DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 100 Venres, 24 de maio de 2024 Páx. 31378

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ANUNCIO do 20 de marzo de 2024, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, polo que se somete a información pública o estudo de impacto ambiental e a solicitude de autorización ambiental integrada para o proxecto de planta de produción de hidróxeno, autoconsumo a partir do parque eólico Cordal de Montouto Pando de Eólica de Cordales Bis, S.L. nas provincias de Lugo e A Coruña (expediente 2023-IPPC-I-6).

Para os efectos previstos no artigo 29 da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (BOE núm. 273, do 10 de novembro), faise público que por espazo de trinta (30) días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia quedará exposta a documentación correspondente á solicitude de autorización ambiental integrada e ao estudo de impacto ambiental do proxecto de planta de produción de hidróxeno, autoconsumo a partir do parque eólico Cordal de Montouto Pando presentada por Eólica de Cordales Bis, S.L., co fin de que calquera persoa interesada poida consultala e, de ser o caso, formular dentro do dito prazo as alegacións, suxestións ou observacións que considere convenientes.

A documentación estará á disposición das persoas administradas nas dependencias da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, Servizo de Prevención e Control Integrados da Contaminación, en horario de atención ao público (rúa de San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela). Ademais, tamén se poderá consultar na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda (http://cmatv.xunta.gal/ → medio ambiente e sostibilidade → prevención e control de actividades → autorización ambiental integrada → proxectos en información pública).

Santiago de Compostela, 20 de marzo de 2024

María Sagrario Pérez Castellanos
Directora xeral de Calidade Ambiental,
Sostibilidade e Cambio Climático

ANEXO

Memoria resumo

Clave do expediente: 2023-IPPC-I-6.

Peticionaria: Eólica de Cordales Bis, S.L.

CIF: B70297742.

Enderezo social: Vía Faraday, nº 1, 2º dta., 15890 Santiago de Compostela.

Localización da instalación: Cordal de Montouto Pando, concellos de Guitiriz (Lugo) e Aranga (A Coruña).

Actividade: produción de hidróxeno.

Descrición: o proxecto consiste na produción de hidróxeno renovable, cunha potencia de 20 MW, que se abastecerá da enerxía que se produza no parque eólico de Montouto Pando, situado nas inmediacións.

A produción de hidróxeno realizarase mediante o proceso de electrólise de auga desionizada, da cal se prevé abastecerse a partir do rego de Portosalmallos (no ámbito da demarcación hidrográfica de Galicia Costa) e dunha balsa situada nas inmediacións da zona (no ámbito da demarcación hidrográfica do Miño-Sil). O hidróxeno producido será sometido a compresión e almacenarase en tanques no lugar de produción ata a súa expedición.

Prevese a vertedura do efluente líquido xerado no proceso de desionización da auga, logo de tratamento mediante filtro de carbón activo e leito de resinas, en senllos puntos situados no dominio de cada unha das anteditas demarcacións hidrográficas.

Non se verterán augas residuais sanitarias. Estas recolleranse en aseos químicos portátiles e xestionaranse mediante xestor de residuos autorizado.

Non se prevé que se produzan augas residuais pluviais contaminadas.