DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 114 Xoves, 13 de xuño de 2024 Páx. 35871

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

EXTRACTO da Resolución do 3 de xuño de 2024 pola que se aproban as bases reguladoras e se convocan subvencións, en réxime de concorrencia competitiva e en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas ao financiamento de plans de formación das entidades locais de Galicia para o ano 2024, no marco do Acordo de formación para o emprego das administracións públicas (código de procedemento PR780A).

BDNS (Identif.): 766843.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da Resolución do 3 de xuño de 2024 pola que se aproban as bases reguladoras e se convocan subvencións, en réxime de concorrencia competitiva e en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas ao financiamento de plans de formación das entidades locais de Galicia para o ano 2024, no marco do Acordo de formación para o emprego das administracións públicas (código de procedemento PR780A), cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarios da liña en réxime de concorrencia competitiva das subvencións convocadas os concellos, as deputacións provinciais e as demais entidades locais recoñecidas no artigo 2 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, reguladora da Administración local de Galicia, que promovan plans de formación para o persoal empregado público, de carácter unitario ou agrupado, dentro do ámbito do AFEDAP.

De conformidade co establecido no artigo 6, segundo parágrafo do AFEDAP, só poderán ser beneficiarias da liña en réxime de concorrencia non competitiva das subvencións convocadas as asociacións ou federacións de entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia lexitimamente constituídas ao abeiro do previsto nos artigos 120 e seguintes da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

2. Non poderán obter a condición de beneficiarias destas subvencións aquelas entidades en que concorra algunha das circunstancias ou prohibicións indicadas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, como nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de que as entidades non están incursas nas prohibicións ou circunstancias relacionadas nos ditos artigos realizarase mediante declaración responsable, a través dos anexos I, IV e VI, segundo corresponda.

Segundo. Obxecto

Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras e efectuar a convocatoria das subvencións, en réxime de concorrencia competitiva e en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas ao financiamento de plans de formación para o emprego promovidos polas entidades locais e federacións ou asociacións de entidades locais de Galicia para o ano 2024 no marco do AFEDAP (código de procedemento PR780A).

Terceiro. Bases reguladoras

As bases que rexerán serán as contidas na propia Resolución do 3 de xuño de 2024 pola que se aproban as bases reguladoras e se convocan subvencións, en réxime de concorrencia competitiva e en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas ao financiamento de plans de formación das entidades locais de Galicia para o ano 2024, no marco do Acordo de formación para o emprego das administracións públicas (código de procedemento PR780A).

As bases publicaranse no Diario Oficial de Galicia.

Cuarto. Financiamento. Liñas de subvencións

A asignación para as subvencións obxecto desta convocatoria para o exercicio 2024 establécese en 675.550 euros.

Esta resolución, segundo o principio de economía procedemental, inclúe dúas liñas de subvencións, unha, en réxime de concorrencia competitiva, e outra, en réxime de concorrencia non competitiva, coa mesma causa, isto é, o financiamento de plans de formación para o emprego promovidos polas entidades locais e federacións ou asociacións de entidades locais de Galicia. O importe distribúese do seguinte xeito:

Descrición

Aplicación orzamentaria

Importe

Entidades beneficiarias

Liña en concorrencia competitiva

07.81.122B.460.1

Fondo finalista do Estado

513.418 €

Entidades que presenten plans de formación unitarios e/ou agrupados

Liña en concorrencia non competitiva

07.81.122B.481.0

Fondo finalista do Estado

162.132 €

Entidades que presenten plans de formación interadministrativos

Poderá ampliarse a contía máxima dos créditos dispoñibles para esta convocatoria. O incremento do crédito estará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito; da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo, ou dunha transferencia de crédito, se o procedemento de concesión é o previsto no artigo 19.2 da Lei de subvencións de Galicia.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia desta convocatoria.

Sexto. Outros datos

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

Para a presentación das solicitudes poderán empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Santiago de Compostela, 3 de xuño de 2024

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública