DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 108 Mércores, 5 de xuño de 2024 Páx. 33968

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

DECRETO 157/2024, do 20 de maio, polo que se aproba o Plan sectorial de xestión de residuos industriais de Galicia 2023-2030.

O marco normativo comunitario en materia de residuos evolucionou moito nos últimos anos para dar pasos cara á transformación do noso modelo produtivo lineal a un novo modelo baseado na economía circular.

Neste senso, en decembro de 2015, a Comisión Europea adoptou un novo e ambicioso paquete sobre a economía circular, co fin de estimular a transición dunha economía lineal a unha circular. No marco deste paquete aprobáronse, no ano 2018, novas directivas en materia de residuos, co establecemento de novos obxectivos de prevención, reciclaxe e restricións á vertedura nun período de vixencia máis amplo que chega ata o 2035.

Nos últimos anos entraron en vigor a Lei 7/2022, do 8 de abril, de residuos e solos contaminados para unha economía circular no ámbito estatal así como a nivel autonómico, e a Lei 6/2021, do 17 de febreiro, de residuos e solos contaminados de Galicia, que recollen estas novas disposicións comunitarias.

O Goberno galego vén traballando desde hai anos na procura dunha xestión axeitada dos residuos, facendo fincapé en dúas liñas de actuación.

Por unha banda, favorecer a prevención na xeración de residuos industriais, a promoción da reutilización, a reciclaxe e a redución da vertedura e, por outra banda, o deseño dunha sociedade eficiente no uso dos recursos, que avance cara a unha simbiose industrial e unha economía circular na cal se incorporen ao proceso produtivo unha e outra vez os materiais contidos nos residuos para a produción doutros novos produtos ou de materias primas.

Neste senso, o 23 de decembro de 2016 publicouse o Plan de xestión de residuos industriais de Galicia 2016-2022 (Priga), aprobado no Consello da Xunta o 22 de decembro de 2016, que perseguía, entre outras, a implantación dun novo modelo máis sostible e acorde coa xerarquía de residuos, implicar a cidadanía na importancia da prevención, crear unha conciencia colectiva en materia de residuos e fomentar a recuperación da maior parte dos recursos contidos nos residuos producidos.

Segundo o artigo 19 da Lei 6/2021, do 17 de febreiro, de residuos e solos contaminados de Galicia, os plans e programas da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de residuos deben ser aprobados a través dos instrumentos de ordenación do territorio previstos na lexislación de aplicación e cos efectos indicados nela.

A normativa de ordenación do territorio, Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia, establece que os plans referidos ao ámbito da xestión dos residuos son, para os efectos desta normativa, plans sectoriais, polo tanto son un instrumento de ordenación do territorio e teñen por obxecto ordenar e regular a implantación territorial de actividades de xestión de residuos, establecer as condicións xerais para as futuras actuacións que desenvolvan o devandito plan e definir os criterios de deseño e as características funcionais e de emprazamento que garantan a súa accesibilidade e coherente distribución territorial, segundo a súa natureza.

E por todo isto comezouse a traballar nun novo plan cuxo contido debía recoller tanto as directrices marcadas na Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio, como as establecidas na Lei 6/2021, do 17 de febreiro, e na Lei 7/2022, do 8 de abril.

Así, o novo Priga constituirá o marco de referencia na planificación da xestión dos residuos industriais en Galicia, achegando conceptos, principios e estratexias para adoptar na correcta xestión de residuos industriais nos próximos anos.

A tramitación deste Plan sectorial de xestión de residuos industrias de Galicia seguiu o procedemento segundo se indica na Lei 6/2021, do 17 de febreiro, de residuos e solos contaminados de Galicia.

Tal e como xa se sinalou na Lei 6/2021, do 17 de febreiro, tamén se recolle que os plans e programas da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de residuos deberán ser aprobados a través dos instrumentos de ordenación do territorio previstos na lexislación de aplicación e cos efectos indicados nela, sendo o plan sectorial o instrumento previsto na Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, que ten por obxecto ordenar e regular a implantación territorial desta actividade sectorial da xestión dos residuos e establece tamén o sometemento deste plan á avaliación ambiental estratéxica ordinaria.

Por todo isto, o 11 de outubro de 2022, a Subdirección Xeral de Residuos solicitoulle á Subdirección Xeral de Avaliación Ambiental iniciar o procedemento de avaliación ambiental estratéxica ordinaria do plan segundo o establecido no artigo 54 da Lei de ordenación do territorio e na Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental.

O 13 de outubro de 2022 o órgano ambiental iniciou un período de consulta pública no cal se formularon observacións e suxestións ao borrador do plan nun prazo de 30 días.

O 8 de decembro de 2022 asinouse o documento de alcance no cal se resumen as principais cuestións ambientais formuladas durante o período de consultas.

De conformidade co artigo 54.4 da Lei de ordenación do territorio, a versión inicial do plan aprobouse o 31 de marzo de 2023.

O documento do Priga aprobado inicialmente e o estudo ambiental estratéxico, xunto cun resumo executivo do plan e un documento resumo do estudo ambiental estratéxico, foron sometidos a un proceso de información pública que se anunciou no Diario Oficial de Galicia (DOG do 3.4.2023), nos boletíns oficiais das provincias e no portal da internet de transparencia e goberno aberto da Xunta de Galicia. Paralelamente leváronse a cabo as consultas ás administracións públicas afectadas e ás persoas e ao público interesados.

O 21 de febreiro de 2024 asinouse a declaración ambiental estratéxica e considerouse o Plan sectorial de xestión de residuos industriais de Galicia 2023-2030 ambientalmente viable.

O 14 de maio de 2024, a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático asinou a aprobación provisional do Plan sectorial de xestión de residuos industriais de Galicia (Priga) 2023-2030.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, en exercicio das súas facultades outorgadas polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do vinte de maio de dous mil vinte e catro,

DISPOÑO:

Artigo único. Aprobación do Plan sectorial de xestión de residuos industriais de Galicia 2023-2030

1. Apróbase o Plan sectorial de xestión de residuos industriais de Galicia 2023-2030, que estenderá a súa vixencia ata o ano 2030.

2. O texto do plan estará dispoñible no sitio web da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático e de conformidade co disposto no artigo 18 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Quedan derrogadas cantas disposición de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto neste decreto.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor aos vinte (20) días naturais da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte de maio de dous mil vinte e catro

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático