DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 107 Martes, 4 de xuño de 2024 Páx. 33718

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 24 de maio de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, a federacións deportivas de Galicia para o desenvolvemento do Plan Corresponsables a través da realización de actividades de animación sociodeportiva e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento DE402B).

Conforme o establecido no Estatuto de autonomía de Galicia, a Comunidade Autónoma galega asume a competencia exclusiva na materia da promoción do deporte (artigo 27.22), correspondéndolle á Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, a través da Secretaría Xeral para o Deporte, as competencias de elaboración, proposta e execución da política do goberno galego en materia de deportes, conforme o establecido no Decreto 117/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da actual Consellería de Presidencia Xustiza e Deportes, en virtude da disposición transitoria do Decreto 42/2024, do 14 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia. En concreto correspóndenlle, entre outras, a promoción e a difusión da actividade física e do deporte, a realización de todas aquelas accións encamiñadas á mellora da actividade física e deportiva, así como, a través da Subdirección Xeral de Plans e Programas, a elaboración de plans e programas relacionados co ámbito deportivo non competitivo, especialmente relativos á promoción da actividade física no conxunto da sociedade e ao desenvolvemento das funcionalidades económica, social e educativa do deporte, e a través do Servizo de Deporte en Idade Escolar, do fomento e a promoción da actividade física e deportiva entre a poboación escolar e a elaboración dos plans e programas relacionados co deporte en idade escolar.

Segundo o disposto na Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia, correspóndelle á Administración autonómica, entre outras, formular políticas transversais de fomento da actividade física, así como a de promover, ordenar e organizar o deporte en idade escolar.

Con data do 20 de marzo de 2023 publicouse no BOE nº 67 a Resolución do 16 de marzo de 2023, da Secretaría de Estado de Igualdade e contra a Violencia de Xénero, pola que se publica o Acordo da Conferencia Sectorial de Igualdade, do 3 de marzo de 2023, polo que se fixan os criterios de distribución ás comunidades autónomas e cidades de Ceuta e de Melilla, así como a distribución resultante, do crédito destinado no ano 2023 ao desenvolvemento do Plan Corresponsables.

No devandito acordo establécense como obxectivos do Plan Corresponsables:

– Favorecer a conciliación das familias con nenas, nenos e mozos de ata dezaseis anos de idade, desde un enfoque de igualdade entre mulleres e homes.

– Crear emprego de calidade no sector dos coidados.

– Dignificar e certificar a experiencia profesional de coidado non formal.

Con base neste plan, o 4 de maio de 2023 asínase un Acordo de colaboración entre a Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes e a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, para desenvolver medidas previstas no Plan Corresponsables, coa finalidade de habilitar servizos de coidado profesional de nenos, nenas e mozos e mozas de ata 16 anos inclusive a través da realización de actividades de animación sociodeportiva que poidan prestarse en dependencias públicas habilitadas para o efecto. Con esta finalidade, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade destinou dous millóns de euros para a execución das citadas actuacións por parte da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, a través da Secretaría Xeral para o Deporte.

Nas datas do 6 de novembro de 2023 e 12 de abril de 2024 asínanse sendas addendas ao acordo de colaboración subscrito na data do 4 de maio de 2023, en virtude das cales se asigna un novo crédito de un millón trescentos mil euros para o desenvolvemento de actividades asociadas ao Programa Corresponsables e se amplía o período de execución destas ata finais de 2024.

O Plan Corresponsables concíbese como unha política semente que permita articular mecanismos en colaboración coas comunidades autónomas e as cidades de Ceuta e Melilla para o apoio específico das necesidades de conciliación das familias con nenas, nenos, mozas e mozos menores de 16 anos; así como con outros eixes de actuación relacionados coa creación de emprego, a dignificación e recoñecemento da experiencia profesional de coidados, a sensibilización en materia de corresponsabilidade e a articulación de bases informativas de recursos dispoñibles neste campo.

O desafío está en deseñar sistemas integrais de coidado desde unha perspectiva de xénero, interseccional e de dereitos humanos que promovan a corresponsabilidade entre mulleres e homes, Estado, mercado, familias e comunidade. Sistemas que inclúan políticas articuladas sobre o tempo, os recursos, as prestacións e os servizos públicos universais e de calidade, para satisfacer as distintas necesidades de coidado da poboación, como parte dos sistemas de protección social e desde unha concepción que eleve o dereito ao coidado ao rango e protección doutros dereitos humanos.

Os obxectivos esenciais desta convocatoria, en consecuencia, son dar cumprimento ao Plan Corresponsables e, ademais, actuar directamente con programas e accións que incidan directamente na promoción da igualdade entre mulleres e homes fomentando a corresponsabilidade e favorecendo a conciliación dás familias con nenas, nenos, mozas e mozos menores de 16 anos incluídos.

As presentes bases teñen en conta as previsións establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu Regulamento de desenvolvemento, especialmente no disposto en ambos os textos en relación coas bases reguladoras das subvencións.

Esta orde dá cumprimento aos principios de publicidade, libre concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación, eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados e eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos.

Na súa virtude, no uso das facultades que teño atribuídas polo Decreto 44/2024, do 14 de abril, polo que se nomean os titulares das consellerías da Xunta de Galicia, no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e financiamento

1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras que figuran no anexo I polas cales se rexerá a convocatoria de subvencións da Consellería de Presidencia Xustiza e Deportes, en réxime de concorrencia competitiva, a federacións deportivas de Galicia, para o desenvolvemento do Plan Corresponsables a través de actividades de animación sociodeportiva (código de procedemento DE402B).

2. Así mesmo, por medio desta orde, convócanse as devanditas subvencións para o ano 2024.

3. Para o financiamento desta convocatoria destínase, con cargo á anualidade 2024, crédito por importe total de un millón trescentos mil euros (1.300.000 €), con cargo á aplicación orzamentaria 35.02.441A.481.0, código de proxecto 2021 00175.

Establécese a contía de axuda máxima por entidade beneficiaria en setenta e cinco mil euros (75.000 €). Non obstante, se en función das solicitudes admitidas non se esgota o crédito dispoñible, poderá incrementarase proporcionalmente a contía da axuda máxima por entidade beneficiaria.

4. Este total poderase incrementar en función das solicitudes presentadas e de acordo coa dispoñibilidade de crédito, cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

O incremento do crédito quedará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

Nestes casos publicarase a ampliación de crédito polos mesmos medios que esta convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo de prazo para resolver.

5. O período de desenvolvemento das actuacións subvencionables será o comprendido entre o 15 de xullo e o 15 de novembro de 2024.

Artigo 2. Solicitudes

Para poder ser entidade beneficiaria da subvención deberase presentar unha solicitude dirixida á Secretaría Xeral para o Deporte, axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 4 das bases reguladoras.

Artigo 3. Lugar e prazo de presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia identificado como anexo II, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o derradeiro día do mes.

Artigo 4. Criterios de valoración e determinación do importe da subvención

Os criterios son os recollidos nos artigos 8 e 9 das bases reguladoras.

Artigo 5. Pagamento da subvención

De conformidade co artigo 63 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, prevese o pagamento, con carácter anticipado como financiamiento necesario para o desenvolvemento das actuacións obxecto de subvención, de acordo ao réxime de pagamentos previsto no artigo 15, puntos 1 e 2.

Artigo 6. Xustificación

1. De acordo co artigo 45 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, a entidade beneficiaria deberá presentar ante a Secretaría Xeral para o Deporte a documentación xustificativa da subvención ata o 20 de novembro de 2024.

Se transcorren estes prazos sen que a entidade beneficiaria presente a xustificación correspondente na Secretaría Xeral para o Deporte, requiriráselle para que, no prazo improrrogable de dez días, a achegue. A falta de presentación da xustificación neste prazo levará á apertura dun expediente de perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia de reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño.

2. Documentación que se debe entregar.

Observarase o previsto no artigo 15.4 das bases reguladoras.

Artigo 7. Recursos

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, poderanse interpoñer os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

1. Recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

2. Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Facúltase a persoa titular da Secretaría Xeral para o Deporte para ditar, no ámbito das súas competencias, cantos actos e medidas sexan precisos para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de maio de 2024

Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes

ANEXO I

Bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, a federacións deportivas de Galicia para o desenvolvemento do Plan Corresponsables a través da realización de actividades de animación sociodeportiva (código de procedemento DE402B)

Artigo 1. Obxecto e réxime xurídico

1. O obxecto destas bases é establecer o réxime das axudas a federacións deportivas de Galicia, para o desenvolvemento do Plan Corresponsables a través da realización de actividades de animación sociodeportiva.

2. O réxime xurídico das subvencións contidas na presente norma está constituído pola Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións, e as bases aprobadas pola presente orde.

3. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva.

Artigo 2. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser persoas beneficiarias das subvencións as federacións deportivas de Galicia inscritas no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia.

2. Non poderán obter a condición de persoas beneficiarias destas subvencións as entidades en que concorra algunha das circunstancias sinaladas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 3. Actuacións subvencionables e compatibilidade

1. Subvencionaranse as actuacións de desenvolvemento do Plan Corresponsables a través da realización de actividades de animación sociodeportiva, habilitando servizos de coidados profesionais e fomentando, á vez que a práctica deportiva, a adquisición de hábitos de vida saudable a través desta. Subvencionarase o 100 % dos gastos asociados ás actuacións obxecto da subvención.

O período de desenvolvemento das actuacións subvencionables será o indicado na convocatoria correspondente.

A Secretaría Xeral para o Deporte financiará os gastos ocasionados con motivo da habilitación de servizos de coidado profesional de nenas, nenos e a mocidade de ata 16 anos incluídos, a través do desenvolvemento dos seus respectivos programas deportivos, para mellorar a vida cotiá das familias equilibrando o tempo laboral, familiar e persoal.

Ademais, preténdese fomentar a creación de emprego de calidade no sector dos coidados, para garantir a calidade dos servizos prestados a través das bolsas de coidado profesional de cara á promoción da igualdade entre mulleres e homes, e fomentar a corresponsabilidade.

Tamén se pretende fomentar a iniciación na práctica dunha modalidade deportiva, á vez que a adquisición de hábitos de vida saudable a través da práctica do deporte potenciado os beneficios para a saúde física e mental.

2. As subvencións concedidas ao abeiro destas bases poderán ser concorrentes con subvencións doutras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais, sen prexuízo da obriga de comunicar ao órgano concedente a súa obtención. O importe total das subvencións en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, ingresos ou recursos, supere o gasto realizado pola entidade beneficiaria. Esta circunstancia deberá ser acreditada pola entidade beneficiaria conforme o establecido no artigo 14 destas bases.

Artigo 4. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo II) a seguinte documentación:

a) Anexo II.bis (Datos do proxecto).

b) Poder de representación, no caso de que non sexa a persoa presidenta da entidade quen actúe como persoa representante na tramitación deste procedemento, segundo o modelo de anexo VI.

c) Proxecto de desenvolvemento do plan.

d) Orzamento desagregado de gastos das actividades propostas. Este orzamento deberá axustarse aos límites e aos gastos de natureza subvencionable previstos, respectivamente, nos artigos 9 e 15.5 destas bases reguladoras.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

Artigo 5. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade representante.

d) Certificado de estar ao día no pagamento das obrigas tributarias coa AEAT.

e) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

f) Certificado de estar ao día no pagamento das obrigas tributarias coa Atriga.

g) Consulta de concesións de subvencións e axudas.

h) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos correspondentes.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes

Artigo 6. Órganos competentes e instrución do procedemento

1. A persoa titular da Subdirección Xeral de Plans e Programas será o órgano instrutor do procedemento. A Secretaría Xeral para o Deporte será o órgano competente para formular a proposta de resolución que elevará, conforme todo o actuado, á persoa titular da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.

A Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes será o órgano competente para a resolución do procedemento para a concesión da subvención.

2. Unha vez recibidas as solicitudes e a documentación complementaria, serán analizadas polo instrutor do procedemento co obxecto de comprobar que se atopan debidamente cubertas e suficientemente documentadas. Xunto con esta análise, comprobarase se o solicitante acredita o cumprimento dos requisitos establecido no artigo 2.

3. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras, o órgano responsable da tramitación requirirá as persoas interesadas para que, nun prazo de dez días hábiles, emenden a falta ou acheguen os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fan, se terán por desistidas da súa petición, logo da correspondente resolución, nos termos previstos no artigo 21 da dita lei.

Poderá tamén requirirse o solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento, en calquera fase del.

Artigo 7. Da Comisión de Valoración

1. O órgano instrutor remitirá a documentación completa dos expedientes á Comisión de Valoración encargada de aplicar os criterios de baremación establecidos no artigo seguinte.

2. A Comisión estará presidida pola persoa titular da Subdirección Xeral de Plans e Programas da Secretaría Xeral para o Deporte ou persoa en quen delegue, actuando como vogais as persoas titulares das xefaturas dos servizos provinciais de deportes e un/unha técnico/a deportivo/a da mesma secretaría xeral designado/a pola persoa presidenta da Comisión. Será secretario/a da Comisión a persoa titular da xefatura do Servizo de Fomento e Xestión Deportiva da Secretaría Xeral para o Deporte ou persoa que o substitúa.

3. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases, na convocatoria ou na normativa de aplicación quedarán á disposición do órgano instrutor para os efectos de ditar a correspondente resolución de inadmisión, na cal se indicarán as causas desta.

4. En todo caso, non se admitirán a trámite e procederase a ditar a resolución de inadmisión e ao seu arquivamento, sen posibilidade de emenda, as solicitudes que se presenten fóra do prazo establecido na convocatoria.

Artigo 8. Criterios de valoración

1. A Comisión avaliará as solicitudes presentadas de acordo cos criterios de valoración que se establecen no punto 2 deste artigo.

Na aplicación do baremo que se expón a continuación outorgaráselles prioridade no acceso á subvención ás entidades que non recibisen unha subvención por importe superior a 6.500 € para a realización de actuacións no marco do Plan Corresponsables no ano 2023.

Desta forma, efectuarase unha primeira selección daquelas solicitudes de entidades que non recibisen unha subvención por importe superior a 6.500 € para a realización de actuacións no marco do Plan Corresponsables no ano 2023. Este grupo de solicitudes será ordenado en aplicación dos criterios de valoración recollidos no punto 2 deste artigo.

Unha vez distribuído o crédito asignado a esta convocatoria a esta primeira selección de solicitudes segundo a ordenación resultante, caso de que quede crédito sobrante, procederase a aplicar os criterios de valoración recollidos no punto 2 deste artigo as solicitudes de entidades que recibisen unha subvención por importe superior a 6.500 € para a realización de actuacións no marco do Plan Corresponsables no ano 2023. Unha vez ordenado este segundo grupo de solicitudes, efectuarase a distribución do crédito sobrante ata o seu esgotamento.

2. Criterios de valoración:

1) Número total de licenzas federativas: ata 20 puntos.

– 20.000 o más deportistas con licenza federativa: 20 puntos.

– Entre 9.000 e 19.999 deportistas con licenza federativa: 17,5 puntos.

– Entre 5.000 e 8.999 deportistas con licenza federativa: 15 puntos.

– Entre 2.500 e 4.999 deportistas con licenza federativa: 12,5 puntos.

– Entre 1.000 e 2.499 deportistas con licenza federativa: 10 puntos.

– Menos de 1.000 deportistas con licenza federativa: 5 puntos.

2) Apoio á igualdade de xénero: valorarase contar cunha porcentaxe de deportistas femininas con licenza federativa: ata 10 puntos.

– Ter unha porcentaxe de máis do 60 % de deportistas femininas con licenza federativa: 10 puntos.

– Ter unha porcentaxe de entre máis do 40 % e o 60 % de deportistas femininas con licenza federativa: 7,5 puntos.

– Ter unha porcentaxe de entre máis do 30 % e o 40 % de deportistas femininas con licenza federativa: 5 puntos.

– Ter unha porcentaxe de entre o 20 % e o 30 % de deportistas femininas con licenza federativa: 2,5 puntos.

3) Apoio ás persoas con discapacidade: valorarase contar cunha porcentaxe de deportistas con discapacidade con licenza federativa. Ata 10 puntos:

– Ter unha porcentaxe de máis do 60 % de deportistas con discapacidade con licenza federativa: 10 puntos.

– Ter unha porcentaxe de entre máis do 40 % e o 60 % de deportistas con discapacidade con licenza federativa: 7,5 puntos.

– Ter unha porcentaxe de entre máis do 30 % e o 40 % de deportistas con discapacidade con licenza federativa: 5 puntos.

– Ter unha porcentaxe de entre o 20 % e o 30 % de deportistas con discapacidade con licenza federativa: 2,5 puntos.

4) Apoio ao deporte de base: valorarase contar cunha porcentaxe de deportistas con licenza federativa nas categorías previas á absoluta. Ata 10 puntos:

– Ter unha porcentaxe de máis do 60 % de deportistas con licenza federativa nas categorías previas á absoluta: 10 puntos

– Ter unha porcentaxe de entre máis do 40 % e o 60 % de deportistas con licenza federativa nas categorías previas á absoluta: 7,5 puntos.

– Ter unha porcentaxe de entre máis do 30 % e o 40 % de deportistas con licenza federativa nas categorías previas á absoluta: 5 puntos.

– Ter unha porcentaxe de entre o 20 % e o 30 % de deportistas con licenza federativa nas categorías previas á absoluta: 2,5 puntos.

5) Valoración do proxecto: ata 30 puntos.

Valoraranse aspectos tales como a claridade do proxecto, coherencia cos obxectivos do Plan Corresponsables, a creación de novo emprego, o menor orzamento do proxecto, a minoración do custo resultante do grupo/mes sobre o máximo establecido.

Artigo 9. Contía da subvención

O importe da subvención será o 100 % do orzamento de gasto presentado e aprobado de acordo cos seguintes límites:

– O importe máximo da subvención será de 75.000 €.

– En función do número de grupos de actividade que se efectúen de conformidade co proxecto presentado, o importe da subvención non poderá exceder o resultado de multiplicar o número de grupos de actividade por un importe máximo de 1.660 €/mes por grupo de actividade, ata o máximo do importe subvencionable por entidade indicado anteriormente.

No caso de que non se desenvolvan o número de grupos indicados no proxecto subvencionado, a subvención será minorada proporcionalmente ao número de grupos de actividade realmente desenvoltos, en función do orzamento presentado e aprobado. De igual forma, no caso de grupos de actividades de duración inferior ao mes, o importe da subvención será minorado proporcionalmente.

Artigo 10. Condicións do programa

A entidade beneficiaria deberá desenvolver o Plan Corresponsables para a habilitación de servizos de coidado profesional de nenas, nenos e mozas e mozos de ata 16 anos, desenvolvendo actividades de animación sociodeportiva, de acordo coas seguintes obrigas:

1. Os perfís profesionais para o desenvolvemento destas actividades serán:

Técnica/o en Actividades Socioculturais, monitoras/es de lecer e tempo libre, técnicas/os superiores de Animación Sociodeportiva, Educación Infantil, auxiliares de gardaría e xardín de infancia e as súas titulacións equivalentes: técnica/o superior en Educación Infantil, técnica/o superior en Animación Sociocultural e Turística, técnica/o superior en Ensino e Animación Sociodeportiva, técnica/o superior en Integración Social, monitoras/es de lecer e tempo libre e auxiliar de educación infantil ou de xardín de infancia. En congruencia co ámbito de actividade obxecto desta convocatoria de subvencións, considéranse como asimilados ás titulacións indicadas os técnicos e adestradores deportivos das diferentes modalidades que dispoñan da acreditación formativa correspondente.

A Secretaría Xeral para o Deporte poderá autorizar, excepcionalmente, a contratación doutros perfís profesionais para o desenvolvemento das actividades.

2. A entidade beneficiaria xestionará a xestión das actividades e o acceso ás actividades das nenas e nenos a través da plataforma habilitada para o efecto pola Secretaría Xeral para o Deporte. No acceso priorizaranse as familias, monoparentais, vítimas de violencia de xénero e doutras formas de violencia contra a muller, mulleres en situación de desemprego de longa duración, mulleres maiores de 45 anos ou a unidades familiares en que existan outras cargas relacionadas cos coidados. Así mesmo, nos procesos de valoración de acceso aos programas e prestacións financiadas por este plan, terase en conta o nivel de renda e as cargas familiares das persoas que pretendan participar neles, tendendo a favorecer a gratuidade e a universalidade das actuacións.

3. Cada grupo de actividade deberá ter unha duración mínima de 3 días/semana, e dunha hora/día, durante un período mínimo de 15 días. Considérase grupo de actividade cun mínimo de 8 participantes, salvo naquelas modalidades deportivas que precisan duns medios (tales como pode ser vela, piragüismo, escalada, espeleoloxía, etc.), ou cuxa execución estea condicionada por instalacións/espazos (tal como tenis), en que se poderá reducir a un mínimo de 6. Esta diminución do tamaño mínimo do grupo de actividade por baixo dos 8 participantes deberase xustificar con base nas razóns indicadas no proxecto presentado.

No suposto de que o tamaño dos grupos non se considere suficientemente xustificado en función das razóns indicadas, o órgano instrutor requirirá a entidade solicitante para que reformule a solicitude axustándose ao tamaño mínimo dos grupos indicado anteriormente.

4. A entidade debe aboar ás persoas contratadas, polo menos, o importe fixado como salario mínimo interprofesional, proporcionalmente ao número de horas contratadas.

Artigo 11. Resolución

1. Analizadas as solicitudes polo órgano instrutor, elevará o informe da Comisión á persoa titular da Secretaría Xeral para o Deporte, quen formulará a proposta motivada de resolución.

2. A resolución dos expedientes de axudas correspóndelle á persoa titular da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, que deberá resolver no prazo de quince días desde a data de elevación da proposta.

3. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución non poderá exceder os cinco meses, contado desde o día seguinte á data de publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen se ditar resolución expresa, as solicitudes poderán entenderse desestimadas por silencio administrativo, de conformidade co artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. De conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a notificación levarase a cabo mediante a publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Secretaría Xeral para o Deporte, con indicación neste caso da data da convocatoria, da persoa beneficiaria, da cantidade concedida e da finalidade da subvención outorgada. Así mesmo, relacionaranse as solicitudes desestimadas e inadmitidas con expresión dos motivos da desestimación e inadmisión.

5. A resolución publicarase nos termos previstos no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 17.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e de bo goberno, expresando persoa beneficiaria, finalidade, contía e aplicación orzamentaria.

Artigo 12. Réxime de recursos

As resolucións expresas ou presuntas que se diten ao abeiro da correspondente orde de convocatoria poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderase interpoñer ben o recurso potestativo de reposición, ante o mesmo órgano que as ditou, no prazo dun mes contado a partir da notificación da resolución, se esta for expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, ben directamente o recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde a súa notificación, se esta for expresa, ou de seis meses a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

No caso de interpoñer o recurso de reposición, non se poderá interpoñer o recurso contencioso-administrativo ata que sexa resolto expresamente ou se produza a desestimación presunta do dito recurso.

Artigo 13. Modificación da resolución

De acordo co artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión a alteración das condicións tidas en conta para a súa concesión e, en todo caso, a obtención de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais.

Artigo 14. Renuncia

A renuncia á subvención poderase facer por calquera medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. No caso de que se comunicase a renuncia en prazo, o titular da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 22.1 da mesma lei.

Artigo 15. Pagamento e xustificación da subvención

1. Réxime de pagamentos:

De conformidade co artigo 63 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, prevese o pagamento con carácter anticipado como financiamiento necesario para o desenvolvemento das actuacións obxecto de subvención, de acordo co seguinte réxime de pagamentos:

– Un primeiro pagamento de ata o 80 % da subvención concedida, en concepto de pagamento anticipado, que se fará efectivo, por solicitude da entidade beneficiaria, segundo o anexo III, unha vez realizada a notificación da subvención e logo da aceptación expresa desta.

– Un segundo pagamento que, como máximo, poderá ser equivalente á porcentaxe restante, con carácter anticipado, que se fará efectivo, por solicitude da entidade beneficiaria, e que se librará unha vez xustificado o primeiro anticipo. Este segundo anticipo poderase solicitar no momento da presentación da documentación xustificativa do primeiro anticipo, no espazo reservado para esta finalidade no anexo IV.

Ao abeiro do disposto no artigo 63.1.dous do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a concesión do anticipo realizarase mediante resolución motivada do órgano concedente.

Conforme o artigo 65.4.f) do decreto 11/2009, do 11 de xaneiro, para a concesión dos pagamentos anticipados, non se exixirá a presentación de garantías por parte das entidades beneficiarias.

2. Para os supostos en que non se solicitase o pagamento anticipado da contía da subvención concedida, ou antes do pagamento do segundo anticipo, unha vez recibida a documentación xustificativa da subvención, os órganos competentes da Secretaría Xeral para o Deporte, antes de proceder ao seu pagamento, realizarán as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da actividade subvencionada.

O libramento da subvención aboarase mediante transferencia bancaria á entidade financeira ao número de conta designado polo beneficiario e na cal debe figurar como titular a entidade beneficiaria da axuda.

As subvencións minoraranse proporcionalmente se o investimento xustificado é inferior ao orzamento que serviu de base para a resolución de concesión, sempre que estea garantida a consecución do obxecto para o que se concedeu a subvención.

3. De acordo co artigo 45 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, a entidade beneficiaria deberá presentar ante a Secretaría Xeral para o Deporte a documentación xustificativa da subvención na data sinalada na correspondente convocatoria.

Se transcorren estes prazos sen que a entidade beneficiaria presente a xustificación correspondente na Secretaría Xeral para o Deporte, requiriráselle para que, no prazo improrrogable de dez días, a achegue. A falta de presentación da xustificación neste prazo levará á apertura dun expediente de perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia de reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño.

4. Documentación que se debe entregar na xustificación:

I. Xunto co anexo IV (Xustificación da axuda concedida e solicitude de pagamento), achegarase a seguinte documentación:

a) Anexo V. Relación clasificada da totalidade dos gastos realizados, conforme o proxecto subvencionado.

b) Facturas, con xustificación bancaria de que os pagamentos estean realizados cos requisitos exixidos no artigo 42.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. Para os efectos da súa consideración como subvencionable, considerarase efectivamente pagado o gasto cando se xustifique o pagamento mediante extractos ou certificacións bancarias debidamente identificados, selados, e asinados pola entidade beneficiaria.

c) Memoria explicativa dos gastos presentados nesta xustificación relacionándoos coas actividades deportivas realizadas. Neste sentido, será necesaria unha clara vinculación entre os gastos asociados a cada grupo de actividade, que deberá estar claramente identificado con base nas datas de realización, horarios e lugar de execución, e cun código numérico ou alfanumérico.

d) Acreditación do cumprimento da aplicación pública da imaxe corporativa e do Plan Corresponsables, de conformidade co indicado no artigo 16.a) destas bases reguladoras.

De conformidade co establecido no artigo 42.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, para o caso de importes inferiores a 1.000 €, poderase aceptar a xustificación do pagamento mediante recibo do correspondente provedor.

No caso de facturas de importe igual ou superior a 15.000 €, deberán achegarse polo menos tres orzamentos de tres empresas diferentes, ou xustificación motivada que, polas súas especiais características, non exista no mercado suficiente número de entidades que realicen as actividades obxecto do gasto. Os orzamentos deberán solicitarse e estar datados con anterioridade á contratación levada a cabo pola entidade beneficiaria. A elección entre as ofertas presentadas, que deberán achegarse na xustificación, realizarase conforme criterios de eficiencia e economía, debendo xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

II. De conformidade co artigo 8.2 da Lei de subvencións de Galicia, a entidade beneficiaria poderá delegar nun club deportivo, ou noutra entidade, a organización dunha actividade, en que caso este último terá igualmente a consideración de beneficiario. A xustificación económica das actividades realizadas efectuarase a través da entidade beneficiaria da subvención. A entidade beneficiaria deberá achegar a seguinte documentación:

a) Convenio de colaboración co club ou entidade en que conste expresamente que este último actúa por conta e representación da entidade beneficiaria, para os efectos da subvención, e no cal se concrete a actividade que se vai desenvolver.

b) Acreditación de que o club deportivo ou entidade receptora da delegación reúne os requisitos previstos polo artigo 10 da Lei de subvencións de Galicia.

c) Anexo V. Relación clasificada da totalidade dos gastos realizados.

d) Memoria asinada polo representante legal detallando todas as actividades realizadas e o custo de cada unha delas, acompañada das correspondentes facturas, así como dos xustificantes bancarios dos pagamentos feitos para a realización da actividade conveniada. As facturas terán que estar emitidas a nome do club en que a entidade beneficiaria (federación) delegou a ou as actividades para realizar, e os pagamentos deberá efectuarlos o club.

Será de aplicación o disposto anteriormente para o caso de gastos de importes inferiores a 1.000 €. No caso de facturas de importe igual ou superior a 15.000 €, será de aplicación a previsión do punto anterior deste artigo.

e) Documento xustificativo da transferencia da entidade beneficiaria (federación) ao club obxecto da delegación polo importe do gasto xustificado en execución do convenio.

5. Os gastos subvencionables referiranse aos seguintes conceptos:

I. Considéranse gastos subvencionables aqueles que están ligados de maneira indubitada á execución das actuacións realizadas polas entidades beneficiarias para a execución das actuacións previstas.

II. Incluiranse os seguintes gastos:

a) Os custos salariais e a cotización empresarial á Seguridade Social e á Facenda Pública (IRPF) das persoas que se contraten para a execución das actuacións vencelladas ao Plan Corresponsables (monitores e coordinadores).

b) Os custos salariais e a cotización empresarial á Seguridade Social das persoas, ou os custos de contratación das entidades, que sexan contratadas para a tramitación dos expedientes administrativos e outras tarefas relacionadas coa Administración e organización derivadas da xestión do Plan Corresponsables, ata un máximo do 5 % da contía asignada.

c) Custos directamente relacionados co desenvolvemento das actividades deportivas, incluíndo, de ser o caso, custos de servizos profesionais independentes.

d) Poderase aplicar para gastos xerais ata un máximo do 10 % da contía asignada como subvención. Entenderanse por gastos xerais os asociados a servizos de limpeza ou mantemento externos ou similar, asesoría xurídica, xestoría laboral, auditoría, protección de datos, sistema contable, e outros non relacionados directamente co desenvolvemento das actividades deportivas.

e) Os gastos consistentes en custos laborais, empregados na xustificación desta subvención, quedan suxeitos ás seguintes regras:

1) Entenderanse exclusivamente por custos laborais os consistentes nas remuneracións realizadas aos traballadores contratados especificamente para o desenvolvemento deste programa, así como o do persoal da entidade que dedique a este, e as súas correspondentes cotizacións obrigatorias á Seguridade Social e á Facenda Pública (IRPF).

2) A xustificación dos custos laborais acompañarase dunha declaración da persoa representante de que as persoas traballadoras cuxos custos laborais se imputan á subvención son persoal laboral da entidade durante o período de execución do programa indicado no artigo 1.5 da convocatoria, e á non discriminación retributiva entre mulleres e homes, no caso de que a federación teña en niveis laborais equivalentes traballadoras e traballadores.

III. Os documentos xustificativos de gastos e pagamentos deberán de estar datados no período comprendido entre a data de resolución desta convocatoria e o 20 de novembro de 2024.

Non obstante, segundo o establecido no artigo 29.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, a acreditación do gasto relativo ás nóminas, ás cotizacións obrigatorias á Seguridade Social e retencións do IRPF correspondentes ao cuarto trimestre realizarase mediante a presentación da documentación xustificativa da súa realización e que respondan á natureza da actividade subvencionada. En consecuencia, para que estes gastos teñan a consideración de subvencionables, non será preciso a acreditación do pagamento previo por parte das entidades beneficiarias.

En relación cos gastos relativos a nóminas, cotizacións á Seguridade Social e retencións do IRPF correspondentes ao cuarto trimestre, a que fai referencia o parágrafo anterior, as entidades beneficiarias están obrigadas a acreditar o efectivo pagamento dos ditos gastos con anterioridade ao 15 de febreiro do exercicio seguinte ao da convocatoria. O incumprimento desta obriga dará lugar ao reintegro parcial da subvención polo importe das contías non xustificadas. No caso de que o importe da subvención percibida pola entidade beneficiaria por aqueles conceptos sexa superior aos pagamentos efectivamente acreditados, procederá igualmente o reintegro parcial. No caso de que o importe da subvención percibida polas entidades beneficiarias por aqueles conceptos sexa inferior aos pagamentos efectivamente acreditados, a diferenza será por conta das entidades.

6. O órgano concedente comprobará, mediante a aplicación de técnicas de mostraxe, un número de expedientes significativo, coa finalidade de obter a evidencia razoable sobre a adecuada aplicación da subvención, para o cal poderá requirir á entidade beneficiaria a remisión da totalidade dos documentos xustificativos e, en todo caso, procederá a requirirlle a totalidade dos ditos documentos cando, das comprobacións realizadas, non se acade a evidencia razoable sobre a adecuada aplicación da subvención. Para estes efectos, e consonte o artigo 42.3 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no caso de importes inferiores a 1.000 € a documentación acreditativa do gasto e do pagamento poderá consistir no correspondente xustificante de recepción do provedor.

7. A Secretaría Xeral para o Deporte poderá solicitar as aclaracións ou informes dos medios de xustificación que considere oportunos.

8. O importe da subvención farase efectivo nun único pagamento na conta bancaria indicada na solicitude de aboamento da axuda.

Artigo 16. Obrigas das persoas beneficiarias

As entidades que resulten beneficiarias das subvencións concedidas ao abeiro desta orde estarán obrigadas a cumprir o establecido no artigo 11 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e, especificamente, a:

a) A aplicación pública da imaxe corporativa da Consellería de Política Social e Igualdade, da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, da Secretaría Xeral para o Deporte, do Plan Corresponsables, do Ministerio de Igualdade e da Secretaría de Estado de Igualdade e contra a Violencia de Xénero.

b) Conservar, nos seguintes catro anos, os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

c) Estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

d) Someterse ás actuacións de comprobación e control financeiro das actividades subvencionadas por parte da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, a través da Secretaría Xeral para o Deporte, a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas e o Tribunal de Contas.

e) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos establecidos no artigo 17 das presentes bases.

f) A adhesión ao manifesto pola igualdade no deporte.

g) Garantir os dereitos lingüísticos de todas as persoas, empregando o galego e o castelán nas súas comunicacións.

Artigo 17. Perda de dereito e reintegro da axuda

1. Procederá o reintegro ou perda de dereito, total ou parcial, das cantidades pendentes de percibir ou percibidas e a exixencia dos xuros de mora correspondentes desde o momento do pagamento da axuda ata a data en que se acorde a procedencia da perda de dereito ou do reintegro, segundo o disposto no artigo 31 e 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, nos seguintes casos:

a) Obtención da subvención falseando as condicións requiridas para iso ou ocultando aquelas que o impidan.

b) Incumprimento total ou parcial do obxectivo, da actividade ou do proxecto ou non adopción do comportamento que fundamentan a concesión da subvención.

c) Incumprimento da obriga de xustificación ou xustificación insuficiente nos termos establecidos no artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e, de ser o caso, nas normas reguladoras da subvención.

d) Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro previstas nos artigos 11 e 12 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, así como o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas, ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, estatal, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

e) Nos demais supostos previstos na normativa reguladora da subvención.

2. De acordo co establecido no artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, procederá o reintegro parcial no suposto de non comunicar a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención, o que suporá a perda dun 5 % do importe da subvención concedida. Esta porcentaxe do 5 % aplicarase unha vez descontado o exceso obtido sobre os topes máximos legalmente establecidos.

3. Para facer efectiva a perda de dereito ou reintegro a que se refiren os puntos anteriores, tramitarase o oportuno procedemento, que se axustará ao previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, e na súa normativa de desenvolvemento.

4. De acordo co establecido no artigo 64 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, con anterioridade ao requirimento previo da Administración ás persoas beneficiarias poderán realizar, con carácter voluntario, a devolución do importe da axuda obxecto de reintegro.

Esta devolución efectuarase mediante ingreso na conta operativa do Tesouro da Xunta de Galicia ES82-2080-0300-87-3110063172, segundo o disposto na normativa reguladora do procedemento de recadación, e o importe incluirá os xuros de mora, de acordo co previsto no artigo 34 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

A persoa beneficiaria deberá presentar, ante o órgano concedente, copia xustificativa da devolución voluntaria realizada en que conste a data do ingreso, o seu importe e o número do expediente e denominación da subvención concedida.

Artigo 18. Réxime de infraccións e sancións

As persoas beneficiarias destas axudas quedan suxeitas ao réxime de infraccións e sancións previsto para esta materia no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 19. Control

As subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como, se é o caso, dos servizos da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.

Artigo 20. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

6. Naqueles casos que nas presentes bases se indican, as notificacións serán practicadas a través da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. Nestes casos e de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a notificación levarase a cabo mediante a publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Secretaría Xeral para o Deporte.

Artigo 21. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 22. Remisión normativa

En todo o non previsto nestas bases rexerá a normativa xeral en materia de subvencións constituída pola Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da norma anteriormente citada; así como polos preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, conxunto normativo en que se establecen os requisitos xerais das subvencións concedidas pola Administración autonómica, tendo en conta, en todo caso, os principios de publicidade, obxectividade e concorrencia.

Artigo 23. Información ás persoas interesadas

1. De acordo co establecido no artigo 14, letra ñ), da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas beneficiarias quedan informadas da existencia do Rexistro Público de Subvencións e, xunto cos datos consignados no modelo normalizado de solicitude, dos aspectos básicos dos previstos no Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento dos seus datos persoais e á libre circulación destes datos (RXPD), e na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

2. Por outra banda, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitiranse á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 24. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file