DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 101 Luns, 27 de maio de 2024 Páx. 31603

I. Disposicións xerais

Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

DECRETO 137/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.

O Decreto 42/2024, do 14 de abril, establece a actual estrutura orgánica da Xunta de Galicia. Esa estrutura foi desenvolvida polo Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia. Esta última norma fixou o nivel organizativo dos órganos superiores e de dirección da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, así como a relación de entidades do sector público que a integran.

No ámbito material, a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, consonte un enfoque transversal da política ambiental integrador da perspectiva ambiental nos distintos sectores da actividade socio-económica agrupa, dentro das competencias de medio ambiente, a loita contra o cambio climático, a protección e promoción do patrimonio natural, das augas, a ordenación do litoral e a promoción da paisaxe, as relacionadas co desenvolvemento das enerxías renovables no marco do compromiso de transitar cara a unha economía neutra en emisións, partindo da contribución das enerxías renovables á redución da contaminación e á protección, restauración e mellora do estado do medio ambiente, detendo e revertendo a perda de biodiversidade.

Igualmente, a través do Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, compételle a esta Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático a definición, proposta e execución da política de augas a través da entidade pública empresarial Augas de Galicia e a protección, xestión e a ordenación do territorio, do litoral e da paisaxe de Galicia, a través do Instituto de Estudos do Territorio.

Procede, por tanto, establecer a estrutura e funcións desta Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático respectando os principios de eficacia e economía que sempre deben presidir a actuación e a organización administrativa, así como a eficiencia e contención no gasto público.

Exclúese desta norma a regulación da estrutura orgánica da entidade empresarial Augas de Galicia, xa desenvolvida polo Decreto 32/2012, do 12 de xaneiro, modificado polo Decreto 50/2023, do 11 de maio, segundo o disposto no artigo 54 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, así como a do Instituto de Estudos do Territorio, por contar igualmente coa súa normativa específica.

Polo que se refire á organización dos servizos periféricos, de acordo co disposto no Decreto 49/2024, do 24 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, os departamentos territoriais previstos neste decreto dependen orgánica e funcionalmente da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, sen prexuízo das funcións de coordinación do exercicio das súas competencias que asume cada delegación territorial no seu correspondente ámbito territorial.

No presente decreto, a estrutura periférica da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático organízase en catro departamentos territoriais na Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, a prol da eficacia administrativa e a eficiencia no gasto público.

De conformidade co exposto, por proposta da conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, no exercicio da facultade outorgada polo artigo 34.4 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, co informe previo da Consellería de Facenda e Administración Pública e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día 20 de maio de 2024,

DISPOÑO:

TÍTULO I

Ámbito competencial e organización xeral da Consellería
de Medio Ambiente e Cambio Climático

Artigo 1. Ámbito competencial

A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático é o órgano da Administración da Comunidade Autónoma ao cal lle corresponden as competencias e funcións en materia de ambiente, a conservación do patrimonio natural, a ordenación do litoral e promoción da paisaxe, a protección das augas, a loita contra o cambio climático e prevención da contaminación e as competencias na materia de instalacións de produción de enerxía a partir de fontes renovables, conforme o establecido no Estatuto de autonomía para Galicia e nos termos sinalados na Constitución española e no Decreto 49/2024, do 24 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia. As ditas competencias e funcións exerceranse no nivel de desenvolvemento que se indica neste decreto para cada un dos órganos integrantes deste departamento.

Artigo 2. Estrutura da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático estrutúrase nos seguintes órganos superiores e de dirección:

a) O/a conselleiro/a.

b) A Secretaría Xeral Técnica.

c) A Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático.

d) A Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade.

e) A Dirección Xeral de Patrimonio Natural.

Artigo 3. Organismos, entes e órganos adscritos á Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

1. Quedan adscritos a esta consellería os seguintes organismos e entes:

a) A entidade pública empresarial Augas de Galicia, creada pola Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, cuxo estatuto aprobouse polo Decreto 32/2012, do 12 de xaneiro, modificado polo Decreto 50/2023, do 11 de maio.

b) O organismo autónomo Instituto de Estudos do Territorio, creado pola Lei 6/2007, do 11 de maio, de medidas urxentes en materia de ordenación do territorio e do litoral de Galicia, en virtude do mandato recollido na Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, ambas derrogadas pola Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia, cuxos estatutos aprobáronse polo Decreto 244/2011, do 29 de decembro, modificados polo Decreto 104/2023, do 29 de xuño.

2. Así mesmo, tamén quedan adscritos á Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, co carácter, labores e funcións establecidos nas súas respectivas normas reguladoras, os seguintes órganos colexiados:

a) A Comisión de Seguimento das Directrices de Ordenación do Territorio de Galicia, creada polo Decreto 156/2012, do 12 de xullo.

b) O Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, regulado no Decreto 74/2006, do 30 de marzo.

d) O Observatorio Galego da Biodiversidade, creado polo Decreto 260/2007, do 13 de decembro.

e) O Observatorio Galego de Educación Ambiental, regulado polo Decreto 193/2012, do 27 de setembro.

f) O Comité Consultivo para a Protección Animal, tendo en conta que a Lei 4/2017, do 3 de outubro, de protección e benestar dos animais de compañía de Galicia, establece na súa disposición transitoria segunda que o Consello Galego de Protección dos Animais Domésticos e Salvaxes en Catividade creado polo Decreto 153/1998, do 2 de abril, polo que se aproba o regulamento que desenvolve a Lei 1/1993, do 13 de abril, de protección dos animais domésticos e salvaxes en catividade, continuará a funcionar coa mesma composición, funcións e réxime de funcionamento previsto no dito decreto ata a publicación do desenvolvemento regulamentario do Comité Consultivo para a Protección Animal, momento no que aquel consello quedará suprimido. A disposición derradeira terceira deste decreto modifica a composición do Pleno do Consello Galego de Protección dos Animais Domésticos

g) O Consello Galego de Pesca Continental regulado pola Lei 2/2021, do 8 de xaneiro, de pesca continental de Galicia. A presidencia do consello corresponde á persoa que teña a dirección xeral competente en materia de pesca continental.

h) Os consellos provinciais de pesca continental regulados pola Lei 2/2021, do 8 de xaneiro, de pesca continental de Galicia. A presidencia dos consellos provinciais de pesca continental corresponde á persoa titular da dirección territorial da provincia correspondente da Consellería con competencias en materia de pesca continental.

i) O Comité Galego de Caza creado pola Lei 4/1997, do 25 de xuño, de caza de Galicia, e regulado pola Lei 13/2013, do 23 de decembro, de caza de Galicia, e polo Decreto 284/2001, do 11 de outubro, polo que se aproba o Regulamento de caza de Galicia. A presidencia do comité corresponde á persoa que teña a dirección xeral competente en materia cinexética.

j) Os comités provinciais de caza, creados pola Lei 4/1997, do 25 de xuño, de caza de Galicia, e regulados pola Lei 13/2013, do 23 de decembro, de caza de Galicia, e polo Decreto 284/2001, do 11 de outubro, polo que se aproba o Regulamento de caza de Galicia. A presidencia dos comités corresponde ás persoas titulares da dirección territorial da provincia correspondente da Consellería con competencias en materia de ambiente.

k) Comité Galego das Árbores Senlleiras, creado mediante o Decreto 67/2007, do 22 de marzo, polo que se regula o Catálogo galego de árbores senlleiras, presidido pola persoa titular da Dirección Xeral de Patrimonio Natural.

l) A Comisión de Coordinación de Sistemas de Información Xeográfica e Cartográfica, regulada polo Decreto 172/2012, do 1 de agosto.

m) O Observatorio Autonómico dos Ríos de Galicia, creado polo Decreto 15/2018, do 25 de xaneiro

n) O Consello Asesor da Paisaxe de Galicia, creado polo Decreto 19/2018, do 1 de febreiro.

ñ) O Consello da Calidade do aire, creado polo Decreto 154/2022, do 1 de setembro.

o) O Comité de Coordinación da Rede de Reservas da Biosfera de Galicia, creado polo Decreto 10/2019, do 17 de xaneiro.

p) A Comisión Interdepartamental para o seguimento da Axenda 2030 en Galicia, creada polo Decreto 142/2019, do 31 de outubro.

q) A Comisión Interdepartamental para o Impulso e Coordinación da Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050, creada polo Decreto 130/2019, do 3 de outubro.

r) O Consello Reitor de Augas de Galicia, regulado polo Decreto 32/2012, do 12 de xaneiro, polo que se aproba o Estatuto da entidade pública empresarial Augas de Galicia.

s) A Comité Permanente do Consello Reitor de Augas de Galicia, regulado polo Decreto 32/2012, do 12 de xaneiro, polo que se aproba o Estatuto da entidade pública empresarial Augas de Galicia.

t) A Comisión de desaugamento da Zona Hidrográfica Galicia Sur, creada polo Decreto 50/2023, do 11 de maio, polo que se modifica o Estatuto da entidade pública empresarial Augas de Galicia, aprobado polo Decreto 32/2012, do 12 de xaneiro.

u) A Comisión de desaugamento da Zona Hidrográfica Galicia Centro, creada polo Decreto 50/2023, do 11 de maio, polo que se modifica o Estatuto da entidade pública empresarial Augas de Galicia, aprobado polo Decreto 32/2012, do 12 de xaneiro.

v) A Comisión de desaugamento da Zona Hidrográfica Galicia Norte, creada polo Decreto 50/2023, do 11 de maio, polo que se modifica o Estatuto da entidade pública empresarial Augas de Galicia, aprobado polo Decreto 32/2012, do 12 de xaneiro.

w) A Comisión de desaugamento da Zona Hidrográfica da Mariña, creada polo Decreto 50/2023, do 11 de maio, polo que se modifica o Estatuto da entidade pública empresarial Augas de Galicia, aprobado polo Decreto 32/2012, do 12 de xaneiro.

x) A Comité de Autoridades Competentes da Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa, creado polo Decreto 32/2012, do 12 de xaneiro, polo que se aproba o Estatuto da entidade pública empresarial Augas de Galicia.

TÍTULO II

Servizos centrais

CAPÍTULO I

Artigo 4. O/a conselleiro/a

O/a conselleiro/a é a autoridade superior da Consellería e, con tal carácter, está investido das atribucións enumeradas no artigo 34 da Lei de Galicia 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia.

CAPÍTULO II

Da Secretaría Xeral Técnica

Sección 1ª. Da Secretaría Xeral Técnica

Artigo 5. Atribucións

A Secretaría Xeral Técnica exercerá as funcións e competencias establecidas no artigo 29 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia e demais normativa aplicable, en relación coas diferentes unidades e servizos en que se estrutura a consellería, así como as recollidas na disposición adicional novena do Decreto 49/2024, do 24 de abril, no que respecta ás funcións de impulso e coordinación da emisión de informes sectoriais da Administración da Comunidade Autónoma nos procedementos de tramitación e outorgamento das autorizacións das instalacións de enerxía eólica terrestre, enerxía solar fotovoltaica, e enerxía hidroeléctrica de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia.

Igualmente exercerá aqueloutras previstas na normativa aplicable ou mesmo as que lle sexan delegadas ou encomendadas pola persoa titular da Consellería.

Artigo 6. Estrutura

1. Para o exercicio das súas competencias, a Secretaría Xeral Técnica contará cos seguintes órganos:

a) Vicesecretaría Xeral.

b) Subdirección Xeral de Réxime Xurídico-Administrativo.

c) Subdirección Xeral de Contratación e do Patrimonio.

d) Servizo de Coordinación e Tramitación.

2. Adscríbense organicamente á Secretaría Xeral Técnica, con nivel de subdirección xeral, a Asesoría Xurídica de Medio Ambiente e a Asesoría Xurídica de Enerxías Renovables, así como a Intervención Delegada, que dependerán funcionalmente da Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia e da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, respectivamente.

A Asesoría Xurídica de Medio Ambiente e a Asesoría Xurídica de Enerxías Renovables rexerase polo disposto na Lei 4/2016, do 4 de abril, de ordenación da asistencia xurídica da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e do seu sector público, desenvolverá as funcións previstas no capítulo II da citada norma en relación coa súa área funcional e contará co número de efectivos que se determine na correspondente relación de postos de traballo.

Sección 2ª. Da Vicesecretaría Xeral

Artigo 7. Funcións

1. Con nivel orgánico de subdirección xeral, a Vicesecretaría Xeral, como órgano de dirección, exercerá as funcións de coordinación e apoio na dirección e xestión das competencias da Secretaría Xeral Técnica, a execución dos proxectos, obxectivos ou actividades e demais atribucións que lle encomende a persoa titular da Secretaría Xeral Técnica, así como a súa suplencia en caso de vacante, ausencia ou enfermidade.

2. Directamente, ou a través dos servizos que nela se integran, desenvolverá as seguintes funcións:

a) A actuación como oficina de xestión orzamentaria.

b) A elaboración e tramitación do anteproxecto anual de orzamentos da Consellería.

c) A elaboración do orzamento da Secretaría Xeral Técnica, así como a xestión e a tramitación de todos aqueles expedientes de xestión do gasto que se tramiten con cargo ao orzamento da Secretaría Xeral Técnica e, en particular, os expedientes relativos a contratos menores de gasto corrente.

d) O seguimento da execución dos créditos orzamentarios e a tramitación das súas modificacións en coordinación cos entes implicados; o seguimento do grao de realización dos obxectivos respecto aos programas e actuacións que se determinen na lei anual de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma

e) A formulación, en termos obxectivos e programas de gasto, incluso plurianuais, dos plans de actuación e proxectos dos servizos orzamentarios dependentes.

f) O estudo e informe económico dos actos e disposicións con repercusión económico-financeira nos orzamentos de gastos e ingresos.

g) O informe e a proposta, de ser o caso, á comisión orzamentaria que corresponda da revisión dos programas de gasto e desenvolver e aplicar as instrucións para a elaboración do orzamento anual.

h) A análise e a coordinación de cantos recursos financeiros ten asignados a consellería, así como a coordinación e o seguimento da aplicación dos fondos europeos ou outros finalistas que financien proxectos da Consellería, sen prexuízo das funcións atribuídas ás unidades e órganos correspondentes.

i) A ordenación, xestión e administración ordinaria dos asuntos relativos ao persoal da Consellería.

j) A organización e supervisión das bases de datos e de rexistro de persoal, sen prexuízo das competencias que correspondan a outros departamentos da Xunta de Galicia.

k) A xestión dos plans de formación do persoal da Consellería.

l) A organización dos aspectos que incumben ao réxime interior da Consellería.

m) A formación de estatísticas nas materias que sexan competencia da Consellería en coordinación co Instituto Galego de Estatística, sen prexuízo das funcións nesta materia doutras unidades da Consellería.

n) As funcións de asesorar e emitir os informes solicitados pola persoa titular da Secretaría Xeral Técnica e, en especial, prestarlle asistencia, coordinar e xestionar cantos asuntos se lle encomenden pola persoa titular da Secretaría Xeral Técnica, por razón da súa competencia.

3. Para o desenvolvemento das funcións antes relacionadas, a Vicesecretaría Xeral contará coas seguintes unidades, con nivel orgánico de servizo:

3.1. Servizo de Xestión Económica e Control Orzamentario.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) A elaboración, coordinación e tramitación do anteproxecto de orzamentos da Consellería, o control da execución dos créditos orzamentarios, a tramitación dos expedientes das súas modificacións e a execución dos gastos que se lle atribúan.

b) A elaboración do orzamento da Secretaría Xeral Técnica.

c) A xestión e tramitación de todos aqueles expedientes de xestión do gasto que se tramiten con cargo ao orzamento da Secretaría Xeral Técnica.

d) O seguimento do grao de realización dos obxectivos respecto aos programas e actuacións que se determinen na lei anual de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.

e) A coordinación e seguimento dos recursos financeiros da Consellería, así como da aplicación dos fondos europeos ou outros finalistas que financien proxectos da Consellería, sen prexuízo das funcións que correspondan a outros órganos.

f) O estudo e informe económico dos actos e disposicións con repercusión económica-financeira nos orzamentos de gastos e ingresos.

g) O apoio na formulación dos plans de actuación e proxectos dos servizos orzamentarios dependentes, así como na elaboración de instrucións para a elaboración do orzamento anual.

h) A análise e coordinación de cantos recursos financeiros ten asignados a Consellería.

i) En xeral, prestar asistencia e xestionar cantos asuntos lle sexan encomendados, por razón da súa competencia, pola persoa titular da Vicesecretaría Xeral.

3.2. Servizo de Xestión de Recursos Humanos.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) A ordenación, xestión e tramitación dos asuntos relativos aos recursos humanos da Consellería e seguimento e control do rexistro de persoal.

b) A xestión e tramitación da nómina do persoal adscrito aos servizos centrais da Consellería e das obrigas en materia de seguridade social e dereitos pasivos, así como a habilitación dos seus pagamentos.

c) A elaboración de estudos e propostas de actuación sobre aspectos relativos aos recursos humanos da Consellería.

d) A estruturación, planificación, organización, métodos de traballo e de mellora da xestión.

e) A organización e supervisión e actualización das bases de datos e de rexistro de persoal, sen prexuízo das competencias que correspondan a outros departamentos da Xunta de Galicia, así como a organización, custodia e arquivo do seus expedientes.

f) A análise da planificación, estudo, seguimento e control da execución do estado de gastos do capítulo I, incluída a elaboración de propostas de modificación de créditos.

g) A colaboración na xestión dos plans de formación do persoal da Consellería.

h) En xeral, prestarlle asistencia e xestionar cantos asuntos lle sexan encomendados, por razón da súa competencia, pola persoa titular da Vicesecretaría Xeral.

Sección 3ª. Da Subdirección Xeral de Réxime Xurídico-Administrativo

Artigo 8. Funcións e estrutura

1. A Subdirección Xeral de Réxime Xurídico-Administrativo exercerá as seguintes funcións:

a) O estudo e tramitación dos anteproxectos e proxectos de disposicións de carácter xeral que elaboren os distintos centros directivos da Consellería.

b) O estudo, tramitación e proposta de resolución de reclamacións, recursos e requirimentos formulados contra os actos e resolucións ditados polos distintos órganos da Consellería, cando non estean atribuídos a outros órganos desta.

c) A coordinación dos requirimentos e peticións formuladas á consellería pola persoa titular das institucións do Defensor do Pobo, Valedor do Pobo e outros órganos e institucións, así como a coordinación cos distintos centros directivos da Consellería, en relación coa tramitación dos requirimentos e peticións formulados polos xulgados e tribunais.

d) O estudo e informe dos asuntos que teñan que elevarse ao Consello da Xunta de Galicia e á Comisión de Secretarios e Secretarias Xerais.

e) A coordinación e o tramitación dos plans, programas e estratexias que se promovan e elaboren desde a consellería.

f) A interlocución cos restantes órganos da Administración pública ou coas entidades correspondentes por razón da materia, no marco da elaboración dos plans, programas e estratexias da Consellería.

g) A coordinación, para a súa remisión e ulterior publicación no Diario Oficial de Galicia, das disposicións e actos administrativos ditados polos órganos da Consellería.

h) A coordinación, mediante a elaboración de instrucións, protocolos de actuación ou calquera outro instrumento que se considere adecuado, coas unidades da Consellería que desenvolvan funcións xurídico-administrativas.

i) A tramitación dos convenios e protocolos de colaboración en que sexa parte a consellería e non sexan competencia doutros órganos desta.

j) A coordinación das actuacións da Consellería en relación coas fundacións de interese galego sobre as cales esta exerza o protectorado, para cuxo efecto levará os libros de rexistro.

k) A elaboración de propostas de resolución daqueles procedementos cuxa resolución sexa competencia da persoa titular da Secretaría Xeral Técnica, sempre que non sexa competencia doutros órganos da Consellería.

l) A xestión do plan de publicacións e edicións audiovisuais da Consellería e as funcións relativas á súa representación na Comisión de Publicacións da Xunta de Galicia.

m) A elaboración e tramitación das propostas competencia da Consellería para a designación de membros de órganos colexiados e entidades do sector público autonómico de Galicia.

n) A coordinación das unidades responsables de transparencia e o cumprimento das obrigas de información institucional, organizativa e de planificación en materia de transparencia da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.

ñ) A elaboración de informes relacionados coas funcións anteriormente relacionadas, así como aqueloutros asuntos que, por razón da súa competencia e dentro das súas funcións, se lle encomenden pola persoa titular da Secretaría Xeral Técnica, sen prexuízo das competencias de asesoramento en dereito encomendadas á Asesoría Xurídica da Consellería pola Lei 4/2016, do 4 de abril, de ordenación da asistencia xurídica da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e do seu sector público.

o) En xeral, prestarlle asistencia e xestionar cantos asuntos lle sexan encomendados, por razón da súa competencia, pola persoa titular da Secretaría Xeral Técnica.

2. Para o desenvolvemento das funcións antes relacionadas, a subdirección xeral contará, con nivel orgánico de servizo, coas seguintes unidades:

2.1. Servizo Técnico-Xurídico.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) O estudo e tramitación das reclamacións, recursos e requirimentos formulados contra os actos e resolucións ditados polos distintos órganos da Consellería, cando non estean atribuídos a outros órganos desta.

b) A tramitación dos requirimentos e peticións formuladas á consellería polo Defensor/a do Pobo, Valedor/a do Pobo e outros órganos e institucións, así como a coordinación coa Asesoría Xurídica en relación coa tramitación dos requirimentos e peticións formulados polos xulgados e tribunais.

c) E, en xeral, prestarlle asistencia e xestionar cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia pola persoa titular da Subdirección Xeral de Réxime Xurídico-Administrativo.

2.2. Servizo de Xestión Administrativa.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) A tramitación dos convenios e protocolos de colaboración en que sexa parte a Consellería e non sexan competencia doutros órganos desta.

b) A coordinación das actuacións da Consellería en relación coas fundacións de interese galego sobre as cales esta exerza o protectorado, para cuxo efecto levará os libros de rexistro.

c) A coordinación das unidades responsables de transparencia e o cumprimento das obrigas de información institucional, organizativa e de planificación en materia de transparencia da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.

d) A xestión do plan de publicacións e edicións audiovisuais da Consellería e as funcións relativas á súa representación na Comisión de Publicacións da Xunta de Galicia.

e) E, en xeral, prestarlle asistencia e xestionar cantos asuntos lle sexan encomendados, por razón da súa competencia, pola persoa titular da Subdirección Xeral de Réxime Xurídico-Administrativo.

2.3. Servizo de Desenvolvemento Normativo.

a) O estudo e tramitación dos anteproxectos e proxectos de disposicións de carácter xeral que elaboren os distintos centros directivos da Consellería.

b) O estudo e revisión da normativa en tramitación doutros órganos.

c) A tramitación administrativa dos plans, programas e estratexias que promova ou elabore a consellería.

d) O estudo e informe dos asuntos que teñan que elevarse ao Consello da Xunta de Galicia e á Comisión de Secretarios Xerais.

e) A coordinación e tramitación administrativa, para a súa remisión e ulterior publicación no Diario Oficial de Galicia das disposicións e actos administrativos ditados polos órganos da Consellería.

f) E, en xeral, prestarlle asistencia e xestionar cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia pola persoa titular da Subdirección Xeral de Réxime Xurídico-Administrativo.

Sección 4ª. Da Subdirección Xeral de Contratación e do Patrimonio

Artigo 9. Funcións e estrutura

1. A Subdirección Xeral de Contratación e do Patrimonio exercerá as seguintes funcións:

a) A xestión dos expedientes de contratación de competencia por razón da materia da Secretaría Xeral Técnica.

b) A tramitación e proposta de resolución dos expedientes de contratación administrativa de competencia por razón da materia das persoas titulares das direccións xerais da Consellería, e por proposta destes, agás os contratos menores.

c) O estudo, tramitación e proposta de resolución, nos expedientes de recursos en materia de contratos públicos de competencia da Subdirección Xeral de Contratación e do Patrimonio, así como en calquera outra reclamación ou requirimento na materia.

d) A coordinación do parque móbil da Consellería, sen prexuízo das competencias que corresponden a outros departamentos da Xunta de Galicia e coordinación das dotacións relativas ao vestiario do persoal.

e) A organización, coordinación e supervisión da xestión administrativa do patrimonio adscrito á consellería, sen prexuízo das competencias que correspondan a outros órganos.

f) En xeral, prestarlle asistencia e xestionar cantos asuntos lle sexan encomendados, por razón da súa competencia, pola persoa titular da Secretaría Xeral Técnica.

2. Para o desenvolvemento das funcións antes relacionadas, a Subdirección Xeral de Contratación e do Patrimonio contará coas seguintes unidades, con nivel orgánico de servizo:

2.1. Servizo de Tramitación Contractual.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) As funcións inherentes á tramitación e xestión dos expedientes de contratación da Subdirección Xeral de Contratación e do Patrimonio.

b) En xeral, prestarlle asistencia e xestionar cantos asuntos lle sexan encomendados, por razón da súa competencia, pola persoa titular da Subdirección Xeral de Contratación e do Patrimonio.

2.2. Servizo de Recursos Contractuais e do Patrimonio.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) O estudo, tramitación e proposta de resolución, nos expedientes de recursos en materia de contratos públicos de competencia da Subdirección Xeral de Contratación e do Patrimonio, así como en calquera outra reclamación ou requirimento na materia.

b) A tramitación administrativa dos expedientes regulados na lexislación patrimonial vixente e a realización de todas aquelas actuacións relativas á xestión patrimonial que lle encomende a persoa titular da subdirección xeral.

c) A tramitación administrativa dos expedientes relativos ao parque móbil da Consellería, e as actuacións de xestión do parque móbil que lle encomende a persoa titular da subdirección xeral.

d) E, en xeral, prestarlle asistencia e xestionar cantos asuntos lle sexan encomendados, por razón da súa competencia, pola persoa titular da Subdirección Xeral de Contratación e do Patrimonio.

Sección 5ª. Do Servizo de Coordinación e Tramitación

Artigo 10. Funcións

Baixo a inmediata dependencia xerárquica da persoa titular da Secretaría Xeral Técnica, o Servizo de Coordinación e Tramitación exercerá a seguintes funcións:

a) O apoio directo á persoa titular da Secretaría Xeral Técnica nas tarefas de impulso e coordinación da tramitación de expedientes nas materias que lle encomende, nomeadamente ás referidas na disposición adicional novena do Decreto 49/2024, do 24 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia

b) O apoio a outros servizos nas súas tarefas.

c) A elaboración da documentación relativa a relatorios, cursos, reunións e informes en relación cos asuntos da Secretaría Xeral Técnica.

d) A coordinación da tramitación administrativa da Consellería nos asuntos que se lle atribúan.

e) Todas aquelas funcións que lle encomende a persoa titular da Secretaría Xeral Técnica.

CAPÍTULO III

Das direccións xerais

Sección 1ª. A Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático

Artigo 11. Funcións e estrutura

1. A Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático exercerá as competencias na materia de instalacións de produción de enerxía a partir de fontes renovables eólica terrestre, solar fotovoltaica e hidroeléctrica de competencia da Comunidade Autónoma, tendo en conta o seu papel no cumprimento dos obxectivos de redución das emisións netas de gases de efecto invernadoiro e de neutralidade climática da Unión Europea e a contribución da enerxía renovable á redución da contaminación e á protección, restauración e mellora do estado do ambiente, detendo e revertendo a perda de biodiversidade.

Igualmente correspóndelle o desenvolvemento das competencias en materia de ordenación do litoral, sen prexuízo das que estean atribuídos a outros órganos, a xestión dos sistemas de observación ambiental e predición meteorolóxica de Galicia, o impulso de actuacións a prol da consecución dos obxectivos de descarbonización e neutralidade climática, así como o fomento e promoción da investigación, o desenvolvemento tecnolóxico e a innovación para o logro da adecuada protección ambiental e loita contra o cambio climático.

Nomeadamente correspóndelle á persoa titular desta dirección xeral o outorgamento das autorizacións das instalacións de enerxías renovables e instalacións de conexión de competencia da Comunidade Autónoma.

2. Baixo a dependencia directa da persoa titular da Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, a dirección xeral estrutúrase nos seguintes órganos administrativos:

2.1. Servizo Xurídico-Administrativo. Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) A elaboración das propostas de resolución dos recursos de alzada, de reposición, de revisión e das solicitudes de revisión de oficio nas materias que lle correspondan.

b) A tramitación e proposta de resolución dos expedientes sancionadores que lle correspondan.

c) A tramitación e proposta de resolución dos procedementos de responsabilidade patrimonial que lle correspondan.

d) O apoio á Asesoría Xurídica no que se refire aos recursos contencioso-administrativos interpostos contra resolucións, autorizacións e outros actos recorribles.

e) A tramitación dos requirimentos e peticións formulados á consellería polos xulgados e tribunais.

f) A xestión dos órganos de participación da Consellería relativos á integración ambiental. En particular, exercerá as funcións correspondentes á secretaría do Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible.

g) A elaboración de instrucións, protocolos de actuación, informes, estudos, contestacións de consultas ou calquera outro instrumento de carácter técnico-xurídico e, en xeral, calquera outra función que se lle encomende.

2.2. Subdirección Xeral de Enerxías Renovables.

A Subdirección Xeral de Enerxía exercerá as funcións de tramitación e proposta de resolución dos expedientes das instalacións de enerxía eólica terrestre, enerxía solar fotovoltaica, e enerxía hidroeléctrica e das súas instalacións de conexión, de competencia autonómica. Así mesmo, exercerá a coordinación dos servizos territoriais nas materias do seu ámbito competencial e funcional.

De xeito directo, ou a través das unidades administrativas que se integran nela, desenvolverá as seguintes funcións:

a) A coordinación e o impulso da tramitación e proposta de resolución dos expedientes de autorización das instalacións de enerxías renovables da súa competencia, así como das súas infraestruturas de evacuación.

b) O establecemento e a coordinación da inspección no relativo aos proxectos de enerxías renovables e a súas infraestruturas de evacuación, que sexan da súa competencia.

c) A coordinación, mediante a elaboración de instrucións, ou calquera outro instrumento que se considere idóneo, cos órganos territoriais e unidades administrativas que dependan dela, no ámbito das súas competencias, así como a supervisión do seu cumprimento.

d) A dirección, supervisión, coordinación e control das funcións desenvolvidas polas unidades administrativas que dependen dela dependan.

e) A elaboración da proposta do anteproxecto de orzamentos desta subdirección xeral, así como a coordinación da execución da xestión orzamentaria das actuacións correspondentes ao seu ámbito de competencias.

f) A supervisión e elaboración de informes solicitados por outros organismos no ámbito das súas competencias.

g) As actuacións de fomento para a difusión e a promoción de medidas de redución de gases de efecto invernadoiro, sen prexuízo das que lle puideran corresponder á consellería con competencias en materia de industria.

h) Aqueloutras que lle encomende a persoa titular da dirección xeral.

Para o desenvolvemento das funcións antes relacionadas, a Subdirección Xeral de Enerxías Renovables contará coas seguintes unidades, con nivel orgánico de servizo:

2.2.1. O Servizo de Enerxías Renovables exercerá as seguintes funcións:

a) A tramitación dos expedientes de autorización das instalacións de enerxía eólica terrestre, de enerxía solar fotovoltaica conectadas en alta tensión e de enerxía hidroeléctrica de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) A coordinación e o control das actuacións relativas á instalación, á ampliación e ao traslado das instalacións de produción de enerxía a partir de fontes de enerxía renovable no ámbito das súas competencias.

c) A xestión do Rexistro Eólico de Galicia.

d) A proposta de elaboración de ferramentas informáticas que permitan a tramitación telemática de expedientes administrativos, no seu ámbito de competencias.

e) A inspección, no ámbito das enerxías renovables, das condicións técnicas e, de ser o caso, económicas das empresas titulares das instalacións e do cumprimento das condicións establecidas nas autorizacións outorgadas, todas elas en colaboración cos servizos correspondentes dos órganos territoriais.

f) A coordinación de inspección das instalacións de produción de enerxía a partir de fontes de enerxía renovable, en colaboración cos servizos correspondentes dos órganos territoriais.

g) A tramitación das solicitudes de acceso á información pública respecto de expedientes cuxa instrución sexa da súa competencia, en coordinación co servizo xurídico-administrativo.

h) Calquera outra función que lle sexa asignada polos órganos de que depende.

2.2.2. O Servizo de Infraestruturas Renovables exercerá as seguintes funcións:

a) A tramitación dos expedientes de autorización das infraestruturas enerxéticas de evacuación de proxectos de enerxía renovable de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia e, de ser o caso, o rexistro de instalacións.

b) A emisión de instrucións para a ampliación, mellora e adaptación das redes e instalacións eléctricas de evacuación de proxectos de enerxías renovables e a supervisión do seu cumprimento.

c) A proposta de elaboración de ferramentas informáticas que permitan a tramitación telemática de expedientes administrativos, no seu ámbito de competencias.

d) A coordinación da inspección das instalacións de evacuación de enerxías renovables, das condicións técnicas e, de ser o caso, económicas das empresas titulares das instalacións e do cumprimento das condicións establecidas nas autorizacións outorgadas, todas elas en colaboración cos servizos correspondentes dos órganos territoriais.

e) A tramitación das solicitudes de acceso á información pública respecto de expedientes cuxa instrución sexa da súa competencia.

f) Calquera outra función que lle sexa asignada polos órganos de que depende.

2.3. Subdirección Xeral de Cambio Climático e da Ordenación do Litoral.

2.3.1. A Subdirección Xeral de Cambio Climático e do Ordenación do Litoral exercerá as funcións de observación ambiental e predición meteorolóxica de Galicia, o impulso de actuacións a prol da consecución dos obxectivos de descarbonización e neutralidade climática, o fomento e promoción da investigación, o desenvolvemento tecnolóxico e a innovación para o logro da adecuada protección ambiental e loita contra o cambio climático. Así mesmo, exercerá as funcións e competencias en ordenación do litoral e en especial as que se deriven da aplicación dos números 3 e 4 do artigo 11 da Lei 4/2023, do 6 de xullo, de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia, coa excepción das atribuídas a outros órganos.

As anteriores funcións serán desenvolvidas en coordinación cos departamentos territoriais nas materias do seu ámbito competencial e funcional.

