DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 113 Mércores, 12 de xuño de 2024 Páx. 35672

IV. Oposicións e concursos

Universidade de Santiago de Compostela

RESOLUCIÓN do 3 de xuño de 2024 pola que se convocan probas selectivas para cubrir unha praza da categoría profesional de técnico/a especialista de investigación, especialidade electrónica, do grupo III, pola quenda de acceso libre, vacante no cadro de persoal laboral.

O reitor, en uso das atribucións conferidas polo artigo 50 da Lei orgánica 2/2023, do 22 de marzo, do sistema universitario, así como polos estatutos da Universidade de Santiago de Compostela, e co fin de atender de maneira estable as necesidades estruturais de persoal de administración e servizos desta universidade, en execución do establecido no anexo I, oferta xeral da Resolución do 23 de novembro de 2023 (DOG do 1 de decembro) pola que se publica a oferta de emprego público do persoal de administración e servizos para o ano 2023, resolve convocar probas selectivas para cubrir unha praza da categoría profesional de técnico/a especialista de investigación, especialidade electrónica, grupo III, vacante no seu cadro de persoal laboral, con suxeición ás seguintes

Bases da convocatoria

Todos os actos de relación entre as/os aspirantes e a Universidade de Santiago de Compostela (USC) derivados desta convocatoria serán realizados exclusivamente por medios electrónicos, ao abeiro do artigo 14 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

1. Normas xerais.

1.1. Convócanse probas selectivas para cubrir con persoal laboral fixo unha praza vacante na categoría profesional de técnico/a especialista de investigación, especialidade electrónica, grupo III, do Convenio colectivo para o persoal laboral da USC (DOG do 30 de decembro de 2008), pola quenda de acceso libre.

1.2. O sistema de selección será o de concurso-oposición. No que se refire ás probas e valoracións, axustarase ao que se especifica no anexo I desta convocatoria.

1.3. A adxudicación da praza á persoa aspirante que supere o proceso selectivo efectuarase de acordo coa puntuación total obtida segundo o establecido no anexo I.

1.4. O programa que rexerá na fase de oposición especifícase no anexo II.

1.5. Na realización destas probas selectivas aplicaranse as seguintes normas e os seus desenvolvementos regulamentarios: Real decreto 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público; Lei orgánica 4/2000, do 11 de xaneiro, sobre dereitos e liberdades dos estranxeiros en España e a súa integración social; Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia; Lei 20/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade de emprego público; os Estatutos da USC, aprobados polo Decreto 14/2014, do 30 de xaneiro, da Xunta de Galicia; o Convenio colectivo do persoal laboral da USC (DOG do 30 de decembro de 2008) e as bases desta convocatoria.

2. Requisitos das persoas aspirantes.

2.1. Para seren admitidas na realización das probas selectivas as persoas aspirantes deberán posuír no día de remate do prazo de presentación de solicitudes e mantelos ata o momento de formalización do contrato os seguintes requisitos:

a) Posuír a nacionalidade española ou a dalgún Estado membro da Unión Europea ou país estranxeiro, nos termos previstos no artigo 52 da Lei de emprego público de Galicia.

b) Ter feito os 16 anos de idade e non exceder, de ser o caso, a idade máxima de xubilación forzosa.

c) Estar en posesión do título de bacharelato ou técnico ou titulación equivalente. As persoas aspirantes con titulacións obtidas no estranxeiro deberán acreditar que están en posesión da correspondente validación ou credencial que acredite, de ser o caso, a homologación do título.

d) Será requisito indispensable para o ingreso ter acreditada a aptitude médica para o desempeño. Para estes efectos, a persoa aspirante declara ao facer a solicitude de participación no proceso selectivo que, nesa data, posúe a capacidade funcional para o desempeño das tarefas propias do posto e que non padece enfermidade física nin psíquica que lle impida realizar o traballo propio da categoría á cal se pretende incorporar.

e) Non estar separado/a do servizo de calquera das administracións públicas en virtude de expediente disciplinario nin estar inhabilitado/a por sentenza firme para o exercicio da función pública.

f) Non estar sancionado/a coa suspensión do dereito de concorrer a probas selectivas, segundo o artigo 70 do Convenio colectivo para persoal laboral da USC.

g) Aboar as taxas por dereitos de exame, agás o previsto no número 3.8 desta convocatoria para as persoas con discapacidade, para os membros de familias numerosas e para demandantes de emprego.

3. Solicitudes.

3.1. O prazo de presentación de solicitudes é de vinte días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación do anuncio desta convocatoria no Boletín Oficial del Estado.

3.2. Quen desexe participar nestas probas selectivas deberá formalizar a súa solicitude e aboar a taxa correspondente unicamente por medios electrónicos. Empregarase o seguinte formulario da sede electrónica: https://sede.usc.es/formularios/solicitudes/seleccionPersoalLaboral.htm

Para presentar as solicitudes empregaranse os seguintes medios de identificación:

• No caso de persoal da USC: credenciais corporativas.

• No caso de persoal alleo á USC: certificados persoais clase 2CA, certificados incluídos no DNI electrónico ou claves concertadas do sistema Cl@ve.

3.3. A solicitude presentarase acompañada da seguinte documentación:

• Certificado de coñecemento de lingua galega (Celga 4 ou equivalente) As persoas aspirantes que non presenten esta acreditación deberán realizar a proba de lingua galega prevista no anexo I.

As/os aspirantes que teñan ou tivesen expediente administrativo como PAS na USC estarán exentas/os de xustificar documentalmente as condicións e requisitos xa probados para obter a súa anterior contratación ou nomeamento; deberán presentar unicamente a documentación requirida para este procedemento que non estea debidamente acreditada no seu expediente persoal.

As persoas aspirantes que non posúan a nacionalidade española e teñan dereito a participar deberán presentar:

– Documento que acredite a súa nacionalidade e, se é o caso, os documentos que acrediten o vínculo de parentesco e o feito de viviren a expensas ou estaren a cargo do nacional doutro Estado con que teñan o dito vínculo.

– Declaración ou promesa da persoa aspirante de que non está separada de dereito do seu cónxuxe e, se é o caso, do feito de que vive ás súas expensas ou está ao seu cargo.

As persoas aspirantes que estean exentas de realizar a proba previa de acreditación do coñecemento do castelán xuntarán para tal efecto documentación acreditativa de los diplomas de español como lingua estranxeira de nivel B2, C1, C2 ou equivalente. De non achegar esta certificación, non poderán ser declaradas exentas, e deberán realizar a proba a que se refire a base 6.5.

3.4. A documentación xustificativa dos méritos que se valoran na fase de concurso será achegada coa solicitude e non serán valorados méritos que non se encontren suficientemente acreditados documentalmente nin os presentados fóra do prazo establecido para presentar as solicitudes. A acreditación da experiencia farase mediante certificado acreditativo dos servizos prestados en que conste o corpo ou a escala e os períodos en que se prestaron, expedido pola unidade de persoal da Administración pública correspondente. No caso de persoal da USC, expedirao de oficio a Administración e engadirase á solicitude.

Así mesmo, deberase indicar na epígrafe correspondente da solicitude se os servizos foron prestados na USC ou noutras administracións públicas.

A acreditación da formación farase mediante copias dos documentos acreditativos e no caso de persoal da USC expedirase de oficio unha certificación, que se engadirá coa solicitude.

3.5. Os méritos da fase de concurso valoraranse con referencia á data do peche do prazo de presentación de solicitudes.

3.6. A Universidade poderá requirir en calquera momento os orixinais ou copias auténticas dos documentos que se correspondan coas copias simples presentadas.

3.7. Os/as aspirantes cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 % poderán solicitar no formulario de inscrición do proceso selectivo a adaptación de tempo e/ou medios para realizar os exercicios, e reflectirán con claridade as necesidades que ten o/a candidato/a de adaptacións específicas e o seu motivo.

3.8. Os dereitos de exame serán de 33,13 €. Para realizar o seu ingreso, empregarase un dos seguintes medios accesibles desde o formulario de inscrición:

• Aboamento con tarxeta bancaria a través da pasarela de pagamento do formulario.

• Aboamento presencial nunha oficina de Abanca presentando a folla de liquidación, que se deberá imprimir unha vez realizada a inscrición no proceso selectivo, e non será precisa comunicación posterior do pagamento por parte da persoa interesada.

De acordo co sinalado no artigo 23.5 da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, estarán exentas do pagamento:

Do importe total da taxa:

• As persoas con discapacidade igual ou superior ao 33 %.

• As persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría especial.

Do 50 % do importe da taxa:

• As persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría xeral.

• As persoas que figuren como demandantes de emprego desde, polo menos, seis meses inmediatamente anteriores á data de publicación da convocatoria das probas selectivas en que soliciten a súa participación e non estean a percibir prestación ou subsidio por desemprego.

As circunstancias de exención e bonificación deberán ser acreditadas, segundo o suposto que corresponda, presentando xunto coa solicitude de participación no proceso selectivo a seguinte documentación:

• Persoas con discapacidade: certificado do grao de discapacidade.

• Familia numerosa xeral ou especial: certificado de familia numerosa de carácter xeral ou especial ou carné familiar en que conste o dito carácter.

• Demandantes de emprego:

1º. Certificación expedida pola oficina de emprego en que conste que a persoa aspirante, na data de presentación de solicitudes, figura como demandante de emprego desde, polo menos, os seis meses anteriores á data de publicación desta convocatoria.

2º. Certificación expedida polo Servizo Público de Emprego en que conste que na data de presentación da solicitude de participación no proceso selectivo non está a percibir prestación ou subsidio por desemprego.

3.9. Serán excluídas todas aquelas persoas aspirantes que non aboen os dereitos de exame dentro do prazo habilitado para a presentación de solicitudes e non se concederá ningún prazo adicional para o seu aboamento.

3.10. Unicamente procederá a devolución dos dereitos de exame ás persoas aspirantes que sexan excluídas por causas non imputables a elas. Para tal efecto, o reintegro realizarase de oficio, para o que terán que facer constar a entidade bancaria e o seu número de conta no recadro que figura na solicitude. De non figuraren estes datos, entenderase que renuncian á devolución dos dereitos de exame.

3.11. No formulario de solicitude as/os aspirantes deberán asinar a declaración responsable que figura no documento pola cal manifestan estar en posesión dos requisitos exixidos nas bases da convocatoria e se comprometen a achegar a documentación que nela se indica.

3.12. Este procedemento desenvolverase de forma electrónica, polo que se a persoa aspirante desexa recibir avisos das notificacións que a USC poña á súa disposición é imprescindible que indique na epígrafe de «Medios de aviso de notificación» do formulario o teléfono e o enderezo electrónico válidos. As notificacións electrónicas realizaranse por comparecencia na sede electrónica, para o acceso á cal se empregarán os medios de identificación que se indican na base 3.2.

4. Admisión de persoas aspirantes.

4.1. Unha vez rematado o prazo de presentación de solicitudes, o reitor ditará unha resolución en que declare aprobada a listaxe provisional de persoas admitidas e excluídas. Nesta resolución, que se publicará no Diario Oficial de Galicia, indicarase o lugar no cal se atopa exposta ao público a listaxe completa de persoas aspirantes admitidas e excluídas, así como as causas que motivase a exclusión e o prazo para reparalas.

4.2. As persoas aspirantes excluídas ou que non figuren na relación de admitidas disporán dun prazo de dez días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación da citada resolución no Diario Oficial de Galicia, para poder emendar os defectos que motivaron a exclusión.

Para emendar a exclusión ou a omisión cubrirase o formulario de emendas do Catálogo de procedementos na seguinte ligazón:

https://sede.usc.es/formularios/solicitudes/emendaSelecPersoalLaboral.htm, para o cal o/a aspirante deberá empregar os medios de identificación e sinatura que se indican no número 3.2 desta convocatoria.

4.3. As persoas aspirantes que, dentro do prazo sinalado, non emenden a exclusión ou aleguen a omisión, para o que deberán xustificar o dereito a seren incluídas na relación de persoas admitidas, serán definitivamente excluídas da realización das probas.

4.4. Na resolución que aprobe a listaxe definitiva, que se publicará no Diario Oficial de Galicia, indicarase o día, a hora e o lugar de realización do primeiro exercicio. Esta resolución esgotará a vía administrativa e poderase interpor contra ela recurso perante a xurisdición contencioso-administrativa no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, ou recurso potestativo de reposición ante do reitor no prazo dun mes, de acordo co previsto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4.5. O feito de figurar na listaxe de persoas admitidas non prexulga que se lles recoñeza ás persoas interesadas a posesión de todos os requisitos exixidos, que terán que acreditarse no seu momento, de acordo co previsto na base 7 desta convocatoria.

5. Tribunal.

5.1. O tribunal cualificador destas probas selectivas terá a categoría segunda, de conformidade cos grupos de clasificación para asistencias establecidos no Regulamento de indemnizacións por razón de servizo, aprobado no Consello de Goberno da USC o 29 de decembro de 2020, e será nomeado mediante resolución reitoral que se publicará no Diario Oficial de Galicia.

O seu procedemento de actuación axustarase ao disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e no Regulamento de selección de persoal de administración e servizos da USC. Para os efectos de comunicacións e demais incidencias, o tribunal terá a súa sede na Reitoría da USC.

5.2. Os membros do tribunal deberán absterse de intervir, e notificaranllo ao reitor da Universidade, cando concorran neles as circunstancias previstas no artigo 23 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, ou se realizasen tarefas de preparación de persoas aspirantes a probas selectivas nos cinco anos anteriores á publicación desta convocatoria.

A presidencia solicitará dos membros do tribunal unha declaración escrita expresa de non estar incursos nas circunstancias previstas no dito artigo.

Así mesmo, as persoas aspirantes poderán recusar os membros do tribunal cando concorra algunha das circunstancias antes citadas.

5.3. En caso de ter que substituír algún membro do tribunal, por renuncia, por algunha das circunstancias citadas no punto anterior ou por calquera outra causa de forza maior, darase publicidade do novo nomeamento no Diario Oficial de Galicia.

5.4. Logo da convocatoria da presidencia, constituirase o tribunal coa presenza de todos os seus membros, tal e como prescribe o Regulamento de selección de persoal de administración e servizos da USC no seu artigo 6. Os titulares que non asistan serán substituídos polos suplentes. Nesa sesión acordaranse todas as decisións que correspondan para o correcto desenvolvemento das probas selectivas.

5.5. A partir da súa constitución, o tribunal requirirá a asistencia presencial ou a distancia das persoas que exerzan a presidencia, a secretaría e da metade, polo menos, dos seus membros para actuar validamente.

5.6. Dentro da fase de oposición, o tribunal resolverá todas as dúbidas que puideren xurdir na aplicación destas normas, así como o que se deberá facer nos casos non previstos.

5.7. O órgano convocante, por proposta do tribunal, poderá dispor a incorporación aos seus traballos de asesores/as especialistas para as probas correspondentes aos exercicios que coide pertinentes, que se limitarán a prestar a súa colaboración nas súas especialidades técnicas. O persoal asesor deberá posuír titulación de igual ou superior nivel que a exixida nesta convocatoria. O seu nomeamento farase público e seranlles de aplicación as causas de abstención e recusación, ao igual que aos restantes membros do tribunal.

Así mesmo, o tribunal poderá dispor a incorporación con carácter temporal doutros/as funcionarios/as para colaborar no desenvolvemento do proceso selectivo, tal e como se prevé no artigo 12.4 do Real decreto 364/1995, do 10 de marzo.

5.8. O tribunal adoptará as medidas precisas para que as persoas aspirantes a que se refire o número 3.7 participen en condicións de igualdade. Para tal efecto, o órgano de selección poderá requirir un informe e, se é o caso, a colaboración dos órganos técnicos da Administración laboral, sanitaria ou de asuntos sociais. Para os efectos de valorar a procedencia da concesión das adaptacións solicitadas, requirirase da persoa aspirante o correspondente certificado ou información adicional. A adaptación non se outorgará de forma automática, senón unicamente naqueles casos en que a discapacidade garde relación directa coa proba que se vaia realizar.

5.9. O tribunal adoptará as medidas oportunas para garantir que os exercicios escritos sexan corrixidos sen que se coñeza a identidade das persoas aspirantes. O tribunal excluirá aquelas persoas aspirantes que consignen nas follas de exame o seu nome, trazos, marcas ou signos que permitan coñecer a súa identidade.

5.10. En ningún caso o tribunal poderá declarar que superou as probas selectivas un número superior de persoas aspirantes que prazas convocadas. Calquera proposta de aprobados que contraveña o establecido será nula de pleno dereito.

Malia o anterior, e co fin de asegurar a cobertura da praza convocada, cando se produza a renuncia da persoa seleccionada antes da contratación, ou non acredite os requisitos establecidos na convocatoria, o órgano convocante poderá requirir do tribunal de selección unha relación complementaria das persoas aprobadas que sigan por puntuación a persoa proposta, para a súa posible contratación como persoal laboral fixo.

6. Desenvolvemento dos exercicios.

6.1. A orde de actuación das persoas aspirantes iniciarase alfabeticamente pola primeira da letra H, de conformidade co establecido na Resolución do 31 de xaneiro de 2024 da Consellería de Facenda e Administración Pública.

6.2. As persoas aspirantes serán convocadas para cada exercicio en chamamento único e serán excluídas da oposición as que non comparezan. Así mesmo, as persoas aspirantes deberán presentarse para realizar cada exercicio co DNI ou con outro documento que, a xuízo do tribunal, permita acreditar de forma indubidable a súa identidade.

Non estará permitido o uso de teléfonos móbiles ou calquera outro dispositivo de almacenamento de información ou con capacidade de comunicación dentro da aula do exame. Durante o desenvolvemento do exercicio deberán permanecer apagados.

As mulleres embarazadas que teñan unha previsión de parto coincidente coas datas de realización de calquera dos exercicios derivada do seu avanzado estado de xestación, ou eventualmente nos primeiros días do puerperio, poderano pór en coñecemento do tribunal e achegar coa comunicación o correspondente informe médico oficial.

A comunicación suporá o consentimento da interesada para permitir o acceso aos datos médicos necesarios relacionados coa situación. O tribunal, baseándose na información recibida, acordará se procede ou non realizar a proba nun lugar alternativo, aprazala ou adoptar ambas as medidas conxuntamente. Contra este acordo non cabe recurso, sen prexuízo de que as razóns da impugnación se inclúan noutro recurso admisible de acordo coas regras xerais do proceso selectivo.

6.3. Os sucesivos anuncios de realización dos demais exercicios efectuaranse no taboleiro electrónico https://sede.usc.es/sede/publica/taboleiro/inicio.htm, na páxina web https://www.usc.gal/gl/institucional/goberno/area/xestionpersoal/PAS/oep/listado e por calquera outro medio que se considere conveniente para asegurar a súa máxima divulgación, con doce horas, polo menos, de antelación ao comezo deste, se se trata do mesmo exercicio, ou de vinte e catro horas se se trata dun novo.

6.4. Só para os efectos de cómputo de prazos desta convocatoria, o mes de agosto declárase inhábil.

6.5. Persoas aspirantes con nacionalidade estranxeira: con carácter previo á realización dos exercicios da fase de oposición, as persoas aspirantes que non posúan a nacionalidade española deberán acreditar o coñecemento do castelán mediante a realización dunha proba na cal se comprobará que posúen un nivel adecuado de comprensión e expresión oral e escrita nesta lingua.

O contido desta proba axustarase ao disposto no artigo 3 do Real decreto 1137/2002, do 31 de outubro, polo que se regulan os diplomas de español como lingua estranxeira (DELE), para acreditar o nivel de competencia lingüística do diploma de español correspondente ao nivel intermedio. A proba cualificarase con apto/a ou non apto/a e será necesario obter a valoración de apto/a para pasar a realizar os exercicios da fase de oposición.

Quedan eximidas de realizar esta proba as persoas aspirantes que acrediten, conforme se indica na base 3, que están en posesión do diploma de español como lingua estranxeira dalgún dos niveis B2, C1 ou C2, ou equivalentes, e as/os nacionais de países cuxo idioma oficial sexa o español.

6.6. O tribunal poderá requirir, en calquera momento do proceso selectivo, a acreditación da identidade das persoas admitidas. Así mesmo, se se ten coñecemento de que algunha das persoas aspirantes non cumpre algún dos requisitos exixidos por esta convocatoria, deberá proporlle a súa exclusión ao reitor da USC, logo de audiencia da persoa interesada.

Contra esta exclusión poderase interpor recurso ante a mesma autoridade indicada no parágrafo anterior no prazo dun mes, contado a partir da notificación da exclusión.

6.7. Unha vez concluído cada un dos exercicios da fase de oposición, o tribunal cualificador fará pública no taboleiro electrónico https://sede.usc.es/sede/publica/taboleiro/inicio.htm, na páxina web https://www.usc.gal/gl/institucional/goberno/area/xestionpersoal/PAS/oep/listado e naqueloutros lugares que coide oportunos a relación de persoas aspirantes que acaden o mínimo establecido para superalo, con indicación da puntuación obtida.

6.8. As persoas aspirantes disporán de tres (3) días hábiles, contados a partir do día seguinte á realización de cada exercicio, para presentar reclamacións ás preguntas formuladas polo tribunal no correspondente exercicio.

Así mesmo, as persoas aspirantes disporán de sete (7) días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación das puntuacións do exercicio correspondente, para presentar reclamacións ás cualificacións.

6.9. A listaxe coa valoración de méritos da fase de concurso publicarase unha vez realizado o derradeiro exercicio da fase de oposición. Esta publicación irá acompañada da relación de persoas aspirantes que, segundo a orde de puntuación acadada por cada unha delas, sexan seleccionadas, na cal constará a cualificación final obtida en cada unha das fases, oposición e concurso, segundo o previsto no anexo I.

No caso de se produciren empates na puntuación total das persoas aspirantes, estes dirimiranse atendendo sucesivamente aos seguintes criterios e por esta orde ata que se resolva o empate: maior puntuación na fase de oposición, na fase de coñecementos específicos, no terceiro exercicio, maior idade e a orde alfabética establecida na base 6.1.

6.10. Contra esta publicación as/os aspirantes poderán presentar reclamación ante o tribunal no prazo de dez (10) días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación no taboleiro electrónico, a través do rexistro de entrada electrónico da USC https://sede.usc.es/sede/publica/persoais/rexistroEntrada/acceso.htm, para o que o/a aspirante debe empregar os medios de identificación e sinatura que se indicaron no número 3.2.

6.11. Unha vez rematado o prazo de reclamacións, o tribunal publicará a proposta de contratación a favor da persoa aspirante seleccionada, tendo en conta o previsto no número 5.10 desta convocatoria. Esta proposta será elevada ao reitor e publicarase no taboleiro electrónico https://sede.usc.es/sede/publica/taboleiro/inicio.htm e na páxina web https://www.usc.gal/gl/institucional/goberno/area/xestionpersoal/PAS/oep/listado

7. Finalización do proceso.

7.1. No prazo de vinte (20) días naturais, contados a partir do seguinte a aquel en que se faga pública a relación definitiva de persoas aprobadas, a persoa seleccionada que figure nela deberá presentar na Oficina de Asistencia en Materia de Rexistros a seguinte documentación (no caso de non constar xa no seu expediente e no caso de non teren entregado xa copias auténticas):

a) Titulación exixida na base 2.1.c).

b) A acreditación do requisito exixido na base 2.1.d) farase mediante a presentación de certificado médico oficial ou informe de saúde emitido polo Servizo Galego de Saúde (Sergas).

c) Certificado, de ser o caso, acreditativo de lingua galega indicado na base 3.3.

d) Diploma de español como lingua estranxeira, de ser o caso, indicado na base 3.3.

e) Documentación acreditativa, de ser o caso, dos méritos alegados segundo a base 3.4.

7.2. Ante a imposibilidade, debidamente xustificada, de presentar os documentos expresados na base anterior, poderá acreditarse que se reúnen as condicións exixidas na convocatoria mediante calquera medio de proba admitido en dereito. Quen non presentase a documentación ou do seu exame se deducise que carece dalgún dos requisitos sinalados na base 2 non poderá ser contratado/a e quedarán anuladas as súas actuacións, sen prexuízo da responsabilidade en que incorra por falsidade na solicitude inicial.

7.3. O persoal con discapacidade igual ou superior ao 33 % poderá pedir a adaptación do posto de traballo correspondente. Coa solicitude xuntarase un informe expedido polo órgano competente na materia que acredite a procedencia da adaptación e a compatibilidade co desempeño das funcións que teña atribuídas o posto.

7.4. Tras concluír o proceso selectivo, a persoa aspirante que o superase será contratada como persoal laboral fixo. A súa contratación efectuarase no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia ou do día que estableza a propia resolución, en aplicación do artigo 60 da Lei 2/2015, do emprego público de Galicia.

7.5. Elaborarase unha listaxe de espera coas persoas aspirantes que superen algún exercicio da fase de oposición distinto do de galego. Para estes efectos e co fin de determinar a súa opción, as persoas aspirantes indicarán o campus de preferencia na solicitude.

7.6. O período de proba será de dous meses, durante os cales o/a traballador/a terá os dereitos e obrigas correspondentes ao posto de traballo que desempeñe, agás os derivados da resolución da relación laboral, que poderá producirse por instancia de calquera das partes durante o seu transcurso. Este período de proba non será aplicable a quen estivese xa con anterioridade desenvolvendo as mesmas funcións na USC.

8. norma derradeira.

Contra a presente resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpor recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Non obstante, as persoas interesadas poderán interpor recurso potestativo de reposición no prazo dun mes ante o órgano que a ditou. Neste caso non se poderá interpor o recurso contencioso-administrativo antedito mentres non se dite resolución expresa ou presunta do recurso administrativo de reposición, ao abeiro dos artigos 123 e seguintes da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 3 de xuño de 2024

Antonio López Díaz
Reitor da Universidade de Santiago de Compostela

ANEXO I

Denominación da praza: técnico/a especialista de investigación, especialidade electrónica.

O sistema selectivo será o de concurso-oposición e constará das fases, probas e cualificacións que a continuación se indican:

I. Fase de oposición: consistirá na realización dos exercicios que a continuación se indican, agás a exención prevista na descrición do primeiro exercicio.

Todos os exercicios terán carácter obrigatorio e eliminatorio, agás o cuarto, que será obrigatorio e non eliminatorio.

As persoas aspirantes deberán presentarse para realizar cada proba co DNI ou documento fidedigno acreditativo da súa identidade, a xuízo do tribunal. Así mesmo, deberán presentarse provistas do correspondente lapis do número 2 e goma de borrar para realizar os exercicios tipo test.

Primeiro exercicio: estarán exentas de realizar este exercicio as persoas aspirantes que acreditasen documentalmente xunto coa solicitude, ou que teñan acreditado no expediente, estar en posesión do certificado Celga 4 ou do certificado de aptitude do curso de perfeccionamento de lingua galega ou certificado de validación das materias de lingua galega, de acordo co previsto na Orde do 16 de xullo de 2007 pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento de lingua galega.

Este exercicio terá a seguinte estrutura:

Primeira proba. Comprensión escrita ou comprensión oral + expresión escrita.

As persoas aspirantes deberán redactar un texto seguindo unhas indicacións que se lle facilitarán por escrito. A elaboración do texto deberá basearse na comprensión dun texto escrito ou na comprensión dun fragmento de audio ou audio-vídeo.

A duración máxima desta proba será de noventa minutos.

Segunda proba. Comprensión escrita ou comprensión oral + expresión oral.

As persoas aspirantes deberán ler un texto ou escoitar un fragmento de audio ou audio-vídeo e a seguir, nunha entrevista co examinador, pediráselles que resuman o input e que manteñan un diálogo ao respecto do input recibido, de modo que poida ser avaliada a súa produción oral.

A duración máxima desta proba será de quince minutos por persoa aspirante.

Para superar este exercicio será necesario acadar o resultado de apto/a.

Segundo exercicio: consistirá en contestar por escrito un cuestionario de 90 preguntas tipo test, máis 5 de reserva, con tres respostas alternativas das cales só unha será a correcta, propostas polo tribunal e correspondentes ao bloque de coñecementos específicos que figura no programa que se relaciona no anexo II.

