DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 111 Luns, 10 de xuño de 2024 Páx. 35015

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

ORDE do 4 de xuño de 2024 pola que se anuncia a convocatoria pública para a provisión, polo sistema de libre designación, de postos de directores e directoras da Rede de centros integrados de formación profesional de Galicia.

O Decreto 266/2007, do 28 de decembro, polo que se regulan os centros integrados de formación profesional na Comunidade Autónoma de Galicia, establece no seu artigo 13.1 que a Dirección dos centros integrados de titularidade pública será provista polo procedemento de libre designación. No caso dos centros integrados de titularidade da Administración educativa, o nomeamento efectuarase entre funcionarios e funcionarias docentes, consonte os principios de mérito, capacidade e publicidade, logo do informe dos órganos colexiados do centro.

O Decreto 77/2011, do 7 de abril, polo que se establece o Regulamento orgánico dos centros integrados de formación profesional competencia da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, establece no seu artigo 8 que a Dirección dos centros integrados de formación profesional de titularidade pública será provista polo procedemento de libre designación entre o persoal funcionario docente. No procedemento para o nomeamento da Dirección rexerán os principios de igualdade, mérito e capacidade, así como o de publicidade. En todo caso, o procedemento resolverase logo do informe non vinculante dos órganos colexiados.

Pola súa banda, a Orde do 22 de xaneiro de 2009 pola que se regulan a organización e o funcionamento do Consello Social dos Centros Integrados de Formación Profesional de Galicia, no seu artigo 1, define o Consello Social dos Centros Integrados de Formación Profesional de Galicia como o órgano de participación que impulsa a colaboración entre a sociedade galega e estes centros mediante a determinación das necesidades do seu contorno, coa finalidade de contribuír eficazmente ao desenvolvemento social, profesional, económico, tecnolóxico e cultural de Galicia, á mellora da calidade do servizo público da formación profesional e á obtención dos recursos precisos para procurar a súa suficiencia económica e financeira.

A mesma norma define no seu artigo 2 as funcións do órgano e inclúe na súa letra e) a de emitir un informe das candidaturas con carácter previo ao nomeamento do director ou da directora do centro.

A disposición adicional segunda da Orde do 29 de xullo de 2011 pola que se desenvolve o Decreto 77/2011, do 7 de abril, polo que se establece o Regulamento orgánico dos centros integrados de formación profesional competencia da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, establece a delegación na persoa responsable da Dirección Xeral de Formación Profesional do nomeamento das persoas responsables da Dirección dos centros integrados de formación profesional.

Ao existiren centros integrados de formación profesional dependentes da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional nos cales a Dirección remata proximamente o seu mandato, e de acordo co que antecede, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1. Obxecto

Anunciar a convocatoria para nomear, polo sistema de libre designación, a Dirección dos centros públicos integrados de formación profesional pertencentes á Rede de Centros Integrados de Formación Profesional que se relacionan no anexo I.

Artigo 2. Requisitos das persoas candidatas

Para participar nesta convocatoria deberanse reunir os seguintes requisitos:

a) Ser funcionaria ou funcionario de carreira dun corpo docente a que se refire a Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

b) Estar en situación de servizo activo.

c) Ter unha antigüidade de, polo menos, tres anos como funcionaria ou funcionario de carreira na función pública docente.

Artigo 3. Solicitudes

A solicitude de participación nesta convocatoria presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal, mediante a solicitude xenérica dispoñible na sede electrónica (código de procedemento PR004A), e dirixirase á Dirección Xeral de Formación Profesional da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude de xeito presencial, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

O prazo de presentación de solicitudes será de dez (10) días naturais, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 4. Documentación

As persoas aspirantes deberán achegar, ademais da súa solicitude xerada segundo o anexo II, un curriculum vitae e a xustificación, mediante certificación ou copia compulsada, dos méritos que aleguen.

Non se terán que presentar aqueles documentos xustificativos de méritos alegados e xa achegados polas persoas solicitantes para completar o seu expediente persoal na aplicación informática a través do enderezo www.edu.xunta.es/datospersoais

Aqueles méritos alegados e non xustificados documentalmente non se terán en conta.

Artigo 5. Nomeamento

1. A resolución desta convocatoria farase pública no Diario Oficial de Galicia e poderanse declarar desertas as direccións, de se considerar oportuno.

2. O Consello Social dos Centros Integrados de Formación Profesional de Galicia e o claustro de profesorado emitirán informe sobre as candidaturas que se presenten, no prazo dos cinco (5) días naturais seguintes ao de remate do prazo de solicitudes establecido no artigo terceiro desta orde.

3. A non emisión do informe referido no punto anterior non impedirá a resolución do procedemento.

4. A persoa titular da Dirección Xeral de Formación Profesional da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional nomeará directores ou directoras as persoas candidatas seleccionadas na resolución desta convocatoria.

Artigo 6. Recursos

Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpoñer un recurso potestativo de reposición ante esta consellería, no prazo dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous (2) meses desde a mesma data, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición adicional única

Resulta de aplicación ás persoas directoras dos centros integrados de formación profesional o Decreto 120/2002, do 22 de marzo, polo que se regula a consolidación parcial do complemento específico de Dirección de centros escolares públicos.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de xuño de 2024

Román Rodríguez González
Conselleiro de Educación, Ciencia,
Universidades e Formación Profesional

ANEXO I

Relación de centros integrados de formación profesional

Provincia

Concello

Código de centro

Centros integrados de formación profesional

A Coruña

A Coruña

15022607

CIFP Ánxel Casal-Monte Alto

Ourense

Ourense

32008902

CIFP A Carballeira-Marcos Valcárcel

Vilamarín

32016285

CIFP de Vilamarín

Pontevedra

Pontevedra

36006419

CIFP Montecelo

Vilagarcía de Arousa

36013771

CIFP Fontecarmoa

Vigo

36024461

CIFP Audiovisual de Vigo

missing image file