De xeito directo, ou a través das unidades administrativas que se integran nela, desenvolverá as seguintes funcións:

a) A xestión dos sistemas de observación ambiental, da calidade do aire e da predición meteorolóxica de Galicia, así como a súa difusión.

b) A coordinación, seguimento e posta en marcha das estratexias para a loita contra o cambio climático de carácter autonómico, europeo ou internacional.

c) A promoción de instrumentos interdepartamentais e de colaboración público privada para a consecución dos obxectivos de descarbonización e neutralidade climática; en particular, a Alianza Galega polo Clima.

d) A elaboración, proposta, coordinación e impulso de programas dirixidos ao fomento da investigación, desenvolvemento tecnolóxico e innovación en materia ambiental, así como a súa difusión e divulgación.

e) O asesoramento e asistencia, así como a realización de campañas de formación e sensibilización en materia de cambio climático e calidade atmosférica.

f) A elaboración da proposta do anteproxecto de orzamentos desta subdirección xeral, así como a coordinación da execución da xestión orzamentaria das actuacións correspondentes ao seu ámbito de competencias.

g) A adopción de medidas de protección do medio ambiente litoral, o impulso, dirección e coordinación dos traballos para a aprobación dos instrumentos de ordenación do litoral, de emisión dos informes que procedan, o outorgamento de títulos de intervención ou de informes equivalentes na zona de servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre e no dominio público marítimo terrestre, así como aqueloutras que lle encomenden en relación coa ordenación do litoral.

h) Aqueloutras que lle encomende a persoa titular da dirección xeral.

Para o desenvolvemento das funcións antes relacionadas, a Subdirección Xeral de Cambio Climático e do Ordenación do Litoral contará coas seguintes unidades, con nivel orgánico de servizo:

2.3.1.1. O Servizo de Loita contra o Cambio Climático exercerá as seguintes funcións:

a) A coordinación e seguimento da estratexias galegas, nacionais ou internacionais fronte ao cambio climático.

b) A aplicación do réxime de comercio de dereitos de emisión de gases de efecto invernadoiro e a elaboración e seguimento dos seus inventarios.

c) As funcións de control do Rexistro Estatal de Emisións e Fontes Contaminantes.

d) O asesoramento e a realización de campañas de formación e sensibilización en materia de cambio climático.

e) A participación en proxectos nacionais e internacionais en materia de cambio climático.

f) Aquelas recollidas na Lei 4/2023, do 6 de xullo, de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia, vinculadas a accións de mitigación e adaptación dos efectos do cambio climático.

g) Calquera outra función que lle sexa asignada polos órganos de que depende.

2.3.1.2. Servizo de Xestión do Litoral.

Correspóndenlle as funcións encomendadas á subdirección xeral no que incumbe á área temática de ordenación do litoral e, en xeral, prestarlle asistencia, así como desenvolver calquera outra función que, por razón da súa competencia, lle poida encomendar a persoa titular da subdirección xeral.

2.3.1.3. Laboratorio de Medio Ambiente de Galicia, con nivel orgánico de servizo, exercerá as seguintes funcións:

a) O soporte analítico das actuacións ambientais competencia desta consellería, e o desenvolvemento e posta en marcha de novos métodos analíticos instrumentais.

b) A realización de estudos e informes técnicos sobre o establecemento de parámetros, técnicas e procedementos analíticos previstos nas normas ambientais.

c) A promoción da investigación e desenvolvemento de técnicas e modelos de análise, en consonancia coas normas ambientais aplicables.

d) A participación en proxectos nacionais e internacionais en materia de soporte e métodos analíticos.

e) Calquera outra función que lle sexa asignada polos órganos de que depende.

Sección 2ª. A Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade

Artigo 12. Funcións e estrutura

1. A Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade exercerá as competencias e funcións en materia de avaliación e control da incidencia que sobre o ambiente provoque a actividade humana, o fomento de sistemas e estratexias de corrección da dita incidencia, a avaliación dos efectos de determinados plans e programas no ambiente, a xestión dos residuos, de acordo cos principios de desenvolvemento sostible e da economía circular, así como en materia de responsabilidade ambiental e sancionadora que por razón da materia lle corresponda.

2. Baixo a dependencia directa da persoa titular da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade, a dirección xeral estrutúrase nos seguintes órganos administrativos:

2.1. Servizo de Xestión Económica e Orzamentaria.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) A elaboración dos anteproxectos de orzamentos da dirección xeral, a súa execución, seguimento e coordinación.

b) As funcións inherentes á xestión económica execución, seguimento, control e xestión dos orzamentos, da execución dos contratos administrativos e resto de actividades de fomento no ámbito da súa competencia por razón da materia.

c) A xestión dos expedientes de contratación menores de competencia da dirección xeral por razón da materia.

d) O seguimento e control dos convenios e protocolos de colaboración.

e) En xeral, prestarlle asistencia, así como desenvolver calquera outra función que, por razón da súa competencia, lle poida encomendar a persoa titular da dirección xeral.

2.2. Servizo Xurídico-Administrativo.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) A elaboración dos informes-proposta de resolución dos recursos de alzada, de reposición, de revisión e das solicitudes de revisión de oficio nas materias que lle correspondan.

b) A tramitación e proposta de resolución dos expedientes sancionadores que lle correspondan.

c) A tramitación e proposta de resolución dos procedementos de responsabilidade patrimonial que lle correspondan.

d) A potenciación e establecemento de procedementos que garantan a distribución da información ambiental á cidadanía que o requira, a través do mantemento e mellora do Sistema de información ambiental de Galicia (SIAM) e, en particular, a xestión do punto focal da Rede Eionet da Axencia Europea do Medio Ambiente.

e) O asesoramento e realización de estudos e informes.

f) O estudo e a elaboración dos proxectos normativos no ámbito das súas competencias.

g) A execución da normativa de responsabilidade ambiental respecto ás análises de riscos ambientais e garantías financeiras e respecto ás ameazas inminentes de danos ambientais e/ou danos ambientais que afecten o ámbito da dirección xeral.

h) Aquelas que, por razón da súa competencia, se lle encomenden.

2.3. Servizo de Intervención Ambiental.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) A realización de actividades encamiñadas ao control do cumprimento da normativa ambiental.

b) En xeral, prestarlle asistencia así como desenvolver calquera outra función que, por razón da súa competencia, lle poida encomendar a persoa titular da dirección xeral.

2.4. Subdirección Xeral de Avaliación Ambiental.

2.4.1. A Subdirección Xeral de Avaliación Ambiental exercerá as seguintes funcións dentro do ámbito de competencias atribuídas á Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade:

a) A tramitación dos expedientes derivados da aplicación da normativa de avaliación ambiental.

b) O impulso da integración do referente ambiental nas distintas políticas sectoriais e, en particular, no proceso de programación, realización, seguimento e avaliación das accións financiadas por fondos europeos.

c) O apoio técnico ao exercicio por parte da persoa titular do centro directivo das funcións que ten atribuídas como autoridade ambiental de Galicia, en particular as derivadas da súa condición de membro da Rede de autoridades ambientais de España.

d) A xestión e seguimento dos pactos ambientais.

e) As actuacións derivadas da normativa de ecoxestión, ecoauditoría e ecoetiquetaxe.

f) A homologación de empresas e equipamentos de avaliación de impactos e control da calidade ambiental.

g) A tramitación e seguimento das autorizacións ambientais integradas.

h) A xestión e coordinación das actuacións derivadas da lexislación sobre calidade dos solos e, en particular, a tramitación dos procedementos sometidos á lexislación sobre solos potencialmente contaminados.

i) A xestión da recuperación de solos contaminados.

j) Aquelas que, por razón da súa competencia, se lle encomenden.

2.4.2. Para o desenvolvemento das funcións antes relacionadas, a subdirección xeral contará, con nivel orgánico de servizo, coas seguintes unidades:

2.4.2.1. Servizo de Avaliación Ambiental de Plans e Programas.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) As encomendadas á subdirección xeral no que atinxe á avaliación da incidencia dos efectos de determinados plans e programas no ambiente.

b) En xeral, prestarlle asistencia, así como desenvolver calquera outra función que, por razón da súa competencia, lle poida encomendar a persoa titular da subdirección xeral.

2.4.2.2. Servizo de Avaliación Ambiental de Proxectos.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) As encomendadas á subdirección xeral no que atinxe á avaliación da incidencia dos efectos de determinados proxectos no ambiente.

b) En xeral, prestarlle asistencia, así como desenvolver calquera outra función que, por razón da súa competencia, lle poida encomendar a persoa titular da subdirección xeral.