O tempo para realizar este exercicio será de 95 minutos.

Este exercicio cualificarase de 0 a 25 puntos e será necesario para superalo obter un mínimo do 60 % do total das respostas correctas, o que supón unha valoración de 15 puntos.

Terceiro exercicio: consistirá na realización dun exercicio de carácter práctico ou teórico-práctico, proposto polo tribunal e relacionado co contido do programa específico, no cal os/as aspirantes deberán demostrar as capacidades para o desempeño das funcións correspondentes.

O tempo máximo para realizar este exercicio será de 120 minutos.

A puntuación deste exercicio será de 0 a 30 puntos e será necesario para superalo obter un mínimo de 12,5 puntos.

Cuarto exercicio: obrigatorio e non eliminatorio. Consistirá en contestar por escrito un cuestionario de 30 preguntas tipo test, máis 3 de reserva, con tres respostas alternativas das cal só unha será a correcta, propostas polo tribunal e correspondentes ao bloque de coñecementos non específicos do programa.

O tempo para a súa realización será de 40 minutos e valorarase de 0 a 5 puntos.

As preguntas adicionais de reserva substituirán, se fose o caso, as anuladas pola súa orde.

Antes da realización de cada exercicio o tribunal deberá ter aprobados e publicados os criterios de avaliación e corrección.

II. Fase de concurso: máximo 40 puntos.

Experiencia: máximo 35 puntos.

• Na mesma categoría e especialidade incluída na clasificación do Convenio colectivo vixente para o persoal laboral de administración e servizos da USC: valorarase con 0,40 puntos/mes.

• Na mesma categoría e distinta especialidade incluída na clasificación do Convenio colectivo vixente para o persoal laboral de administración e servizos da USC: valorarase con 0,30 puntos/mes.

• Na mesma categoría noutras administracións públicas: valorarase con 0,10 puntos/mes.

• Noutras categorías de persoal laboral de administración e servizos da USC: valorarase con 0,10 puntos/mes.

Formación: valoraranse cursos de formación dispensados por centros e organismos oficiais e aqueles que estean debidamente homologados e que garden relación coas funcións da praza convocada, ata un máximo de 5 puntos, do seguinte xeito:

Cursos de formación relacionados coa praza:

• Cursos impartidos: 0,03 puntos/hora.

• Cursos de aptitude recibidos: 0,02 puntos/hora.

• Cursos de asistencia recibidos: 0,01 puntos/hora.

Cursos de formación de lingua galega:

• Curso medio de linguaxe administrativa: 0,60 puntos.

• Curso superior de linguaxe administrativa: 0,80 puntos.

• Celga 5: 1 punto.

Cando existan distintos niveis do mesmo curso, só se valorará o de maior nivel. O Celga valorarase a partir do nivel superior ao exixido nesta convocatoria para o acceso.

Nos cursos en que non figure o número de horas, a puntuación farase polo mínimo de 10 horas.

A cualificación final do concurso-oposición virá determinada pola suma aritmética das puntuacións correspondentes á fase de oposición máis a obtida na fase de concurso de méritos, na forma establecida neste anexo.

Para valorar a experiencia acreditada en categorías equivalentes noutras administracións públicas prevista na fase de concurso e para a baremación das listaxes de espera, as dúbidas que xurdan resolveraas unha comisión composta por dous representantes da Xerencia e dous en representación do Comité Intercentros. Esta comisión intervirá por petición do tribunal ou da unidade encargada da baremación das listaxes e poderalles solicitar información complementaria ás persoas aspirantes en relación coas funcións e tarefas das categorías en cuestión, co fin de adoptar os acordos que procedan.

ANEXO II

Denominación da praza: técnico/a especialista de investigación,
especialidade electrónica

Programa

Coñecementos específicos:

1. Instrumentación de medida: fonte de alimentación de corrente continua, xeradores de funcións, osciloscopios, polímetros, analizadores de redes trifásicos, transformadores de medida.

2. Corrente eléctrica. Lei de Ohm. Leis de Kirchoff. Métodos de análise de circuítos eléctricos ou electrónicos de corrente continua e corrente alterna: método dos nós, método das mallas, principio de superposición, transformación de fontes, teoremas de Thevenin e Norton.

3. Resistencias, condensadores e indutores. Circuítos con resistencias, circuítos RC, RL, RLC. Asociación de impedancias serie, paralelo, estrela e triángulo.

4. Deseño e fabricación de placas de circuíto impreso. Soldadura en electrónica. Normativa ROHS.

5. Directiva 2011/65/UE. Tipos de soldadores e métodos. Directiva 2003/108/CE. RAEE (residuos de aparellos eléctricos e electrónicos) Xestión de RAEE.

6. Circuítos con díodos: circuítos limitadores, circuítos rectificadores, circuítos suxeitadores e circuítos de protección contra polaridade inversa.

