DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 102 Martes, 28 de maio de 2024 Páx. 32521

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia Galega de Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 14 de maio de 2024, da Área de Deseño de Infraestruturas, pola que se fai pública a resolución pola que queda sen efecto a información pública do proxecto de actualización do proxecto da rolda leste de Lugo, treito II LU-530-NVI, de clave LU/21/030.01, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto.

O director da Axencia Galega de Infraestruturas, por delegación da conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas (Orde do 7 de setembro de 2017, Diario Oficial de Galicia do 20 de setembro), ditou o 14 de maio de 2024 a seguinte resolución:

«Resolución da Axencia Galega de Infraestruturas pola que queda sen efecto a información pública do proxecto de actualización do proxecto da rolda leste de Lugo, treito II LU-530-NVI, de clave LU/21/030.01, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto.

O proxecto de trazado de actualización do proxecto da rolda leste de Lugo, treito II LU-530-NVI, de clave LU/21/030.01, aprobouse provisionalmente para os efectos do seu sometemento ao trámite de información pública o 28 de febreiro de 2023; e de acordo co establecido no artigo 21.1 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, someteuse ao trámite de información pública durante un período de trinta (30) días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación do anuncio do 28 de febreiro, da Axencia Galega de Infraestruturas, no DOG núm. 44, do 3 de marzo de 2023, para que as persoas que o considerasen oportuno formulasen por escrito, ante a Axencia Galega de Infraestruturas, as observacións que considerasen convenientes relativas á concepción global das actuacións contidas no proxecto.

Simultaneamente ao trámite sinalado no parágrafo anterior, para os efectos previstos no artigo 56.1 do Decreto do 26 de abril de 1957 polo que se aproba o Regulamento de expropiación forzosa, someteuse a información pública a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados pola realización da obra deste proxecto, para que os afectados presenten cantas alegacións ou rectificacións consideren convenientes en canto aos bens e dereitos dos que son titulares.

Durante o período de tempo correspondente ao trámite de información pública do dito proxecto, presentáronse unha serie de informes e alegacións ao mesmo, que consideraban excesiva a afección ambiental da actuación, a pesar de estar o trazado previsto no planeamento urbanístico de Lugo, e ter xa formulada una declaración de impacto ambiental favorable con anterioridade (DOG do 24 de xaneiro de 2005), que permitiu a viabilidade do treito I da actuación, xa executado e ao que agora se pretende dar continuidade.

Segundo o teor literal da Lei 8/2013, de estradas de Galicia, no artigo 22.2, que trata sobre a aprobación definitiva dos proxectos:

2. No caso de estudos ou proxectos sometidos aos trámites de información pública e informe das administracións afectadas, unha vez emitido o informe sobre as alegacións presentadas, o órgano competente da administración promotora da actuación debe adoptar a correspondente resolución, que pode ser de aprobación definitiva de todo o ámbito do estudo ou proxecto ou ben só dunha parte deste. A resolución tamén pode deixar sen efecto a tramitación do estudo ou proxecto ou parte deste, ou ben pode acordar a suspensión, total ou parcial, da súa tramitación.

Por todo o exposto anteriormente, e dadas as achegas recibidas no período de información pública realizado, considérase que o máis oportuno é someter a actuación a unha nova avaliación de impacto ambiental, para o que se elaborará o correspondente estudo de impacto ambiental que será sometido a un novo trámite de información pública e informe das administracións.

Deste xeito,

RESOLVO:

Deixar sen efecto a información pública do proxecto de actualización do proxecto da rolda leste de Lugo, treito II LU-530-NVI, de clave LU/21/030.01, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto».

O que se fai público para xeral coñecemento.

Santiago de Compostela, 14 de maio de 2024

Carlos Lefler Gullón
Xefe da Área de Deseño de Infraestruturas