2.4.2.3. Servizo de Prevención e Control Integrados da Contaminación.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) As funcións encomendadas á subdirección xeral no que atinxe á tramitación e seguimento das actuacións derivadas das autorizacións ambientais integradas e da calidade dos solos.

b) En xeral, prestarlle asistencia, así como desenvolver calquera outra función que, por razón da súa competencia, lle poida encomendar a persoa titular da subdirección xeral.

2.5. Subdirección Xeral de Residuos e Economía Circular.

2.5.1. A Subdirección Xeral de Residuos e Economía Circular exercerá as seguintes funcións dentro do ámbito de competencias atribuídas á Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade:

a) A elaboración e o seguimento dos programas autonómicos de prevención de residuos e dos plans autonómicos de xestión de residuos incluídos no ámbito de aplicación da Lei 6/2021, do 17 de febreiro, de residuos e solos contaminados, e das accións de desenvolvemento destes.

b) O fomento das accións de minimización da produción de residuos, da súa reutilización e reciclaxe e dos programas de colaboración cos concellos e con outras organizacións para a aplicación das accións indicadas.

c) A tramitación e o seguimento das autorizacións dos sistemas colectivos e individuais de responsabilidade ampliada da produtora competencia da Comunidade Autónoma de Galicia.

d) O desenvolvemento e mantemento do Rexistro de Produtores e Xestores de Residuos de Galicia.

e) A tramitación das autorizacións de xestores/as non sometidas a autorización ambiental integrada, así como o rexistro das comunicacións de produtores de residuos asociadas ás devanditas autorizacións.

f) O establecemento e mantemento de sistemas que permitan o control da rastrexabilidade en materia de residuos.

g) A realización de campañas de información e sensibilización en materia de residuos.

h) A elaboración de informes técnicos en materia de residuos.

i) A planificación e o fomento de accións relacionadas coa economía circular.

j) A proposta de convenios relacionados coa xestión de residuos.

k) A colaboración coas consellerías correspondentes no control da xestión dos residuos non incluídos no ámbito de aplicación da Lei de residuos de Galicia, especialmente coas consellerías con competencias en materia de sanidade, no control da xestión dos residuos producidos nos establecementos sanitarios, e do medio rural no control da xestión dos residuos producidos nas explotacións agrícolas e gandeiras.

l) Aquelas que, por razón da súa competencia, se lle encomenden.

2.5.2. Para o desenvolvemento das funcións antes relacionadas, a subdirección xeral contará, con nivel orgánico de servizo, coa seguinte unidade:

2.5.2.1. Servizo de Residuos.

a) As encomendadas á subdirección xeral no que atinxe ao control da xestión de residuos.

b) En xeral, prestarlle asistencia, así como desenvolver calquera outra función que, por razón da súa competencia, lle poida encomendar a persoa titular da subdirección xeral.

Sección 3ª. Da Dirección Xeral de Patrimonio Natural

Artigo 13. Funcións e estrutura

1. A Dirección Xeral de Patrimonio Natural exercerá as competencias e funcións atribuídas á consellería en materia de conservación, protección, uso sustentable, mellora e restauración do patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia e dos seus elementos etnográficos, e a súa preservación para as xeracións futuras e, en particular, exercerá as seguintes:

a) O fomento de medidas de desenvolvemento socioeconómico dos espazos naturais protexidos.

b) A ordenación, conservación, protección, fomento e aproveitamento sustentable dos recursos cinexéticos e piscícolas nas augas continentais.

c) A divulgación dos valores do patrimonio natural; a xestión dos hábitats naturais, da flora e fauna silvestres, das paisaxes naturais e dos elementos senlleiros da xea da Comunidade Autónoma galega.

d) O desenvolvemento e dinamización do uso público e recreativo do medio natural.

e) A promoción da defensa integral da natureza e dos elementos que a compoñen.

f) A conservación específica dos espazos que compoñen a Rede galega de espazos protexidos e da Rede Natura 2000 de Galicia ou doutras zonas de alto valor ambiental, sen prexuízo das competencias atribuídas a outros órganos.

g) O estudo e a elaboración dos proxectos normativos no ámbito das súas funcións.

h) Informe de recursos interpostos contra resolucións ditadas pola persoa titular da Dirección Xeral de Patrimonio Natural nas materias da súa competencia.

i) As funcións inherentes á xestión económica, execución, seguimento, control e xestión da execución dos contratos administrativos e actividades de fomento no ámbito da súa competencia por razón da materia.

j) A xestión dos expedientes de contratación menores de competencia da dirección xeral por razón da materia.

2. Baixo a dependencia directa da persoa titular da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, e para o exercicio das funcións e competencias enumeradas no artigo anterior, a dirección xeral estrutúrase nos seguintes órganos administrativo:

2.1. Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, con nivel orgánico de servizo, correspóndenlle as seguintes funcións:

a) A xestión executiva ordinaria do parque nacional e desenvolver os instrumentos de planificación e xestión.

b) A coordinación das funcións de vixilancia, inspección e denuncia exercidas polos axentes forestais e axentes facultativos ambientais no ámbito do parque nacional no exercicio das súas funcións como axentes da autoridade.

c) O outorgamento das autorizacións que, segundo a normativa aplicable ao Parque Nacional, lle sexan atribuídas ao director-conservador.

d) A coordinación de actuacións en situacións de emerxencia derivadas de accidentes que requiran medidas excepcionais para preservar os valores naturais do parque nacional, salvo naqueles casos en que sexa precisa a activación dalgún plan de emerxencias.

e) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados, por razón da súa competencia, pola persoa titular da dirección xeral.

2.2. Servizo Xurídico-Administrativo.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) O estudo e a elaboración das resolucións dos procedementos administrativos sancionadores que, por razón da súa competencia, correspondan á persoa titular desta dirección.

b) A elaboración das propostas de informe dos recursos interpostos contra as resolucións ditadas pola persoa titular da Dirección Xeral de Patrimonio Natural.

c) En xeral, prestarlle asistencia e xestionar cantos asuntos lle sexan encomendados, por razón da súa competencia, pola persoa titular da Dirección Xeral de Patrimonio Natural.

2.3. Servizo de Xestión Económica e Orzamentaria.

a) A elaboración dos anteproxectos de orzamentos da dirección xeral, a súa execución, seguimento e coordinación.

b) As funcións inherentes á xestión económica execución, seguimento, control e xestión da execución dos contratos administrativos e actividades de fomento no ámbito da súa competencia por razón da materia.

c) A xestión dos expedientes de contratación menores de competencia da dirección xeral por razón da materia.

d) O seguimento e control dos convenios e protocolos de colaboración.

e) A tramitación das propostas de modificación de créditos consignados no orzamento da dirección xeral.

f) O impulso da tramitación administrativa de expedientes e propostas de gasto das unidades dependentes da dirección xeral.

g) A coordinación, seguimento e control dos fondos procedentes da Unión Europea e dos fondos finalistas do Estado xestionados pola dirección xeral.

h) A planificación, habilitación, e seguimento da provisión de crédito para gastos correntes dos distintos órganos e unidades administrativas dependentes da dirección xeral, incluído o aprovisionamento, mantemento e renovación do equipamento e material funxible non inventariable necesario para o funcionamento da dirección xeral.

i) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia pola persoa titular da dirección xeral.

2.4. Subdirección Xeral de Espazos Naturais.

2.4.1. A Subdirección Xeral de Espazos Naturais exercerá as seguintes funcións:

a) O desenvolvemento de medidas e instrumentos para a protección e conservación dos hábitats naturais, dos elementos senlleiros da xea e das paisaxes naturais e rurais, que conforman no seu conxunto o patrimonio natural.

b) A conservación, protección e promoción da Rede galega de espazos protexidos e da Rede Natura 2000, así como doutras zonas de alto valor ambiental.

c) A avaliación das repercusións de plans e proxectos sobre a Rede Natura 2000.

d) A ordenación dos usos do patrimonio natural, no ámbito das súas competencias.

e) A elaboración e implementación dos instrumentos de planificación, desenvolvemento e xestión dos espazos naturais protexidos.

f) O fomento de medidas de colaboración e coordinación nas campañas relativas á obtención da bandeira azul.

g) A coordinación de procedementos de queixas e denuncias.

h) A coordinación, mediante a elaboración de instrucións, ou calquera outro instrumento que se considere idóneo, das actuacións, dos informes técnicos ou das autorizacións emitidas polos órganos territoriais e unidades administrativas que deles dependan, no eido das súas competencias.

i) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados, por razón da súa competencia, pola persoa titular da dirección xeral.

2.4.2. Para o exercicio das súas funcións, a subdirección xeral contará coas seguintes unidades con nivel orgánico de servizo:

2.4.2.1. Servizo de Conservación de Espazos Naturais.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) O desenvolvemento das actuacións relativas á protección, conservación, xestión, restauración, mellora, recuperación, divulgación e promoción dos espazos protexidos.

b) O desenvolvemento de medidas para o fomento, consolidación e promoción da Rede galega de espazos protexidos e da Rede Natura 2000 e doutras zonas de alto valor ambiental.

c) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados, por razón da súa competencia, pola persoa titular da subdirección xeral.

2.4.2.2. Servizo de Análise de Proxectos, Plans e Programas.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) A elaboración dos informes, así como das propostas de concesión das autorizacións daqueles plans, programas e proxectos que requiren da avaliación das repercusións ás que se refire o artigo 46 da Lei 42/2007, do 13 de decembro, de patrimonio natural e da biodiversidade, sometidos a avaliación ambiental de conformidade coa Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental.

b) A elaboración das propostas de concesión das autorizacións relativas aos usos e actividades, plans, programas ou proxectos que afecten máis dunha provincia.

c) A emisión de informes relativos a obras, instalacións e actividades que se precisen e, en particular, no referido a accións que afecten a Rede galega de espazos protexidos ou a Rede Natura 2000.

d) A elaboración de directrices e criterios técnicos sectoriais en relación cos procedementos de avaliación dos proxectos, plan e programas que afecten o medio natural e os valores do patrimonio natural.

e) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados, por razón da súa competencia, pola persoa titular da subdirección xeral.

2.4.2.3. Servizo de Parques Naturais.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) O exercicio de funcións relativas á dirección e xestión dos parques naturais das Fragas do Eume, do Complexo Dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán, do Monte Aloia, e dos parques naturais da Baixa Limia-Serra do Xurés, do Invernadeiro e da Serra da Enciña da Lastra, así como o seguimento das actuacións das xuntas consultivas dos devanditos espazos protexidos, sen prexuízo das competencias de informe e ou autorización que lle corresponden aos departamentos territoriais.

b) A coordinación das actuacións do persoal que desenvolve as súas funcións nestes espazos, sen prexuízo da dependencia deste dos departamentos territoriais.

c) A elaboración de instrucións para a formulación das propostas dos orzamentos e dos programas de xestión de cada un dos espazos relacionados no parágrafo anterior, así como para a execución e desenvolvemento e seguimento dos plans reitores de uso e xestión.

d) A realización das actuacións necesarias nos supostos de emerxencia que se poidan producir no interior dos parques.

e) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia pola persoa titular da subdirección xeral.

2.5. Subdirección Xeral de Biodiversidade e de Recursos Cinexéticos e Piscícolas.

2.5.1. A Subdirección Xeral de Biodiversidade e de Recursos Cinexéticos e Piscícolas exercerá as seguintes funcións:

a) A ordenación, conservación, protección, fomento e aproveitamento sustentable dos recursos cinexéticos e piscícolas nas augas continentais.

b) O desenvolvemento de medidas e instrumentos para a protección e conservación das especies silvestres.

c) A elaboración de normativa que afecta o exercicio da caza e da pesca fluvial e o benestar e protección dos animais de compañía animal, sen prexuízo, neste último suposto, das competencias que respecto diso teña atribuídas o órgano competente en materia de produción animal.

d) A tramitación dos expedientes administrativos para a declaración de terreos sometidos a réxime cinexético especial, así como das distintas figuras das augas continentais.

e) O control e policía da riqueza cinexética e piscícola nas augas continentais.

f) A coordinación dos establecementos e instalacións relacionados coa actividade cinexética e piscícola cuxa xestión dependa da Administración autonómica.

g) A coordinación dos centros de recuperación de fauna silvestre dependentes da Administración autonómica.

h) A elaboración, implementación e seguimento dos instrumentos de planificación, desenvolvemento e xestión das especies silvestres.

i) Emitir informes sectoriais en relación cos procedementos de aprobacións e/ou modificacións de centros de acuicultura en augas continentais.

j) A coordinación mediante a elaboración de instrucións, protocolos ou calquera documento que se considere idóneo, das actuacións, dos informes técnicos ou das autorizacións emitidas polos órganos territoriais e unidades administrativas que deles dependan, no eido das súas competencias.

k) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados, por razón da súa competencia, pola persoa titular da dirección xeral.

2.5.2. Para o exercicio das súas funcións contará coas seguintes unidades co nivel orgánico de servizo:

2.5.2.1. Servizo de Caza e Pesca Fluvial.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) A divulgación, formación e promoción específica dos recursos cinexéticos e piscícolas en augas continentais.

b) A inspección e coordinación dos establecementos e instalacións relacionados coa actividade cinexética e/ou piscícola cuxa xestión dependa da Administración autonómica.

c) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia pola persoa titular da subdirección xeral.

2.5.2.2. Servizo de Conservación da Biodiversidade.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) O desenvolvemento das actuacións relativas á conservación das especies da fauna e da flora silvestre e a elaboración das propostas de catalogación de especies ameazadas e a dos plans para a súa xestión, así como a execución e seguimento destes.

b) O desenvolvemento de medidas e instrumentos de seguimento, protección, control e conservación dos elementos que compoñen a biodiversidade, prestando atención particular ás especies introducidas de carácter invasor.

c) A aplicación de medidas de protección e benestar de animais de compañía.

d) A coordinación dos centros de recuperación de fauna silvestre.

e) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados, por razón da súa competencia, pola persoa titular da subdirección xeral.

TÍTULO III

Dos departamentos territoriais da Consellería de Medio Ambiente
e Cambio Climático

Artigo 14. Departamentos territoriais

1. Para o exercicio das súas competencias, a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático organízase nos departamentos territoriais da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, que desenvolverán as súas funcións no ámbito provincial respectivo, sen prexuízo das funcións de coordinación do exercicio das competencias que asume cada delegación no seu correspondente ámbito territorial, de acordo co disposto no artigo 2 do Decreto 245/2009, do 30 de abril.

2. Á fronte de cada departamento territorial estarán os/as directores/as territoriais, que exercerán, ademais das funcións do artigo 11 do Decreto 254/2009, do 30 de abril, as seguintes funcións:

a) A dirección, despacho e proposta de resolución dos asuntos ordinarios.

b) A coordinación dos servizos ou unidades que o integran.

c) A elaboración do anteproxecto de orzamento de gastos do departamento territorial.

d) A xestión, administración e habilitación dos medios económicos e materiais do departamento territorial.

e) A tramitación e a xestión dos expedientes de gasto, o control contable e a xustificación dos créditos asignados.

f) A tramitación dos expedientes de contratación administrativa e de subvencións que sexan competencia do departamento territorial.

g) A incoación e instrución de expedientes de responsabilidade patrimonial e sancionadores no ámbito das competencias da Consellería que non estean atribuídas a outros órganos

h) A instrución dos procedementos de autorización das instalacións de produción de enerxía eólica terrestre, enerxía solar fotovoltaica e enerxía hidroeléctrica, en coordinación coa Subdirección Xeral de Enerxías Renovables.

i) A tramitación e resolución das autorizacións de explotación das instalacións de produción de enerxía eléctrica procedente de fontes renovables, así como as súas infraestruturas de evacuación no ámbito das súas competencias.

j) A inspección e supervisión do cumprimento das condicións técnicas e legais destas instalacións e a coordinación do seu funcionamento no seu ámbito territorial.

k) A emisión de informes preceptivos ou facultativos que lle sexan requiridos no ámbito das súas competencias.

l) A tramitación dos expedientes expropiatorios no ámbito das súas competencias.

m) A tramitación e resolución das solicitudes de acceso á información pública respecto de expedientes cuxa instrución e resolución sexa da súa competencia.

n) A tramitación e proposta dos procedementos para o outorgamento dos títulos de intervención ou a emisión de informes equivalente para a utilización dos espazos terrestres na zona de servidume de protección do litoral e dominio público marítimo-terrestre e calquera outra función que, en relación coa ordenación do litoral, lle encomenden.

ñ) As restantes funcións que lle encomenden ou deleguen.

3. Os servizos dos departamentos territoriais dependerán funcionalmente dos órganos superiores e de dirección da Consellería, dentro do ámbito das atribucións que correspondan a cada un deles, sen prexuízo da coordinación xeral que poidan exercer as persoas titulares das direccións territoriais, das que dependen organicamente.

4. Nos supostos de vacante, ausencia ou enfermidade, así como de abstención ou recusación, as persoas titulares das direccións territoriais serán substituídas polas persoas titulares das xefaturas de servizo, seguindo a orde de prelación establecida neste artigo, salvo resolución expresa que dispoña outra substitución.

