DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 115 Venres, 14 de xuño de 2024 Páx. 36162

III. Outras disposicións

Axencia Instituto Enerxético de Galicia

RESOLUCIÓN do 6 de xuño de 2024 pola que se amplía o crédito orzamentario recollido na Resolución do 26 de xullo de 2021, pola que se aproba a convocatoria do procedemento de concesión de axudas correspondentes ao Programa de incentivos á mobilidade eléctrica (programa Moves III), no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU (códigos de procedemento IN421Q e IN421R).

Os programas de incentivos ligados á mobilidade eléctrica (Moves III) no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia europeo están regulados polo Real decreto 266/2021, do 13 de abril, e foron convocados en Galicia pola Resolución do Inega do 26 de xullo de 2021 (DOG núm. 149, do 5 de agosto).

A Resolución do Inega do 26 de xullo de 2021 pola que se convoca o Programa estatal de incentivos á mobilidade eléctrica (Moves III) foi modificada pola Resolución do 21 de outubro de 2021 (DOG núm. 207, do 27 de outubro); pola Resolución do 23 de decembro de 2021 (DOG núm. 8, do 13 de xaneiro de 2022); pola Resolución do 13 de outubro de 2022 (DOG núm. 201, do 21 de outubro); pola Resolución do 12 de xuño de 2023 (DOG núm. 116, do 20 de xuño); e pola Resolución do 15 de decembro de 2023 (DOG núm. 243, do 26 de decembro).

En canto á posibilidade de ampliar o orzamento previsto no Real decreto 266/2021, do 13 de abril, o anexo V do citado real decreto distribúe o orzamento entre as diferentes comunidades autónomas e as cidades de Ceuta e Melilla, e este pode ser ampliado para as comunidades autónomas que o soliciten e que conten cun grao de execución adecuado, con solicitudes en lista de espera, como é o caso de Galicia.

De acordo con isto, a Xunta de Galicia solicitou unha segunda ampliación do orzamento asignado aos programas de incentivos previstos no Real decreto 266/2021, do 13 de abril. Conforme o recollido na Resolución do 4 de marzo de 2024, da Presidencia da EPE Instituto para a Diversificación e o Aforro da Enerxía, M.P. (IDAE), pola que se amplía o orzamento do Real decreto 266/2021, do 13 de abril, apróbase a ampliación de 4.700.000 € para asignar á Comunidade Autónoma de Galicia, dos cales 3.326.212,5 € se asignan á convocatoria de axudas.

O artigo 4.1 da convocatoria establece que as subvencións previstas nesta convocatoria se financiarán con cargo aos orzamentos do Inega (...). O importe total asignado a esta convocatoria ascende a 40.562.718,36 euros.

O artigo 4.3 da convocatoria prevé a posibilidade de ampliar o crédito como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria derivada dalgunha das circunstancias previstas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e, se for o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. Isto podería dar lugar á concesión de máis subvencións de acordo coa orde de prelación de solicitantes que resulte da aplicación dos criterios fixados nas bases que rexen esta convocatoria.

Conforme o disposto no artigo 4.3, de producirse a ampliación de crédito, publicarase no DOG e na páxina web do Inega (www.inega.gal), sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo para resolver.

Por todo o anterior, sobre a base dos requisitos e das condicións previstas na normativa anteriormente citada,

RESOLVO:

Primeiro. Ampliar os fondos destinados ao Moves III, modificando os puntos 1 e 2 do artigo 4 da Resolución do 26 de xullo de 2021, que quedan redactados do seguinte xeito:

«1. As subvencións previstas nesta convocatoria financiaranse con cargo aos orzamentos do Inega, coa repartición plurianual recollida na seguinte táboa. O importe total asignado a esta convocatoria ascende a 43.888.930,71 euros.

Importe 2022 (€)

Importe 2023 (€)

Importe 2024 (€)

Importe 2025 (€)

Total

3.911.047,61

8.443.686,65

20.534.196,45

11.000.000,00

43.888.930,71

O orzamento por partida e anualidade redistribuirase tendo en conta as solicitudes rexistradas conforme o establecido no artigo 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, entre as seguintes partidas: 09.A3.733A.703.1, 09.A3.733A.744.2, 09.A3.733A.745.4, 09.A3.733A.762.1, 09.A3.733A.772.1 e 09.A3.733A.782.1.

2. O crédito máximo segundo a tipoloxía do proxecto será o seguinte:

Tipo de actuación

Orzamento total

Programa de incentivos 1: adquisición de vehículos eléctricos

25.443.207,45

Programa de incentivos 2: implantación de infraestrutura de recarga de vehículos eléctricos

18.445.723,26

Total

43.888.930,71

O crédito máximo recollido na táboa anterior poderá ser redistribuído pasados tres meses desde a apertura do prazo de solicitudes, para adaptarse á evolución da axuda solicitada en cada unha das epígrafes. Esta redistribución, de producirse, respectará en todo caso as porcentaxes establecidas no artigo 10.10 do Real decreto 266/2021 ata que finalice a vixencia da convocatoria. Finalizada a vixencia da convocatoria, poderá redistribuírse o orzamento nos termos recollidos no artigo 10.13 das bases reguladoras, polo que poderán tamén incorporarse, de ser o caso, os remanentes correspondentes ao orzamento que non se tivese podido destinar ao financiamento de investimentos directos pola Comunidade Autónoma».

Segundo. Esta modificación, unha vez publicada no Diario Oficial de Galicia, non implicará a modificación do prazo establecido para presentar solicitudes.

Terceiro. Esta modificación entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, con efectos a partir do 10 de abril de 2021.

Santiago de Compostela, 6 de xuño de 2024

Pablo Fernández Vila
Director da Axencia Instituto Enerxético de Galicia