DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 106 Luns, 3 de xuño de 2024 Páx. 33681

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Santiago de Compostela

ANUNCIO de información pública da modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal para a fixación de aliñacións no núcleo de Codesedas.

O Pleno do Concello, na sesión que tivo lugar o 29 de febreiro de 2024, adoptou o seguinte acordo:

Primeiro. Aprobar inicialmente a modificación puntual do PXOM para a fixación de aliñacións no núcleo de Codesedas, segundo o proxecto presentado o 10 de xaneiro de 2024, elaborado por Estudio Técnico Gallego, S.A.

Segundo. En aplicación do procedemento regulado nos artigos 60.6 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e 144.6 do seu regulamento, a modificación inicialmente aprobada someterase á información pública durante o prazo de dous meses, mediante anuncios que para o efecto se publicarán no Diario Oficial de Galicia e nun xornal dos de maior difusión na provincia.

A documentación sometida á información pública comprenderá todos os documentos integrantes do expediente tramitado, incluído un resumo executivo co contido mínimo exixido no punto 6 do artigo 144 do Regulamento.

Terceiro. De conformidade co disposto nos artigos 60.7 da LSG e 144.7 do seu regulamento, trasladarase a documentación ao órgano competente da consellería en materia de urbanismo, co fin de que lles outorgue audiencia aos concellos limítrofes e solicite os informes sectoriais autonómicos que resulten preceptivos.

Cuarto. Durante o trámite de información pública, o Concello solicitará informes aos órganos competentes da Administración do Estado en materia de telecomunicacións, aviación civil e defensa, e dará traslado á Delegación do Goberno en Galicia para os efectos de que solicite os informes que considere necesarios.

Quinto. Por aplicación do disposto nos artigos 47.2 da LSG e 86.2 do seu regulamento, o acordo de aprobación inicial determina, por si só, a suspensión do procedemento de outorgamento das licenzas de parcelación, edificación e demolición que poidan devir incompatibles co resultado da modificación en trámite.

A suspensión terá unha duración máxima de dous anos, contados desde o acordo de aprobación inicial, e extinguirase, en todo caso, coa aprobación definitiva e a entrada en vigor do novo planeamento.

As persoas interesadas poderán consultar o expediente e alegar por escrito durante o prazo de dous (2) meses. Este prazo iniciarase o día seguinte ao da última publicación deste anuncio.

A documentación pode consultarse no Servizo de Planeamento e Xestión Urbanística do Concello de Santiago de Compostela (Pazo de Raxoi, 2º andar), de luns a venres, das 9.00 ás 14.00 horas; e na páxina web do concello https://transparencia.santiagodecompostela.gal/Modificacion-puntual-do-PXOM-para-a-fixacion-de-alinacions-no-nucleo-de-Codesedas-/gl

As alegacións poderán presentarse na sede electrónica do Concello de Santiago de Compostela na epígrafe Catálogo de trámites a través do trámite de presentación de documentación e alegacións e da opción de achega libre. Deberase introducir o dato 2022/22200J no campo da referencia e incorporar o documento das alegacións.

Tamén se poderán presentar as alegacións por calquera dos outros medios relacionados no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 5 de abril de 2024

A alcaldesa
P.D. (DEC/2023/8135, do 17 de xuño)
Iago Lestegás Tizón
Concelleiro delegado de Urbanismo, Vivenda e Cidade Histórica