Integran cada un dos departamentos territoriais os seguintes servizos:

3.1. Servizo de Calidade e Avaliación Ambiental.

O Servizo de Calidade e Avaliación Ambiental exercerá no seu respectivo ámbito territorial as seguintes funcións:

a) A xestión das denuncias ambientais recibidas e coordinación das respostas doutras unidades a esas denuncias.

b) A realización das inspeccións ambientais conforme o Programa anual de inspección ambiental.

c) A tramitación de expedientes sancionadores que lles corresponda. 

d) A tramitación de expedientes derivados da aplicación da Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia.

e) A tramitación e rexistro das comunicacións realizadas ao abeiro do disposto na normativa de residuos. 

f) A xestión de servicio de préstamo de sonómetros aos concellos para apoio no exercicio das competencias da Administración local en contaminación acústica. 

g) As restantes funcións que lle podan ser asignadas en materia de calidade ambiental e cambio climático.

3.2. Servizo de Patrimonio Natural.

Sen prexuízo da dirección da Reserva Nacional de Caza dos Ancares, que lle corresponde á persoa titular da Dirección Territorial de Lugo, os servizos provinciais de Patrimonio Natural exercerán no seu respectivo ámbito territorial as seguintes funcións:

a) A elaboración dos informes ambientais e das propostas de concesión das autorizacións de usos e actividades, e dos proxectos que non requiran da avaliación das repercusións ás que se refire o artigo 46 da Lei 42/2007, do 13 de decembro, así como a prestación de asesoramento á dirección xeral competente en materia de espazos e valores naturais.

b) A execución das actuacións relativas á conservación das especies da fauna e da flora silvestre no seu ámbito territorial, incluíndo o control dos factores de ameaza para a conservación da biodiversidade, así como todas aquelas funcións relativas á protección e benestar de animais de compañía que sexa preciso desenvolver nesta materia.

c) A execución e control das actuacións en materia de recursos cinexéticos e piscícolas en augas continentais que corresponda desenvolver en función do seu ámbito territorial.

d) As actuacións relativas á actividade inspectora derivada da protección, conservación, xestión e recuperación do patrimonio natural e da biodiversidade.

e) As restantes funcións que lle podan ser asignadas en materia de espazos naturais e biodiversidade e recursos cinexéticos e piscícolas.

Disposición adicional primeira. Ausencias e vacantes

Sen prexuízo do establecido no artigo 7.1 deste decreto e no non previsto nel, en caso de vacante, ausencia ou enfermidade, así como de abstención ou recusación dos titulares dos órganos superiores e de dirección da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, as competencias atribuídas por este decreto aos correspondentes órganos serán exercidas, temporalmente e mentres persistan aquelas circunstancias, polos órganos superiores e de dirección da Consellería, seguindo a orde de prelación que se establece no Decreto 49/2024, do 24 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia.

Neste sentido, a substitución será asumida pola persoa titular do órgano que ocupe o posto seguinte na orde correlativa enunciada, e corresponderalle á primeira persoa, se for o caso, substituír a última.

Disposición adicional segunda. Igualdade

No exercicio das funcións a que se refire este decreto, integrarase de xeito activo a dimensión de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes.

Disposición adicional terceira. Principio de presenza equilibrada

Nos nomeamentos de altos cargos da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático así como dos/das titulares e membros de órganos de entidades integrantes do sector público autonómico do seu ámbito de competencias procurarase acadar o principio de presenza equilibrada entre homes e mulleres.

Disposición adicional cuarta. Mantemento da antigüidade no posto de traballo

As persoas que estean a desempeñar os postos de traballo cuxa denominación ou adscrición varíen como consecuencia deste decreto manterán a antigüidade do posto de traballo de orixe sempre que se conserve o seu contido funcional.

Disposición adicional quinta. Autorizacións en zona de servidume de protección do dominio público marítimo terrestre

As previsións contidas no Decreto 97/2019, do 18 de xullo, polo que se regulan as competencias da Comunidade Autónoma de Galicia na zona de servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre, no relativo ao órgano competente en materia de urbanismo entenderanse referidas ao órgano competente en materia de ordenación do litoral `previsto neste decreto.

Disposición transitoria primeira. Modificación de unidades administrativas

Cando, como consecuencia da estrutura orgánica que se establece neste decreto, se modifique a denominación ou o contido funcional das subdireccións xerais ou servizos existentes, autorízase a persoa titular da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, por proposta da persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da Consellería, para adscribir o persoal funcionario que ocupaba o posto existente ao posto equivalente que figura neste decreto. No caso de supresión ou amortización das subdireccións xerais ou xefaturas de servizo, será de aplicación o establecido na normativa vixente en materia de función pública.

Disposición transitoria segunda. Adscrición de postos con nivel orgánico inferior a Servizo

As unidades e postos de traballo con nivel orgánico inferior ao de servizo correspondentes ás subdireccións xerais ou servizos suprimidos ou amortizados como consecuencia deste decreto continuarán subsistentes e retribuiranse con cargo aos mesmos créditos orzamentarios ata que se aprobe a nova relación de postos de traballo adaptada á estrutura orgánica establecida neste decreto. As unidades e postos de traballo encadrados nos órganos suprimidos adscribiranse provisionalmente, por resolución da persoa titular da Consellería, por proposta da Secretaría Xeral Técnica, aos órganos establecidos neste decreto, en función das atribucións que teñen asignadas.

Disposición transitoria terceira. Aforro de custos no material impreso

1. As existencias de material impreso anteriores á entrada en vigor deste decreto nas que se faga referencia a denominacións da anterior estrutura orgánica seguirán utilizándose ata que se esgoten, sen prexuízo da correcta identificación nos actos administrativos da dependencia orgánica da autoridade de procedencia.

2. Con independencia do establecido no número anterior, cando se proceda á adquisición, reposición ou reedición de novo material se lle aplicarán as novas denominacións.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ao establecido neste decreto.

Disposición derradeira primeira. Modificación do Decreto 74/2006, do 30 de marzo, polo que se regula o Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible

Modifícase o número 2 do artigo 3 do Decreto 74/2006, do 30 de marzo, polo que se regula o Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, que queda redactado como segue:

«2º. Vicepresidencia. Corresponde á persoa titular da dirección xeral da Xunta de Galicia competente en materia de cambio climático, que desempeñará as funcións atribuídas á presidencia nos casos de ausencia, vacante, enfermidade, así como nos casos nos que se teña declarado a súa abstención ou recusación».

Disposición derradeira segunda. Modificación do Decreto 244/2011, do 29 de decembro, polo que se aproban os estatutos do organismo autónomo Instituto de Estudos do Territorio

Modifícase o artigo 9 do Decreto 244/2011, do 29 de decembro, polo que se aproban os estatutos do organismo autónomo Instituto de Estudos do Territorio, que queda redactado como segue:

«Artigo 9. Obxecto

O Instituto de Estudos do Territorio ten por obxecto a análise, estudo e asesoramento en materia de urbanismo, ordenación do territorio e do litoral, entendéndose comprendida nela a ordenación, protección e xestión da paisaxe».

Disposición derradeira terceira. Modificación do Decreto 153/1998, do 2 de abril, polo que se aproba o regulamento que desenvolve a Lei 1/1993, do 13 de abril, de protección dos animais domésticos e salvaxes en catividade

Modificase o artigo 7 do Decreto 153/1998, do 2 de abril, polo que se aproba o regulamento que desenvolve a Lei 1/1993, do 13 de abril, de protección dos animais domésticos e salvaxes en catividade, que queda redactado como segue:

«Artigo 7º

1. Os membros que compón o Pleno do Consello Galego de Protección dos Animais Domésticos e Salvaxes en Catividade serán os seguintes:

– O/a presidente/a, que será a persoa titular da dirección xeral competente na materia

– O/a vicepresidente/a, que será a persoa titular da subdirección xeral competente nesta materia.

– Nove vogais en representación dos diferentes sectores e na proporción que se establece no número 2 do presente artigo.

– O/a secretario/a, que será un/unha funcionario/a cualificado/a da Consellería competente nesta materia nomeado pola presidencia.

2. Os vogais membros do Pleno do Consello Galego de Protección dos Animais Domésticos e Salvaxes en Catividade representarán, na proporción que se sinala, os seguintes sectores:

– Dous representantes da Consellería competente nesta materia e un polas consellerías con competencia en saúde pública, sanidade animal, emerxencias e interior e discapacidade.

– Unha persoa representante da Federación Galega de Municipios e Provincias.

– Dúas persoas representantes das asociacións protectoras de animais de Galicia.

– Unha persoa representante das asociacións ecoloxistas galegas.

– Unha persoa representante da organización colexial veterinaria galega».

Disposición derradeira cuarta. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira quinta. Disposicións de desenvolvemento

Autorízase a persoa titular da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático para ditar as disposicións necesarias para a execución e desenvolvemento deste decreto.

Santiago de Compostela, vinte de maio de dous mil vinte e catro

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático