DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 114 Xoves, 13 de xuño de 2024 Páx. 35992

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 30 de maio de 2024, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 29 de maio de 2024 relativa á solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do monte veciñal en man común de Terroso, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Terroso, no concello de Vilardevós.

Unha vez examinada a solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do monte veciñal en man común (MVMC) de Terroso, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC) de Terroso, no concello de Vilardevós, resultan os seguintes:

Feitos:

Primeiro. O 27.9.2022 a CMVMC de Terroso presentou unha solicitude (Rexel número 2022/2364967) de revisión parcial de esbozo do MVMC de Terroso, no concello de Vilardevós.

Coa solicitude achegaron a seguinte documentación:

– Certificación do acordo da Asemblea Xeral do día 17.9.2022.

– Memoria e planos.

– Arquivos xeográficos en formato vectorial.

Segundo. O Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense emitiu un informe favorable o día 4 de xullo de 2023 en relación coa citada solicitude. Nel indícase que o perímetro obxecto de revisión inclúe zonas do perímetro lindeiras con particulares. Non se modifican os límites cos montes veciñais estremeiros, e non está deslindado con ningún monte veciñal.

A superficie do MVMC de Terroso, unha vez revisado o esbozo, resulta de 634,99 ha fronte ás 667 ha clasificadas, o que supón unha redución dun 5 % de superficie.

Tendo en conta o anterior, emítese informe favorable sobre a revisión do esbozo do MVMC de Terroso.

Consideracións legais e técnicas:

Único. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na súa disposición transitoria décimo terceira establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.

De acordo con ela, os esbozos de montes veciñais integrados nun expediente que, pola súa antigüidade, non reúnan as características de fiabilidade e precisión que exixen as novas técnicas topográficas poderán ser obxecto de revisión, e axustaranse e completaranse con aqueles datos e documentos que se consideren necesarios, en particular os requiridos para a súa inmatriculación no Rexistro da Propiedade.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 4 de xullo de 2023, o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade o día 14 de maio de 2024:

Aprobar a proposta de revisión de esbozo do MVMC de Terroso, pertencente á CMVMC de Terroso, no concello de Vilardevós.

Ourense, 30 de maio de 2024

Luis Jorge Álvarez Ferro
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense