DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 113 Mércores, 12 de xuño de 2024 Páx. 35723

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 21 de maio de 2024, da Dirección Territorial da Coruña, pola que se concede a autorización administrativa previa e de construción dunha instalación de distribución eléctrica no concello de Boiro (expediente IN407A 2023/090-1).

Expediente: IN407A 2023/090-1.

Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Denominación do proxecto: renovación LMTS BOI802 CS 15CJI8 e CT 15CAI4.

Concello: Boiro.

Feitos:

1. O día 2.3.2023, a empresa promotora solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción do proxecto de execución da dita instalación de distribución eléctrica, co obxecto de incrementar a capacidade de transporte da liña existente.

Ao abeiro do artigo 123 do Real decreto 1955/2000, achegan o proxecto de execución denominado renovación LMTS BOI802 CS 15CJI8 e CT 15CAI4, asinado o día 15.12.2022 por Tito Arias Santos, enxeñeiro técnico industrial eléctrico, número de colexiado LE-1010.

2. O proxecto non se someteu ao trámite de información pública, segundo o artigo 50 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro).

3. Consonte o artigo 127 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, solicitouse o informe preceptivo ás distintas entidades afectadas: Concello de Boiro, Patrimonio Cultural, Portos de Galicia, Deputación Provincial da Coruña, Servizo de Urbanismo e Costas do Estado. UFD Distribución Electricidad, S.A. manifestou a súa conformidade cos condicionados emitidos por Patrimonio Cultural, Portos de Galicia e Urbanismo. Non consta no expediente, na data desta resolución, contestación do Concello de Boiro nin da Deputación Provincial á solicitude de condicionado. Costas do Estado manifestou que non é o órgano competente en relación cos usos permitidos na zona de servidume de protección.

4. O día 14.5.2024 emitiuse o informe técnico.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. O director territorial é competente para resolver este expediente segundo o Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia; o artigo 41 do Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (DOG núm. 126, do 4 de xullo), modificado polo Decreto 49/2023, do 19 de maio (DOG núm. 98, do 25 de maio), consonte coa disposición adicional décimo segunda e a disposición transitoria primeira do Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia (DOG núm. 81, do 24 de abril).

Segunda. Lexislación de aplicación:

– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

– Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión.

– Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro).

Terceira. Características técnicas:

As instalacións de alta tensión obxecto deste expediente están situadas na estrada DP-1107 e rúa Perguisa, no concello de Boiro, e as súas características técnicas son as seguintes: liña eléctrica de media tensión subterránea (actuación nº 1), a 20 kV, cunha lonxitude de 233 m, coa orixe no CS Pita 15CJ18, condutor tipo RHZ1-2OL 12/20 kV 1×240 mm2 Al, e final no CT peirao 15CAI4. A liña existente déixase sen servizo.

Cuarta. No expediente consta un informe favorable dos servizos técnicos desta dirección territorial.

De acordo con todo o exposto,

RESOLVO:

1. Conceder a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción da dita instalación de distribución eléctrica.

2. A instalación executarase no prazo dun ano, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

3. Para a posta en explotación da instalación autorizada, deberá achegar ante esta dirección territorial unha solicitude coa cal xuntará a seguinte documentación:

• As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento, e as certificacións ou homologacións, se procede.

• Un certificado do/da director/a da montaxe en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e das prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas oportunas na montaxe da instalación e posta a punto.

• Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.

4. Esta aprobación outórgase sen prexuízo doutras que sexan de aplicación segundo a lexislación vixente, en especial, no relativo á ordenación do territorio e ao ambiente.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada perante a conselleira de Economía e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que consideren pertinente.

Mediante este documento notifícaselles aos interesados esta resolución, segundo o exixido no artigo 40.1 da dita Lei 39/2015.

A Coruña, 21 de maio de 2024

Isidoro Martínez Arca
Director territorial da Coruña