DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 112 Martes, 11 de xuño de 2024 Páx. 35510

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 13 de maio de 2024, da Dirección Territorial da Coruña, pola que se concede a autorización administrativa previa e de construción dunha instalación de distribución eléctrica no concello de Carballo (expediente IN407A 2023/449-1).

Expediente: IN407A 2023/449-1.

Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Denominación do proxecto: substitución CT campo de fútbol (15CCB3).

Concello: Carballo.

Feitos:

1. O día 16.10.2023, a empresa promotora solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción do proxecto de execución da instalación de distribución eléctrica mencionada. Co obxecto de substituír o centro de transformación CT campo de fútbol (15CCB3, expediente 084/95) de 630 kVA de potencia, alimentado pola liña de distribución de media tensión LMT BRT704 (IN407A 2016/2139-1) procedente da subestación Bértoa, e situado na rúa Vázquez Parga, concello de Carballo, por mor da finalización da súa vida útil, proxéctase a súa retirada e a instalación dun novo centro de transformación subterráneo de 630 kVA, a súa conexión coa liña de distribución mediante unha nova liña soterrada e novas saídas de baixa tensión que o conectarán coa rede de baixa tensión existente.

Ao abeiro do artigo 123 do Real decreto 1955/2000, achegan o proxecto de execución denominado substitución CT campo de fútbol (15CCB3), asinado o día 25.8.2023 por Victoriano González Lemos, enxeñeiro técnico industrial eléctrico, nº colexiado 2.980 de Vigo.

2. O proxecto non se someteu ao trámite de información pública, segundo o artigo 50 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro).

3. Consonte o artigo 127 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, solicitouse o informe preceptivo ás distintas entidades afectadas: Concello de Carballo, Axencia Galega de Infraestruturas e Servizo do Patrimonio Cultural da Coruña. A empresa promotora manifestou a súa conformidade cos informes presentados no prazo outorgado para ese efecto.

4. O día 25.4.2024 emitiuse o informe técnico.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. O director territorial é competente para resolver este expediente segundo o Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia; o artigo 41 do Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (DOG núm. 126, do 4 de xullo), modificado polo Decreto 49/2023, do 19 de maio (DOG núm. 98, do 25 de maio), consonte coa disposición adicional décimo segunda e a disposición transitoria primeira do Decreto 49/2024 do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia (DOG núm. 81, do 24 de abril).

Segunda. Lexislación de aplicación:

– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

– Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión.

– Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro).

Terceira. Características técnicas

As instalacións de alta tensión obxecto deste expediente están situadas na rúa Vázquez Parga, concello de Carballo, e as súas características técnicas son as seguintes:

– LMTS a 15 kV, de 2×45 m (E/S), condutor tipo RHZ1-2OL 12/20 kV 1×150 mm2 Al, coa orixe e remate nos empalmes para realizar no PAR existente na liña LMT BRT704 (IN407A 2016/2139-1) procedente da subestación Bértoa, facendo E/S no CTC proxectado. Condutores: discorrerán entubados baixo calzada en beiravía ata o centro de transformación proxectado.

– Novo CT campo de fútbol compacto soterrado, cunha potencia de 630 kVA, relación de transformación de 15.000/400-230 V e configuración 2L+1P. Desmantelamento do CT campo de fútbol (15CCB3, expediente 084/95) existente de 630 kVA.

Cuarta. No expediente consta un informe favorable dos servizos técnicos desta dirección territorial.

De acordo con todo o exposto,

RESOLVO:

1. Conceder a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción da dita instalación de distribución eléctrica.

2. A instalación executarase no prazo dun ano, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

3. Para a posta en explotación da instalación autorizada, deberá achegar ante esta dirección territorial unha solicitude coa cal xuntará a seguinte documentación:

– As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento, e as certificacións ou homologacións, se procede.

– Un certificado do/da director/a da montaxe en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e das prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas oportunas na montaxe da instalación e posta a punto.

– Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.

4. Esta aprobación outórgase sen prexuízo doutras que sexan de aplicación segundo a lexislación vixente, en especial, no relativo á ordenación do territorio e ao ambiente.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada perante a conselleira de Economía e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que consideren pertinente.

Mediante este documento notifícaselles aos interesados esta resolución, segundo o exixido no artigo 40.1 da dita Lei 39/2015.

A Coruña, 13 de maio de 2024

Isidoro Martínez Arca
Director territorial da Coruña