DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 104 Xoves, 30 de maio de 2024 Páx. 32670

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

DECRETO 153/2024, do 20 de maio, polo que se aproba a bandeira do Concello do Carballiño (Ourense).

O Concello do Carballiño (Ourense) considerou conveniente organizar correctamente o seu emblema municipal para perpetualo coa simboloxía adecuada e conforme as normas da heráldica. Para iso, e de acordo coas facultades que lle confiren as disposicións legais vixentes, elevou o informe histórico-heráldico, coa correspondente proposta de representación gráfica da bandeira, para a súa aprobación definitiva.

A competencia exclusiva en materia de adopción, modificación ou rehabilitación dos emblemas heráldicos dos concellos e doutras entidades locais correspóndelle á Comunidade Autónoma galega, segundo o disposto polo artigo 27.2 do Estatuto de autonomía de Galicia.

O expediente tramitouse conforme as normas de procedemento establecidas na Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local; na Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia; no Decreto 19/2010, do 11 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento de símbolos das entidades locais de Galicia, e no Real decreto 2568/1986, do 10 de decembro, que aproba o Regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das corporacións locais.

Na súa virtude, visto o informe emitido pola Comisión de Heráldica de Galicia, por proposta da persoa titular da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte de maio de dous mil vinte e catro,

DISPOÑO:

Artigo único

Aprobar a bandeira do Concello do Carballiño (Ourense), organizada do seguinte xeito, da cal se achega como anexo unha representación gráfica:

Partida ao centro. Na hasta, o pano amarelo co carballo arrincado de verde e os dous osos na súa cor natural empinados ao tronco. No batente, de azul con catro ondas de branco.

Santiago de Compostela, vinte de maio de dous mil vinte e catro

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes

ANEXO

missing image file