DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 113 Mércores, 12 de xuño de 2024 Páx. 35660

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 3 de xuño de 2024, do tribunal encargado de cualificar o proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de acceso libre e de promoción interna, no corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, escala de sistemas e tecnoloxía da información (Diario Oficial de Galicia do 7 de xullo), pola que se fan públicos os resultados do segundo exercicio deste proceso selectivo.

Na sesión que tivo lugar o 30 de maio de 2024, o tribunal nomeado pola Resolución do 21 de decembro de 2023 (DOG do 2 de xaneiro de 2024) para cualificar o proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de acceso libre e de promoción interna, no corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, escala de sistemas e tecnoloxía da información (DOG do 7 de xullo),

ACORDA:

Primeiro. Informar que non houbo reclamacións presentadas a este exercicio.

Segundo. De conformidade co disposto na base II.1.1.2 e coa base II.1.2.2 da convocatoria, o exercicio valorarase como apto ou non apto e será necesario para superalo obter o resultado de apto en cada unha das probas.

Para estes efectos, nos criterios de corrección, valoración e superación do segundo exercicio aprobados polo tribunal na sesión do día 29 de abril de 2024, en cumprimento da potestade de determinación do criterio de superación do exercicio, e publicados no portal web corporativo da Xunta de Galicia funcionpublica.xunta.gal, estableceuse que superarían a primeira proba do segundo exercicio (nivel de coñecemento da lingua inglesa), as persoas aspirantes que teñan unha porcentaxe igual ou superior ao 50 % das respostas correctas.

As preguntas non contestadas ou incorrectas non penalizan nin reciben puntuación.

Terceiro. Feita a corrección e consonte os criterios anteriores, superaron o exercicio un total de vinte e catro (24) persoas aspirantes das vinte e catro (24) persoas convocadas para realizar o exercicio por acceso libre e de tres (3) aspirantes no acceso por promoción interna das tres (3) persoas convocadas.

Cuatro. Quedaron exentos da realización do segundo exercicio, proba primeira (inglés), unha (1) persoa aspirante de promoción interna e vinte e tres (23) de acceso libre, por acreditaren no prazo sinalado que posúen coñecemento da lingua inglesa correspondente a un nivel B2, ou superior, dentro do Marco común europeo de referencia das linguas.

Pola súa vez, catro (4) persoas aspirantes de promoción interna e corenta e seis (46) de acceso libre quedaron exentas da realización da segunda proba do segundo exercicio por presentaren acreditación da posesión do Celga 4 ou equivalente debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia, de acordo coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007 pola que se regulan os certificados oficiais dos niveis de coñecemento de lingua galega (DOG do 30 de xullo), modificada pola Orde do 10 de febreiro de 2014 (DOG do 19 de febreiro).

Por conseguinte, considérase superado, por estas persoas, o segundo exercicio para todos os efectos.

Quinto. En canto ao segundo exercicio, parte segunda, o único aspirante convocado para realizar a proba obtivo a cualificación de apto.

Sexto. Publicar no portal web corporativo da Xunta de Galicia, funcionpublica.xunta.gal, as puntuacións obtidas polas persoas aspirantes presentadas ao segundo exercicio do proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de acceso libre e de promoción interna, no corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, escala de sistemas e tecnoloxía da información, convocado pola Resolución do 5 de xullo de 2023.

Sétimo. De acordo co disposto na base II.1.2.8 da convocatoria, as persoas aspirantes poderán presentar as alegacións que consideren oportunas con relación ás puntuacións, no prazo de dez (10) días hábiles contados desde o seguinte ao de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Oitavo. De conformidade co disposto na base III.13 da convocatoria, contra esta resolución poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Facenda e Administración Pública nos termos previstos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 3 de xuño de 2024

Alfonso Pereira Martínez
Presidente do tribunal