DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 113 Mércores, 12 de xuño de 2024 Páx. 35654

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 30 de maio de 2024 pola que se anuncia a convocatoria pública para a provisión, polo sistema de libre designación, dun posto de traballo vacante nesta consellería.

De conformidade co establecido no artigo 92 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, e nos artigos 25 e 26 do Decreto 151/2022, do 4 de agosto, polo que se aproba o Regulamento dos procedementos de mobilidade do persoal funcionario de carreira da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades públicas instrumentais integrantes do sector público autonómico, e no uso das atribucións conferidas polo artigo 17.2.c) da citada lei,

DISPOÑO:

Primeiro. Anunciar a convocatoria para cubrir, polo sistema de libre designación, o posto de traballo que se indica no anexo I desta orde.

Segundo. Poderá concorrer a ela o persoal funcionario de carreira que reúna as condicións que para o posto de traballo se sinalan no anexo I.

Terceiro. As solicitudes, segundo o modelo que se inclúe no anexo II, dirixiranse á Secretaría Xeral Técnica da Consellería da Presidencia, Xustiza e Deportes e presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado correspondente ao procedemento administrativo PR004A, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, no prazo de quince días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, as persoas interesadas que presenten a súa solicitude presencialmente serán requiridas para que a emenden a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considérase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Cuarto. As persoas solicitantes deberán unir á petición o seu currículo e xustificar documentalmente os méritos que aleguen.

Quinto. No caso de que resulte seleccionada para ocupar o posto de traballo que se anuncia no anexo I desta orde unha persoa con destino noutra Administración pública, requirirase o informe favorable do órgano competente da súa Administración de orixe, de conformidade co previsto no artigo 29 do Decreto 151/2022, do 4 de agosto.

Sexto. A resolución desta convocatoria publicarase no Diario Oficial de Galicia e poderase declarar deserto o posto de traballo, se se considera oportuno.

Sétimo. O prazo de toma de posesión do novo destino será de tres días hábiles, se non implica cambio de residencia, ou de sete días hábiles, se comporta cambio de residencia. Cando a persoa adxudicataria do posto obteña coa súa toma de posesión o reingreso ao servizo activo, o prazo será dun mes, de conformidade co establecido no artigo 8 do Decreto 151/2022, do 4 de agosto.

O prazo posesorio empezará a contar a partir do día seguinte ao do cesamento, que se deberá producir dentro dos tres días hábiles seguintes ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia, ou desde a data en que se comunique a resolución do traslado á Comunidade Autónoma, para o caso do persoal funcionario doutras administracións públicas.

Se a resolución comporta o reingreso ao servizo activo, o prazo de toma de posesión deberase computar desde o día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia.

Oitavo. Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou poderán impugnala directamente ante o xulgado do contencioso-administrativo competente no prazo de dous meses contados a partir da mesma data, segundo o establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 30 de maio de 2024

Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes

ANEXO I

Denominación do posto: secretario/a xeral.

Código do posto: PR.C06 15770.502.

Corpo ou escala: xeral.

Grupo/subgrupo: A1.

Nivel: 30.

Adscricións admóns. públicas: AXG (adscrición exclusiva a funcionarios da Xunta de Galicia).

Centro directivo o dependencia: Axencia Galega de Emerxencias.

Localidade: A Estrada (Pontevedra).

missing image file