36818

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 30 de maio de 2024, do Xurado Provincial de Clasificación Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 30 de maio de 2024, relativa á solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do monte veciñal en man común Os Montes e Campos, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Pena de Outeiro e Santiago da Medorra, no concello de Montederramo.

Examinada a solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do MVMC Os Montes e Campos, pertencente á CMVMC de Pena de Outeiro e Santiago da Medorra, no concello de Montederramo, resultan os seguintes:

Feitos:

Primeiro. O 21.9.2022, a CMVMC de Pena de Outeiro e Santiago da Medorra presentou unha solicitude (Rexel núm. 2022/2316737) de revisión parcial de esbozo do MVMC Os Montes e Campos, no concello de Montederramo.

Coa solicitude achegaron a seguinte documentación:

– Certificación do acordo da Asemblea Xeral do día 24.8.2022.

– Memoria e planos.

– Arquivos xeográficos en formato vectorial.

Segundo. O Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense emitiu un informe favorable o día 18 de xullo de 2023 en relación coa citada solicitude. Nel indícase que o perímetro obxecto de revisión inclúe o perímetro estremeiro con particulares do rodal Campos, pero non é completa a revisión do rodal Montes, manténdose un pequeno tramo igual que a dixitalización do esbozo da carpeta ficha. Non se modifican tampouco os límites cos montes veciñais estremeiros.

A superficie do MVMC Os Montes e Campos, unha vez revisado o esbozo, e tendo en conta o deslindamento co MVMC Matanza e Serra de Pedrouzos, resulta de 81,81 ha fronte ás 104 ha do acordo de clasificación inicial.

Tendo en conta o anterior, emítese informe favorablemente sobre a revisión do esbozo do MVMC Os Montes e Campos.

Consideración legai e técnica:

Única. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.

De acordo con ela, os esbozos de montes veciñais integrados nun expediente que, pola súa antigüidade, non reúnan as características de fiabilidade e precisión que exixen as novas técnicas topográficas poderán ser obxecto de revisión axustándoos e completándoos con aqueles datos e documentos que se consideren necesarios, en particular os requiridos para a súa inmatriculación no Rexistro da Propiedade.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 18 de xullo de 2023, o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade o día 14 de maio de 2024:

Aprobar a proposta de revisión de esbozo do MVMC Os Montes e Campos, pertencente á CMVMC de Pena de Outeiro e Santiago da Medorra, no concello de Montederramo.

Ourense, 30 de maio de 2024

Luis Jorge Álvarez Ferro
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense