DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 99 Xoves, 23 de maio de 2024 Páx. 30983

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social e Igualdade

ORDE do 7 de maio de 2024 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a posta en marcha de casas do maior, para os anos 2024 e 2025, e se procede á súa convocatoria (código de procedemento BS212A).

De acordo co artigo 50 da Constitución española, os poderes públicos garantirán, mediante pensións adecuadas e periodicamente actualizadas, a suficiencia económica dos cidadáns durante a terceira idade. Así mesmo, e con independencia das obrigas familiares, promoverán o seu benestar mediante un sistema de servizos sociais que atenderá os seus problemas específicos de saúde, vivenda, cultura e lecer.

O artigo 148.1.20 da Constitución española establece que as comunidades autónomas poderán asumir competencias, entre outras, en materia de asistencia social. Ao abeiro do devandito precepto, o artigo 27.23 do Estatuto de autonomía de Galicia atribúelle a esta comunidade autónoma competencia exclusiva en materia de servizos sociais.

Neste marco competencial, o Parlamento de Galicia aprobou a Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia. Entre outros aspectos, a lei regula a forma en que se prestarán os servizos sociais, e permítelles ás persoas físicas e xurídicas privadas, sexa de iniciativa social ou de carácter mercantil, a posibilidade de crear centros de servizos sociais, así como xestionar programas e prestacións desta natureza, de conformidade co establecido polo lexislador e, en todo caso, cumprindo os requisitos de calidade e demais condicións que estableza a normativa reguladora dos servizos sociais de Galicia.

Así mesmo, a Lei 13/2008, do 3 de decembro, recolle, no seu artigo 3, como obxectivos do Sistema galego de servizos sociais, garantir a vida independente e a autonomía persoal das persoas en situación de dependencia, así como previr a aparición de calquera situación de dependencia, exclusión, desigualdade ou desprotección.

O artigo 4 da citada lei enumera como principios xerais dos servizos sociais, entre outros, a prevención, a equidade e equilibrio territorial e a autonomía persoal e vida independente. Desta forma, as políticas de servizos sociais débense orientar a previr e superar as causas que orixinen as necesidades sociais, dando prioridade ás accións preventivas, e constitúe unha obriga dos poderes públicos facilitar os medios necesarios para que as persoas dispoñan das condicións máis adecuadas e dos apoios necesarios para desenvolver os seus proxectos vitais, dentro da unidade de convivencia que desexen, segundo a natureza dos servizos, a súa idoneidade e as condicións de utilización destes, sempre con respecto da libre decisión das persoas.

Por outra banda, coa aprobación da Lei 39/2006, do 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia, creouse o Sistema para a autonomía e atención á dependencia (SAAD), coa finalidade principal de garantir as condiciones básicas e de protección destinadas á promoción da autonomía persoal e a atención das necesidades das persoas con dificultades para a realización das actividades básicas da vida diaria, prestacións dentro do sistema de servizos sociais.

Neste contexto normativo, o desenvolvemento da rede de centros e servizos sociais ten que ter presente a necesidade de compensar os desequilibrios territoriais, garantindo o acceso aos sistemas de benestar social das galegas e galegos que residan en áreas con altas taxas de envellecemento e dispersión, mediante unha oferta equitativa e equilibrada de servizos en todo o territorio.

As casas do maior preséntanse como proxectos alternativos cando na contorna non existan recursos de atención para este colectivo ou cando o internamento en institucións non sexa desexado, procurando o mantemento no medio social habitual coa finalidade de que as citadas experiencias poidan garantir a futura posta en marcha de xeito eficiente de servizos de atención en pequenos grupos, de maneira flexible e con garantías de seguridade e calidade.

Desta forma aténdese, por unha banda, o benestar de coidadores familiares, co fin de contribuír a diminuír a carga dos coidados e a favorecer que a permanencia das persoas en situación de dependencia na súa contorna se realice nas mellores condicións de equidade no acceso a recursos de proximidade, con independencia do lugar onde residan, e, por outra banda, foméntase a prevención das situacións de dependencia en persoas maiores que aínda gozan de autonomía, paliando, así mesmo, as situacións de illamento social que sofre gran parte deste colectivo.

Neste marco de actuación, esta convocatoria busca fomentar de xeito específico a posta en marcha de novos proxectos.

Os proxectos de casas do maior perfílanse como unha fórmula destinada a contribuír na atención e prevención da dependencia para manter e mellorar a calidade de vida das persoas maiores de 60 anos en situación de dependencia reconducíndose de xeito específico ás recoñecidas co grao I, así como para persoas maiores de 60 anos sen dependencia, como recurso de prevención da dependencia e promoción da autonomía persoal. Comprenderá a atención específica das súas necesidades básicas de alimentación, hixiene e tempo libre, de forma que se procure o mantemento no medio social habitual evitando o internamento noutro tipo de recursos cando non sexa demandado ou cando non exista preto do seu domicilio habitual.

Ademais, impúlsase e apóiase a prestación destes servizos de atención ás persoas maiores mediante fórmulas de autoemprego e de economía social, que demostraron ser eficaces para a dinamización económica local e, consecuentemente, para a fixación de poboación no territorio.

No marco da disposición transitoria do Decreto 42/2024, do 14 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, correspóndelle á Consellería de Política Social e Igualdade propoñer e executar as directrices xerais do Goberno no referido ámbito do benestar, que engloban as competencias en materia de servizos sociais, de conformidade co Decreto 124/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social e Xuventude.

Esta orde de convocatoria axústase ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Regulamento (UE) núm. 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L, do 15 de decembro).

En consecuencia, facendo uso das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto e finalidade

1. Esta orde ten como obxectivo o establecemento das bases reguladoras e a convocatoria de subvencións destinadas a persoas físicas ou cooperativas de traballo asociado para a posta en marcha de casas do maior nos anos 2024 e 2025.

2. As subvencións destinaranse á consecución da seguinte finalidade:

A posta en marcha de casas do maior destinadas á atención de mulleres e homes maiores de 60 anos de idade, en situación de dependencia grao I, e para persoas maiores de 60 anos sen dependencia, como recurso de promoción da autonomía persoal, mediante o seu establecemento nos concellos de menos de 5.600 habitantes da Comunidade Autónoma de Galicia que non conten con recurso de atención diúrna en funcionamento.

Para os efectos desta orde considérase que no concello existen recursos de atención diúrna cando, de acordo cos datos que figuran no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais adscrito á Consellería de Política Social e Igualdade, conten con centros de día ou centros de día de alzhéimer con permiso de actividades.

3. A concesión das subvencións establecidas nesta orde regularase a través do procedemento BS212A: subvencións para a posta en marcha de casas do maior.

Artigo 2. Características dos proxectos

1. A casa do maior perfílase como unha fórmula de prevención da dependencia e promoción da autonomía persoal destinada a contribuír á atención e prevención da dependencia para manter e mellorar a calidade de vida das persoas maiores de 60 anos en situación de dependencia reconducíndose de xeito específico ás recoñecidas no grao I, así como para persoas maiores de 60 anos sen dependencia.

Non poderán ser persoas usuarias aquelas que precisen de atención e coidados sanitarios continuados ou sufran enfermidades infectocontaxiosas en fase activa sen tratamento efectivo instaurado, trastornos adictivos que precisen dun tratamento de deshabituación ou trastornos condutuais severos que impidan a normal convivencia na casa.

O servizo que se preste ás persoas usuarias comprenderá a atención diúrna específica das súas necesidades básicas de alimentación, hixiene e tempo libre, de forma que se procure o seu mantemento no medio social habitual evitando o internamento noutro tipo de recursos cando non sexa demandado ou cando non exista preto do seu domicilio habitual.

Deseñarase e organizarase un ambiente e trato familiar, no cal se dea resposta ás necesidades derivadas da idade e da situación de dependencia das persoas usuarias, co fin de evitar e/ou atrasar a institucionalización de persoas maiores, reducindo a súa dependencia e illamento sociais.

2. A atención diúrna prestada ás persoas usuarias comprende a manutención, a hixiene, o desenvolvemento de actividades de lecer e/ou adestramento cognitivo.

As persoas usuarias da casa do maior decidirán voluntariamente se fan uso do servizo de manutención. As persoas físicas ou cooperativas de traballo promotoras da casa do maior poderán facturar por este servizo un máximo de 7 euros por persoa e día, sempre que se realice un servizo completo. Para estes efectos, con anterioridade ao ingreso na casa do maior, deberán informar as persoas usuarias das condicións esenciais deste.

Así mesmo, se a persoa física ou cooperativa de traballo promotora da casa do maior opta por engadir o servizo de desprazamento das persoas usuarias ata ela, percibirá unha axuda adicional da Xunta de Galicia, a razón de 10 euros por persoa e día. Para estes efectos, deberá achegar unha declaración responsable en que manifeste a súa vontade de prestar o servizo de desprazamento, no caso de que as persoas usuarias quixese facer uso del.

3. Estes proxectos teñen, sen prexuízo do establecido para o servizo de manutención, carácter gratuíto e prestaranse de luns a venres durante todo o ano, excepto os días festivos e un mes de cada doce, en que a casa do maior permanecerá pechada por vacacións.

O mes de vacacións poderá fraccionarse en dous períodos. Excepcionalmente, cando por causas de forza maior, xustificadamente e de acordo coas persoas usuarias, se demanden períodos vacacionais de duración inferior, deberanse solicitar previamente á Consellería de Política Social e Igualdade e contar coa autorización desta.

4. Salvo as excepcións previstas no número anterior, o proxecto da casa do maior debe manterse en funcionamento ininterrompidamente durante todo o ano, polo que é necesario contar cunha persoa que substitúa a persoa que desenvolve o proxecto no caso de enfermidade desta ou algunha situación de emerxencia.

5. As persoas maiores usuarias poderán acudir ao centro un máximo de oito horas diarias nun horario flexible que se pactará coa persoa profesional encargada do desenvolvemento da casa do maior. En función do horario establecido, servirase a comida, o almorzo e/ou a merenda, segundo proceda.

6. Cada casa do maior terá un máximo de 5 prazas.

As persoas maiores que acudan á casa do maior deberán estar en todo caso empadroadas no concello en que esta se situara ou nun limítrofe que non conte con servizos de atención diúrna a persoas maiores.

7. Para acceder ao financiamento previsto nesta convocatoria é necesario que se atenda un mínimo de 1 e un máximo de 5 persoas maiores.

Para estes efectos, non se terá en conta o período de tempo que transcorra para a adxudicación da praza á persoa usuaria, así como o establecido entre a notificación da adxudicación desta e a ocupación efectiva dela.

8. O período mínimo de permanencia da actividade empresarial subvencionada será de 5 anos contados desde a data de posta en marcha da casa do maior.

Para estes efectos, entenderase como data de posta en marcha a data de resolución de concesión da axuda concedida ao abeiro desta convocatoria ou a data de cumprimento de todos os requisitos e condicións previstos nesta orde nos casos de concesión condicionada.

Exceptúanse deste requisito aqueles supostos en que causas de forza maior alleas á vontade da persoa promotora da casa do maior impidan o desenvolvemento da actividade nas condicións establecidas nos números anteriores.

Artigo 3. Financiamento

1. A contía máxima destinada ás axudas reguladas nesta orde é de 1.300.932,80 euros, segundo a seguinte distribución:

Aplicación orzamentaria

2024

2025

Importe total

38.05.312E.770.0

300.000,00 €

-

300.000,00 €

38.05.312E.470.0

258.132,80 €

742.800,00 €

1.000.932,80 €

Total

558.132,80 €

742.800,00 €

1.300.932,80 €

2. A partida 38.05.312E.770.0 destinarase ao financiamento de gastos de investimento e a partida 38.05.312E.470.0 destinarase ao financiamento da prima polo desenvolvemento do proxecto e o servizo de desprazamento das persoas usuarias.

3. De conformidade co previsto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, excepcionalmente poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, cando existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo. O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade como consecuencia das circunstancias sinaladas e, se é o caso, logo de aprobación da modificación orzamentaria que proceda. A ampliación do crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria, sen que implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

Artigo 4. Persoas beneficiarias das axudas económicas

1. Poderán ser beneficiarias das axudas da presente convocatoria as persoas físicas que se establezan como empresarios autónomos ou que constitúan cooperativas de traballo asociado, como promotoras da posta en marcha dunha casa do maior, que reúnan os seguintes requisitos:

a) Estar en posesión ou contar, polo menos, cunha persoa socia que o estea, no caso de cooperativas de traballo asociado, de calquera das titulacións que se recollen a continuación, ou equivalentes, ou da formación ou experiencia seguinte:

1º. Grao en Medicina.

2º. Grao en Enfermaría.

3º. Título de Técnico en Coidados Auxiliares de Enfermaría establecido polo Real decreto 546/1995, do 7 de abril, polo que se establece o título de Técnico en Coidados Auxiliares de Enfermaría e as correspondentes ensinanzas mínimas, ou os títulos equivalentes de Técnico Auxiliar de Clínica, Técnico Auxiliar de Psiquiatría e Técnico Auxiliar de Enfermaría, que se establecen no Real decreto 777/1998, do 30 de abril, polo que se desenvolven determinados aspectos da ordenación da formación profesional no ámbito do sistema educativo, se é o caso, calquera outro título que se publique cos mesmos efectos profesionais.

4º. Título de Técnico en Atención a Persoas en Situación de Dependencia, regulado polo Real decreto 1593/2011, do 4 de novembro, polo que se establece o título de técnico de atención a persoas en situación de dependencia e se fixan as súas ensinanzas mínimas, ou o título equivalente de Técnico de Atención Sociosanitaria, ou, se é o caso, calquera outro título que se publique cos mesmos efectos profesionais.

5º. Título de Técnico Superior en Integración Social, establecido polo Real decreto 1074/2012, do 13 de xullo, polo que se establece o título de Técnico Superior en Integración Social e se fixan a súas ensinanzas mínimas, ou o título equivalente para aqueles profesionais que na data de publicación desta convocatoria estean traballando na categoría profesional de asistente persoal ou auxiliar de axuda a domicilio.

6º. O certificado de profesionalidade de atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais, regulado polo Real decreto 1379/2008, do 1 de agosto, polo que se establecen dous certificados de profesionalidade da familia profesional Servizos socioculturais e á comunidade que se engaden no Repertorio nacional de certificados de profesionalidade, ou, se é o caso, calquera outro certificado que se publique cos mesmos efectos profesionais.

7º. O Certificado de profesionalidade de atención sociosanitaria a persoas no domicilio, regulado polo Real decreto 1379/2008, do 1 de agosto, ou o equivalente Certificado de profesionalidade da ocupación de auxiliar de axuda a domicilio, ou, se é o caso, calquera outro certificado que se publique cos mesmos efectos profesionais.

8º. Diploma que acredite a realización de cursos de formación integral e/ou complementaria para futuros profesionais da casa do maior. O curso terá unha duración de 30 horas e será impartido pola Dirección Xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria.

9º. Habilitación para profesionais pertencentes ás categorías de persoal coidador, xerocultor, auxiliar de axuda no fogar e asistente/a persoal nos centros e servizos sociais do Sistema para a autonomía e atención á dependencia, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, regulada pola Orde do 19 de novembro de 2018 pola que se regula o procedemento de obtención das habilitacións para profesionais pertencentes ás categorías de persoal coidador, xerocultor, auxiliar de axuda no fogar e asistente/a persoal nos centros e servizos sociais do Sistema para a autonomía e atención á dependencia, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia (código de procedemento BS800A).

b) Residir en concellos con menos de 5.600 habitantes que non dispoñan de recursos de atención diúrna a persoas maiores, nos cales se promova o establecemento da casa do maior, ou telo feito nos cinco anos anteriores á posta en marcha do proxecto.

c) Contar cun inmoble en condicións de accesibilidade nunha das poboacións mencionadas na letra anterior, ou dispoñer del con anterioridade á posta en marcha da casa do maior.

O inmoble deberá contar coas condicións arquitectónicas, de deseño e construción que garantan o cumprimento das normas en vigor, especialmente o Código técnico da edificación e as súas exixencias básicas. Así mesmo, estará dotado dos seguintes recursos:

1º. Instalación de auga corrente. Os centros disporán de auga corrente procedente da rede de abastecemento público ou de calquera outra fonte que cumpra a normativa técnico-sanitaria vixente.

2º. Sistema de calefacción que cubra todas as estancias dedicadas ao desenvolvemento da actividade subvencionada e conte coa protección de elementos calefactores precisa para evitar as queimaduras por contacto ou outros riscos para a integridade das persoas maiores.

3º. Estancias que deberán dispoñer de ventilación e iluminación natural.

Exceptúanse destes requisitos os cuartos de baño, en que a ventilación pode ser natural ou forzada.

4º. Unha zona para a preparación, almacenamento e conservación de alimentos dotada cos elementos necesarios para prestar o servizo de manutención.

5º. Unha zona de comedor habilitada para o efecto.

6º. Unha zona diferenciada para o descanso e a hixiene, que deberá contar:

6º.1. Cunha sala de estar para a realización de actividades individuais ou grupais, que posibilite a convivencia e a participación social. A súa superficie nunca será inferior a 12,5 metros cadrados e deberá dispoñer de iluminación e ventilación natural.

6º.2. Como mínimo con dous servizos hixiénicos diferenciados, un para cada sexo, que contarán cunha dotación mínima de lavabo e inodoro. Un dos servizos hixiénicos deberá contar cunha ducha. Deberán estar dotados de axudas técnicas en paredes e sanitarios, así como timbre de chamada con conexión ás zonas comúns. O chan será antiescorregadizo e de doada limpeza e as portas terán un dispositivo fácil de peche e apertura.

Ambas as zonas deberán estar situadas preferiblemente en planta baixa ou planta primeira con fácil acceso ao exterior e ser accesibles.

7º. Barras, axudas e timbre, que faciliten a accesibilidade ás persoas usuarias da casa do maior.

8º. Zonas de acceso axeitadas ás persoas usuarias de andador e cadeiras de rodas, así como axeitadas ao servizo de transporte adaptado.

9º. Un mobiliario e equipamento que permita a cobertura das necesidades e características específicas das persoas maiores usuarias.

10º. Dispoñer dun plan de actuación coas persoas maiores para atender eventuais emerxencias que se poidan producir na casa do maior.

d) Acreditar unha revisión médica anual da persoa promotora ou da/das persoa/s socia/s que desenvolvan o proxecto, no caso de cooperativa de traballo asociado. No caso de cooperativas de traballo asociado esta revisión médica deberá estar referida á/ás persoa/s socia/s que desenvolvan o proxecto.

e) Dispoñer dun certificado de manipulador de alimentos. No caso de cooperativas de traballo asociado este certificado deberá estar referido á/ás persoa/s socia/s que desenvolvan o proxecto.

2. No caso de posta en marcha de dúas casas do maior nun mesmo inmoble poderán compartir acceso de entrada, a zona de preparación de alimentos e os servizos hixiénicos diferenciados.

3. En relación coas persoas promotoras da casa do maior ou coa/s persoa/s socia/s que desenvolvan o proxecto, no caso de cooperativa de traballo asociado, os requisitos establecidos na letra a) do número 1, a excepción do ordinal 8º, así como o certificado médico acreditativo do estado de saúde, deberán cumprirse na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

En canto ao requisito establecido no dito ordinal 8º, a persoa promotora da casa do maior ou a/as persoa/s socia/s que desenvolvan o proxecto, no caso de cooperativa de traballo asociado, deberá comprometerse, mediante a emisión dunha declaración responsable nos termos previstos no artigo 10, á súa realización nun prazo máximo de 6 meses desde a entrada en vigor desta orde.

O resto dos requisitos previstos no número 1 deberán acreditarse no prazo de catro meses desde a recepción da resolución de concesión da subvención.

Todos os requisitos previstos no número 1 deberán manterse durante o período de permanencia da actividade.

Respecto das cooperativas de traballo asociado, de non estaren constituídas no momento de presentación da solicitude, deberán ter iniciados os trámites para a súa constitución con anterioridade á súa presentación. Neste caso, deberán achegar coa solicitude a documentación acreditativa correspondente aos estatutos, a solicitude de cualificación previa destes ou a solicitude de inscrición no Rexistro de Sociedades Cooperativas.

Así mesmo, as persoas promotoras da casa do maior deberán acreditar, mediante declaración responsable, que non están incursas en ningunha das causas de prohibición previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para obter a condición de beneficiarias das subvencións reguladas ao abeiro desta orde.

Artigo 5. Accións e gastos subvencionables

1. Será subvencionables ao abeiro desta convocatoria os gastos necesarios, especificados na solicitude, para a prestación da atención individualizada ás persoas maiores de 60 anos, en situación de dependencia grao I, e das persoas maiores de 60 anos sen dependencia, como recurso de prevención desta e promoción da autonomía persoal, nas condicións previstas no artigo 3.

2. Así mesmo, serán subvencionables os gastos destinados á adaptación e/ou obras de reforma do inmoble dedicado a servir de casa do maior, así como o seu equipamento e dotación material nos termos previstos no artigo 4.1.c).

3. O mobiliario, electrodomésticos e materiais didácticos poderán ser de segunda man, sempre que estean en perfecto estado de uso e conste unha declaración de quen os vende sobre a orixe dos bens, que estes non foron obxecto de ningunha subvención nacional ou comunitaria, e que o prezo non sexa superior ao valor de mercado ou ao custo dos bens novos similares; estes requisitos do prezo acreditaranse mediante certificación de taxación independente.

4. En ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado. Así mesmo, deberán estar pagados con anterioridade á finalización do período de xustificación establecido, nesta convocatoria, para o ano 2024.

5. Os gastos periciais para a realización do proxecto serán subvencionables se están directamente relacionados coa actividade e son indispensables para a adecuada preparación ou execución desta.

6. En ningún caso serán considerados gastos subvencionables os xuros debedores das contas bancarias, os xuros, recargos e sancións administrativas e penais, os gastos de procedementos xudiciais, os impostos e/ou taxas derivadas da obtención de licenzas municipais, nin os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación, nin os impostos persoais sobre a renda.

7. Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014, para o contrato menor, a persoa promotora da casa do maior deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, prestación do servizo ou entrega do ben, salvo que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren, ou salvo que o gasto se realizarase con anterioridade á solicitude da subvención.

Artigo 6. Tipos de axudas e contías

As axudas económicas destinadas á posta en marcha das casas do maior consistirán:

a) Axudas para gastos de investimento que consistirán nunha subvención de ata o 100 % destes, cun límite máximo global por cada casa do maior de 15.000 euros. Consideraranse gastos de investimento aqueles en que a persoa promotora da casa do maior incorra para a reforma e adaptación da vivenda destinada a prestar este servizo, así como o seu equipamento e dotación material sempre que sexan necesarios.

b) A axuda polo desenvolvemento das actividades do proxecto consistirá nunha achega económica de 24.800 €/ano en forma de prima destinada a apoiar esta iniciativa emprendedora ao comezo da súa andaina, que se liquidará nos termos previstos no artigo 21. Este importe minorarase proporcionalmente en función dos meses efectivos de funcionamento.

c) Adicionalmente, no caso de que as persoas promotoras da casa do maior optase por asumir o desprazamento das persoas usuarias percibirán 10 euros por persoa e día. Para estes efectos, deberán acreditar o número de persoas usuarias deste servizo mediante a cobertura do anexo VII.

d) Nos casos de baixa por maternidade ou permiso de paternidade da persoa encargada do desenvolvemento da actividade aboarase un complemento da prima de 150 € semanais durante o período que dure a dita baixa.

Artigo 7. Procedemento e réxime de aplicación

1. O procedemento de concesión das subvencións para a posta en marcha de casas do maior tramitarase en réxime de concorrencia competitiva e de acordo cos principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade, non discriminación, eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración da Xunta de Galicia e eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

2. Estas axudas ampáranse no réxime de minimis establecido no Regulamento (UE) núm. 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L, do 15 de decembro). Esta circunstancia farase constar expresamente na resolución de concesión. Por tanto, de recibir a persoa promotora da casa do maior outras axudas baixo o réxime de minimis deberase garantir que non se superou o límite de 300.000 euros durante os tres anos previos.

Artigo 8. Concorrencia con outras axudas ou subvencións públicas

1. A percepción destas axudas será compatible con outras subvencións, axudas e ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou ente público ou privado.

2. No caso de percibirse outras axudas, deberase acreditar documentalmente a súa natureza e contía, así como calquera circunstancia que poida afectar substancialmente a execución das actuacións. A comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

3. En ningún caso o importe das axudas concedidas ao abeiro desta orde poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo do investimento ou dos gastos de mantemento da actividade.

4. As persoas solicitantes promotoras da casa do maior deberán presentar, xunto coa solicitude, unha declaración comprensiva de todas as axudas e subvencións solicitadas, concedidas ou percibidas para a mesma finalidade, usando o formulario establecido para o efecto nesta orde, o cal terán que volver enviar actualizado sempre que varíe a situación inicialmente declarada.

Artigo 9. Solicitudes

1. As solicitudes de subvencións reguladas nesta orde presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

2. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

3. O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

4. Se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras, o órgano responsable da tramitación requirirá as persoas interesadas para que, nun prazo de dez días hábiles a partir do día seguinte ao da notificación do requirimento, emenden a falta ou presenten os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixeren, se terán por desistidas da súa petición, logo da correspondente resolución, nos termos previstos polo artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

5. A presentación da solicitude implica a aceptación das bases.

Artigo 10. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas nas axudas para a posta en marcha de casas do maior deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

a) De ser o caso, copia da documentación acreditativa de estar en posesión de calquera das titulacións ou das formacións recollidas no artigo 4.1.a), ordinais 6º, 7º e 9º. No caso de cooperativas de traballo asociado, esta documentación deberá estar referida á/ás persoa/s profesional/is socia/s que desenvolverán a casa do maior.

En relación co curso de formación a que fai referencia o artigo 4.1.a), ordinal 8º, a persoa interesada non estará obrigada a achegar documento acreditativo da súa realización e a Administración poderá comprobalo en calquera momento.

No caso de que aínda non se realizase o curso de formación integral e/ou complementaria, a persoa interesada deberá presentar unha declaración responsable en que se comprometa á súa realización, nos termos previstos no anexo I.

b) Certificado ou informe médico oficial acreditativo das condicións de saúde. No caso de cooperativas de traballo asociado, esta documentación deberá estar referida á/ás persoa/s profesional/is socia/s que desenvolverán a casa do maior.

c) Documentación acreditativa da constitución da cooperativa de traballo asociado ou no caso de ter iniciados os trámites para a súa constitución, que comprenderá os estatutos, solicitude de cualificación previa destes ou solicitude de inscrición no Rexistro de Sociedades Cooperativas.

d) Memoria descritiva en que se recolla a localización xeográfica do proxecto e o número potencial de persoas maiores usuarias e se xustifique a súa necesidade e oportunidade, apoiada na análise da contorna e nos datos oficiais de poboación publicados polo Instituto Galego de Estatística nos últimos tres anos.

e) Proposta metodolóxica básica, asinada pola/s persoa/s que desenvolverá/n o proxecto, que permita coñecer os aspectos xerais de funcionamento e organización da casa do maior, así como os elementos esenciais do desenvolvemento da actividade e que, en todo caso, deberá comprender como contido o ingreso, a acollida e o período de adaptación, a participación das familias, as relacións coa comunidade, a alimentación, a hixiene, os hábitos de autonomía persoal e a programación xeral dunha xornada. A proposta metodolóxica recollerá protocolos básicos de actuación con persoas maiores, incluídos o protocolo de caídas, de hixiene persoal, da atención e coidados, as suxestións e reclamacións.

f) Descrición do equipamento e materiais que se empregarán no desenvolvemento do proxecto, que comprenderá as características e a composición de todos os elementos recollidos na letra c) do artigo 4.1. Incluirase o mobiliario, electrodomésticos e materiais didácticos ou de estimulación cognitiva que se vaian empregar no desenvolvemento do proxecto indicando se son, ou non, de nova adquisición.

g) Memoria descritiva do inmoble cos planos a escala e acoutados do seu estado actual acompañados de fotografías de todas as estancias coa proposta das adaptacións e/ou obras de reforma que se realizarán, de ser o caso, en cada unha delas. De realizárense obras, deberanse achegar os planos a escala representativos do estado reformado.

No caso de que nun mesmo inmoble se pretenda a instalación de dúas casas do maior, de conformidade co artigo 4.1, deberán quedar claramente diferenciados os espazos destinados a cada unha das casas, delimitando os espazos propios dos espazos compartidos.

h) Orzamento desagregado dos gastos de investimento segundo o establecido no anexo II.

i) Documentación acreditativa referida á persoa solicitante promotora da casa do maior de ser vítima de violencia de xénero e/ou certificado de discapacidade no caso de que sexa emitido por outras administracións distintas da Xunta de Galicia, de ser o caso, para os efectos da valoración dos criterios establecidos no artigo 14.

No caso de cooperativas de traballo asociado, esta documentación deberá estar referida á/ás persoa/s profesional/is socia/s que desenvolverán a casa do maior.

j) Anexo III cuberto cos datos da persoa que se vaia encargar do desenvolvemento do proxecto, no suposto de tratarse de cooperativas de traballo asociado.

k) Documentación acreditativa da dispoñibilidade do inmoble durante o período subvencionado, como a escritura de propiedade, o contrato de arrendamento ou o documento de cesión.

l) Certificado de manipulador de alimentos. No caso de cooperativas de traballo asociado, esta documentación deberá estar referida á/ás persoa/s profesional/is socia/s que desenvolverán a casa do maior.

m) Informe dos servizos técnicos municipais de que o inmoble proposto conta coas condicións de habitabilidade necesarias para o seu uso como vivenda. No suposto de inmobles non destinados a vivenda, o informe anterior substituirase pola documentación técnica elaborada por un profesional con titulación habilitante que, co alcance e definición requiridos polo Código técnico da edificación (CTE), acredite o cumprimento da normativa que sexa de aplicación. No caso de ter quer realizar obras de adaptación ou reforma, o informe terá que acreditar as condicións referidas con posterioridade á súa realización.

n) Fotografías das adaptacións realizadas no inmoble para o desenvolvemento do proxecto de casa do maior.

ñ) Datos de identificación da persoa que se encargará de substituír a persoa promotora autónoma ou a persoa profesional socia da cooperativa de traballo asociado, de ser o caso, que desenvolverán a casa do maior, nos supostos de ausencia, enfermidade ou emerxencia, así como copia da documentación recollida no artigo 4.1.a).

o) Alta no Censo de obrigados tributarios do Ministerio de Facenda, de ser o caso.

p) Plan de actuación en caso de emerxencia.

q) Xustificante de contratar unha póliza de seguro por un importe mínimo de 15.000 euros, que garanta a cobertura das continxencias de responsabilidade civil, danos a terceiras persoas e accidentes que puidesen xerarse por feitos ou circunstancias ocorridos como consecuencia da súa estadía na casa do maior ou das actividades propias do servizo prestado que se realicen no exterior.

r) Alta na Seguridade Social no réxime especial de autónomos.

2. A documentación prevista nas letras k) a r) do número 1 poderá presentarse ben no momento da solicitude co anexo I, ben no prazo de catro meses desde a publicación da resolución de concesión, xunto co anexo IV.

3. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa solicitante promotora da casa do maior ante calquera Administración. Neste caso, a persoa solicitante deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta nas plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa solicitante.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa solicitante promotora da casa do maior a súa achega.

4. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas solicitantes promotoras da casa do maior presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

As persoas solicitantes promotoras das casas do maior responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa solicitante, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

6. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supera os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 11. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa solicitante promotora da casa do maior se opoña á súa consulta:

a) Documento nacional de identidade (DNI) ou número de identidade de estranxeiro/a (NIE) da persoa solicitante promotora da casa do maior, da persoa representante e, se é o caso, da persoa profesional socia da cooperativa de traballo asociado que desenvolverá a casa do maior.

b) Número de identificación fiscal (NIF) da cooperativa de traballo asociado promotora da casa do maior.

c) Certificado de estar ao día no cumprimento das obrigacións tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT) e fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por calquera concepto, coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, da persoa ou entidade solicitante e da persoa que desenvolverá a actividade.

d) Inhabilitacións vixentes para obter subvencións da persoa ou entidade solicitante e da persoa que desenvolverá a actividade rexistradas na Base de datos nacional de subvencións (BDNS) no período solicitado.

e) Concesións das axudas vixentes ás cales aplica a regra de minimis da persoa ou entidade solicitante e da persoa que desenvolverá a actividade rexistradas na Base de datos nacional de subvencións (BDNS).

f) Alta no imposto de actividades económicas, respecto da persoa ou entidade solicitante.

g) Títulos oficiais universitarios e títulos oficiais non universitarios mencionados no artigo 4.1.a) da persoa solicitante ou da persoa profesional socia da cooperativa de traballo asociado que vaia desenvolver o proxecto, no suposto de cooperativas de traballo asociado.

h) Consulta de datos de residencia, con data de última variación padroal, da persoa solicitante ou da persoa profesional socia da cooperativa de traballo asociado que vai desenvolver o proxecto, no suposto de cooperativas de traballo asociado.

i) Estar inscrita como demandante de emprego na data concreta a persoa solicitante ou a persoa profesional socia da cooperativa de traballo asociado que vai desenvolver o proxecto.

j) Consultaranse ademais os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o certificado de discapacidade expedido pola Xunta de Galicia, con respecto á persoa solicitante ou á persoa profesional socia da cooperativa de traballo asociado que vai desenvolver o proxecto.

k) Concesións de axudas e subvencións da persoa solicitante e da persoa profesional socia da cooperativa de traballo asociado que vai desenvolver o proxecto.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 12. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 13. Comisión de Valoración

1. Conforme o establecido no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, constituirase como órgano colexiado unha comisión de valoración que, de acordo cos criterios de baremación de solicitudes establecidos, realizará a selección e emitirá o correspondente informe en que se concrete o resultado da avaliación efectuada, indicando a puntuación e a axuda aplicable en cada caso.

2. A Comisión rexerase polo establecido na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, e na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, no relativo aos órganos colexiados, e estará integrada polos seguintes membros:

a) A persoa titular da subdirección xeral competente para a regulación e execución dos sistemas de acceso e admisión nos centros e servizos para as persoas en situación de dependencia, que actuará como presidente/a. Se, por calquera causa, a persoa titular da presidencia non puidese asistir cando a Comisión de Valoración se reúna para o exame das solicitudes, será substituída pola persoa funcionaria designada para estes efectos pola persoa titular da Dirección Xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria.

b) A persoa titular do servizo competente en materia de tramitación e seguimento da admisión en centros e servizos para as persoas maiores en situación de dependencia.

c) Unha persoa funcionaria designada pola persoa titular da presidencia, que actuará como secretario/a.

Se, por calquera causa, as persoas que compoñen a Comisión de Valoración, agás a persoa que ocupe a presidencia, non puidesen asistir cando esta se reúna para o exame das solicitudes, serán substituídas pola/o funcionaria/o designado para estes efectos pola persoa que exerza a presidencia.

3. O órgano instrutor, por solicitude da Comisión de Valoración e motivadamente, poderá requirir das persoas solicitantes das axudas a información ou documentación adicional que, non estando en poder da Administración, teña fundamental relevancia e unha relación directa para unha mellor avaliación das solicitudes.

4. A avaliación realizarase segundo os últimos datos oficiais publicados polo Instituto Galego de Estatística e o que resulte da documentación presentada coa solicitude ou obtida de oficio polo órgano instrutor respecto das circunstancias recollidas no artigo 14.

5. Nos casos de solicitudes con igualdade de puntuación, terase en conta, para os efectos de resolver o empate, a puntuación obtida criterio a criterio, seguindo a orde en que figuran relacionados, comezando polo primeiro, ata que se produza o desempate; no caso de se esgotaren os criterios e persistir o empate, a preferencia determinarase pola data e hora de presentación da solicitude.

6. Unha vez avaliados os expedientes e determinada a axuda que corresponde a cada proxecto, a comisión fixará o limiar mínimo de puntuación necesario para obter axuda, tendo en conta o crédito orzamentario e os topes xerais establecidos nestas bases. Este limiar mínimo será publicado no Diario Oficial de Galicia.

Así mesmo, emitirá un informe segundo o cal o órgano instrutor formulará a proposta de resolución ao órgano competente para resolver a concesión ou denegación das subvencións solicitadas.

No informe da Comisión de Valoración figurarán de maneira individualizada as solicitudes propostas para obter a axuda, con especificación da puntuación que lles corresponde e o importe da concesión que se propón para cada unha delas.

7. En primeira adxudicación, co obxecto de que esta iniciativa teña a maior cobertura posible no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, soamente se terán en conta as solicitudes para a posta en marcha de casas do maior en concellos en que non estea en funcionamento ningunha.

No suposto de haber máis dunha solicitude relativa a un mesmo concello que alcance o limiar mínimo de puntuación necesario para obter axuda, en primeira adxudicación só se proporá unha por concello. Unha vez atendidas, dentro das posibilidades orzamentarias, todas as solicitudes que acaden o limiar sinalado, terase en conta, en sucesivas adxudicacións, de ser o caso, o resto de solicitudes para o mesmo concello, de acordo coa puntuación e criterios establecidos no artigo 14.

8. Así mesmo, en relación coas solicitudes ás cales lles falte documentación por tratarse da prevista no artigo 10.2 e/ou aquelas en que existan deficiencias emendables, serán incluídas no informe para que o órgano instrutor propoña a súa resolución de concesión condicionada á emenda das deficiencias para acreditar o cumprimento de todos os requisitos recollidos no dito artigo no prazo establecido.

9. Igualmente, en caso de existiren solicitudes susceptibles de axuda pero que non se inclúen na proposta anterior por esgotarse o crédito dispoñible, quedarán en reserva para seren atendidas, de ser o caso, ben co crédito que quedara libre debido á renuncia doutros solicitantes, á modificación dos proxectos inicialmente subvencionados ou debido a que as persoas beneficiarias promotoras da casa do maior suxeitas á resolución condicionada non enviase a documentación necesaria no prazo establecido, ben por incremento do crédito orzamentario destinado a esta subvención.

Para estes efectos, poderanse realizar sucesivas propostas de resolución ata o final do exercicio 2024 conforme o sinalado neste artigo.

Artigo 14. Criterios de valoración

1. A Comisión de Valoración examinará as solicitudes presentadas e avaliaraas outorgando un máximo de 60 puntos, conforme os seguintes criterios:

a) Darase preferencia para o establecemento de casas do maior naqueles concellos do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia en que non exista, en funcionamento, ningún outro recurso común de atención ás persoas maiores, considerando como tales as residencias, fogares residenciais, vivendas comunitarias e apartamentos tutelados. Este criterio valorarase da seguinte forma:

1º. Onde non haxa ningún recurso: 25 puntos.

2º. Onde estea en funcionamento un recurso común de atención ás persoas maiores (residencias, fogares residenciais, vivendas comunitarias e apartamentos tutelados): 10 puntos.

b) Polo número de persoas residentes no concello maiores de 60 anos, segundo os últimos datos publicados polo IGE: ata 15 puntos de acordo coa seguinte desagregación:

1º. Ata 50 persoas maiores de 60 anos: 7 puntos.

2º. Máis de 50 persoas maiores de 60 anos: 15 puntos.

c) Contribución á integración laboral de persoas en situación de especial protección: paradas de longa duración; menores de 35 anos; maiores de 55 anos; persoas con discapacidade igual ou superior ao 33 %, sempre que esta sexa valorada como compatible co desempeño da actividade subvencionada polo órgano competente da Administración autonómica, e mulleres vítimas de violencia de xénero, ata 20 puntos coa seguinte desagregación:

1º. Persoas paradas de longa duración: 5 puntos.

2º. Persoas menores de 35 anos: 5 puntos.

3º. Persoas de 55 ou máis anos: 5 puntos.

4º. Persoas con discapacidade igual ou superior ao 33 %: 5 puntos.

5º. Mulleres vítimas de violencia de xénero: 5 puntos.

Para que sexa puntuable calquera destes criterios, deberán cumprirse na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

Para os efectos de baremación deste criterio, considéranse persoas paradas de longa duración aquelas inscritas de forma ininterrompida durante 12 ou máis meses na oficina de emprego como demandantes de emprego na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes. Respecto da demanda de emprego, considérase interrompida se se traballou durante un período acumulado de 90 ou máis días nos 365 anteriores á data de presentación da solicitude.

d) No caso de cooperativas de traballo asociado, as situacións recollidas na letra c) deberán estar referidas ás persoas profesionais sociais que vaian a desenvolver a actividade en cada casa.

Artigo 15. Instrución

1. A instrución do procedemento regulado nesta orde correspóndelle á Subdirección Xeral de Recursos Residenciais e Atención Diúrna de Maiores e levarase a cabo conforme o estipulado no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

2. O órgano instrutor realizará de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se deben formular as propostas de resolución, e poderalle requirir á persoa solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

3. Os expedientes que, tras o trámite de emenda, non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou, de ser o caso, non a presenten nos modelos normalizados quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de desistencia da solicitude na cal se indicarán as causas desta.

En todo caso, non se admitirán a trámite, e ditarase a resolución de inadmisión e procederase ao arquivamento das solicitudes que se presenten fóra do prazo establecido na convocatoria.

4. Unha vez revisadas as solicitudes e feitas as emendas, correspóndelle ao órgano instrutor:

a) Remitir as solicitudes recibidas á Comisión de Valoración prevista no artigo 13.

b) Formular a proposta de resolución de concesión das axudas de conformidade cos informes emitidos pola Comisión de Valoración prevista no artigo 13 que recollerá a orde de puntuación e o importe da axuda que corresponda a cada persoa solicitante ata esgotar o crédito dispoñible.

c) Formular a proposta de resolución de denegación das axudas, inadmisión das solicitudes e de declaración ou aceptación de desistencia do procedemento, con indicación das circunstancias que concorran.

5. Unha vez revisadas as solicitudes e feitas as emendas, correspóndelle ao órgano instrutor:

a) Solicitar un informe da unidade competente en materia de xestión, planificación, coordinación e supervisión do conxunto de actuacións da Consellería de Política Social e Igualdade en materia de benestar destinada á atención das persoas maiores, para os efectos de comprobar a existencia dalgún dos recursos especificados no artigo 14.1.1º, así como de centros de día e centros de día de alzhéimer en funcionamento nos concellos afectados.

b) Formular a proposta de revogación da resolución de concesión nos supostos de resolución condicionada previstos no artigo 13.8, unha vez transcorrido o prazo establecido no artigo 4.2, desde a súa notificación, sen recibir a documentación pendente ou, se é recibida, non acredita o cumprimento de todos os requisitos establecidos nesta convocatoria.

Artigo 16. Resolución

1. A resolución de concesión das subvencións tras a fiscalización das propostas do órgano instrutor corresponde á persoa titular da Dirección Xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, que resolverá por delegación da persoa titular da Consellería de Política Social e Igualdade.

Con anterioridade a ditarse a resolución de concesión deberá quedar acreditado que a persoa beneficiaria está ao día no cumprimento das obrigacións tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por calquera concepto, coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. O prazo para resolver será de catro meses, que se computará a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

O prazo concluirá no mesmo día en que se realizou a publicación, de non haber día equivalente, entenderase que expira o último día do mes.

Transcorrido o devandito prazo sen que se dite resolución expresa, entenderanse desestimadas.

3. A resolución de concesión comprenderá a identificación da persoa beneficiaria e as obrigas que lle corresponden, a contía da subvención, os requisitos específicos relativos a produtos ou servizos que deban obterse con ela.

4. Nos supostos de resolución condicionada recollerase expresamente esta circunstancia, indicando os requisitos de entre os previstos no artigo 4.2 que deben cumprirse para que esta teña efectos e o prazo establecido para o seu cumprimento.

Artigo 17. Publicación dos actos e notificacións

1. Publicaranse no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, os actos administrativos de requirimento de emenda de documentación, así como a correspondente resolución.

Serán igualmente obxecto de publicidade a través do Portal do benestar da Consellería de Política Social e Igualdade (https://politicasocial.xunta.gal).

Así mesmo, de forma complementaria poderase efectuar a notificación de todos os actos administrativos de acordo co reflectido nos números seguintes.

2. As notificacións complementarias de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas complementarias practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

4. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

5. As notificacións complementarias entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

6. Se o envío da notificación electrónica complementaria non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 18. Réxime de recursos

1. As resolucións ditadas neste procedemento esgotan a vía administrativa e poderán ser recorridas potestativamente en reposición ante o mesmo órgano que as ditou ou ser impugnadas directamente ante a orde xurisdicional contencioso-administrativa, de conformidade co establecido no artigo 123 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

En todo caso, non se poderá interpoñer recurso contencioso-administrativo ata que sexa resolto expresamente ou se producise a desestimación presunta do recurso de reposición interposto.

2. O prazo para a interposición do recurso de reposición será dun mes a partir do día seguinte ao da súa publicación, se o acto é expreso. Se o acto non é expreso, a persoa solicitante e outras posibles interesadas poderán interpoñer recurso de reposición en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo coa súa normativa específica, se produza o acto presunto, tal e como establece o artigo 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

3. De conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, procederá a impugnación directa ante o Tribunal Superior de Xustiza, no prazo de dous meses a partir do día seguinte ao da súa publicación, se o acto é expreso, e de seis meses a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 19. Modificación da resolución

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, segundo o artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Artigo 20. Xustificación da subvención

1. Para xustificar os gastos de investimento que comprendan as actuacións realizadas presentarase con data límite do 7 de decembro de 2024, xunto coa solicitude de pagamento (anexo V), unha memoria económica que recolla a seguinte documentación:

a) Unha relación clasificada dos gastos e investimentos realizados, con indicación da persoa acredora e do documento, importe, data de emisión e data de pagamento. No caso de que existan desviacións respecto ao orzamento achegado a persoa beneficiaria promotora da casa do maior indicará e xustificará as desviacións producidas.

b) Copia das facturas ou documentos de valor probatorio equivalente do total dos gastos de investimento realizados xunto cos xustificantes bancarios que acrediten o seu pagamento. De acordo co artigo 42.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, para os efectos da súa consideración como subvencionable, considerarase efectivamente pagado o gasto cando se xustifique este mediante extractos ou certificacións bancarias debidamente identificados, selados e asinados pola persoa beneficiaria. As facturas dos gastos de investimento presentadas deberán cumprir os seguintes requisitos formais:

1º. A copia de cada factura deberá ter unha explicación detallada do gasto en relación coa acción subvencionada, así como o prezo unitario.

2º. Conterán os datos identificativos de quen a expide (nome, apelidos, denominación ou razón social, NIF e enderezo), así como do/da destinatario/a, que deberá ser a persoa beneficiaria promotora da casa do maior.

3º. Incluirán o IVE correspondente ou o imposto equivalente. Cando a cota se repercuta dentro do prezo, deberá indicarse IVE incluído, así como o lugar e a data.

4º. Xuntarase o comprobante bancario do seu pagamento.

Se a transferencia engloba varias facturas, presentarase a relación destas. Non se admitirán xustificantes de aboamento en metálico. Os pagamentos mediante transferencia bancaria, salvo que sexan telemáticos, deberán vir conformados ou verificados pola entidade bancaria. Para o caso de pagamentos realizados mediante tarxeta de crédito ou débito, esta deberá estar asociada á conta da persoa beneficiaria.

Para os efectos desta orde, os gastos de investimento teñen que corresponder a gastos derivados da realización do proxecto subvencionable, adecuados aos obxectivos da medida a que pertence a actuación, ser verificable documentalmente a súa realización e ser realizados e efectivamente pagados dentro do período establecido no artigo 5.2.

c) Se é o caso, unha relación detallada doutras subvencións que financiase a mesma actividade, con indicación do importe e procedencia.

2. A xustificación da axuda concedida en 2024 para o funcionamento do proxecto a través da prima de desenvolvemento abranguerá ata o 30 de novembro de 2024 e presentarase con data límite do 7 de decembro de 2024 e, en 2025, abranguerá ata o 30 de novembro de 2025 e presentarase con data límite do 7 de decembro de 2025.

Con cada solicitude de pagamento (anexo V) as persoas beneficiarias promotoras da casa do maior deberán presentar os rexistros mensuais de asistencia asinados pola/s persoa/s responsable/s do desenvolvemento da casa do maior e polas persoas usuarias ou, de ser o caso, titores ou representantes legais dos maiores que acudan á casa do maior (anexo VI).

Así mesmo, para xustificar a axuda destinada a cubrir o servizo de desprazamento deberán achegarse os rexistros mensuais deste servizo asinados pola/s persoa/s responsables do desenvolvemento da casa do maior e polas persoas usuarias ou as súas titoras ou representantes legais (anexo VII).

Para xustificar o servizo de manutención, deberán achegarse os rexistros mensuais deste servizo asinados pola/s persoa/s responsable/s do desenvolvemento da casa do maior e polas persoas usuarias ou as súas titoras ou representantes legais (anexo VIII).

3. Para xustificar a axuda nos casos de baixa por maternidade ou permiso de paternidade da persoa responsable do desenvolvemento da actividade presentaranse os seguintes documentos:

a) Anexo II.

b) Parte de baixa de maternidade ou permiso de paternidade.

4. Adicionalmente, na xustificación final referida á axuda ao desenvolvemento do proxecto presentarase a seguinte documentación:

a) Memoria de actuación onde consten todas as prestacións realizadas ás persoas maiores, asinada polo persoa responsable do desenvolvemento do proxecto.

b) Acreditación documental, material e/ou gráfica a través de fotografías, copias, capturas de pantalla ou similar, do cumprimento da obriga de información e publicidade do financiamento público da acción subvencionada.

c) Rexistros mensuais de asistencia, servizo de desprazamento e/ou manutención asinados pola persoa responsable do desenvolvemento da casa do maior e polas persoas usuarias ou titores ou representantes legais, non achegados con anterioridade.

5. No caso de que a xustificación da axuda ao investimento e/ou ao desenvolvemento do proxecto sexa incorrecta e/ou incompleta, requirirase a persoa beneficiaria para que corrixa os erros ou defectos observados e/ou achegue os documentos solicitados no prazo de dez días hábiles, advertíndolle que, de non facelo, decaerá o dereito á subvención e procederase, tras a resolución ditada conforme o establecido no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, á revogación da axuda e, de ser o caso, ao reintegro da contía percibida e á exixencia dos xuros de demora.

Artigo 21. Pagamento

1. De xeito específico, as persoas beneficiarias poderán solicitar para gastos de investimento un pagamento de ata o 80 % da cantidade da subvención concedida en concepto de pagamento anticipado, con anterioridade á xustificación da axuda, que se fará efectivo a partir da notificación da concesión da subvención e sen que se supere a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario. A concesión do anticipo realizarase mediante resolución motivada.

O pagamento do importe restante que corresponda ata completar a totalidade dos gastos que teñan a condición de subvencionables realizarase tras a xustificación total do investimento sempre que se efectuase a xustificación documental.

En relación co pagamento da achega económica en forma de prima polo desenvolvemento do proxecto na anualidade 2024, as persoas beneficiarias percibirán, con anterioridade á xustificación da axuda, un pagamento de ata o 100 % da cantidade da subvención concedida, minorada proporcionalmente en atención aos meses de funcionamento efectivo da casa do maior, en concepto de pagamento anticipado que se fará efectivo no momento da notificación da concesión da subvención ou do cumprimento de todos os requisitos e condicións previstos nesta orde nos supostos de concesión condicionada e sen que se supere a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario.

Na anualidade 2025, unha vez que se abra contablemente o correspondente exercicio orzamentario, realizarase un pagamento anticipado de ata o 80 % da subvención que corresponda por este concepto.

O importe restante que corresponda para completar o pagamento realizarase tras a xustificación definitiva da subvención.

En todo caso, deberá presentarse a solicitude de pagamento relativa ás actuacións realizadas e con data límite do 7 de decembro de 2024 e 2025, respectivamente, por cada anualidade.

2. En relación co pagamento da axuda destinada a cubrir o desprazamento das persoas usuarias levarase a cabo logo da solicitude da persoa beneficiaria da subvención, promotora da casa do maior, unha vez xustificado o número efectivo de usuarios/as e días de servizo.

Neste caso, por solicitude da persoa beneficiaria, realizaranse pagamentos á conta da liquidación definitiva cuxo importe total non poderá superar o 90 % da contía anual da subvención concedida, achegando para o efecto o anexo V e o anexo VII.

No caso de solicitude do complemento da prima por baixa de maternidade ou permiso de paternidade, aboarase o 100 % da cantidade correspondente unha vez ditada a resolución de concesión.

3. En relación co pagamento do complemento nos casos de baixa por maternidade ou permiso de paternidade da persoa responsable do desenvolvemento da actividade, aboarase mensualmente logo de solicitude da persoa interesada, achegando a documentación xustificativa prevista no artigo 20.3.

4. Antes de proceder ao pagamento de cada liquidación final, o órgano xestor incorporará ao expediente a acreditación de que as persoas beneficiarias das subvencións están ao día nas obrigacións tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social e non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

5. Atendendo á natureza da actividade que se vai desenvolver, para a resolución de concesión dos anticipos e pagamento á conta da liquidación efectiva previstos nesta orde, non será precisa a constitución de garantías recollida no artigo 65.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Artigo 22. Obrigas das persoas beneficiarias da subvención

1. De conformidade co establecido no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e sen prexuízo das demais obrigas que resulten da normativa aplicable, as persoas beneficiarias destas axudas están obrigadas a:

a) Executar e acreditar a realización da actuación que fundamenta a concesión da subvención e o cumprimento dos requisitos e das condicións desta ante o órgano que a concede, sen prexuízo da facultade da Consellería de Política Social e Igualdade de comprobar a realización material das actuacións.

b) Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable adecuado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita garantir o adecuado exercicio das facultades de comprobación e control. Deberán, igualmente, conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control de acordo coa lexislación vixente.

c) Facer constar, en todo tipo de publicidade e información relativos aos programas e actuacións realizados, a condición de subvencionados pola Consellería de Política Social e Igualdade.

d) Levar un rexistro de persoas usuarias en soporte papel ou electrónico, onde consten os datos de identidade das persoas maiores que se atenden, dos seus titores ou representantes legais, se é o caso, así como o día e o horario de atención e as autorizacións para a administración de medicamentos, de ser o caso.

e) Levar un rexistro das persoas usuarias en soporte papel ou electrónico onde consten os datos de identidade dos usuarios e usuarias, ou dos seus titores ou representantes legais, de ser o caso, que fagan uso do servizo de comidas.

f) Levar un rexistro mensual das persoas usuarias do servizo de desprazamento onde consten os datos de identidade das persoas maiores que fagan uso del, ou dos seus titores ou representantes legais, de ser o caso, así como o número de días de utilización do servizo no caso de que a persoa promotora se comprometa a asumir o desprazamento das persoas usuarias.

g) Cumprir con todas as obrigas derivadas da normativa vixente en materia de protección de datos de carácter especial, debendo recadar os consentimentos necesarios para o tratamento dos datos de carácter persoal que manexen no desenvolvemento do proxecto.

h) Informar o público de que o servizo está financiado pola Xunta de Galicia-Consellería de Política Social e Igualdade.

i) Efectuar a xustificación para a percepción da axuda conforme o establecido nesta orde.

j) Facilitar toda a información que lles requira a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control no destino das axudas.

k) Someterse ás actuacións de comprobación e facilitar toda a información requirida pola Consellería de Política Social e Igualdade, así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas, o Tribunal de Contas e outros órganos de control impostos pola normativa comunitaria no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

l) Comunicarlle ao órgano convocante a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais.

m) Contratar un seguro que cubra as continxencias de responsabilidade civil, danos a terceiras persoas e accidentes durante o desenvolvemento da actividade subvencionada.

n) Poñer en coñecemento do órgano convocante todas as situacións que dean lugar á substitución da persoa titular do servizo con anterioridade a que se produza, sempre que non sexa debida a unha situación imprevista, ou no prazo de dez días desde que se produza no resto dos casos. Nestes supostos deberase xuntar a documentación xustificativa do contrato laboral e a alta na Seguridade Social, así como o certificado médico oficial das condicións de saúde da persoa substituta.

ñ) Acreditar con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión, así como antes das correspondentes propostas de pagamento, estar ao día nas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma. Cando as actuacións de oficio levadas a cabo polo órgano instrutor, segundo o artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, desen como resultado que a persoa solicitante ou a persoa encargada do desenvolvemento da actividade ten débedas ou obrigas con algunha destas administracións, será requirida para que regularice a situación e presente por si mesma os correspondentes certificados.

o) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

p) Todas aquelas obrigas e requisitos que se desprendan do articulado desta orde e dos artigos 10 e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e da súa normativa de desenvolvemento.

q) Acreditar as revisións médicas anuais co correspondente certificado médico oficial.

2. As persoas beneficiarias deberán dar a adecuada publicidade do carácter público do financiamento do proxecto, en cumprimento do artigo 15.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

En concreto, deberán facer constar, na súa publicidade ou na información que xeren, o financiamento con fondos da Xunta de Galicia a través da Consellería de Política Social e Igualdade. Para iso, no lugar onde se desenvolva o proxecto deberá figurar, nun lugar destacado e visible, un cartel informativo dun tamaño mínimo A3 no que aparezan os anagramas da Consellería de Política Social e Igualdade.

Cando a casa do maior se publicite nun sitio da internet, as citadas referencias deberán realizarse en lugar visible na súa páxina de inicio; no suposto de facer uso de aplicacións informáticas, deberán facerse as citadas referencias na zona de inicio ou menú principal da aplicación informática, así como na epígrafe de información da aplicación («axuda», «acerca de» ou similares); así mesmo, cando se elaboren materiais divulgativos da casa do maior (cadernos, folletos, notas informativas) deberán constar na contraportada das devanditas publicacións as citadas referencias.

3. Sen prexuízo das obrigas establecidas nos números 1 e 2, as persoas beneficiarias das axudas estarán obrigadas a:

a) Ter unha permanencia mínima ininterrompida na actividade e manter as infraestruturas e equipamentos subvencionadas destinadas ao fin concreto para o cal se concedeu a subvención por un período non inferior ao establecido no artigo 2.8, tal como recolle o artigo 29.4.a) da Lei 9/2007, do 13 de xuño. O incumprimento deste requisito dará lugar á revogación da subvención, co reintegro das cantidades percibidas e a exixencia dos xuros de demora legalmente establecidos desde o momento do pagamento da subvención.

b) Acreditar a certificación de manipulador de alimentos.

Artigo 23. Incumprimento, revogación e reintegro de axudas

1. De acordo co establecido no artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, se é o caso, ao reintegro da totalidade da axuda percibida, calquera incumprimento das obrigas previstas no artigo 22 e, concretamente:

a) O incumprimento da finalidade ou do obxectivo para o cal se concedeu a subvención ou a obriga de xustificar a realización da actuación e a non permanencia mínima da actividade subvencionada.

b) A obtención da subvención sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión con falsificación das condicións requiridas para iso ou ocultación daquelas que o impedisen.

c) A resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro, ou o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos cando disto derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos.

2. Para os efectos desta orde, consideraranse supostos de reintegro parcial:

a) Non manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable adecuado en relación con todas as transaccións relacionadas e os investimentos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais de contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os fondos financiados, que supoñerá unha perda do 2 % da subvención concedida.

b) Non dar publicidade ao financiamento dos investimentos obxecto de subvención, de acordo co establecido no artigo 22.2, que supoñerá a perda dun 2 % da subvención concedida.

c) Non comunicar a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención, que supoñerá a perda dun 5 % da axuda concedida. Esta porcentaxe do 5 % aplicarase unha vez descontado o exceso obtido sobre a contía da subvención concedida ao abeiro desta orde.

d) Non manter os investimentos obxecto da subvención durante o período establecido, o que supoñerá un reintegro da subvención correspondente ao activo non mantido, de forma proporcional ao período en que se incumpriu este requisito.

3. Para facer efectiva a devolución a que se refiren os números anteriores, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e na súa normativa de desenvolvemento.

4. Con anterioridade ao requirimento previo da Administración, as persoas beneficiarias poderán realizar con carácter voluntario a devolución do importe da axuda obxecto de reintegro.

Esta devolución efectuarase mediante ingreso na conta operativa do Tesouro da Xunta de Galicia ES8220800300873110063172, segundo o disposto na normativa reguladora do procedemento de recadación, e o importe incluirá os xuros de demora, de acordo co previsto no artigo 34 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 24. Infraccións e sancións

Ás persoas beneficiarias das axudas reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no título VI do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Artigo 25. Control e verificación

Todas as axudas concedidas ao abeiro desta orde estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e na súa normativa de desenvolvemento ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 26. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a fornecer á Administración, ao organismo ou á entidade previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que estean vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigacións previstas no título I da citada lei.

Artigo 27. Información ás persoas interesadas

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional no enderezo https://sede.xunta.gal, na Dirección Xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria-Servizo de Recursos Comúns, a través da páxina web oficial da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos, ou do teléfono 012.

Disposición adicional primeira. Usuarios/as da casa do maior

1. Criterios de valoración.

Poderán acceder a este recurso, por unha banda, as persoas maiores de 60 anos ás cales de conformidade co Decreto 142/2023, do 21 de setembro, polo que se regula o procedemento para o recoñecemento da situación de dependencia e do dereito ás prestacións do Sistema para a autonomía e atención á dependencia, o procedemento para a elaboración do Programa individual de atención e a organización e funcionamento dos órganos técnicos competentes lles recoñecese a súa condición de persoas en situación de dependencia grao I e lles recoñecese no seu programa individual de atención o recurso que se subvenciona a través desta orde.

Igualmente, as persoas maiores de 60 anos que non teñan recoñecida a condición de dependencia poderán acceder ao recurso, polo sistema de libre concorrencia, de existir dispoñibilidade de prazas.

2. Asignación e ingreso no servizo.

Todas persoas físicas ou cooperativa de traballo asociado promotoras dunha casa do maior que xestionen este recurso deberán comunicar á xefatura territorial correspondente todas aquelas prazas que estean vacantes e dispoñibles para a súa cobertura no prazo máximo de cinco días hábiles desde que aquelas queden vacantes.

A asignación de praza correspóndelle á xefatura territorial correspondente seguindo o procedemento ordinario, de acordo coa seguinte priorización, persoas maiores de 60 anos segundo esta orde:

a) As persoas en situación de dependencia grao I e con programa individual de atención resolto.

b) As persoas que tendo recoñecida a dependencia, non conten con programa individual de atención.

c) Persoas que, presentada a solicitude, non teñan resolto o expediente de dependencia.

d) Así mesmo, no caso de existir en prazas vacantes, poden acceder ao recurso as persoas sen dependencia recoñecida. Neste último caso, seguirase o seguinte procedemento:

1º. As persoas interesadas deberán dirixirse aos servizos sociais do concello en que están empadroadas, para os efectos de que desde estes se valore o cumprimento dos requisitos e a idoneidade do recurso e elaboren o correspondente informe social.

2º. Os servizos sociais do concello remitirán a persoa interesada á correspondente casa do maior, ao tempo que tramitan a solicitude inicial de valoración da dependencia e a solicitude do recurso da casa do maior.

3º. A persoa promotora da casa do maior consultará a respectiva xefatura territorial por correo electrónico que non hai no programa de asignación de recursos persoas en lista de agarda para esa casa do maior e que, por tanto, hai dispoñibilidade de prazas.

4º. A persoa promotora da casa do maior tramitará ante a Subdirección Xeral de Recursos Residenciais e Atención Diúrna de Maiores da Dirección Xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria a autorización de cobertura de praza a través da sede electrónica, procedemento BS212A, mediante a presentación do modelo de solicitude, acompañado dunha copia da solicitude de recoñecemento da dependencia e do informe social e de saúde da persoa interesada en acceder ao recurso.

A cobertura de praza por persoas sen dependencia recoñecida, de cumprírense os requisitos establecidos, será autorizada pola Subdirección Xeral de Recursos Residenciais e Atención Diúrna de Maiores da Dirección Xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria e comunicada á persoa que está a desenvolver a casa do maior.

5º. Recibida a autorización da cobertura da praza, a persoa que está a desenvolver a casa do maior nun prazo máximo de cinco días hábiles porase en contacto coa persoa beneficiaria do recurso, co fin de acordar o ingreso efectivo. O contacto coa persoa beneficiaria poderá realizarse por calquera medio que permita ter constancia da súa realización.

6º. Realizado o ingreso efectivo, a persoa que está a desenvolver a casa do maior no prazo de dous días hábiles deberá comunicar á respectiva xefatura territorial a data en que aquel tivo lugar, e xuntar a documentación acreditativa do dito ingreso.

3. Notificación e recursos.

A resolución da asignación do recurso non pon fin á vía administrativa. Será notificada pola unidade administrativa responsable á persoa beneficiaria do recurso, ou persoa titora ou representa legal, de ser o caso, quen poderá impugnala en recurso de alzada ante a Dirección Xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, de conformidade cos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4. Comunicación á persoa beneficiaria promotora da casa do maior.

De forma simultánea á notificación á persoa beneficiaria do recurso, a xefatura territorial correspondente comunicaralle á persoa promotora da casa do maior a asignación de praza vacante, para os efectos de que nun prazo máximo de cinco días hábiles se poña en contacto coa persoa beneficiaria, persoa titora ou representante legal, de ser o caso, co fin de acordar o ingreso efectivo. O contacto coa persoa beneficiaria do recurso, ou quen exerza a súa representación legal, poderá realizarse por calquera medio que permita ter constancia da súa realización.

O prazo para o ingreso na praza vacante será de dez días naturais, que comezarán a contar desde o día seguinte a aquel en que a persoa beneficiaria do recurso reciba a comunicación por parte da persoa que está a desenvolver a casa do maior, nos termos a que se refire o parágrafo anterior. A non incorporación no prazo sinalado entenderase como unha renuncia ao dereito.

5. Comunicación do ingreso.

No prazo de dous días hábiles desde que se produza o ingreso, a persoa que está a desenvolver a casa do maior deberán comunicar á xefatura territorial a data en que aquel tivo lugar. Así mesmo, deberán comunicarse á indicada xefatura territorial os casos de non incorporación dentro do prazo establecido, e de renuncia, xuntando a documentación acreditativa.

6. Renuncia.

A persoa beneficiaria do recurso, ou quen exerza a súa representación legal, poderá renunciar ao dereito recoñecido de asignación do recurso. Formalizada a renuncia, arquivarase a solicitude e poñerase fin ao expediente.

7. Adiamento do ingreso.

Cando, por causas de forza maior ou por razón de ingreso hospitalario, non se produza o ingreso dentro do prazo regulado no número 4, a persoa interesada, ou quen exerza a súa representación legal, antes da finalización deste prazo, poderá solicitar o seu adiamento. De ser o caso, a súa praza será cuberta por outra persoa. Desaparecida a causa que xustifica o adiamento, incorporarase na primeira vacante que se produza no recurso previamente recoñecido.

A autorización do adiamento, que recollerá debidamente xustificada a súa causa, efectuaraa a xefatura territorial nun prazo máximo de tres días hábiles.

Subsidiariamente ao disposto nesta disposición adicional, será de aplicación a normativa vixente en materia de ingresos.

Disposición adicional segunda. Base de datos nacional de subvencións

A consellería transmitirá á Base de datos nacional de subvencións a información necesaria de conformidade co disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Disposición adicional terceira. Delegación de competencias

Autorízase expresamente a persoa titular da Dirección Xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria para actuar por delegación da persoa titular da Consellería de Política Social e Igualdade para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar e dispoñer gastos, o recoñecemento das obrigas e a proposta de pagamentos, en relación co disposto no artigo 73.a) do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para ditar instrucións

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria para ditar, no ámbito das súas competencias, as instrucións precisas para o desenvolvemento desta convocatoria, as cales serán obxecto de publicación no Portal de benestar.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de maio de 2024

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Igualdade

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file