7. Células solares: cálculo e dimensionado para aplicacións de corrente continua de baixa potencia.

8. Circuítos con transistores bipolares e MOS: funcións amplificadora, conmutadora. Circuítos osciladores para a xeración de sinais.

9. Circuítos con amplificador operacional. Circuítos lineais (amplificación, sumador-restador, derivador, integrador..), circuítos non lineais (comparador, rectificador, multiplicador..), circuítos adaptadores de impedancia, circuítos xeradores de sinais.

10. Filtros analóxicos. Respostas en frecuencia. Filtros desenvolvidos con amplificadores operacionais.

11. Fontes de alimentación: rectificadores, filtro por condensador, reguladores lineais. Fonte de alimentación conmutada.

12. Sensores pasivos e activos. Circuítos de acondicionamento de sensores pasivos e activos. Sistemas de alimentación de sensores.

13. Conversión D/A e A/D. Circuítos convertedores de datos. Tarxetas de adquisición de datos.

14. Proceso xeral para diagnose e localización de avarías en circuítos electrónicos realizados con compoñentes electrónicos discretos.

15. Materiais: constitución e propiedades das aliaxes lixeiras, aliaxes de cobre e materiais antifricción. Características dos materiais que afectan o seu procesamento. Formas comerciais.

16. Técnicas de unións fixas: descrición. Aplicacións, equipamentos, medios e elementos para realizar unións fixas (soldadura branda, eléctrica, manual ou semiautomática, en atmosfera protexida ou natural, oxiacetilénica).

17. Procedementos de unión. Preparación de pezas para soldadura. Eléctrodos, clasificación.

18. Medidas eléctricas en circuítos electrotécnicos e máquinas eléctricas. Instrumentos de medida. Tipoloxía, características e funcionamento, alcances, sensibilidade e precisión.

19. Medidas en sistemas pneumáticos: Instrumentos de medida. Tipoloxía, características e funcionamento, alcances, sensibilidade e precisión.

20. Mantemento de máquinas eléctricas (transformadores e motores) de corrente continua e corrente alterna (monofásica e trifásica) Análises de erros. Ensaios normalizados. Mantementos preventivos e correctivos.

21. Mantemento de sistemas mecánicos. Mantementos preventivos e correctivos. Lubricación, substitución e instalación de pezas, detección visual e auditiva de fallos, probas de diagnóstico, aliñación, balanceo e calibración. Ferramentas para o traballo mecánico: ferramentas manuais e pequena ferramenta automática. Tipoloxía e aplicación.

22. Planos electromecánicos e electropneumáticos: tipoloxía, técnicas de representación e simboloxía.

23. Técnicas e procedementos de medida con instrumentos fixos e portátiles. Interpretación de resultados e precaucións.

24. Autómatas programables (PLC) Programación de PLC con Tia Portal e Step 7. Dispositivos HMI e SCADA. PLC S7-1500 de Siemens: lóxica, estrutura e proceso do sistema.

25. Buses de comunicación industrial: RS485, Modbus, IO-link, CAN, Profibus.

26. Sistemas baseados en Arduino: deseño de circuítos para a captura de sinais de sensores de diferente natureza (son, luminosidade, temperatura, humidade, presenza de gases, aceleración, orientación..), circuítos de actuación (relés, motores paso a paso, motores sen vasoiriñas, servomotores, motores de corrente continua).

27. Buses de comunicación dixitais: protocolos e estrutura. USB, Ethernet, UART, SPI, I2C, 1-Wire.

28. Configuración, posta en funcionamento de contornos de programación para microcontroladores.

29. Útiles e ferramentas específicas para procesos de mecanizado. Serra manual, limas, brocas, escareadores, útiles de roscado, instrumentos para o trazado.

30. Maquinaria empregada en procesos de mecanizado: trade, limadora, fresadora, torno paralelo, rectificadora.

31. Operacións previas aos procesos de mecanizado. Trazado, serradura, limado, tradeadura, escareado e roscado.

32. Normativa ISO 9001 e 14001. Seguridade nos laboratorios. Actuación ante un accidente eléctrico.

33. Equipamentos de protección persoal (EPI).

Coñecementos non específicos:

1. A Constitución española: dereitos fundamentais e liberdades públicas.

2. Convenio colectivo para o persoal laboral da USC.

3. Estatutos da USC: do persoal de administración e servizos.

4. Estatutos da USC: órganos xerais da Universidade.

5. Código de conduta dos empregados públicos.

6. Lei de prevención de riscos laborais: dereitos e obrigas.

7. Dereitos e deberes lingüísticos na USC.

8. Políticas públicas para a igualdade efectiva de homes e mulleres.

Nota: as referencias normativas deste programa poden verse afectadas polas modificacións que se produzan ata a data do exame; nese caso deben entenderse referidas á lexislación en vigor.