DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 100 Venres, 24 de maio de 2024 Páx. 31266

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

ORDE do 8 de maio de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións ás asociacións de comerciantes sen ánimo de lucro para a dinamización dos centros comerciais abertos de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento CO300A).

A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración é o órgano encargado de exercer as competencias que, en materia de comercio interior, o artigo 30.I.4 do Estatuto de autonomía de Galicia lle atribúe á nosa comunidade autónoma, segundo o Decreto 42/2024, do 14 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e o Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia.

O Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da extinta Consellería de Economía, Industria e Innovación (transitoriamente en vigor de conformidade co establecido na disposición transitoria do Decreto 42/2024, do 14 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia), establece que lle corresponde á Dirección Xeral de Comercio e Consumo a planificación, coordinación e control das competencias da consellería en materia de comercio interior.

Na actualidade, o comercio tradicional está sometido a un profundo proceso de cambio que exixe realizar un esforzo de renovación e adaptación continuo, co obxecto de que se volva situar na posición histórica que tradicionalmente veu desempeñando no desenvolvemento económico e social das nosas vilas e cidades.

Por isto, e co obxecto de contribuír a construír un sector comercial máis competitivo e dinámico, recóllese un conxunto de medidas entre as cales cabe subliñar a dinamización e a revitalización dos centros comerciais abertos da Comunidade Autónoma de Galicia e a súa adaptación á súa contorna, creando espazos confortables e de lecer que promovan o incremento da competitividade do comercio de proximidade, a incentivación do consumo e a satisfacción das necesidades da poboación, así como a xeración de puntos de atracción comercial nas cidades e vilas galegas.

En consecuencia, co fin de promover a recuperación das vilas en xeral e do seu comercio en particular, tanto desde o punto de vista económico e social como urbanístico, e contribuír a evitar o despoboamento que nos últimos anos se está producindo nos centros urbanos, esta orde diríxese ás asociacións de comerciantes de carácter territorial sen ánimo de lucro que estean legalmente constituídas e cuxo ámbito de actuación se desenvolva na Comunidade Autónoma de Galicia, e que leven a cabo proxectos de interese para a dinamización e a revitalización dos centros comerciais abertos.

Todo iso faise no marco da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como consonte a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, na medida en que sexa aplicable, e o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

A teor do exposto, en virtude das competencias que ten a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, e no exercicio das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Convocatoria e bases reguladoras

1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases (anexo I) polas que se rexerá a concesión das subvencións da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración destinadas ás asociacións de comerciantes sen ánimo de lucro para a dinamización dos centros comerciais abertos de Galicia (código de procedemento CO300A).

Así mesmo, por medio desta orde convócanse as devanditas subvencións para o ano 2024.

2. A xestión destas subvencións realizarase polo procedemento de concorrencia non competitiva ata o esgotamento do crédito, de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non-discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración outorgante.

c) Eficiencia na asignación de efectivos e na utilización de recursos públicos.

3. Para a concesión destas subvencións destinarase un crédito de 2.250.000,00 €, financiado con cargo ás aplicacións orzamentarias 44.06.751A.481.01 e 44.06.751A.781.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024, que se imputará da seguinte forma:

Unidade xerencial

44.06.751A.481.01

1.000.000,00 €

Fidelización, dixitalización e dinamización

44.06.751A.781.1

1.250.000,00 €

4. Esta cantidade poderase incrementar en función das solicitudes presentadas e de acordo coa dispoñibilidade de crédito cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito ou da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

O incremento de crédito quedará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

Nestes casos publicarase a ampliación de crédito polos mesmos medios que esta convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura do prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo de prazo para resolver.

Artigo 2. Solicitudes

Para poder ser entidade beneficiaria da subvención, deberá presentarse unha solicitude dirixida á Consellería de Emprego, Comercio e Emigración axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo IV desta orde, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 7 das bases reguladoras.

Artigo 3. Lugar e prazo de presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos, a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que se realice a emenda.

3. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

4. O prazo para presentar as solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao da publicación, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Artigo 4. Prazo de duración do procedemento de concesión

1. Unha vez recibidas as solicitudes, estas serán tramitadas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras, que non poderá ter unha duración superior a cinco meses, contados a partir do día seguinte ao do remate do prazo de presentación de solicitudes. Transcorrido o dito prazo para resolver sen que se dite resolución expresa, as entidades interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo, de conformidade co artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. As solicitudes presentaranse en prazo e cos requisitos establecidos nas bases reguladoras e nesta orde de convocatoria, e resolveranse atendendo á súa prelación temporal ata o esgotamento do crédito, do cal se dará a correspondente publicidade.

Para os efectos de determinar a prelación temporal, a data que se deberá ter en conta será a data e hora de presentación da solicitude. No caso de presentación de achegas ou de que a solicitude requira emenda, terase en conta a data e hora en que a persoa solicitante presente correctamente toda a documentación e a información requirida.

No caso de que máis dunha solicitude teña a mesma data de presentación, prevalecerá a solicitude cuxa data e hora de presentación sexa anterior segundo conste no Rexistro Electrónico Xeral e, en último caso, prevalecerá aquela á cal o sistema lle asignase automaticamente o número de entrada máis baixo.

3. As subvencións serán concedidas ata o esgotamento do crédito orzamentario, de acordo co establecido no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A proposta de concesión formularaa o órgano instrutor, que unicamente deberá comprobar a concorrencia dos requisitos para conceder a subvención.

Xustifícase a excepcionalidade porque nestes casos non é necesaria a comparación das solicitudes entre si, polo interese excepcional en promover actuacións que dinamicen e revitalicen os centros comerciais abertos da Comunidade Autónoma de Galicia, creando espazos confortables e de lecer que promovan o incremento da competitividade do comercio de proximidade, a incentivación do consumo e a satisfacción das necesidades da poboación, así como a xeración de puntos de atracción comercial nas cidades e vilas galegas.

Artigo 5. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas realizaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e, rexeitadas cando transcorran dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, realizarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 6. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrarlle á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que estean vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 7. Información ás entidades

Sobre este procedemento administrativo, que ten o código CO300A, poderase obter información a través dos seguintes medios:

1. Na Guía de procedementos e servizos da Xunta de Galicia, no enderezo https://sede.xunta.gal

2. Na páxina web oficial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.

3. Nos teléfonos 981 54 45 30 e 981 54 55 57 da Dirección Xeral de Comercio e Consumo.

4. No enderezo electrónico dxc.axudas.comercio@xunta.gal

Así mesmo, para cuestións xerais sobre este ou outro procedemento, poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia 012 (desde o resto do Estado 902 12 00 12).

De acordo co establecido no artigo 14.1, letra ñ), da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas beneficiarias quedan informadas cos datos consignados no modelo normalizado de solicitude dos aspectos básicos previstos no Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento dos seus datos persoais e á libre circulación destes datos (RXPD), e na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

Artigo 8. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as entidades interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Recursos

Contra a presente orde, que pon fin á vía administrativa, poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

1. Recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

2. Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición adicional única. Base de datos nacional de subvencións

De conformidade co establecido no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo serán comunicados á Base de datos nacional de subvencións.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Comercio e Consumo para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento e a aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de maio de 2024

José González Vázquez
Conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración

ANEXO I

Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións ás asociacións de comerciantes sen ánimo de lucro para
a dinamización dos centros comercias abertos de Galicia (código CO300A)

Artigo 1. Obxecto e réxime das subvencións

1. As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto a dinamización dos centros comerciais abertos de Galicia.

2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva e quedará suxeito ao réxime de axudas de minimis, polo que non poderán exceder os límites cuantitativos (300.000 € nun período de tres anos) establecidos no Regulamento (UE) 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 15.12.2023, serie L).

De conformidade coa antedita normativa, a axuda total de minimis concedida a unha única empresa non excederá os 300.000 € durante calquera período de tres anos. O concepto de única empresa inclúe todas as empresas que teñan, polo menos, un dos seguintes vínculos entre si:

a) Unha empresa posúe a maioría dos dereitos de voto de accionistas ou socios doutra empresa.

b) Unha empresa ten dereito a nomear ou a remover a maioría dos membros da administración, dirección ou control doutra empresa.

c) Unha empresa ten dereito a exercer unha influencia dominante sobre outra, en virtude dun contrato subscrito con ela ou unha cláusula estatutaria da segunda empresa.

d) Una empresa, accionista ou asociada a outra, controla en solitario, en virtude dun acordo subscrito con outros accionistas ou socios destes últimos, a maioría dos dereitos de voto dos seus accionistas.

As empresas que manteñan algunha das relacións previstas nas letras a) a d) a través doutra ou doutras empresas tamén terán a consideración de empresa única.

3. Con carácter xeral e de acordo co establecido no artigo 29.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, consideraranse subvencionables os gastos e os investimentos que, de xeito indubidable, respondan á natureza da actuación subvencionada.

En concreto, consideraranse subvencionables as actuacións previstas no artigo 5 destas bases reguladoras, sempre que sexan realizadas e efectivamente pagadas desde o 1 de novembro de 2023 ata o 31 de outubro de 2024.

Artigo 2. Financiamento e concorrencia

1. Para a concesión destas subvencións destinarase un crédito de 2.250.000,00 €, financiado con cargo ás aplicacións orzamentarias 44.06.751A.481.01 e 44.06.751A.781.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024, que se imputará da seguinte forma:

Unidade xerencial

44.06.751A.481.01

1.000.000,00 €

Fidelización, dixitalización e dinamización

44.06.751A.781.1

1.250.000,00 €

2. O importe das subvencións reguladas nesta orde en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras axudas e subvencións das distintas administracións ou calquera dos seus entes públicos e privados, nacionais ou internacionais, supere o custo total do investimento subvencionable.

3. As subvencións previstas nesta orde serán incompatibles con calquera outra da mesma ou distinta consellería para os mesmos conceptos subvencionables e a mesma persoa beneficiaria.

4. A natureza destas subvencións xustifica realizar pagamentos anticipados, que suporán entregas de fondos con carácter previo á xustificación, como financiamento necesario para poder levar a cabo as actuacións inherentes a elas de ata un 50 % da subvención concedida, nos termos establecidos no artigo 8 destas bases reguladoras.

Artigo 3. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nestas bases reguladoras e sempre que nas entidades solicitantes non concorra ningunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as asociacións de comerciantes de carácter territorial, sen ánimo de lucro, que estean legalmente constituídas e cuxo ámbito de actuación se desenvolva na Comunidade Autónoma de Galicia, e que leven a cabo proxectos de dinamización e incentivación do consumo de interese e transcendencia nos centros comerciais abertos definidos no artigo 24 da Lei 13/2010, do 17 de decembro, do comercio interior de Galicia.

En todo caso, as asociacións de comerciantes deberán ter unha antigüidade mínima de tres anos na data de publicación desta orde e estar ao día na obriga de aprobación das contas anuais pola xunta directiva nos dous últimos exercicios previos a esta orde de convocatoria (2021-2022).

2. Para os efectos desta orde, terán a consideración de centros comerciais abertos:

2.1. Centros comerciais abertos situados en concellos que teñan a consideración de grande cidade (A Coruña, Ferrol, Lugo, Santiago de Compostela, Ourense, Pontevedra e Vigo) que cumpran os seguintes requisitos:

a) Disporen dunha unidade de xestión profesionalizada. Para estes efectos, enténdese por xestión profesionalizada a disposición dunha unidade xerencial propia e permanente, que deberá ter contratada, mediante un contrato laboral, unha persoa física que desenvolva funcións de xestión, contabilidade, dinamización comercial, información e asesoramento ás persoas comerciantes durante o período comprendido entre o 1 de novembro de 2023 ata o 31 de outubro de 2024 de xeito continuado.

Para garantir o bo funcionamento da unidade xerencial, o/a xerente non poderá ser membro nin formar parte dos órganos de goberno e dirección da entidade asociativa solicitante nin formar parte dos órganos de goberno, dirección ou xerencia de ningunha outra asociación ou federación de comerciantes beneficiaria dalgunha das axudas postas en marcha pola Dirección Xeral de Comercio e Consumo durante os anos 2023 e 2024.

b) Teren unha delimitación territorial claramente definida dentro da área urbana do concello e integrar un dos principais eixes comerciais.

A delimitación territorial do centro comercial aberto comprenderá unha zona urbana claramente delimitada, continua e integrada por un eixe comercial, e deberá existir continuidade entre as rúas e prazas del.

Para estes efectos, considérase eixe comercial un conxunto de rúas, prazas ou avenidas, peonís ou non, cunha alta concentración comercial e diversidade de oferta de servizos e lecer.

A delimitación territorial será única e exclusiva para cada centro comercial aberto sen que en ningún caso poida ser coincidente ou compartir o mesmo espazo con outro existente.

No caso de delimitacións territoriais coincidentes, terá a condición de centro comercial existente o que obtivese a condición de centro comercial aberto nas convocatorias desta orde (CO300A) nos últimos cinco anos, sempre que cumpra os demais requisitos.

De non ter a condición de existente, terá preferencia o que teña asociados maior número de comercios retallistas na zona afectada.

c) Contaren cun mínimo de 50 comercios retallistas asociados na súa delimitación territorial e dados de alta na intranet da Dirección Xeral de Comercio e Consumo (plataforma Redic, Portal do comerciante galego).

d) Presentaren unha diversidade de oferta comercial, con predominio da oferta especializada en equipamento persoal.

e) Os comercios retallistas asociados deben representar, polo menos, o 50 % do número total de socios dados de alta na intranet da Dirección Xeral de Comercio e Consumo (plataforma Redic, Portal do comerciante galego).

f) Contaren con ingresos suficientes para asegurar a viabilidade económica-financeira da entidade.

Para estes efectos, considéranse suficientes os orzamentos que teñan ingresos procedentes de cotas dos asociados, subvencións da Administración local e achegas privadas que alcancen como mínimo o 40 % do investimento solicitado para a unidade xerencial, segundo o declarado no anexo VII.

2.2. Os centros comerciais abertos situados no resto de concellos que cumpran cinco dos seis requisitos seguintes, e serán de obrigado cumprimento os requisitos das letras a) e c):

a) Disporen dunha unidade de xestión profesionalizada. Para estes efectos enténdese por xestión profesionalizada a disposición dunha unidade xerencial propia e permanente que deberá ter contratada, mediante un contrato laboral, unha persoa física que desenvolva funcións de xestión, contabilidade, dinamización comercial, información e asesoramento ás persoas comerciantes, durante o período comprendido entre o 1 de novembro de 2023 ata o 31 de outubro de 2024 de xeito continuado.

Para garantir o bo funcionamento da unidade xerencial, o/a xerente non poderá ser membro nin formar parte dos órganos de goberno e dirección da entidade asociativa solicitante nin formar parte dos órganos de goberno, dirección ou xerencia de ningunha outra asociación ou federación de comerciantes beneficiaria dalgunha das axudas postas en marcha pola Dirección Xeral de Comercio e Consumo durante os anos 2023 e 2024.

b) A delimitación territorial do centro comercial aberto debe integrar o principal eixe comercial da trama urbana do concello.

Para estes efectos, considérase eixe comercial o conxunto de rúas, prazas ou avenidas, peonís ou non, cunha alta concentración comercial e diversidade de oferta de servizos e lecer.

c) Contaren cun mínimo de 50 comercios retallistas asociados na súa delimitación territorial e dados de alta na intranet da Dirección Xeral de Comercio e Consumo (plataforma Redic, Portal do comerciante galego).

d) Presentaren unha diversidade de oferta comercial, con predominio da oferta especializada en equipamento persoal.

e) Os comercios retallistas asociados deben representar, polo menos, o 50 % do número total de socios dados de alta na intranet da Dirección Xeral de Comercio e Consumo (plataforma Redic, Portal do comerciante galego).

f) Que estean situados en concellos cunha poboación superior aos 10.000 habitantes, de acordo co establecido na normativa pola que se declaren oficiais as cifras de poboación resultantes da revisión do padrón municipal referidas ao 1 de xaneiro de 2023.

3. Unicamente no caso dos concellos das sete grandes cidades, poderá recoñecerse como beneficiaria desta orde máis dunha asociación de comerciantes que leve a cabo proxectos de dinamización e incentivación do consumo en centros comerciais abertos no mesmo termo municipal.

No resto dos concellos non poderá existir no termo municipal máis dun centro comercial aberto.

O número de centros comerciais abertos nas sete grandes cidades vén determinado polo número de comercios retallistas (CNAE 47) existentes no concello segundo os datos publicados polo IGE (ano 2022), nunha proporción de 550 comercios retallistas por cada centro comercial aberto.

4. Para os efectos do cumprimento dos requisitos previstos nas letras c) e e) dos números 2.1 e 2.2 e dos tramos establecidos no artigo 5, teranse en conta os comercios retallistas incluídos nos IAE establecidos no anexo II e os salóns de peiteado que estean situados no concello e dados de alta como asociados na Redic, nos termos previstos no artigo 5.2 e 6 destas bases reguladoras.

5. Non poderán ser beneficiarias destas axudas as empresas en crise, conforme a definición prevista no artigo 2, número 18, do Regulamento (UE) 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (DOUE do 26 de xuño de 2014, L 187/1).

Artigo 4. Rede de dinamización comercial (Redic)

1. A Rede de dinamización comercial (Redic), como instrumento da Xunta de Galicia para impulsar a dinamización comercial, servirá de plataforma habilitada pola Dirección Xeral de Comercio e Consumo para que os centros comerciais abertos acrediten o cumprimento dos requisitos da súa representatividade do sector comercial.

2. Para estes efectos, na plataforma Redic o centro comercial aberto deberá dar de alta como asociados os comercios retallistas e o resto dos integrantes da asociación, con indicación respecto a cada un deles da seguinte información:

• Nome e apelidos ou razón social.

• NIF.

• Nome comercial.

• Enderezo.

• Datos de contacto (número de teléfono e correo electrónico).

• Datos comerciais (IAE principal e categoría comercial).

Esta información é obrigatoria, agás os datos de contacto.

Ademais, no caso de centros comerciais abertos situados nas sete grandes cidades, cada comerciante retallista deberá validar a súa condición de asociado na plataforma Redic.

3. Para o cumprimento dos requisitos previstos nas letras c) e e) dos números 2.1 e 2.2 do artigo 3 e dos tramos establecidos no artigo 6, só se terán en conta os comercios retallistas incluídos nos IAE establecidos no anexo II e os salóns de peiteado situados na delimitación territorial correspondente que estean dados de alta como asociados na plataforma Redic e validados como asociados no caso dos centros comerciais abertos nas grandes cidades.

4. A relación de asociados que se terá en conta para os efectos do disposto no número 3 será a que conste actualizada na plataforma Redic como máximo na data de finalización do prazo previsto para a presentación de solicitudes no artigo 3.4 da convocatoria.

Artigo 5. Actuacións subvencionables

1. Actuacións subvencionables.

Consideraranse subvencionables os proxectos que teñan por finalidade lograr a dinamización e a revitalización dos centros comerciais abertos a través das seguintes actuacións:

a) Dinamización comercial.

b) Fidelización de clientela.

c) Dixitalización.

d) Unidade xerencial.

Dentro de cada actuación, consideraranse subvencionables as seguintes actividades:

a) Dinamización comercial:

– Campañas de dinamización comercial desenvolvidas no marco dun proxecto de incentivación do consumo ou de atracción de clientes, habituais ou potenciais, que conten coa participación directa dos comercios asociados e das persoas consumidoras.

– Organización de feiras de oportunidades ou eventos de promoción comercial.

Os gastos subvencionables por cada actividade son os seguintes:

• Os servizos profesionais externos para o deseño e a posta en marcha da campaña.

• O alugamento de medios técnicos (toldos e análogos, son e imaxe).

• Os seguros de responsabilidade civil derivados da campaña.

• A publicidade nos medios de comunicación (prensa, radio e televisión) directamente vinculada coa campaña.

• O material de promoción e difusión da campaña (cartelaría, folletos, vídeos e outro material promocional en liña e para as redes sociais).

Investimentos máximos subvencionables:

Os regalos promocionais terán un investimento máximo subvencionable de 5.000,00 € para o tramo a), 3.000,00 € para o tramo b) e 1.500,00 € para o tramo c), conforme o establecido no artigo 6.2 destas bases reguladoras. En todo caso, os regalos promocionais deben estar asociados a unha actividade concreta de dinamización e vinculados a unha venda.

A impresión de cartelaría e folletos terá o mesmo investimento máximo subvencionable previsto no parágrafo anterior para cada tramo.

b) A fidelización de clientela:

– Tíckets de aparcadoiro. En todo caso, os tíckets de aparcadoiro deben estar vinculados a unha venda.

Investimento máximo subvencionable: 7.000,00 € para o tramo a), 5.000 € para o tramo b) e 3.000 € para o tramo c), conforme o establecido no artigo 6.2 destas bases reguladoras.

c) Dixitalización:

• A loxística e-commerce: gastos de envío en liña, realizados como un servizo adicional á clientela que presta e xestiona de forma conxunta a unidade xerencial, mediante a sinatura dun acordo ou contrato cun ou con varios provedores de empresas loxísticas.

Investimento máximo subvencionable: 2.000,00 €.

• O mantemento dos marketplace, que deben reunir as características técnicas e as condicións legais previstas no anexo III e non estar integrados nunha plataforma conxunta ou compartida con outras entidades. A participación nos marketplace dos comercios asociados non suporá ningún custo adicional para estes. Todos os comercios adheridos ao marketplace deberán ter produtos dispoñibles e en stock actualizado para a venda.

Investimento máximo subvencionable: 1.500,00 €.

• Mantemento e produción de contidos de mupis dixitais, interactivos ou non, de sinalización e promoción das áreas comerciais en espazos públicos que foron concedidos no ano 2023 a través do procedemento CO300G.

Investimento máximo subvencionable: 1.500,00 €.

• Dominio e mantemento e hosting da web do centro comercial aberto.

Investimento máximo subvencionable: 500,00 €.

• Xestor de redes sociais:

Investimento máximo subvencionable: 1.200,00 €.

• Creación e/ou mantemento de APP de fidelización (puntos de desconto ou similares).

Investimento máximo subvencionable: 2.000,00 €.

d) A unidade xerencial: só serán admisibles como gastos subvencionables os custos de persoal (salario e seguridade social) e de funcionamento das unidades xerenciais que cumpran os requisitos establecidos no artigo 3.2 destas bases reguladoras, sempre que sexan indispensables para a formulación, a execución e o seguimento do proxecto obxecto da subvención.

Só serán subvencionables por este concepto aqueles proxectos con investimentos imputados á subvención que inclúan, como mínimo, unha actividade das previstas na letra a) deste número cada dous meses (novembro-decembro, xaneiro-febreiro, marzo-abril, maio-xuño, xullo-agosto e setembro-outubro) dentro todo do período subvencionable que vai desde o 1 de novembro de 2023 ata o 31 de outubro de 2024. Non se poderá incluír a mesma actividade en dous tramos de dous meses diferentes, agás na campaña de Nadal e Reis.

Sen prexuízo do anterior, establécese un investimento máximo subvencionable para os seguintes gastos:

– Material de oficina: 1.250,00 €.

– Asesoría externa: 1.250,00 €.

– Teléfono e internet: 1.500,00 €.

Os gastos financeiros, os de asesoría xurídica ou financeira, os gastos notariais e rexistrais, periciais e os gastos de garantía bancaria poderán ser subvencionables se están directamente relacionados coa actividade subvencionada e son indispensables para a adecuada preparación ou execución desta.

2. Gastos e actuacións non subvencionables:

Con carácter xeral, non se considerarán subvencionables :

– Os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación nin os impostos persoais sobre a renda, segundo o artigo 29.8 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

– As actuacións ou, de ser o caso, os gastos asociados a actuacións que non inclúan a publicidade do financiamento do proxecto pola Xunta de Galicia, de acordo co establecido nos artigos 17.h) e 18 destas bases reguladoras.

– Aqueles investimentos non incluídos na solicitude (tanto no anexo V como na memoria) ou dos cales non se presente a documentación económica completa de acordo co establecido no artigo 6 destas bases reguladoras.

– Os gastos concertados con entidades ou persoas vinculadas ao persoal xestor ou, de ser o caso, aos órganos directivos, de acordo co establecido no artigo 19 destas bases reguladoras.

Así mesmo, non se considerarán subvencionables:

Respecto da dinamización comercial:

– As campañas de dinamización, promoción ou calquera outra actuación que teña exclusivamente por finalidade o patrocinio, a colaboración ou a axuda económica que comporten actividades lúdicas, turísticas, de exaltación gastronómica, deportivas ou similares, sen relación co fomento da actividade comercial e sen a participación directa dos establecementos comerciais asociados.

– As accións de animación comercial, tales como pasarrúas, actuacións infantís, animacións musicais, etc. que non estean vinculadas a unha campaña específica de dinamización comercial prevista no número 1, letra a).

– Os premios resultantes de sorteos ou de calquera outra combinación aleatoria.

– A realización de cócteles e actos análogos.

– As bolsas comerciais.

– A edición e a publicación de revistas, xornais e medios análogos, en soporte físico ou dixital.

– Os regalos promocionais que non leven incluída a publicidade da Xunta de Galicia, nos termos establecidos nos artigos 17.h) e 18 destas bases reguladoras.

– A publicidade xenérica do centro comercial aberto ou das campañas dirixidas á captación de asociados.

– Os servizos de ludoteca ou gardaría.

Respecto da fidelización de clientela:

– Os tíckets de aparcadoiro en aparcadoiros públicos municipais.

– Os tíckets que non estean facturados directamente pola empresa de aparcadoiro.

Respecto da unidade xerencial:

– Os seguros e os sistemas de alarma (instalación e mantemento).

– Os cursos de formación e prevención de riscos laborais.

– As reformas, mantementos e gastos de comunidade.

– O material COVID e as subscricións a calquera tipo de publicación.

– Calquera axuda de custo e desprazamentos, agás no caso de cursos de formación dirixidos á unidade xerencial promovidos pola Dirección Xeral de Comercio e Consumo.

– Gastos inventariables e calquera outro gasto que non sexa indispensable nin estea directamente relacionado co obxecto da subvención.

Artigo 6. Investimentos máximos subvencionables

1. A porcentaxe da subvención acadará o 80 % dos investimentos máximos subvencionables, sen que en ningún caso o custo da adquisición dos gastos subvencionables poida ser superior ao valor de mercado.

2. O investimento máximo subvencionable modúlase en tres tramos en función do número de comercios asociados incluídos nos IAE establecidos no anexo II, incluídos os salóns de peiteado, segundo os datos obtidos da intranet habilitada pola Dirección Xeral de Comercio e Consumo a través da base de datos da plataforma Redic, Portal do comerciante galego.

a) 65.000,00 € para os centros comerciais abertos que teñan 100 ou máis comercios asociados.

b) 55.000,00 € para os centros comerciais abertos que teñan entre 99 e 70 comercios asociados.

c) 40.000,00 € para os centros comerciais abertos que teñan entre 69 e 50 comercios asociados.

3. Do investimento máximo subvencionable establecido para cada tramo destinarase un mínimo do 55 % para as actuacións recollidas nas letras a), b) e c) do número 1 do artigo 5 destas bases reguladoras e un máximo do 45 % para as actuacións da letra d) do mesmo número (unidade xerencial) segundo a seguinte desagregación:

Tramo

Número de comercios asociados

Subvención total: 80 %

Actuacións das letras a),
b) e c): mínimo 55 %

Unidade xerencial: máximo 45 %

Investimento máximo (€)

Subvención (€)

Investimento máximo (€)

Subvención (€)

Investimento máximo (€)

Subvención (€)

a

>=100

65.000,00

52.000,00

35.750,00

28.600,00

29.250,00

23.400,00

b

99-70

55.000,00

44.000,00

30.250,00

24.200,00

24.750,00

19.800,00

c

69-50

40.000,00

32.000,00

22.000,00

17.600,00

18.000,00

14.400,00

4. O investimento solicitado non poderá exceder o investimento máximo establecido para cada tramo e, en todo caso, deberá respectar a porcentaxe mínima do 55 % para as actuacións contidas nas letras a), b) e c) do número 1 do artigo 5 destas bases reguladoras e máxima do 45 % para as actuacións da unidade xerencial da letra d). En caso de incumprimento, instarase a entidade solicitante para que, no prazo de dez días, reformule a súa solicitude e axuste o investimento solicitado ao establecido nas bases reguladoras, coa advertencia de que, de non facelo, se entenderá que desiste da súa solicitude.

No caso de que o investimento solicitado nas actuacións das letras a), b) e c) sexa diminuído porque algún dos gastos imputados non sexa subvencionable e non acade o mínimo do 55 %, a unidade xerencial reducirase proporcionalmente ata cumprir co máximo do 45 %.

Artigo 7. Documentación complementaria

1. As entidades interesadas deberán achegar coa solicitude, anexo IV, a seguinte documentación:

a) Acta, escritura ou documento de constitución, estatutos e, se é o caso, modificación deles, e acreditación da súa inscrición no rexistro correspondente. A referida documentación deberá acreditar que entre os seus fins abrangue a promoción e defensa do sector comercial e o seu ámbito non é superior ao termo municipal onde estea situado o centro comercial aberto, ou na súa falta, a acreditación de estar iniciados os trámites para realizar as correspondentes modificacións.

b) Documento acreditativo de poder cumprido para actuar ante a Administración da persoa representante legal da entidade solicitante.

c) Composición actualizada da xunta directiva da entidade asociativa onde figure a data de nomeamento dos distintos membros.

d) Orzamento do exercicio corrente da entidade asociativa aprobado polo órgano competente segundo o anexo VII.

e) Certificado de ter aprobadas as contas anuais pola xunta directiva da entidade asociativa nos exercicios 2021 e 2022 segundo o anexo VIII. Deberase presentar un certificado por cada ano.

f) Copia da acta da sesión en que se lles informe ás persoas comerciantes asociadas do proxecto para o cal se solicita a subvención.

g) Memoria asinada do proxecto de dinamización e incentivación do consumo, que deberá incluír, polo menos, respecto de cada unha das actuacións para as cales se solicita a subvención:

– A denominación da actividade.

– A descrición individualizada, pormenorizada e detallada da actividade, con indicación dos seus obxectivos xerais e específicos.

– A localización e datas previstas para a súa realización.

– O número e as características dos/das participantes e beneficiarios/as.

– O orzamento total do investimento, con indicación das fontes de financiamento e, de ser o caso, a porcentaxe e contías achegadas por cada unha das partes.

– O orzamento desagregado e detallado do investimento solicitado coa relación das facturas ou, na súa falta, facturas pro forma dos gastos que se imputan a cada unha das actividades, con identificación do número de orde e concepto segundo o anexo V.

– No caso de actuacións de tíckets de aparcadoiro a memoria deberá describir a dinámica de emprego dos tíckets, de tal forma que quede garantida a rastrexabilidade da compra pola persoa consumidora e a entrega do tícket polo comerciante.

Así mesmo, deberanse especificar os comercios participantes, o número de bonos ou tíckets emitidos, o número de bonos entregados a cada un deles, o custo unitario de cada tícket, e calquera outra información relevante.

h) Anexo V co orzamento detallado dos gastos previstos para realizar cada unha das actividades para as cales se solicita a subvención, e facturas ou, na súa falta, facturas pro forma das actividades ou adquisicións para as cales se solicita a subvención.

Non terán a consideración de orzamentos as estimacións de gastos realizadas pola entidade solicitante e que carezan do soporte da oferta do provedor ou tarifa oficial do gasto, nin se admitirán aqueles orzamentos que non presenten a suficiente desagregación para determinar o carácter subvencionable dos conceptos relacionados nel.

Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, para o contrato menor, a entidade beneficiaria deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren, ou agás que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.

A elección entre as ofertas presentadas, que deberá achegarse na xustificación, realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía e deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

Non serán admisibles as ofertas emitidas por provedores que non teñan a capacidade para a subministración do ben ou servizo ou que semellen de compracencia (contido e formato idénticos ou extremadamente similares entre ofertas, erros idénticos ou aparencia non habitual, entre outros).

As ofertas presentadas e os provedores elixidos detallados no anexo V supoñen unha documentación vinculante para o desenvolvemento do proxecto no caso de ser entidade beneficiaria da axuda.

Non se considerarán subvencionables, parcial ou totalmente, aqueles investimentos dos cales non se presente documentación económica completa conforme o aquí recollido.

i) Formalización do anexo VI relativo á unidade xerencial, acompañado da documentación que nel se sinala:

– Copia do contrato ou contratos da persoa xerente.

– Copia do curriculum da persoa xerente.

No caso de que se produza algún cambio na unidade xerencial, deberá comunicárselle á Dirección Xeral de Comercio e Consumo. Se este cambio supón a substitución da persoa xerente, terase que presentar a documentación detatallada nesta letra j) e na letra k) do novo xerente.

j) Declaración de non vinculación da persoa xerente nos termos establecidos no artigo 19 destas bases reguladoras.

k) Informe da mesa local de comercio sobre o proxecto de dinamización comercial obxecto da solicitude da subvención, de conformidade co disposto no artigo 3.b) do Decreto 183/2011, do 15 de setembro, polo que se regulan as mesas locais de comercio ou, de ser o caso, a solicitude do dito informe dentro do prazo de presentación de solicitudes.

l) Plano coa delimitación do centro comercial aberto, coa indicación das rúas e prazas que conforman os principais eixes comerciais e coa concreción das rúas, prazas ou avenidas que conforman o seu perímetro.

m) Copia da solicitude de tres ofertas de diferentes provedores, no caso de que exista vinculación coa entidade solicitante, no termos establecidos no artigo 19 destas bases reguladoras.

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á entidade interesada a súa achega.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

4. As entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

6. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 8. Pagamento anticipado

1. As entidades beneficiarias poderán solicitar, no prazo de dez días hábiles desde a notificación da concesión da subvención, o pagamento anticipado, que suporá entregas de fondos con carácter previo á xustificación como financiamento necesario para poder levar a cabo as actuacións inherentes á subvención de ata un 50 % da subvención concedida, coa obriga de constituír garantía no caso de subvencións superiores a 18.000,00 €, nos termos previstos a continuación.

2. A garantía constituirase mediante seguro de caución prestado por entidade aseguradora ou mediante aval solidario de entidade de crédito ou sociedade de garantía recíproca, que deberá alcanzar como mínimo ata os dous meses seguintes á finalización do prazo de xustificación previsto nas bases reguladoras ou na convocatoria.

A garantía deberá cubrir o 110 % do importe das cantidades aboadas á conta ou das cantidades anticipadas, calquera que sexa o prazo de xustificación previsto na convocatoria.

Unicamente serán admisibles as garantías presentadas por terceiros cando a persoa fiadora preste fianza con carácter solidario, con renuncia expresa ao dereito de excusión.

O avalista ou asegurador será considerado parte interesada nos procedementos que afecten directamente a garantía prestada nos termos previstos na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

A garantía deberá constituírse na Caixa Xeral de Depósitos da Comunidade Autónoma de Galicia ou nas súas sucursais, situadas nas delegacións territoriais da consellería competente en materia de facenda.

3. As entidades interesadas deberán achegar xunto coa solicitude de anticipo, anexo IX, a declaración doutras axudas, anexo XI, debidamente asinadas, e no caso de que a subvención concedida sexa superior a 18.000,00 € deberán achegar, ademais, o xustificante orixinal do depósito da garantía na Caixa Xeral de Depósitos.

A concesión do anticipo realizarase mediante resolución motivada do órgano correspondente.

En ningún caso poderán realizarse pagamentos anticipados a entidades beneficiarias cando solicitasen a declaración de concurso, fosen declaradas insolventes en calquera procedemento ou estean declaradas en concurso, salvo que neste adquirise a eficacia un convenio, estean suxeitas a intervención xudicial ou sexan inhabilitadas conforme a Lei 22/2003, do 9 de xullo, concursal, sen que concluíse o período de inhabilitación fixado na sentenza de cualificación do concurso.

Artigo 9. Comprobación de datos

1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa representante da entidade solicitante.

b) NIF da entidade solicitante.

c) Certificado de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

d) Certificado de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Tesouraría Xeral de Seguridade Social.

e) Certificado de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Atriga.

f) Consulta de concesións de subvencións e axudas.

g) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

h) Consulta de concesións pola regra de minimis.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario e achegar os documentos pertinentes. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa solicitante ou persoa representante para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 10. Órganos competentes

A Dirección Xeral de Comercio e Consumo será o órgano competente para instruír o procedemento de concesión da subvención, así como para realizar a proposta de resolución, e corresponderalle á persoa titular da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración ditar a resolución que corresponda, sen prexuízo da delegación noutros órganos.

Artigo 11. Instrución dos procedementos

1. As axudas concederanse baixo o réxime de concorrencia non competitiva xa que polo seu obxecto non é preciso realizar unha comparación e determinar unha orde de prelación entre as entidades solicitantes. De acordo co establecido nos artigos 19.2 e 31.4 da Lei 9/2007, o órgano competente para tramitar o procedemento instruirá os expedientes seguindo rigorosamente a orde de presentación das solicitudes e concederalles a subvención en actos sucesivos, ata o esgotamento do crédito, a todas aquelas entidades beneficiarias que cumpran cos requisitos.

2. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria, requirirase a entidade interesada para que, no prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se terá por desistida da súa solicitude, logo da correspondente resolución ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Este requirimento de emenda tamén se fará se, das certificacións obtidas de conformidade co artigo 9.1 destas bases reguladoras resulta que a entidade solicitante non está ao día no pagamento das súas obrigas tributarias co Estado, coa Comunidade Autónoma ou coa Seguridade Social, ou no suposto de que sexa necesario achegar calquera outra documentación, logo de aplicarse o disposto na letra d) do artigo 53.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. Sen prexuízo do disposto nos parágrafos anteriores, o órgano instrutor poderá realizar de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución, e poderá requirir a entidade solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para tramitar e resolver o procedemento.

4. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases reguladoras ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na cal se indicarán as causas desta.

En todo caso, non se admitirán a trámite e ditarase a resolución de inadmisión e arquivamento das solicitudes que se presenten fóra do prazo establecido no artigo 3 da orde de convocatoria.

Artigo 12. Audiencia

1. Instruído o procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, poráselles de manifesto ás entidades interesadas para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e as xustificacións que consideren pertinentes.

2. Porén, poderase prescindir do trámite a que se refire o punto anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polas entidades interesadas.

Artigo 13. Resolución e notificación

1. Unha vez concluído o trámite de audiencia, o órgano instrutor formulará a proposta de resolución, que será elevada á persoa titular da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.

2. A persoa titular da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, á vista da proposta, ditará a correspondente resolución, que deberá estar debidamente motivada e expresará, cando menos, a actuación que se subvenciona e o seu custo, así como a subvención concedida e a súa contía ou, se é o caso, a causa de denegación.

A dita resolución será publicada na páxina web da consellería e notificada individualmente ás entidades beneficiarias, de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Non obstante, e de conformidade co establecido no artigo 45 da mesma lei, poderase substituír a notificación individual pola publicación no Diario Oficial de Galicia.

En ningún caso o importe das subvencións concedidas poderá superar o custo da actividade que desenvolverá a entidade beneficiaria ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable legalmente establecida.

3. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución ás entidades interesadas será de cinco meses, contados a partir do día seguinte ao do remate do prazo de presentación de solicitudes. Se transcorre o prazo máximo para resolver sen que se dite resolución expresa, as entidades interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo, de conformidade co artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Nas notificacións comunicarase o importe previsto da axuda, expresado en equivalente bruto de subvención, e o seu carácter de axuda de minimis en aplicación do Regulamento (UE) 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 15.12.2023, serie L).

5. As resolucións de inadmisión ou desestimación de solicitudes notificaranse individualmente con indicación das súas causas. Non obstante, poderase substituír a dita notificación individual pola publicación no Diario Oficial de Galicia, coa indicación de que as entidades non beneficiarias consulten a información detallada da súa resolución nun taboleiro da citada web.

Artigo 14. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro da correspondente orde de convocatoria porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as entidades interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta é expresa. Se a resolución non é expresa, a entidade solicitante e outras posibles persoas interesadas poderán interpor recurso de reposición en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que a resolución debería ter sido ditada.

b) Recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta é expresa, ou de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 15. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderán dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. O órgano competente para a concesión da subvención poderá acordar a modificación da resolución por instancia da entidade beneficiaria, sempre que se cumpran os seguintes requisitos:

a) Que a modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade das normas ou bases reguladoras.

b) Que se acredite a inexistencia de prexuízos a terceiros.

c) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de ter concorrido na concesión inicial, non supoñan a denegación da axuda ou subvención.

3. A entidade beneficiaria deberá solicitar a modificación mediante instancia dirixida á persoa titular da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración acompañada da documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos sinalados no punto anterior, cun límite de 10 días hábiles antes da data de finalización do prazo de xustificación do investimento subvencionado, sen prexuízo do disposto no artigo 59 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. O acto polo cal se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado polo órgano concedente despois da instrución do correspondente expediente, en que se lles dará audiencia ás entidades interesadas na forma prevista no artigo 12 destas bases reguladoras.

Artigo 16. Renuncia

A renuncia á subvención, debidamente motivada, poderase facer por calquera medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

A persoa titular da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 21.1 da mesma lei.

Artigo 17. Obrigas das entidades beneficiarias

Son obrigas das entidades beneficiarias:

a) Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

b) Xustificar ante o órgano concedente ou a entidade colaboradora, se é o caso, o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o desfrute da subvención.

c) Someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o órgano concedente ou a entidade colaboradora, se é o caso, así como a calquera outra actuación de comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos como estatais ou comunitarios, para o cal se achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

d) Comunicarlle ao órgano concedente ou á entidade colaboradora, se é o caso, a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, con especificación das axudas de minimis obtidas para os efectos de poder comprobar o cumprimento do límite cuantitativo a que fai referencia o artigo 1.2 destas bases reguladoras. Así mesmo, comunicar a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención.

Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

e) Acreditar con anterioridade a que se dite a proposta de resolución de concesión que está ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, nos termos previstos no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

f) Dispor dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á entidade beneficiaria en cada caso.

g) Conservar os documentos xustificativos da aplicación de fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

h) Adoptar as medidas de difusión contidas no número 3 do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como no artigo 20 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, de desenvolvemento desta, e no artigo 18 destas bases reguladoras.

i) Reintegrar os fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

j) Manter os investimentos subvencionados coa axuda outorgada e a aplicación dos fondos recibidos durante un período de dous anos desde a súa concesión, agás nos casos en que pola súa natureza as actuacións teñan carácter de gasto corrente ou se esgoten co seu uso.

k) Participar as persoas que ocupen a xerencia nos cursos formativos que, en materia de xestión de centros comerciais abertos promova, de ser o caso, a Xunta de Galicia.

l) Comunicarlle con antelación suficiente á Dirección Xeral de Comercio e Consumo os actos de presentación das campañas promocionais para os efectos da asistencia, de ser o caso, dunha persoa representante da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.

m) Cumprir coas obrigas de información contidas na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

n) Conservar un exemplar de cada material promocional que forme parte do proxecto financiado coa imaxe corporativa institucional da Xunta de Galicia durante un período de 2 anos.

ñ) Os contidos da publicidade e imaxe do material promocional ou subidos á internet de todos os proxectos subvencionados evitarán calquera imaxe discriminatoria da muller e fomentarán a igualdade. Así mesmo, evitarase o uso dunha linguaxe sexista en todos os textos.

Artigo 18. Obrigas específicas de publicidade

As entidades beneficiarias deberán dar a adecuada publicidade do carácter público do financiamento en todas as actuacións que deriven da execución do proxecto, en cumprimento do artigo 15.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

En concreto, as entidades beneficiarias deberán facer constar o cofinanciamento da Xunta de Galicia a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, en todas as actuacións, actividades e materiais que formen parte do proxecto financiado ao abeiro desta orde de axudas, coa inserción da imaxe corporativa institucional básica da Xunta de Galicia, de conformidade co establecido no Decreto 112/2021, do 22 de xullo, polo que se aproba o uso dos elementos básicos da identidade corporativa da Xunta de Galicia.

Estas medidas deberán adecuarse ao obxecto subvencionado, tanto na súa forma como na súa duración. No caso de comunicacións ou notas informativas en medios de comunicación, deberá incluírse a referencia de que a actuación foi subvencionada pola Xunta de Galicia.

Artigo 19. Subcontratación

Enténdese que unha entidade beneficiaria subcontrata cando concerta con terceiros a execución total ou parcial da actividade que constitúa o obxecto da subvención. Queda fóra deste concepto a contratación daqueles gastos en que teña que incorrer a entidade beneficiaria para realizar por si mesma a actividade subvencionada.

Será de aplicación o disposto nos artigos 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e 43 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

As persoas ou entidades subcontratadas non poderán estar vinculadas coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos, salvo que concorran as seguintes circunstancias:

– Que a contratación se realice de acordo coas condicións normais de mercado. Para estes efectos, no caso de gastos superiores a 1.500 euros, o prezo de mercado acreditarase coa presentación doutros dous orzamentos.

– Que se solicite e conceda a súa autorización previa.

A solicitude de autorización e a súa xustificación presentaranse xuntas na fase de solicitude da subvención.

A unidade xerencial non poderá estar vinculada con contratistas ou subcontratistas para a execución total ou parcial das actividades obxecto da subvención. Para estes efectos, considerarase que existe vinculación nos supostos previstos no artigo 43.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

En ningún caso a persoa beneficiaria poderá subcontratar a execución total ou parcial do proxecto presentado con entidades que non realicen por si mesmas e directamente as actuacións obxecto da subvención.

Artigo 20. Xustificación da subvención

1. O pagamento da subvención quedará condicionado á presentación, na forma sinalada no artigo 8 da convocatoria e ata o 31 de outubro de 2024, da seguinte documentación:

a) Memoria asinada de actuación xustificativa do cumprimento do proxecto de dinamización e incentivación do consumo, que deberá incluír, polo menos, respecto de cada unha das actuacións realizadas:

– A denominación da actuación.

– A descrición individualizada, pormenorizada e detallada da actuación realizada, con indicación da valoración dos resultados obtidos segundo os obxectivos xerais e específicos sinalados na memoria da solicitude.

– A localización e datas da súa realización.

– O número e características dos/das comercios participantes e persoas beneficiarias.

– O orzamento total do investimento, con indicación das fontes de financiamento e, de ser o caso, a porcentaxe e contías achegadas por cada unha das partes.

– O orzamento desagregado e detallado do investimento realizado coa relación das facturas dos gastos que se imputan a cada unha das actividades, con identificación do número de orde e concepto segundo o anexo X.

No caso de actuacións de tíckets de aparcadoiro, a memoria deberá describir a dinámica de emprego dos tíckets, de tal forma que quede garantida a rastrexabilidade da compra pola persoa consumidora e a entrega do tícket polo comerciante, así como do seu uso efectivo no aparcadoiro correspondente.

Así mesmo, deberanse especificar os comercios participantes, o número de bonos ou tíckets emitidos, o número de bonos entregados a cada un deles, o custo unitario de cada tícket, así como calquera outra información que se considere necesaria para a súa xustificación.

De ser o caso, documentación acreditativa da adquisición de bonos ou horas de aparcadoiro en condicións económicas máis vantaxosas que as ofrecidas ao público en xeral.

– Contrato ou acordo asinado da loxística (comercio electrónico e-commerce), dos gastos de envío en liña subscrito coa/s empresa/s de loxística que prestan o servizo.

b) Xustificantes dos investimentos:

Os gastos xustificaranse mediante a presentación das facturas dos provedores, que deberán cumprir os requisitos establecidos no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o regulamento que establece as obrigas de facturación, e demais documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico-mercantil e con eficacia administrativa.

Cando a entidade beneficiaria non dispoña de facturas electrónicas para a xustificación da subvención, deberá achegar unha copia dos documentos orixinais en papel, de acordo cos procedementos que establece a normativa vixente.

As facturas deberán estar emitidas dentro do período comprendido entre a data de inicio do proxecto e a data límite de xustificación do proxecto, agás as xustificacións de setembro e outubro da Seguridade Social, no caso de imputarse. Xuntarase relación nominativa de facturas, agrupadas e ordenadas por actuacións subvencionables, e farase constar para cada documento o seu número de orde, que deberá coincidir coa da relación enviada xunto coa solicitude, data de expedición, expedidor, concepto, importe en euros e data de pagamento, segundo o anexo X.

A xustificación dos pagamentos acreditarase a través de transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto de pagamento. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento. Non se admitirán os pagamentos en efectivo.

Así mesmo, non se admitirán como xustificantes os obtidos a través da internet se non están validados pola entidade bancaria ou dispoñen de códigos para a súa verificación por terceiros na sede electrónica da dita entidade bancaria.

En canto á documentación xustificativa de pagamento da nómina de outubro e do pagamento da Seguridade Social dos meses de setembro e outubro, no caso de imputarse e de non se dispor dela antes da finalización do prazo de xustificación, deberase facer constar na memoria e presentarse tan pronto como se teña no seu poder.

c) Para as actuacións de dinamización, fidelización e dixitalización, deberá achegarse material fotográfico que evidencie a realización de cada unha das actividades segundo a descrición da memoria e que amose, de forma clara e inequívoca, o cumprimento das obrigas de publicidade do financiamento do proxecto, de acordo co establecido nos artigos 17.h) e 18 destas bases reguladoras.

No caso de publicidade en medios de comunicación, achegarase un cartafol coa dita publicidade nos medios escritos e un certificado das emisións nos medios radiofónicos e audiovisuais asociadas a cada campaña.

d) Certificación, do órgano que teña atribuídas as facultades, da aplicación dos fondos á finalidade para a cal foron concedidos.

e) Anexo XI coa declaración actualizada do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para a actividade obxecto desta orde, das distintas administracións públicas competentes ou de calquera dos seus organismos, entes ou sociedades. Farase mención expresa de calquera outra axuda de minimis recibida durante os tres anos anteriores, así como a declaración da entidade solicitante de non estar incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

f) Anexo XI coa declaración responsable de estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións.

g) Certificacións expedidas polos organismos competentes acreditativas de estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda por ningún concepto coa Atriga, no caso que a entidade solicitante denegase expresamente a autorización ao órgano xestor para que solicite de oficio estas certificacións.

h) Relación nominal das persoas traballadoras, documento RNT e relación de liquidación de cotizacións, documento RLC, no caso de imputar gastos de seguridade social da persoa xerente.

Se non se dispón dos documentos correspondentes aos meses de setembro e outubro, poderanse achegar tan pronto como se teñan no seu poder, e farase constar así na memoria.

i) Anexo XII coa información relativa aos indicadores de actuación.

j) De ser o caso, os tres orzamentos exixidos de conformidade co previsto no artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. As ofertas presentadas e os provedores elixidos supoñen unha documentación vinculante para o desenvolvemento do proxecto da entidade beneficiaria, agás por causa debidamente xustificada non imputable á entidade solicitante.

3. Ponderación entre o investimento concedido e o investimento finalmente xustificado:

a) Cando o investimento concedido se axuste á seguinte porcentaxe: 55 % para as actuacións das letras a), b) e c) do artigo 5.1 destas bases reguladoras e 45 % para as actuacións da letra d) do mesmo artigo (unidade xerencial):

No caso de que o investimento xustificado nas actuacións das letras a), b) e c) sexa inferior ao investimento concedido para as ditas actuacións, o investimento máximo subvencionable para a unidade xerencial ponderarase proporcionalmente de acordo coa seguinte fórmula: U = A × (IMU/IMA).

U = investimento máximo na unidade xerencial.

A = investimento xustificado nas letras a), b) e c) do artigo 5.1 destas bases reguladoras.

IMU = investimento máximo concedido na unidade xerencial.

IMA = investimento máximo concedido nas letras a), b) e c) do artigo 5.1 destas bases reguladoras.

b) Cando o investimento concedido sexa superior ao 55 % para as actuacións das letras a), b) e c) do artigo 5.1 destas bases reguladoras e inferior ao 45 % para as actuacións da letra d) do mesmo artigo (unidade xerencial):

No caso de que o investimento xustificado nas actuacións das letras a), b) e c) sexa inferior ao 55 % do total xustificado, o investimento máximo subvencionable para a unidade xerencial ponderarase proporcionalmente de acordo coa seguinte fórmula: U = A × (45 / 55).

U = investimento máximo na unidade xerencial.

A = investimento xustificado nas letras a), b) e c) do artigo 5.1 destas bases reguladoras.

4. Sen prexuízo do disposto anteriormente, dentro de cada unha das actuacións descritas nas letras a), b), c) e d) do artigo 5.1 destas bases reguladoras poderán admitirse desviacións entre o gasto inicialmente orzado e o gasto finalmente xustificado cunha variación non superior ao 10 %, sen que en ningún caso a dita desviación supoña un incremento do investimento máximo concedido nin unha alteración das porcentaxes establecidas no artigo 6.4 destas bases reguladoras.

5. Transcorrido o prazo indicado sen que a entidade beneficiaria presente a documentación solicitada, aplicarase o disposto no artigo 45.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

6. Os órganos competentes da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración poderán solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación do investimento que consideren convenientes. No caso de que non sexan remitidos pola entidade beneficiaria dentro do prazo que se sinale, poderá entenderse que esta renuncia á axuda.

Artigo 21. Pagamento

Unha vez recibida a documentación xustificativa da subvención, os órganos competentes da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, antes de realizar o seu pagamento, poderán realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da actividade subvencionada.

O libramento da subvención aboarase nun único pagamento mediante transferencia bancaria ao número de conta designado pola entidade beneficiaria.

As subvencións minoraranse proporcionalmente se o investimento xustificado é inferior ao orzamento que serviu de base para a resolución da concesión, sempre que estea garantida a consecución do obxecto. En caso de concorrencia con outras subvencións ou axudas, observarase o establecido no artigo 2 destas bases reguladoras.

Artigo 22. Incumprimento, reintegros e sancións

1. Nos supostos de falta de xustificación, de concorrencia dalgunha das causas previstas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ou de incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de mora correspondente desde o momento do pagamento da subvención, e incluirase a data en que se acorde a procedencia do reintegro.

2. O procedemento para declarar a procedencia da perda deste dereito será o establecido no artigo 38 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Incumprimento parcial: sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomados en conta na concesión das axudas, a Dirección Xeral de Comercio e Consumo poderá apreciar un incumprimento parcial e deberá resolver sobre o seu alcance, e aplicará a mesma ponderación que teña a condición incumprida na resolución de concesión e, se é o caso, establecerá a obriga de reintegro.

Cando se trate de condicións referentes á contía ou conceptos da base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente ao gasto deixado de efectuar ou aplicado a conceptos distintos dos considerados subvencionables e, se é o caso, deberán reintegrarse as cantidades percibidas na dita proporción.

Para os efectos do disposto no parágrafo anterior, deberá reintegrarse o total da cantidade percibida cando o cumprimento non acade o 60 % do investimento subvencionado.

4. Ás entidades beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases reguladoras seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no título VI do seu regulamento.

Artigo 23. Control

A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento da subvención.

Ademais do anterior, a subvención estará sometida á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como, se é o caso, aos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.

Artigo 24. Publicidade

No prazo máximo de tres meses, contados desde a data de resolución da concesión, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, entidade beneficiaria, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

Non obstante o anterior, cando o importe das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexa de contía inferior a 3.000,00 €, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.

Artigo 25. Remisión normativa

Para todo o non previsto nestas bases reguladoras aplicarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no regulamento desta lei, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro; na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; na lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia vixente na anualidade; no Regulamento (UE) 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 15.12.2023, serie L), e no resto de normativa que resulte de aplicación.

ANEXO II

Epígrafes do IAE subvencionables

641. Comercio polo miúdo de froitas, verduras, hortalizas e tubérculos.

642. Comercio polo miúdo de carnes e refugallos; de produtos derivados cárnicos elaborados: de ovos, aves, coellos de granxa, caza, e de produtos derivados deles.

643. Comercio polo miúdo de peixes e doutros produtos da pesca e da acuicultura e caracois.

644. Comercio polo miúdo de pan, pastelaría, confeitaría e similares, e de leite e produtos lácteos.

645. Comercio polo miúdo de viños e bebidas de todas as clases.

646. Comercio polo miúdo de elaborados de tabaco e de artigos de fumador.

647. Comercio polo miúdo de produtos alimenticios e bebidas en xeral.

651. Comercio polo miúdo de produtos téxtiles, confección, calzado, peles e artigos de coiro.

652. Comercio polo miúdo de medicamentos, artigos de drogaría e limpeza, perfumaría e cosméticos (agás 652.1).

653. Comercio polo miúdo de artigos para o equipamento do fogar e a construción (agás 653.4).

656. Comercio polo miúdo de bens usados, tales como mobles, roupa e enxoval ordinario de uso doméstico.

657. Comercio polo miúdo de instrumentos musicais en xeral, así como dos seus accesorios.

659. Outro comercio polo miúdo.

665. Actividades empresariais de comercio realizadas fóra do establecemento permanente: comercio retallista por correo ou catálogo. No caso de comercio en liña, non será subvencionable a comercialización en liña de produtos ou servizos non comprendidos no ámbito de aplicación da Lei 13/2010, do 17 de decembro, do comercio interior de Galicia.

972. Salóns de peiteado e institutos de beleza.

ANEXO III

Características para o desenvolvemento de marketplaces

1. Características xerais do marketplace.

1. Desenvolvemento propio de marketplace en propiedade con programación a medida ou cun software de xestor especializado en marketplace ou con soporte multitenda nativo, non baseado en plugins.

2. O deseño deberá adaptarse a múltiples dispositivos, resolucións e pantallas e permitir unha visualización correcta desde todos eles.

3. O peso das imaxes debe ser inferior a 350 KB e a resolución máxima será de 72 dpi.

4. As páxinas deberán contar con optimización para SEO, e incluirán especificamente:

a) Configuración das metaetiquetas de título e descrición segundo as boas prácticas establecidas polos buscadores.

b) Arquivo robots.txt optimizado e mapa do sitio sitemap.xml.

c) Que non existan ligazóns rotas ou erros 404 ou 500.

d) No caso dunha web multiidioma, deberase contar coas etiquetas canonicais correspondentes.

e) As imaxes deberán ter o atributo descritivo Alt.

f) Non poderá existir contido duplicado.

5. Dispor dun carro da compra en que poder realizala.

6. Incorporar unha pasarela de pagamentos para finalizar as compras de xeito completamente en liña.

7. Os prezos e información sobre envíos teñen que ser correctamente configurados e indicados de acordo co contrato que teña a/o propietaria/o do marketplace coa/s empresa/s de servizo de mensaxaría.

8. Que exista unha páxina específica para a/o comerciante dentro do marketplace.

9. Que estea visible para a/o compradora/o final a información de contacto da/do vendedora/o para poder executar os seus dereitos de consumo e protección de datos, incluídas as ligazóns a redes sociais, a páxina web (se dispón dela) e a listaxe de produtos ofertados por esa/e vendedora/o.

10. As/os comerciantes deberán dispor dun panel de control desde o que xestionar as súas vendas e obter información e estatísticas das vendas realizadas.

2. Características das fichas de produto.

Facilitar un titorial ás/aos comerciantes para que poidan crear eles mesmos as fichas de produto e que estas cumpran cos seguintes requisitos:

O peso das imaxes debe ser inferior a 350 KB e a resolución máxima será de 72 dpi.

Descrición dos produtos de polo menos 300 palabras.

Mínimo de 2 imaxes por produto, agás para aqueles que pola súa natureza non procedan das imaxes, como o caso de produtos dixitais ou cursos.

Estar organizados por categorías e etiquetas.

3. Características do aloxamento.

A/o propietaria/o do marketplace debe dispor de acceso ao aloxamento no hosting ou servidor en que estea situado.

Aloxamento web dentro da Unión Europea.

Aloxamento web que permita unha velocidade de carga acorde cos requisitos actuais de Google.

Contar con certificado seguro SSL para o marketplace (https).

4. Condicións legais.

Cumprir con toda a lexislación vixente xeral e en materia de consumo.

Engadir a información legal en materia de consumo accesible, completa e doada de atopar (prezos, envíos, devolucións, reclamacións, etc.).

Os prezos deben estar indicados segundo unidade de medida (prezo por kg, prezo por litro...) e debe especificarse se os impostos están engadidos ou non.

Dispor dunha páxina co aviso legal en que estea identificada/o a/o responsable da explotación do marketplace e conforme a lexislación vixente.

Os rastros (cookies), cuxa instalación automática non está permitida por lei non poderán instalarse sen o permiso expreso da/do usuaria/o da web.

Dispor dunha páxina coa información de privacidade segundo a lexislación vixente.

Incorporar calquera outra páxina con información legal que sexa necesaria para cumprir coa lexislación vixente no momento da creación do marketplace.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file