DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 114 Xoves, 13 de xuño de 2024 Páx. 35994

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 30 de maio de 2024, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 29 de maio de 2024 relativa á solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do monte veciñal en man común San Mamede, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Vilariño das Touzas, no concello de Riós.

Unha vez examinada a solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do monte veciñal en man común (MVMC) San Mamede, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC) de Vilariño das Touzas, no concello de Riós, resultan os seguintes:

Feitos:

Primeiro. O 27.9.2022 a CMVMC de Vilariño das Touzas presentou unha solicitude (Rexel número 2022/2368801) de revisión parcial de esbozo do MVMC San Mamede, no concello de Riós.

Coa solicitude achegaron a seguinte documentación:

– Certificación do acordo da Asemblea Xeral do día 11.4.2022.

– Memoria e planos.

– Arquivos xeográficos en formato vectorial.

Segundo. O Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense emitiu un informe favorable o día 6 de xullo de 2023 en relación coa citada solicitude. Nel indícase que o perímetro obxecto de revisión inclúe o perímetro lindeiro con particulares. Non se modifican os límites cos montes veciñais estremeiros.

A superficie do MVMC San Mamede, unha vez revisado o esbozo, resulta de 335,02 ha fronte ás 342 ha clasificadas, o que supón unha redución de superficie dun 2 %.

Tendo en conta o anterior, emítese infórme favorable sobre a revisión do esbozo do MVMC San Mamede.

Consideracións legais e técnicas:

Única. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.

De acordo con ela, os esbozos de montes veciñais integrados nun expediente que, pola súa antigüidade, non reúnan as características de fiabilidade e precisión que exixen as novas técnicas topográficas poderán ser obxecto de revisión, e axustaranse e completaranse con aqueles datos e documentos que se consideren necesarios, en particular os requiridos para a súa inmatriculación no Rexistro da Propiedade.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 6 de xullo de 2023, o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade o día 14 de maio de 2024:

Aprobar a proposta de revisión de esbozo do MVMC San Mamede, pertencente á CMVMC de Vilariño das Touzas, no concello de Riós.

Ourense, 30 de maio de 2024

Luis Jorge Álvarez Ferro
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de
Montes Veciñais en Man Común de Ourense